Eduardo Blanco Amor
Eduardo Modesto Blanco Amor, nado en Ourense o 14 de setembro de 1897[1] e finado en Vigo o 1 de decembro de 1979, foi un escritor e xornalista galego en lingua galega e lingua castelá. Recibiu as influencias de Charles Baudelaire, Stéphane Mallarmé, Arthur Rimbaud e Gabriele d'Annunzio. Na Arxentina coñeceu a Jorge Luis Borges, Ernesto Sabato e Horacio Quiroga. Fundou Terra, voceiro da Irmandade Nazonalista Galega de Buenos Aires, dirixiu Céltiga e colaborou en Nós. De volta a España contactou coa Xeración do 27 e coñeceu a Federico García Lorca. Retornou á Arxentina. En 1972 foi elixido membro numerario da Real Academia Galega e en 1993 foille adicado o Día das Letras Galegas.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 14 de setembro de 1897 Ourense, España |
Morte | 1 de decembro de 1979 (82 anos) Vigo, España |
Lugar de sepultura | Cemiterio de San Francisco de Ourense |
Actividade | |
Ocupación | escritor, xornalista, poeta |
Membro de | Real Academia Galega (académico de número) (1972–1979) Real Academia Galega (membro correspondente) (1951–1972) |
Xénero artístico | Poesía, teatro e narración |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Parentes | Emilio Amor Rolán, curmán ou curmá de terceiro grao |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada Diciopedia do século 21 Enciclopedia Galega Universal |
Traxectoria
editarFoi fillo de Aurora Amor, florista ourensá, e de Víctor Blanco, barbeiro procedente da zona de Mombuey,[2] quen abandonou o fogar cando Blanco Amor tiña tres anos. A nai tivera un matrimonio anterior con Ramón Bóveda Guerra, de quen enviuvara en 1884 e con quen tivera tres fillos: Xulia, Cástor e Camilo. Naceu no nº 17 da rúa da Paz, e foi bautizado como Eduardo Modesto. En 1915 comezou a traballar como secretario de dirección en El Diario de Orense[3] da man de Xavier Bóveda, curmán dos seus medio irmáns. E en 1917 estivo como porteiro na Inspección de Primeira Ensinanza, mais en setembro dese ano foi suspendido de emprego e soldo. Durante esta época frecuentou os faladoiros de Vicente Risco, de quen tamén foi alumno na Escola Normal, figura que tivo unha importancia decisiva na súa futura defensa e promoción da cultura galega.
En abril de 1919 emigrou a Buenos Aires para evitar ir á guerra do Rif.[4] Alí continuou en contacto con intelectuais galegos da emigración, tomando parte activa na Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, fundada en 1921, que pretendía aglutinar tódolos inmigrantes galegos e da que chegaría a ser director do seu órgano El Despertar Gallego. No 1924 coñece a Ramón Suárez Picallo, que había ser o seu grande amigo.[5] En 1923 fundou con Ramiro Isla Couto a revista Terra, en lingua galega. Máis adiante participou tamén noutra publicación galeguista chamada Céltiga, da que tamén será director. En 1925 entrou a formar parte do diario arxentino La Nación, onde coñeceu escritores arxentinos como Leopoldo Lugones, Jorge Luis Borges, Ernesto Sabato, Eduardo Mallea e o uruguaio Horacio Quiroga. Tamén colaborou con publicacións como Correo de Galicia e a Revista de la Casa de Galicia.
En 1927 publicou a súa primeira obra, a noveliña Os Nonnatos. Ao ano seguinte seguiuna o libro de poemas Romances galegos,[6] encadrado dentro dunha estética modernista cunha forte influencia dos romances casteláns e de Luís Amado Carballo.
Fixo dúas viaxes a Galicia como correspondente do diario La Nación. Na primeira (1929-1931) coñeceu a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao[7] e a varios intelectuais do Partido Galeguista e do grupo Nós, e escribiu Poema en catro tempos, que publicaría posteriormente na Arxentina en 1931. Dende Buenos Aires colaborou máis tarde coa revista Nós con varios poemas e tres capítulos da súa novela inconclusa A escadeira de Jacob. Na segunda viaxe (1933-1935) coñeceu en Madrid a Federico García Lorca (e outros membros da Xeración do 27 da literatura española) con quen tivo unha grande amizade e a quen acompañou á casa familiar de Fuente Vaqueros en varias ocasións. Foi Blanco Amor o responsable de convencer a Lorca para que publicase os Seis poemas galegos (1935).
Defendeu dende a Arxentina a legalidade republicana cando se produciu o estalido da guerra civil española. Durante os 20 anos seguintes espallou a nosa cultura e utilizou unicamente o castelán na súa obra literaria, con obras como Los miedos (1963) ou La catedral y el niño (1948). En 1956 volveu ao galego con Cancioneiro, e en 1959 publicou A esmorga.
Catedrático de Lectura Expresiva e Interpretación de Textos no Conservatorio Arxentino desde 1952.[9] Foi tamén profesor da Facultade de Humanidades do Uruguai e da Escuela Internacional de Temporada en Santiago de Chile. En Buenos Aires fundou e dirixiu o Teatro Popular Galego, que puxo en escena obras de Lugrís Freire, do propio Blanco Amor e doutros autores. Tamén foi director da revista Galicia, publicada pola Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales.
Retornou a Galicia o 16 de xaneiro de 1965, despois de publicar Os biosbardos (1962), e sen recibir o apoio que cría merecer.[10] En 1970 saíu unha nova edición d' A esmorga, e en 1972 apareceu Xente ao lonxe. Canto ao teatro, saíron Farsas para Títeres (1973) e Teatro prá xente (1975).
Nos últimos anos da súa vida viviu no Hotel Nilo de Vigo[11]. Faleceu nesa cidade por mor dunha trombose na madrugada o 1 de decembro de 1979, no taxi que o levaba[12] cara ao Sanatorio Toscano, no barrio do Calvario.[13] Foi soterrado no cemiterio de San Francisco de Ourense.
Finou sen dar lectura ao discurso de ingreso que, segundo consta na documentación da Real Academia Galega, levaría por título: "A esperencia literaria". Considérase igualmente académico numerario. Foi proposto por Ramón Otero Pedrayo, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego.[5]
Blanco Amor era homosexual, e este aspecto reflíctese en obras como A esmorga ou Xente ao lonxe, así como de forma destacada nos poemarios eróticos compilados postumamente no volume Ars amandi (2007).[14][15] O autor mantivo contactos coa Fronte de Liberación Homosexual Galega (FLHG), e na súa última entrevista destacou "o Estatuto de Autonomía e a abolición da lei de perigosidade social" como dúas causas polas que saír á rúa.[16][17]
Obra
editarNarrativa
editarEn 1927 publicou a súa primeira obra, a narración curta Os Nonnatos, publicada na revista Céltiga o 25 de maio. "Xacobe descobre o seu perfl" foi un adianto de novela publicado en 1933 na revista Nós en tres capítulos[18], que acabou sendo publicada en 1993 como A escadeira de Jacob.
En 1959 publicou unha novela de extraordinaria importancia para a renovación da narrativa galega: A esmorga. Esta obra desenvólvese en Auria e marca un fito na ruptura das tendencias costumistas e populares da literatura galega, debido á súa técnica innovadora: o único que se pode ler son as contestacións dun reo nun xuízo, que conta as aventuras que o levaron á condena. É o modo de, sen facer un texto bilingüe, darlle verosimilitude a un diálogo entre un xuíz, que fala castelán, e un reo que fala galego. Amais de deberse ao afán de verosimilitude, o silencio do xuíz representa a xordeira da xustiza, o seu papel represor e castigador. A novela, ambientada nos baixos fondos ourensáns, céntrase en tres personaxes transgresores e marxinais que van sendo levados a un final tráxico.
“ | O galego que eu tiña entón non me servía pra escribir a novela que eu quería, era moi limitado demáis. E eso levóu tempo, claro. Ás veces voltaba sobor das páxinas que levaba escritas e lía en voz alta pra ver a súa musicalidade, o ritmo do idioma que medraba, e non me gostaba, e veña a voltar atrás unha vez e outra. Hai partes de cinco ou seis redaccións até que atopaba o que buscaba. | ” |
— Unha ducia de galegos.[20] |
Outra obra que tivo gran repercusión foi o libro de relatos Os biosbardos (1962), relatos en primeira persoa con protagonista e narrador infantil distinto en cada conto. A súa última etapa foi moi fecunda, a pesar de ser postergado pola cultura oficial: en 1970 alumeou unha nova edición d' A esmorga, e en 1972 apareceu a extensa novela Xente ao lonxe, onde a través dos avatares que lle ocorren a unha familia de clase obreira, retrata a sociedade urbana, moi estratificada, do Ourense de principios de século.
“ | Calquera que se pona a pescudar no xa "bailado" da súa vida, atoparáse con que o pasado e a súa prolongación ou penetración no soñado, componen un tecido indiscriminábel no que as esperencias e as figuracións valen por igual no total resultado subxetivo do esistir; e si é escritor de novelas ou de poemas, na súa proieción conxunta no cerne da obra e as veces na forma. | ” |
— "Prólogo útil" de Xente ao lonxe.[21] |
Moitas das súas obras narrativas (A Esmorga, Xente ao lonxe, Os biosbardos) desenvólvense nunha cidade ficticia, Auria, transposición literaria do seu Ourense natal.[22] Os críticos literarios encontraron nas súas ficcións ecos de autores como Valle-Inclán ou Eça de Queirós, constitúe un dos grandes fitos na renovación da narrativa galega e está considerado un dos grandes narradores galegos da posguerra.[23]
Teatro
editarNos seus últimos anos prestou unha grande atención ao xénero teatral, con obras como Farsas para Títeres (1973, Ed. do Castro). Contén seis pezas: Romance de Micomicón e Adhelala, Amor e crimes de “Juan el Pantera”, Falsa morte e certa morte de Estoraque o Indiano, A verdade vestida, Un refaixo pra Celestina e Anxélica no ombral do ceio. En edición bilingüe castelán-galego, autotradución. En 1974 sae Teatro pra a xente (Galaxia) que contén: O cantar dos cantares, ou Galicia 1948, Fas e Nefas, ou o castelo enmeigado número 5.000 e pico, A carauta, Os baralláns; e tres contos escénicos: A medosa Blandina, A lebre das ánimas, A tía Lambida. Ademais publicou a pequena peza esperpéntica Proceso en Jacobusland (Fantasía xudicial en ningures) que tivo problemas coa censura.
Como dramaturgo, preocupouse de buscar a dignificación do xénero por medio do popular, pero superando o folclorismo e o costumismo hexemónicos no teatro galego da emigración.[24]
Poesía
editarBlanco Amor foi un importante poeta sobre todo nos primeiros tempos. Comezou co libro de poemas de estética modernista Romances galegos (Buenos Aires: Editorial Céltiga 1928). Seguiu con Poema en catro tempos (1931, Buenos Aires), elexía á morte dun pescador. Logo veu Cancioneiro (1956, Buenos Aires). Dous Cantos a Galiza encadeada (1946) foron publicados no xornal Galicia, da Federación de Sociedades Galegas.[25] Estes libros foron despois recollidos en Poemas galegos (1980, Galaxia).
Xornalismo e ensaio
editarDirixiu Céltiga, Terra, Galicia, Ciudad e colaborou en La Nación, La Hora, La Vaguardia, Faro de Vigo...[26] A súa obra xornalística, sobre todo en América en Castelán, é inxente. Contribuíu ao ensaio o con traballos como Chile a la vista, El Padre Feijoo, Volviendo a Ortega y Gasset, Castelao e Las buenas maneras,[27] La peligrosa aventura de vivir en un pueblo: escritos 1967-1971, A contrapelo. Ademais desenvolveu ao longo da súa vida unha intensa actividade como conferenciante e en programas de radio.[28]
Fotografía
editarAmais da literatura, practicou a fotografía de xeito afeccionado, cunha cámara Voigtländer. As súas imaxes, máis de 3 000, permanecen sen clasificar no arquivo da biblioteca da Deputación de Ourense. En 2004 Editorial Galaxia publicou o libro A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973, unha escolma representativa con edición e limiar de Carlos Lema e cun epílogo de Margarita Ledo Andión. Inclúe autorretratos, imaxes de viaxes por lugares como Marrocos, París ou Nápoles, e fotografías de persoeiros como García Lorca, Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Luís Seoane ou Indalecio Prieto.[29]
Obra en galego
editar- Poesía
- Romances galegos (1928). Buenos Aires: Editorial Céltiga.[6]
- Poema en catro tempos (1931). Buenos Aires.
- Cancioneiro (1956). Buenos Aires.
- Poemas galegos (1980). Galaxia; colección Dombate. 175 páxs. ISBN 84-7154-378-8. Contén a poesía do autor en galego: Romances galegos, Poema en catro tempos, Cancioneiro.
- Narrativa
- A esmorga (1959). Citania. Foi traducida ao castelán,[30] ao asturiano,[31] ao italiano en dúas ocasións,[32][33] ao francés,[34] ao inglés[35] e ao catalán.[36]
- Os biosbardos (1962). Galaxia. Traducida ao castelán.[37]
- Xente ao lonxe (1972). Galaxia. Traducida ao castelán.[38]
- A escadeira de Jacob (1993). Galaxia. 120 páxs. ISBN 978-84-7154-867-2. "Xacobe descobre o seu perfl" foi un adianto da novela publicado en 1933 na revista Nós en tres capítulos.[18]
- Teatro
- Teatro pra a xente (1974). Galaxia.
- Proceso en Jacobusland (Fantasía xudicial en ningures), escrita en Vigo en 1973 (1980 revista Pipirijaina, 1990 Sotelo Blanco).[39] Traducida ao catalán.[40]
- Fas e Nefas (1993). Galaxia. Colección Árbore. ISBN 9788471548634. (Xa fora publicada en Teatro pra a xente)
- Un refaixo pra Celestina (1993). Xunta de Galicia (xa fora publicada en Farsas para Títeres en edición bilingüe).[41]
- Romance de Micomicón e Adhelala (2000). Galaxia (xa fora publicada en Farsas para Títeres en edición bilingüe).[42]
- Ensaio
- Castelao escritor. Pórtico encol da prosa galega (1986). Ediciós do Castro. ISBN 8474922836.
- Artigos en La Nación (2004). Galaxia. 252 páxs. ISBN 978-84-8288-758-6. Escolma das crónicas publicadas no diario arxentino La Nación entre 1929 e 1936. Edición e notas de Xosé López, Marta Pérez Pereiro e Luís Álvarez Pousa[43]
- Taracea marroquí 1935 (2021). Vigo: Galaxia. 148 páxs. ISBN 978-84-9151-774-0. Ed. de Xosé Enrique Acuña.[44][45]
- Tradución
- O Culto dos heroes (2001). Edicións Laiovento. Edición de Antón Capelán.
- Astérix e Cleopatra (1976). Tradución asinada como "Juan Blanco Amor".
- A loita dos xefes (1976).
- Astérix e os normandos (1976). Tradución asinada como "Juan Blanco Amor".
- Astérix lexionario (1976). Tradución asinada como "Juan Blanco Amor".
- Astérix o Galo (1977).
- Astérix na Helvecia (1977). Tradución asinada como "Juan Blanco Amor".
- Astérix e a fouce de ouro (1978). Tradución asinada como "Juan Blanco Amor".
- Astérix e os godos (1978). Tradución asinada como "Juan Blanco Amor".
- Fotografía
- A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973 (2005). Galaxia, Biblioteca Blanco Amor. Ed. de Carlos Lema. 204 páxs. ISBN 978-84-8288-735-7.[29]
- Obra completa
- Obra en galego completa. Narrativa I (1993). Galaxia. 538 páxs. ISBN 978-84-7154-864-1.
- Obra en galego completa. Poesía. Teatro II (2010). Galaxia. 515 paxs. ISBN 9788471548658.
Obra bilingüe castelán-galego
editar- Farsas para títeres (1973). Edición bilingüe. Ediciós do Castro. Ilustracións de Luís Seoane. Teatro
- Catro pezas inéditas do teatro de Eduardo Blanco-Amor (1993). Ediciós do Castro. Teatro. Galicia en fiesta, El complejo, Becqueriana, Mis tías en el sofá, edición e tradución ao galego de Luís Pérez Rodríguez.[46]
- A contrapelo (1993). La Voz de Galicia. ISBN 84-88254-18-0. Compilación de artigos publicados na prensa diaria.[47]
- Quince "cuentos de la ciudad" e un conto no ceo, "Os nonnatos" (1993). Ediciós do Castro. Edición de Luís Pérez. ISBN 978-8474926514. Narrativa.
Obra en castelán
editar- Poesía
- Horizonte evadido (1936).Viau y Zona Editores. Buenos Aires.
- En soledad amena (1941). Emecé Editores. Buenos Aires.[48]
- Horizonte evadido. En soledad amena (2001). Fundación Municipal De Cultura. Oleiros. ISBN 978-8460631583.
- Ars amandi (2007). Galaxia - P.E.N. Club de Galicia. 232 páxs. ISBN 978-84-7154-088-1. Textos en castelán e preliminares en galego.[15][49]
- Narrativa
- La catedral y el niño (1948). Edición Rueda, Buenos Aires.[50] Reeditada en España por Ediciones Centro (1976) nunha edición revisada. Por Galaxia en 1997. En 2004 foi incluída na Biblioteca Gallega de Autores en Castellano de La Voz de Galicia. Reeditada por Libros del Asteroide (Barcelona) en 2018[51] con prólogo de Andrés Trapiello.
- Los miedos (1963). Ediciones Destino, colección Áncora y Delfín. Reeditado por Galaxia (Mar Maior), Biblioteca Eduardo Blanco Amor (2016).[52] Foi finalista do Premio Nadal en 1961. Reeditado en Cátedra (2023).[53]
- Ensaio
- Chile a la vista (1951). Editorial del Pacífico, S. A., Santiago de Chile. Reeditado por Galaxia (2003), ISBN 978-84-8288-610-7, Biblioteca Blanco Amor.[54]
- Las buenas maneras (1956). Losada. Buenos Aires. Reeditado por Xerais (1983), ISBN 9788475070957: Las buenas maneras. Tratado de urbanidas para mayores.[55]
- Volviendo a Ortega y Gasset (1970). Ed. de autor. Ourense.
- La peligrosa aventura de vivir en un pueblo: escritos 1967-1971 (1990). La Región. 263 páxs. ISBN 84-86868-10-6.
- En defensa e ilustración de la Segunda República Española en los años de la guerra civil (1936-1939) (2016). Galaxia. 468 páxs. ISBN 978-84-9865-683-1.
Recoñecementos
editarDesde 1981 celébrase o Premio Blanco Amor de novela longa en galego organizado por varios concellos.
O plenario da Real Academia Galega acordou adicarlle o Día das Letras Galegas do ano 1993.
Rúas de moitas cidades e vilas de Galicia, así como dous institutos de ensino público, levan o seu nome: o IES Eduardo Blanco Amor de Ourense[56] e o IES Blanco Amor de Culleredo.[57]
Galería de imaxes
editar-
Casa natal en Ourense.
-
Eduardo, de mozo.
-
Seis poemas galegos, con prólogo de E.B.A.[58]
-
Presentación á censura de A Esmorga.[19]
-
Escultura de Xosé Cid Menor.
Notas
editar- ↑ Allegue 1993, p. 31.
- ↑ Allegue 1993, pp. 25-29.
- ↑ "Ficha do autor". bvg.udc.es. Consultado o 24/8/2019.
- ↑ Allegue 1993, p. 43.
- ↑ 5,0 5,1 "Membros da Academia - Plenario". Real Academia Galega. Consultado o 25/8/2019.
- ↑ 6,0 6,1 Imaxe da portada de Romances galegos
- ↑ "Eduardo Blanco Amor". Editorial Galaxia. Arquivado dende o orixinal o 15/08/2020. Consultado o 24/8/2019.
- ↑ "Historias de ida e volta: O exilio galego" Consello da Cultura Galega.
- ↑ "Enciclopedia Historia Literatura Galega". literaturagalega.as-pg.gal. Consultado o 25/8/2019.
- ↑ Vilavedra, Dolores (Coord) (1995). Diccionario da literatura galega I. Autores. p. 79.
- ↑ Forcadela, M.. "Vigo Literario" (PDF). AELG.
- ↑ Marañon, Luís (28/12/1980). "Los miedos de Blanco Amor". El País (en castelán)..
- ↑ Allegue 1993, pp. 345.
- ↑ Lema, Carlos (ed.). "A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973". Galaxia. p. 10.
- ↑ 15,0 15,1 Salgado, Daniel (16/3/2007). "Dos arquivos de Blanco Amor". El País.
- ↑ Huete, Cristina (2007-12-05). "El eterno exilio de Blanco Amor". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2023-09-11.
- ↑ Ferrández Pérez, Daniela (2022). A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza contemporánea. Xerais. p. 118. ISBN 9788411101202.
- ↑ 18,0 18,1 "A escadeira de Jacob". Editorial Galaxia. Consultado o 24/8/2019.
- ↑ 19,0 19,1 Dasilva, Xosé Manuel (2009). "As vicisitudes editoriais d' A esmorga" (PDF). Grial (184): 47. ISSN 0017-4181. Archived from the original on 23 de setembro de 2015. Consultado o 26 de agosto de 2019.
- ↑ Freixanes 1976, pp. 91-94.
- ↑ Publicado tamén en: Blanco-Amor, Eduardo (1972). "Prólogo útil". Grial (35): 39–51. ISSN 0017-4181.
- ↑ Pozuelo Yvancos, José María (28/6/2018). "Eduardo Blanco Amor, la novela de Orense". ABC (en castelán). Consultado o 25/8/2019.
- ↑ "Biografia de Eduardo Blanco Amor". www.biografiasyvidas.com (en castelán). Consultado o 25/8/2019.
- ↑ Vilavedra Fernández, Dolores. "Eduardo Modesto Blanco Amor" (en castelán). Real Academia de la Historia. Consultado o 25/8/2019.
- ↑ Actas do I Congreso Internacional "Curros Enríquez e o seu tempo". Tomo II. Consello da Cultura Galega. 2003. ISBN 9788495415790.
- ↑ "Praza das letras - Eduardo Modesto Blanco Amor". web.archive.org. 20/4/2009. Archived from the original on 20/04/2009. Consultado o 25/8/2019.
- ↑ "Eduardo Blanco Amor. Galegos. Gallegos". galegos.galiciadigital.com. Consultado o 25/8/2019.
- ↑ Pena 2019, p. 405.
- ↑ 29,0 29,1 Lema, Carlos (ed.). "A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973". Galaxia.
- ↑ "La parranda". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 20 de maio de 2021.
- ↑ "La Folixa". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 16/11/2017. Consultado o 17/7/2019.
- ↑ "A esmorga di Eduardo Blanco Amor". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 20 de maio de 2021.
- ↑ "La baldoria". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 20 de maio de 2021.
- ↑ "La noce". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 11/11/2019. Consultado o 17/7/2019.
- ↑ "On a Bender". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 20 de maio de 2021.
- ↑ "La gresca". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 20 de maio de 2021.
- ↑ "Las Musarañas". bibliotraducion.uvigo.es. Consultado o 20 de maio de 2021.
- ↑ "Aquella gente". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 27/03/2018. Consultado o 17/7/2019.
- ↑ "Publicada una obra inédita de Eduardo Blanco-Amor" El País, 10/10/1980 (en castelán).
- ↑ "Eduardo Blanco Amor e o teatro: Commemoració LLetres Gallegues 1993 [Procés a Jacobusland]". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 15/09/2019. Consultado o 17/7/2019.
- ↑ Blanco Amor, Eudardo (1993). Un refaixo pra Celestina. Centro Dramático Galego 3. Xunta de Galicia. p. 160. ISBN 84-453-0671-5.
- ↑ "Romance de Micomicón e Adhelala". Editorial Galaxia. Consultado o 20/8/2019.
- ↑ "Artigos en La Nación". Editorial Galaxia. Consultado o 24/8/2019.
- ↑ "Taracea marroquí 1935". Editorial Galaxia. Consultado o 2022-03-15.
- ↑ Montes, María F. (abril, maio, xuño 2022). "Blanco-Amor no Marrocos dos anos 30". Grial LX (234): 95–96. ISSN 0017-4181.
- ↑ Blanco-Amor, Eduardo (1993). Catro pezas inéditas do teatro de Eduardo Blanco-Amor. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-650-5.
- ↑ Inclúe textos en español e en galego. Imaxe da portada
- ↑ Castro Rodríguez, Xavier. "Versos ‘en soledad amena’ de Blanco-Amor". www.galiciahoxe.com. Arquivado dende o orixinal o 24/09/2020. Consultado o 24/8/2019.
- ↑ "datos.bne.es". datos.bne.es (en castelán). Consultado o 28/8/2019.
- ↑ Araguas, Vicente. "La catedral y el niño, de Eduardo Blanco Amor". www.revistadelibros.com (en castelán). Consultado o 24/8/2019.
- ↑ Rodríguez Fischer, Ana (9/4/2018). "El niño oprimido". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 24/8/2019.
- ↑ Terrero, Sara (9/11/2016). "Eduardo Blanco Amor: Los miedos". Libros Prohibidos (en castelán). Consultado o 24/8/2019.
- ↑ Dasilva, Xosé Manuel (xaneiro, febreiro, marzo, 2024). "Blanco Amor, desde fóra". Grial LXII (241): 95, 96. ISSN 0017-4181.
- ↑ "Chile a la vista". Editorial Galaxia. Consultado o 24/8/2019.
- ↑ Feijoo, Juan José. "Blanco Amor y las buenas maneras". Protocolo y Etiqueta (en castelán). Consultado o 24/8/2019.
- ↑ IES Eduardo Blanco Amor de Ourense
- ↑ IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo
- ↑ Iglesias López, Francisco Xabier (14/11/2014). "Seis poemas galegos". OslibrosdeAnxelCasal.blogspot.com.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Eduardo Blanco Amor |
A Galicitas posúe citas sobre: Eduardo Blanco Amor |
A Galipedia ten un portal sobre: Ourense |
Bibliografía
editar- Allegue, G. (1993). Eduardo Blanco Amor. Diante dun xuíz ausente. Vigo: Editorial Nigra. ISBN 84-87709-05-2.
- Allegue, G.; Freixanes, V. (coord.) (1993). Eduardo Blanco Amor (1897-1979). Unha fotobiografía. Xerais. ISBN 84-7507-717-X.
- Álvarez Ruiz de Ojeda, V. (1994). Entrevistas con E. Blanco-Amor. Nigra. ISBN 84-87709-16-8. Con pról. de X. Alonso Montero.
- ——— (2004). "Manuel Azaña e Eduardo Blanco Amor. Epistolario inédito (1935-1944)". Grial (163): 57–73. ISSN 0017-4181.
- Angueira, A. (1995). De Rosalía a Dieste 33 anos das letras. Edicións Xerais de Galicia. pp. 169–176. ISBN 84-7507-878-8.
- Carballo Calero, R. (1975) [1963]. Historia da literatura galega contemporánea. Galaxia. pp. 715–719. ISBN 84-7154-227-7.
- Casares , Carlos (Xullo-Setembro, 1973). "Leria con Eduardo Blanco-Amor". Grial (41): 337-344. ISSN 0017-4181.
- Carro, Xavier (1993). A obra literaria de Eduardo Blanco Amor. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-868-2.
- Couceiro Freijomil, A. (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) I. Bibliófilos Gallegos. p. 153-154.
- Fernández, Camilo (1995). Eduardo Blanco Amor e o teatro. Universitat de Barcelona. ISBN 84-475-1060-3.
- Fernández del Riego, Francisco (1971) [1951]. Historia da literatura galega (2ª ed.). Galaxia. pp. 203–204 e 249–250.
- ——— (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Ediciós do Castro. pp. 50–51. ISBN 84-7492-465-0.
- ——— (1992). Blanco Amor, emigrante e autodidacta: a súa vida literaria. Ir Indo Edicións. ISBN 84-7680-098-3.
- Forcadela, Manuel (1991). Guía de lectura de “A esmorga” (PDF). Edicións do Cumio. ISBN 84-87126-44-8.
- Freixanes, V. (1976). "Eduardo Blanco Amor diante do espello". Unha ducia de galegos. Galaxia. pp. 79–101. ISBN 84-7154-248-X.
- Gómez, A.; Queixas, M. (2001). Historia xeral da literatura galega (1ª ed.). A Nosa Terra. pp. 292–298. ISBN 84-95350-79-3.
- Landeira Yrago, José (1986). Federico García Lorca y Galicia. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-306-9.
- Lema, Carlos (2009). "Desexo, fotografía e literatura en Blanco Amor". Madrygal (12): 37–46. ISSN 1138-9664.
- Lorenzana, S. (Xaneiro-Marzo, 1980). "Perfil biobibliográfico de Eduardo Blanco Amor". Grial (67): 37-45. ISSN 0017-4181.
- Méndez Ferrín, Xosé Luis (1984). De Pondal a Novoneyra. Edicións Xerais de Galicia. p. 57. ISBN 84-7507-139-2.
- Pena, X. R. (2019). Historia da literatura galega. IV. De 1936 a 1975. A «longa noite». Xerais. pp. 404–441. ISBN 978-84-9121-481-6.
- Ramil Díaz, Áurea (2010). O mellor de… Eduardo Blanco Amor. La Voz de Galicia. ISBN 978-84-9757-254-5.
- Rodríguez, F. (1993). Eduardo Blanco Amor, o desacougo da nación negada. Edicións do Cumio. ISBN 978-84-87126-70-3.
- Tarrío Varela, Anxo (1993). Primeiras experiencias narrativas de Eduardo Blanco-Amor. Galaxia. ISBN 84-7154-846-1.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Galaxia. pp. 79–82. ISBN 84-8288-019-5.
- Poema actual a Blanco Amor (Extra). A Nosa Terra III. 1985.
- E. Blanco-Amor (1897-1979): Dia das Letras Galegas 1993. Xunta de Galicia. 1993. ISBN 84-453-0660-X.
- "Blanco Amor, Eduardo Modesto". Diccionario enciclopédico galego universal 9. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 93. ISBN 84-7680-429-6.
- "Blanco Amor, Eduardo Modesto". Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 111-116.
- "Blanco Amor, Eduardo Modesto". Diciopedia do século 21 1. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 324. ISBN 978-84-8288-942-9.
- "Blanco Amor, Eduardo Modesto". Enciclopedia Galega Universal 3. Ir Indo. 1999-2002. pp. 368–370. ISBN 84-7680-288-9.
- "Blanco Amor, Eduardo". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- "Eduardo Blanco Amor". Enciclopedia Microsoft Encarta (DVD) (en castelán). Microsoft Corporation. 2009.
Outros artigos
editar"Galicia letra a letra", Craig Patterson. |
Ligazóns externas
editar- Membros da Academia Real Academia Galega.
- Biblioteca Virtual Galega UDC e Deputación da Coruña
- Vázquez Ramos, Carmen (cood.) "Bibliografía de Eduardo Blanco-Amor" USC