Terra (Buenos Aires)
Terra foi unha revista publicada en Buenos Aires en 1923.
Terra (Buenos Aires) Idearium da I.N.G. n’America do Sul | |
---|---|
Fundación | 25 de xuño de 1923 |
Remata | Outubro de 1923 |
Director | Ramiro Isla Couto |
Fundador | Ramiro Isla Couto e Eduardo Blanco Amor |
Colaboradores | Vicente Risco Teixeira de Pascoaes Alfonso R. Castelao Xaime Quintanilla Ramón Cabanillas Antón Villar Ponte Phileas Lebesgue Leonardo Coimbra Alexandre de Córdova Victoriano Taibo Francisca Herrera Garrido Arturo Noguerol Johan V. Viqueira Antón Lousada Diéguez Xulio A. Cuebillas Femín Bouza Brey |
Tendencia | galeguista |
Lingua | lingua galega |
Localidade | Buenos Aires |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia e características
editarSubtitulada Órgano da Irmandade Nacionalista Galega de América do Sul e Boletín da cultura galega, apareceu o 25 de xuño de 1923. Foi a primeira publicación redactada integramente en galego da comunidade emigrante. De carácter nacionalista e cunha vocación normalizadora, foi fundada por Eduardo Blanco Amor e Ramiro Isla Couto, que foi o seu director. Editou só cinco números que contaron coas colaboracións de relevantes persoeiros da cultura galega na Arxentina.
Esta publicación de carácter nacionalista foi editada pola Irmandade Nazonalista Galega, na que colaboran importantes personalidades galeguistas como Ramiro Isla Couto, Eduardo Blanco Amor, Miguel Revestido, Xavier Insua, Arturo Carril, Vicente Risco, Castelao, etc. Contén artigos sobre a cultura e a historia de Galicia, colaboracións literarias de autores galegos e portugueses («Os nosos poetas», «Letras irmáns»), e información sobre as actividades realizadas dentro da colectividade («Da causa» e «De Nós»).[1]
A través de Terra ollamos como Galiza é vista como un país refén do poder centralista español, así como dun caciquismo que lle era funcional ao establishment hispánico. Esta realidade remontaríase, a dicir dos editores da publicación, a finais do século XV, cando se iniciaría o proceso de «doma y castración del Reyno de Galicia», no marco da tentativa isabelina de dominación do conxunto da Península Ibérica. Aseverándose que o caciquismo non é un fenómeno propiamente galego, senón que «...é un artigo d’importación que chegou a ela [a Galiza] envolto nas follas das leises que pra nos fixeron en Madrid, e un regalo máis que debemos a Castela» [2].
Así mesmo, a maioría dos emigrantes serían vistos como uns descastados, indicándose que: «Os galegos de América (...) tan amantes da súa terra (...) están contribuíndo co seu diñeiro e coas súas iniciativas a que Galiza desapareza pra sempre ausorvida pol-os seus dominadores (...)» , dado que malia os galegos de América sosteren escolas sosterase en Terra que: «a escola particular pagada pol-os americáns ten idéntica oientación, igual titmo espiritual qu’a escola pagada pol-o Estado da que é unha autiva colaboradora nas súas tarefas antigalegas».[2]
Periodicidade
editarO 21 de xuño de 1923 sae o primeiro número de Terra. Idearium da ING n’América do Sul. A experiencia desta revista pioneira durou tan só cinco meses até outubro por mor da falla de colaboración desde Galicia, da indiferenza dos galegos de América, e o atraso na publicación do derradeiro número por “causa das moitas ocupaciós do noso Redautor Xefe Eduardo Blanco Amor que non poido adicarlle tod-á atención debida”[3]. De feito, Ramiro cargou cos gastos de imprenta e apenas se recadaron os cartos das subscricións nin da publicidade por estar feita en galego
Nacemento da revista
editarAntes de que se constituíse formalmente a ING, saíu do prelo o 21 de xuño de 1923 o primeiro número de Terra. Idearium da ING n’América do Sul. A xefatura de redacción correspondeu a Eduardo Blanco Amor, mentres que Ramiro asumía a dirección e a redacción das “Notas da Causa” e da bibliografía. Alimentada na súa maior parte desde Galicia coas colaboracións dos persoeiros nacionalistas, a revista aspiraba a ser unha versión do boletín Nós na Arxentina. Terra significouse como a primeira revista política e cultural escrita integramente en galego en Bos Aires e como a primeira exposición seria do nacionalismo galego alén mar. Nas súas páxinas Risco expuxo as bases doutrinais da ING e Blanco Amor subliñou expresivamente a pureza ideolóxica do grupo bonaerense e o seu afastamento do inxel “galleguismo americano”, do saudosismo e das “chorimicadas morriñosas, coas sempre falsas e decotes noxosas”.[4]
A novidade do nacionalismo risquián que representaba Terra e a ING xerou críticas e distanciamentos por parte de vellos e “virís” membros de “A Terra”, como Miguel Revestido, que a cualifica de “publicación cursi y neurasténcia, plena de pedantería” e aos seus creadores como “innovadores de un nacionalismo que ni Dios entiende” e como “cuatro niños insípidos agrupados ante la mesa de un café, [que] hablaban de regeneraciones y de problemas gallegos proclamándose enfáticamente representantes oficiales de una doctrina demasiado grande para albergarse en sus cerebros amorfos”.
O 4 de agosto de 1923 constitúese formalmente a delegación da ING ao berro de “Galiza ceibe”, contando con 16 membros en Bos Aires, dos cales catro eran os curmáns Couto. Non obstante, a instauración en setembro da Ditadura de Primo de Rivera en España provocou o esmorecemento da ING en Galicia e a desorientación da súa delegación na Arxentina. No remate do ano 1923 esta comezara a debilitarse e a mergullarse nun proceso de crise interna. Esta breve experiencia representou a difusión do nacionalismo na Arxentina e da concepción de Galicia como nación, fronte ao rexionalismo tradicionalista promovido desde os centros e sociedades galegas.
Integrantes da revista
editar- Director: Ramiro Isla Couto
- Redactor xefe: Eduardo Blanco Amor
- Director artístico: Francisco Lamas Barreiro
- Administrador: Xenaro F. Couto
- Secretario: Santiago G. Nolla
- Redactores: Miguel Revestido, Xabier Insua, Arturo Carril, Antón Vázquez Palacios, Casto Rodríguez
Colaboradores
editarNa revista Terra. Idearium da I.N.G. n’America do Sul colaboraron os seguintes intelectuais:
Características e estrutura
editarNos 5 exemplares da revista Terra aparecen varios tipos de composicións.
- En todas elas aparece unha páxina onde figuran a directiva e os colaboradores (artísticos e literarios).
- Un sumario cos contidos de cada número.
- Os anuncios (en galego).
- E composicións como ensaios reivindicativos, contos, relato curto, poesía etc.
Notas
editar- ↑ "Información sobre a Revista Terra". Repertorio da prensa da emigración galega (CCG). Consultado o 9 de marzo de 2017.
- ↑ 2,0 2,1 "Ramiro Isla Couto pioneiro do nacionalismo". Consultado o 18 de marzo de 2017.
- ↑ Blanco Amor; Isla Couto (Xaneiro 1923.). "Terra. Idearium da I.N.G. n’America do Sul". Terra.
- ↑ "Ramiro Isla Couto: pioneiro do nacionalismo alén mar". Consultado o 18 de marzo de 2017.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- "Terra". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- "Terra". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Fernández Pérez-Sanjuliá, Carmen (2011) Viaxes e construción do pensamento. Viaxes e viaxeiros na Galiza anterior a 1936. ISBN 978-84-9749-506-6
- Santos Gayoso, Enrique (1990). Historia de la prensa gallega 1800-1986. Cuadernos do Seminario de Sargadelos (en castelán) 52. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-489-8.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1997). Diccionario da literatura galega. Publicacións periódicas II. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-137-X.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Pastoriza Rozas, Xosé Luís (2016) "Ramiro Isla Couto: pioneiro do nacionalismo alén mar"