Lar Gallego de Caracas

O Lar Gallego de Caracas foi unha asociación galega na emigración en Venezuela. Foi inaugurado en Caracas o 15 de outubro de 1945, logo de que se autorizase a súa creación o 9 de febreiro dese mesmo ano.

Foi unha das principais asociacións de galegos na emigración durante a etapa do franquismo. Lonxe dos seus fogares, os inmigrantes tentaron organizarse en diferentes grupos e asociacións, mais debido ao carácter político da maior parte delas, as autoridades puxéronlles trabas para que lograsen facelo legalmente debido á prohibición polas leis venezolanas de asociacións políticas de estranxeiros con carácter político, aínda que posteriormente foron autorizando a creación de varias asociacións.

HistoriaEditar

FundaciónEditar

A idea de fundación deste centro xurdiu por mor da visita do secretario xeral do Centro Gallego de Bos Aires, Rodolfo Prada, a Caracas. Este, propuxo a idea a un grupo de galegos residentes na cidade, os cales tras diversas reunións acordaron a creación do mesmo.

O Lar Gallego foi o segundo centro de exiliados autorizado polo Ministerio do Interior venezolano despois do Centro Vasco de Caracas (Eusko Etxea). Foi autorizado a funcionar o 9 de febreiro de 1945. Ao estar formado por exiliados simpatizantes da lexitimidade democrática da República española, o Lar rompeu relacións coa representación diplomática do goberno franquista de España en Venezuela, adoptando como símbolos de identidade a bandeira galega e a republicana. O principal labor do Lar era a concienciación antifranquista, aínda que non só se reducía aos emigrantes galegos.

Finalmente, no mesmo ano, o Lar Gallego foi fundado e inaugurado o 15 de outubro. A súa sede fundacional ocupou un local entre as esquinas de Manduca e Ferrenquín, nas proximidades da Praza da Candelaria. Posteriormente trasladaríase a outro local na mesma rúa e, finalmente, volveu a mudar de enderezo ao que sería o definitivo, situado na 3ª Avenida de las Delicias, n.º 8, en Las Acacias.

Produto do Lar foi a creación de diversos premios culturais que recoñecían a produción en galego ou de temática galega. Entre eles destacaron os premios Industrialización e Economía de Galiza Alexandre Bóveda, o premio Maside de pintura e o premio literario Ramón Otero Pedrayo.

Na constitución do Lar Gallego participaron vinte e oito persoas, que decidiron quen ocuparían os cargos da primeira directiva, finalmente formada por José Mosqueira Manso (presidente), Silvio Santiago (vicepresidente), Díaz Villamil (secretario), Isolino López (vicesecretario) e Francisco Calviño (tesoureiro).

EscisiónsEditar

Ao longo da historia desta organización sucedéronse varios momento de crise que derivaron na separación desta, dividíndose en novas asociacións, algunhas das cales volveron a acordar a súa unión tempo despois.

Unha escisión do Lar Galego chamouse Centro Galego de Caracas (1948), da cal á súa vez xurdiu unha nova escisión: a Casa de Galicia (1956), que tivo unha vida moi curta.

Da reunificación en adianteEditar

Tras a etapa das pelexas que afrontaron as asociacións galegas en Caracas, durante a época dos anos cincuenta un grupo de galegos loitaron para que a comunidade galega alí emigrada se reunificase e aglutinase nun único conxunto. Os principais problemas que atoparon foron a oposición da embaixada de España e mais do goberno da ditadura de Pérez Jiménez, xa que consideraban o Lar e o Centro Gallego como sociedades procomunistas.

Tras a caída da ditadura no ano 1959, a embaixada española perdeu influencia sobre o goberno e non lograron impedir a creación da Junta de Acercamiento para estabelecer de novo negociacións entre os diversos grupos.

Debido á necesidade de crear unha asociación forte para aglutinar a todos os galegos emigrados, os dirixentes do Lar Gallego, do Centro Gallego e da Casa de Galicia lograron comezar a negociar ata formalizar a súa unión nunha reunión. Nela participaron representantes dos grupos anteriormente mencionados, que tamén invitaron á Asociación Civil de Amigos de Santiago, mais declinaron a oferta e continuaron a funcionar de forma independente.

O 10 de maio de 1960 os directivos das tres asociacións reuníronse nun cine da Candelaria e decidiron formalizar a unión, estabelecendo como data de inauguración da nova sociedade o día 12 de outubro do mesmo ano. Ese día celebrouse unha Asemblea Xeral na sede do Centro Gallego, no Paraíso, onde se aprobaron os novos estatutos ante a presenza duns 150 socios. A nova asociación nomeouse como Hermandad Gallega de Venezuela, cuxa dirección quedou constituída pola directiva das tres entidades ata o 25 de xullo de 1961, data na que se convocaron eleccións. Ángel Feijoo Fernández foi elixido como o primeiro presidente da entidade, que contaba con 800 socios nominais ou fundadores.

As finalidades da nova asociación foron fundamentalmente de tres tipos:

  • Culturais: fomentar e defender o idioma e a cultura galega, ademais de promocionala en Venezuela.
  • Asistenciais: creación de servizos médico-asistenciais, de previsión e axuda para os socios e os galegos en xeral.
  • Deportivo-recreativos: fomentar e desenvolver actividades deportivas e recreativas entre os asociados.

A Hermandade Gallega de Venezuela, ademais das actividades mencionadas, posúe bares e restaurantes, instalacións deportivas (fútbol sala, baloncesto, tenis, frontón, piscina etc.), un grupo folclórico, de teatro, un coro, e mais o Colexio Castelao (que existe desde 1965 e imparte ensinanza primaria a 450 nenos).

Aínda que coa fusión non se solucionaron por completo os problemas entre os diferentes sectores da colonia galega, a partir dese momento a Hermandad Gallega de Venezuela foi crecendo en número de socios e aumentando o seu patrimonio ata conseguir ser a asociación sen ánimo de lucro máis importante do país, e nun dos centros galegos máis importantes do mundo.

EscisiónsEditar

O Centro Gallego de Caracas foi fundado en 1948 por mor da escisión dun grupo de socios do Lar Galego en desacordo coa liña política seguida pola sociedade. Este grupo estaba liderado por Silvio Santiago.

Eduardo Meilán, directivo do Lar, viviu directamente estes feitos:

“Silvio Santiago foi un dos líderes do Lar Galego, xunto con Manuel Gallego… Aínda que sendo ambos os dous republicanos, dalgún xeito trouxeran para o exilio os problemas da guerra española, xa que, ata onde eu sei, durante a guerra os da CNT non simpatizaban moito cos do Partido Comunista, pois aquí seguían nas mesmas. Isto é, aínda no exilio cando debían estar unidos había esas diferencias”.

Silvio Santiago foi un personaxe moi controvertido debido ao seu carácter autoritario e aos seus desexos de notoriedade. Aínda así, participou na fundación das tres primeiras asociacións galegas de Venezuela e tivo unha importante influencia sobre a colonia galega. Ademais, comezaron a chegar ao país cada vez máis emigrantes galegos cun marcado carácter económico, que non compartían as ideas políticas do Lar. Era unha emigración despolitizada cuns obxectivos económicos claros, polo tanto, o Centro Gallego[1] encaixaba mellor co que eles pretendían.

A rivalidade entre o Lar e o Centro foi continua e, nalgúns momentos, preocupante, xa que para a xente do Lar o Centro era unha sociedade de “señoritos burgueses” e para estes, o Lar era unha sociedade de “roxos”. Entre os obxectivos do Centro Galego estaban a beneficencia, o socorro mutuo e a asistencia ao inmigrante acabado de chegar, normalmente sen familia nin recursos económicos. O Centro subvencionaba aos seus socios servizos médicos e odontolóxicos.

Cabe mencionar tamén a existencia dunha terceira entidade, a Casa de Galicia, escindida do Centro Galego. Nos seus inicios soamente contaba cun presidente e un secretario xeral. Debido ao desexo de agrupar a toda a comunidade galega nun só centro a súa existencia foi curta. Aínda así tivo un elevado número de socios (cerca de mil), xa que as cotas eran moi reducidas. No momento da fusión contaba con aproximadamente trescentos socios.

Actividades culturaisEditar

Unha das principais funcións desta asociación era o desenvolvemento de actividades culturais tales como:

  • Publicación dun boletín mensual. Neste non só se recollían noticias relativas á sociedade e comunidade galega en Venezuela, tamén se informaba sobre temas da actualidade e da cultura galegas a través da colaboración de escritores desde Galicia.
  • Programa de radio dominical chamado “La voz de Galicia, La voz de la Emigración” emitido a través de Radio Rumbos e dirixido por José Velo Mosquera.
  • Coro "Curros Enríquez".
  • Periodicamente organizaban ciclos de conferencias e charlas culturais. A partir do ano 1951 celebraban no aniversario da morte de Castelao unha homenaxe na súa honra.
  • Tamén financiaban academias de carácter gratuíto para socios.
  • Relativo aos deportes tiñan equipos de fútbol, baloncesto e hóckey (todos eles co nome de “Celta del Lar Gallego”).
  • Contaban coa peña de xadrez “Alexandre Bóveda”[2] pola que pasaron os mellores xadrecistas do mundo nesa época. Comezaron con torneos internos de clasificación e competencias organizadas polo Centro Venezolano de Ajedrez; máis adiante formaron o primeiro “Clásico do día de Galicia” no que participaron 74 xogadores.
  • Organizaban bailes as fins de semana.

Lar Gallego en GalizaEditar

As autoridades franquistas e varios galegos coñecidos da comunidade opoñíanse directamente ao Lar e ás súas actividades. A idea para calar as campañas difamatorias contra o Lar foi sinxela: a designación de correspondentes-representantes na Galiza. Un dos representantes oficiais do Lar Gallego en Vigo foi Xoán Noya, acompañado por Celso Emilio Ferreiro, Xulio Sigüenza, Antón Beiras, Juan Naya e Carré Alvarellos durante os anos 1954 e 1955.

NotasEditar

  1. Campos Álvarez, Xosé Ramón. "Los Orígenes del Asociacionismo gallego en Venezuela (1945-1960)" (PDF) (en castelán). Consultado o 30 de novembro de 2019. 
  2. "Cronología de la Peña Alexandre Bóveda" (en castelán). 11 de decembro de 2008. Consultado o 30 de novembro de 2019. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

BibliografíaEditar