Víctor Balaguer

Víctor Balaguer, nado en Barcelona o 11 de decembro de 1824 e finado en Madrid en 1901, foi un escritor e político catalán, unha das figuras principais da Renaixença.

Víctor Balaguer
Victor Balaguer.jpg
Nacemento11 de decembro de 1824 e 1824
Lugar de nacementoBarcelona
Falecemento14 de xaneiro de 1901 e 1901
Lugar de falecementoMadrid
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Barcelona
Ocupaciónpolítico, escritor, historiador, poeta, dramaturgo e xornalista
PremiosMestre en Gai Saber e Chronicler of the City of Barcelona
Na rede
IMSLP: Category:Balaguer_i_Cirera,_Víctor Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Busto de Víctor Balaguer no parc de la Ciutadella de Barcelona

TraxectoriaEditar

Fillo dun médico de ideoloxía liberal quedou orfo de ben cativo. Estudou leis na Universidade de Barcelona. Masón, liberal e de ideas románticas, a súa nai desherdouno a causa da súa ideoloxía. Foi parte da mocidade dourada barcelonesa dos anos de 1840.

Como xornalista colaborou no Diario de Barcelona (asinando como Julia) e interviu na fundación de El Catalán (1847) e La Corona de Aragón (1854), do cal se separou logo para fundar canda Lluís Cutchet, El Conseller (1857).

A súa obra literaria escribiuna en castelán e catalán. A obra lírica catalá recolleuse en Lo Trobador de Montserrat (1861) e en Esperances i récords (1869), que abrangue os temas relixiosos e amorosos. No obstante, a Oda a la Verge de Montserrat é quizais a mellor das súas composicións líricas. Foi un dos impulsores da restauración dos Jocs Florals en 1859 e foi o primeiro mestre en Gai Saber.

Como autor dramático, as súas traxedias recrean ambientes clásicos: La Mort d'Aníbal, L'ómbra de Cessar, Lo festí de Tibullus, La Mort de Neró, Saffo —onde se detén na morte da poetisa—. La tragedia de Llívia remóntase aos tempos de Munuza. L'última hora de Colon e Lo guant del degollat, reflicten, a primeira, un coñecido episodio da historia española, a segunda, outro da aragonesa. Les Esponsalles de la Morta, recrean o tema de Romeo e Xulieta, mentres que Lo Comte de Foix e a súa segunda parte (Raig de Lluna), versan sobre as consecuencias da batalla de Muret.

Tamén escribiu obras históricas e críticas Los frailes y sus conventos (1851). La Historia de Cataluña (1860-63) está moi ben documentada. A Historia política y literaria de los trovadores (1878-79), escrita durante o seu desterro en Francia, dá unha visión romántica da poesía occitana. Foi un gran valedor da amizade catalano-occitana; no seu exilio en Francia coñeceu a Frédéric Mistral en 1865, participou no Felibrige, do cal foi nomeado vicepresidente.

A súa obra máis ambiciosa foi a triloxía Los Pirineus. As consecuencias da cruzada albixense, a voz dos trobadores cantores da liberdade e o amor do mundo románico no escenario dos Pireneos, constitúen o esquema do poema. Felip Pedrell compuxo a ópera de título análogo, o prólogo estreouse en Venecia en 1897 e, enteira, no Liceu de Barcelona en 1902.

A actividade política de Balaguer comeza en 1854 no bando progresista. Como correspondente de El Telégrafo asiste ás campañas en Italia (1859) e compón un poema sobre a liberdade que están conquistando os italianos (Eridania). Mis recuerdos de Italia, publicado probablemente en 1870, suman a estas experiencias as da súa viaxe oficial como deputado, nese ano, para ofrecer a coroa de España a Amadeo de Savoia. Exiliado en Francia en 1866, é máis tarde deputado nas Constituíntes de 1869. Foi gobernador e varias veces ministro, mesmo na Restauración, responsable das carteiras de Ultramar e Fomento. Preocupouse das Filipinas e dos seus problemas etnográficos e o seu progreso técnico.

Véxase taménEditar