Xoán Noya

político e impresor galego

Xoán Noya Gil, nado na Guarda o 22 de xaneiro de 1900 e finado no mesmo concello o 19 de decembro de 1989,[1] foi un futbolista, político e impresor galego.

Xoán Noya
Nacemento22 de xaneiro de 1900
 A Guarda
Falecemento19 de decembro de 1989
 A Guarda
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónxornalista e político
FillosLuís Noya e Rodolfo Noya Domínguez
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Na súa xuventude foi futbolista, militou no Racing de Tui, foi capitán do Club Deportivo Guardés, co que competiu no Campionato de Galicia, e impulsou a construción do Estadio Troncoso na Guarda.[2][3]

Fundou a Sociedade Obreira da Guarda, da que foi secretario, e o semanario Nuevo Heraldo, desde onde defendeu o agrarismo. Coa chegada da Segunda República formou parte da Comisión Xestora municipal, integrouse no Partido Galeguista e en 1936 foi tenente de alcalde. Dous anos antes fundara unha imprenta, na que se imprimiu La Zarpa, de Basilio Álvarez, e que foi incautada durante a guerra civil.[4]

Perseguido polo franquismo, estivo agochado e foi condenado a pena de morte, conmutada despois por unha pena de cárcere de 30 anos, rebaixada logo a cinco, dos que cumpriu finalmente dous, nas prisións de Vigo e Pontevedra. O seu irmán Manuel Noya Gil foi asasinado en agosto de 1936. En 1945 fóronlle devolta as máquinas da imprenta incautadas anos atrás e creou a imprenta Gráficas Numen en Vigo.[4] Con todo, os problemas económicos da familia obrigárono a emigrar a Venezuela xunto aos seus fillos Luís, Óscar e Rodolfo.

Foi representante do Lar Gallego de Caracas en Vigo e en 1956 foi elixido presidente tras a fusión co Centro Gallego.[5] Publicou en Caracas as súas memorias en 1976 co título Fuxidos. Memorias de un republicano gallego perseguido por el franquismo.

Ao seu regreso a Galicia foi elixido presidente do PSOE da Guarda en 1982. Tamén mercou os terreos que ocupaba a fosa común onde foran fusilados e soterrados os presos do Campo de concentración de Camposancos, e promoveu a construción dun monumento na súa memoria.[6] Foi soterrado a carón da fosa común o 21 de decembro de 1988, trala súa morte dous días antes.[7]

Vida persoalEditar

Casou con Dolores Domínguez Pacheco e tiveron varios fillos: Luis, Rodolfo, Óscar, Olga e Violeta.[8][9] Un dos seus netos, Cheché Vidal, foi futbolista internacional coa selección de Venezuela.

NotasEditar

  1. La Voz de Galicia, 20-12-1988, p. 23.
  2. "Homenaje en La Guardia". Hoja Oficial del Lunes (en castelán). 4 de febreiro de 1952. p. 3. Consultado o 14 de abril de 2021. 
  3. "Una visita". El Pueblo Gallego (en castelán). 26 de xuño de 1927. p. 7. Consultado o 14 de abril de 2021. 
  4. 4,0 4,1 "Imprimiendo carácter". La Voz de Galicia (en castelán) (Vigo ed.). 2 de abril de 2000. p. 54. 
  5. "El Lar Gallego y el Centro Gallego se han integrado en una sola sociedad". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de abril de 1956. p. 2. 
  6. "A Guardia ha respondido a la cuestación pro monumento de los asturianos fusilados en 1936". La Voz de Galicia (en castelán) (Vigo ed.). 16 de febreiro de 1986. p. 37. 
  7. "Juan Noya, enterrado en A Guarda rodeado del cariño de sus numerosos amigos". La Voz de Galicia (en castelán) (Vigo ed.). 22 de decembro de 1988. p. 30. 
  8. "De sociedad". Hoja oficial del Lunes (en castelán). 14 de agosto de1950. p. 3. Consultado o 14 de abril de 2021. 
  9. "Petición de mano". Hoja oficial del Lunes (en castelán). 12 de novembro de 1951. p. 3. Consultado o 14 de abril de 2021. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar