Seis poemas galegos
Seis poemas galegos é un poemario do poeta e dramaturgo español Federico García Lorca (1898–1936),[2] unha escolma de seis poemas en galego, unha homenaxe á paisaxe e a lingua de Galicia. Escritos entre 1932 e 1934, foron publicados en 1935 en Santiago de Compostela pola Editorial Nós (fundada en 1927 por Ánxel Casal), edición príncipe prologada en castelán por Eduardo Blanco Amor. Admirador de Rosalía de Castro, de Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez, así como dos poetas medievais galegos Martín Codax e Mendinho, e dos portugueses Luís de Camões ou Gil Vicente, os poemas xorden por mor das viaxes realizadas por Lorca a Galicia dende 1931.[3]
Seis poemas galegos | |
---|---|
Autor/a | Federico García Lorca |
Orixe | España |
Lingua | lingua galega |
Xénero(s) | poesía |
Editorial | Editorial Nós |
Data de pub. | 27 de decembro de 1935 |
[ editar datos en Wikidata ] |
“ | Coa miña chegada a Galicia, elas [as «forzas formidables» de Compostela e a paisaxe] apoderáronse de min de tal xeito que tamén me sentín poeta da alta herba, da choiva alta e pausada. Sentinme poeta galego, e unha imperiosa necesidade de facer versos, o seu cantar obrigoume a estudar a Galicia e o seu dialecto ou idioma, para o marabilloso é igual. Federico García Lorca, declaracións en Buenos Aires, outubro de 1933.[3] | ” |
Xestación
editarGalicia, a súa cultura e as súas paisaxes, entraron a formar parte da vida e das lembranzas de Lorca dende a súa primeira visita en 1916. En 1917 escribiu nun artigo: «Compréndese, vendo a paisaxe de Galicia, o carácter triste dos seus habitantes e a súa música, que di de penas, de amores, de imposibles». Ó repertorio de cancións que tocaba e cantaba nos concertos íntimos que ofrecía ós seus amigos incorporáronse cantigas, romances e cancións do folclore galaico-portugués. Era admirador da obra de Rosalía de Castro, e coñecía ben a de Valle-Inclán. Na súa conferencia sobre Góngora («La imagen poética de don Luis de Góngora», 1926) demostraba ter coñecemento dos tres cancioneiros que recollen case a totalidade da produción lírica galaicoportuguesa entre os séculos XII e XIV: o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana, o Cancioneiro Colocci-Brancuti e o Cancioneiro da Ajuda. En 1928, na súa conferencia «Las nanas infantiles», aparece de novo o seu interese polas cancións populares de Galicia e refírese a unha cuestión que lle chama a atención: a presenza de numerosas cancións de procedencia galega e asturiana en Granada, froito da colonización da Alpujarra ó final da Reconquista, tema sobre o que volveu incidir en distintas ocasións.[5]
Lorca tiña en Madrid varios amigos galegos: o musicólogo Jesús Bal y Gay, os poetas Eugenio Montes e Serafín Ferro e o mozo Ernesto Guerra da Cal (Ernesto Pérez Guerra), quen exerceu unha maior influencia sobre Lorca. Nacionalista galego, Pérez Guerra fascinaba a Lorca «pola súa prestancia física, pola súa vitalidade, pola súa intelixencia e pola paixón coa que falaba de Galicia e cantaba cancións galegas».[5]
En 1932, de volta en Galicia, Lorca estaba preparado para o reencontro cun país que, segundo o seu biógrafo Ian Gibson, non «deixara de subxugalo dende lonxe». O seu entusiasmo durante a súa visita a Santiago de Compostela non coñecía límites. Tres meses despois, montouse o taboado da compañía La Barraca na pequena praza da Quintana, que el chamaba a «praza-butaca», o lugar onde fai danzar á lúa na súa «Danza da lúa en Santiago»:[5]
“ | olla seu transido corpo! É a lúa que baila na Quintana dos mortos. |
” |
Lorca expresou o seu desexo de escribir un poema adicado á cidade, mais segundo Gibson, aínda non pensara en facelo en galego. É ó seu retorno a Madrid, comentando o tema con Ernesto Pérez Guerra, cando nace a idea de compoñer, entre os dous, un poema sobre o tema na lingua galega. En maio ou xuño de 1932 naceu o «Madrigal á cibdá de Santiago», onde Lorca expresa «a súa impresión de Compostela baixo a choiva, mesturándoa cunha vaga nostalxia amorosa.»:[5]
“ | meu doce amor. Camelia branca do ar brila entebrecido o sol. |
” |
A finais de outono de 1932 a revista Yunque publicou o «Madrigal á cibdá de Santiago» no seu número de decembro, que saíu á venda o día 6 do mes. De alí tomárono ese mesmo mes El Pueblo Gallego de Vigo, a revista Resol de Santiago e o xornal El Sol de Madrid.[6]
En 1933 Pérez Guerra presentou a Lorca a Eduardo Blanco Amor, quen dous anos despois se encargou da publicación dos Seis poemas galegos. Malia a grande admiración de Blanco Amor cara ó poeta granadino a súa relación non foi estreita aínda que, en palabras de Gibson, tivo os seus «momentos de expansión».[8] Á súa volta da Arxentina, Lorca reemprendeu a composición dos seus poemas galegos coa colaboración de Pérez Guerra,[9] tarefa que se viu interrompida pola confección do seu Llanto por Ignacio Sánchez Mejías, completado a finais de outubro de 1934.[10]
Foi durante a primavera de 1935 cando, finalmente, un tenaz Eduardo Blanco Amor conseguiu de Lorca os manuscritos, con letra de Ernesto Pérez Guerra, de cinco dos Seis poemas galegos, xunto a un recorte de prensa do «Madrigal á cibdá de Santiago», publicado por El Pueblo Gallego en 1932.[11] Conta Gibson que Lorca, entregado á creación de Doña Rosita la soltera, deu os poemas a Blanco Amor e desentendeuse do seu destino: «Non me fales máis disto até que me traias o libro».[12] García Posada explica que a intervención de Blanco Amor na redacción dos poemas consistiu na revisión ortográfica, a corrección dalgúns castelanismos e a suxestión de cambios nalgúns títulos, que Lorca aceptou.[3]
A publicación dos poemas foi anunciada pola revista Nós, no seu número correspondente a maio-xuño de 1935, entre as «novas obras publicadas» da editorial. Porén, o colofón do libro leva data do 27 de decembro de 1935.[12] Blanco Amor prologou a edición, na que non se nomea a colaboración de Pérez Guerra, e suprimiu a dedicatoria a este da «Cantiga de neno da tenda».[13]
No ano 1974 a Editorial Akal, na súa Colección Arealonguiña, dirixida por Xesús Alonso Montero, publicou unha Edición Tetralingüe (galego, castelán, catalán e éuscaro), de 48 páxinas. A tradución ao castelán é de Ánxel Fole, ao catalán é de Ricard Salvat e ao éuscaro é de Gabriel Aresti.
Notas
editar- ↑ Iglesias López, Francisco Xabier (14/11/2014). "Seis poemas galegos". OslibrosdeAnxelCasal.blogspot.com.
- ↑ Pena, Xosé Ramón (2016). Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936. Xerais. ISBN 978-84-9121-107-5.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 García Lorca 1989 pp. 101-110
- ↑ 4,0 4,1 Pérez Rodríguez 2011.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Gibson 1987
- ↑ Gibson 1987, p. 219
- ↑ Pérez Rodríguez 2011
- ↑ Gibson 1987, pp. 236-237
- ↑ Gibson 1987, p. 315
- ↑ Gibson 1987, p. 329
- ↑ Nota: conservados na Biblioteca e o Arquivo da Deputación de Ourense, segundo Gibson 1987, p. 359
- ↑ 12,0 12,1 Gibson 1987, pp. 359-360
- ↑ Gibson 1987, p. 413
Véxase tamén
editarA Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Seis poemas galegos |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Seis poemas galegos |
Bibliografía
editar- Alvarellos, H., ed. (2018). Seis poemas galegos (en castelán). Alvarellos Editora. ISBN 978-84-16460-53-3. Arquivado dende o orixinal (facsímile) o 07 de febreiro de 2019. Consultado o 06 de febreiro de 2019.
- García Lorca, Federico (1989). "Seis poemas galegos". En Miguel García-Posada. Romancero gitano; Odas; Poemas en prosa; Poeta en Nueva York; Tierra y luna; Diwán del Tamarit; Seis poemas galegos; Llanto por Ignacio Sánchez Mejías; Sonetos; Poemas sueltos; Otros poemas. Akal. ISBN 9788476004142.
- Gibson, Ian (1987). Federico García Lorca 2. De Nueva York a Fuente Grande (1929-1936). Barcelona: Ediciones Grijalbo. ISBN 84-253-1951-X.
- Landeira Yrago, José (1986). Federico García Lorca y Galicia. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-306-9.
- Mariscal, Luis (2018). Alvarellos, H., ed. El gran viaje de estudios de García Lorca (en castelán). Alvarellos Editora. ISBN 978-84-16460-35-9. Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2019. Consultado o 12 de febreiro de 2019.
- Moreno, María Victoria (2018). É a lúa que baila… María Victoria Moreno e a lírica dos seis poemas galegos de Federico García Lorca. Galaxia. ISBN 978-84-9151-159-5. Con estudo introdutorio de X. A. Montero.
- Pena, X. R. (2016). Historia da Literatura Galega III. De 1916 a 1936. Edicións Xerais de Galicia. pp. 273–280. ISBN 978-84-9121-107-5.
- Pérez Rodríguez, L. (2011) [1995]. O pórtico poético dos Seis poemas galegos de F. García Lorca (3ª ed.). CCG. ISBN 978-84-92923-26-7.