Farsas para títeres

obra literaria de Eduardo Blanco Amor

Farsas para títeres é un libro de teatro de Eduardo Blanco Amor publicado en castelán e galego en 1973 por Ediciós do Castro[1]. Foi reeditado en 1991 e 1993 (3ª ed. ISBN 9788474925586).

Farsas para títeres
Autor/aEduardo Blanco Amor
Ilustrador/aLuís Seoane
OrixeGalicia
LinguaCastelán e Galego
Xénero(s)Teatro
EditorialEdiciós do Castro
Data de pub.1973
Páxinas279
editar datos en Wikidata ]

Contén seis pezas: Romance de Micomicón e Adhelala, Amor e crimes de “Juan el Pantera”, Falsa morte e certa morte de Estoraque o Indiano, A verdade vestida, Un refaixo pra Celestina e Anxélica no ombral do ceio.

O autor en Ourense

Características

editar

A 1ª edición en castelán en Buenos Aires é de 1953 (Ed. López Negri) e inclúe Amor y crímenes de Juan el Pantera, Angélica en el humbral del cielo e La verdad vestida. A 2ª edición foi en México en 1962 (feita por Alejandro Finisterre) contén en castelán as seis pezas publicadas logo por Ediciós do Castro en versión bilingüe. En 1976 editáronse de novo en castelán [2] por Cuadernos para el Diálogo, edición na que foi arricanda Proceso en Jacobusland por obriga da censura (nese mesmo ano a editorial incluiría a obra nunha segunda edición de Farsas y autos para títeres).[3]

Segundo Xosé Ramón Pena[4]:

"Despois de vertelas el mesmo paro o galego, circunstancia pola cal as non podemos considerar como verdadeira literatura dramática no noso idioma. Ao noso xuízo, devén evidente que o de Ourense, escribiu e pensou os ditos textos na Arxentina e para un público castelán falante; uns receptores cultos, xa que logo, e ben diferentes desoutros que formaban parte da audiencia da Galiza da emigración, apegada á escena tradiciona-costumista... É por iso que, se ben, como xa matizamos, non forman parte da literatura dramática galega, si han de ser consideradas na historia da nosa escena porque, nunha altura determinada, nela se quixeron incorporar e desde ela foron recibidas"

Para Dolores Vilavedra[5]:

"Supoñen un notable esforzo de traducción e acomodación. Actúa nelas a experiencia expresionista europea, con especial influxo do teatro de guiñol de preguerra, fusionando o pulo vangardista e o legado tradicional. Os personaxes, concibidos coma monicreques, fan posible un distanciamento aproveitado para producir un teatro alleo ó moralismo e á tese, no que a ollada humorística e grotesca non oculta unha visión aceda dos homes e da sociedade, centrada tematicamente na cobiza e no sexo, en contraste cunha serie de fantasías sentimentais nas que triunfa o amor redentor. A vivaz lingua coloquial preséntase en simbiose co uso paródico da culta, que remeda os estereotipos retóricos do melodrama e a comedia áurea. A agresividade sarcástica e a ironía alcanzan ás formas e ós mitos sobre convencións desgastadas"

Segundo Luís Pérez (Prólogo de Proceso en Jacobusland, p. 14[3]):

"O autor concebiu estas farsas como un divertimento literario, pero, despois de telas escrito, é cando lle vén a tentación de querer velas representadas. Así, unhas foron transformadas en versións pata textos experimentais, outras para teatros de cámara, e outras para teatros de nunca, coma el mesmo di. O teatro innovador destas farsas entronca co teatro para títeres de preguerra (García Lorca, Arconada), cos temas de teatro clásico, pero tamén das festas parateatrais galegas."

Son seis farsas que se apoian na fecunda tradición do teatro breve dos séculos XVI e XVII e tamén na influencia das teorías vangardistas do teatro español e europeo, sobre todo de Valle-Inclán e Gordon Graig. Son seis deiliciosas pezas que procuran recuperar, fronte ao teatro neorromántico, a esencia do teatro como espectáculo e diversión.[6] Estas farsas mostran un alto nivel de xogo e humor teatrais. O simbolismo de auto sacramental de A verdade vestida responde a uns pulos conceptuais de escaso valor escénico. Mais outras mostran unha burla populista, un desenfado, un trapisondismo antipsicolóxico e inmediato que as converte en gozosas expresión dun teatro de escasas pretensión mais de indubidable vitalidade escénica. Un xogo non desprovisto de significado.[7]

Anxélica no ombral do ceio e A verdade vestida presentan unha riqueza conceptual, alegórica e filosófica que as aproxima do xénero do auto. Outras pezas están especificamente realizadas para bonecos: Romance de Micomicón e Adhelala, Amor e crimes de Juan el Pantera e Certa morte e falsa morte de Estoraque o Indiano. Nelas os bonecos representan personaxes esquemáticos, case sempre deshumanizados, que serven ao autor para ofrecer, indirectamente, unha crítica social e dos vicios e pecados humanos, tratados con sentido do humor.[8]

Contido

editar

Ediciós do Castro publica ista edición bilingüe das “Farsas” de Eduardo Blanco-Amor coma homaxe os seus cincoenta anos de laboura nas letras galegas.

Xustificación

editar
"A de México consta de seis –as que eiquí van traducidas- que supuxen seren as que pagaba a pena publicar do xunto de elas que foron unhas dezaoito contando as que escribín durante a nosa guerra pra monifates polémicos e vindicativos, casi todas foron argalladas entre 1937 e 1943... E por outra parte, seu orixen lúdico e súa incomodidade agresiva, tiñan decretada súa amortización polo feito mesmo de teren cumprida súa misión no tempo e logar pra os que foron escritas; queda “o” estilístico, ou seña a súa caracterizante retórica... A presente vén a sere, pra certos efectos, unha primeira-terceira edición: terceira porque as tales farsas ocupan iste numeral, en orde ás súas publicacións, e dobremente primeira por saíre en bitexto castelán-galego, e tamén por sere a primeira normal no tocante as condicións que ha ter un libro pra gañar eisistencia no mercado respectivo... A novidade da presente edición fica, xa o dixen, na súa tradución á nosa língoa... Comprenderase, pois, que o “xenio” natural do idioma en que foron primeiramente escritas, ficaca en elas tan sine qua non cinguido a uns ámetos concretos, a uns contidos psicolóxicos e as súas formas eispresantes: tan insoparábeles das raigañas populares –Celestina, Pantera, Estoraque- e da súa fala subsidiaria, tan popularmente difrentes das nosas, que si o lector, en xeral, non ten porque me agardecer o telas escrito, prégolle ao lector galego que me compadeza por o traballo de telas traducido coa mínima perda posible de trasega. Vigo, outono, 1972[9]"

Romance de Micomicón e Adhelala

editar

(Farsa para títeres especiosos)

  • Raína Nai: 50 anos. Neurasténica. Vai fardada dun xeito ostentoso e fachoso.
  • Adhelala: 16 anos. Princesa cativa. Viste ao xeito turqués, con pantalóns e bombacha.
  • Micomicón: 17 anos. Príncipe herdeiro, disforme, tenro e enrabexado.
  • Raíña do Afghanistán: 45 anos. Escintilante de alfaias.
  • Chambelán do reino: vellouqueiro con voz de barítono.
  • Lugar da acción: Pazo Real de Trapalandia, país entre Oriente e Occidente.
  • Época: tradicional

As escenas pasan na sala grande de recibimento da Raíña Nai. Moitísimos espellos.

A Raíña Nai discute con Adhelala, rebaixa a súa nobreza e todo son eloxios para o seu príncipe xigantesco que devora ducias de animais e sempre está enfadado. Chega a Raíña do Afganistán de visita e as dúas raíñas se desprezan, ela vén pedir a man do príncipe para a súa filla. Micomicón non quere oír falar diso porque está namorado de Adhelala aínda que ela o rexeita. Mais Adhelala cóntalle como curar, como volver a unha estatura normal e ao bo humor. A curación está na tenrura, no emocionarse, no chorar. E Micomicón chora e baixa de estatura. Adhelala cóntalle á Raíña Nai que o xigantismo do príncipe é un maleficio dos sabios do seu país porque o Rei matou uns presos que debía respectar. A Raíña nai dá o seu brazo a torcer ante a posibilidade de ser avoa. E anúncianse as vodas da princesa real Adhelala e o príncipe Micomicón, agora con estatura normal.

"Que mal choio é sere raíña viúva, e que bon sere raíña avoíña![10]"

Rematada en Montevideo en 1939.

Galaxia fixo unha reedición desta farsa no ano 2000 en galego.[11] Foi editada en 2002 como Romance de Micomicón y Adhelala pola Asociación Española de Teatro para la Infancia y la Juventud ASSITEJ.[12]

Amor e crimes de “Juan el Pantera”

editar

Farsa pra títeres de cachiporra

  • Juan el Pantera: 28 anos. Feroz.
  • Contemplación Jiménez: 30 anos, de moi bo ver, moi pagada de si mesma.
  • Sancristán: 25 anos, falso.
  • Estoraque o Indiano: uns 50, mais estragadísimos.
  • Pastorino: 16 cumpridos de corpo e tenros de alma.
  • Praza dun pobo castelán da raia galego-leonesa

Está no balcón Contemplación con roupa provocativa cando chega Juan, insúltaa e logo pídelle que baixe para estar con el. Ela dille que non porque logo sempre anda con celos. Mais baixa e como ela se nega el ponse violento, entón aparece o sancristán que a rescata e logo tamén el tenta aproveitarse da moza e ela tamén o rexeita. Entra en escena o Estoraque cargado de ouro e tamén é rexeitado pola moza. Chega cantando o Pastorino, Contemplación achégase a el e decláralle os seus amores pedíndolle que suba con ela. O rapaz rexéitaa mais ao final acaba cedendo, cando vai subir entra o sancristán e a moza di que Pastorino se sentiu mal e vai axudalo. O sancristán sobe polo muro para exercer de mirón. Volve o Estoraque con guitarra e cancións de namorado. Ao final tamén o manda entrar. Volve Juan el Pantera cos seus insultos, entra e mata o mozo, o sancristán e o Indiano tirando os cadáveres pola ventá. Logo ataca entre insultos a Contemplación. Finalmente fai o pranto pola moza e suicídase.

"Sin transi groria ó mundo... Alia jata est... Sunsum Corda! Xa non sei máis latíns, ao carallo con todo! (Morre).[13]"

Rematado en Buenos Aires, 1940.

Títeres Alakran representou esta farsa dirixidos por Lázaro Yuyo.[14]

Falsa morte e certa morte de Estoraque o Indiano

editar

Farsas pra títeres simuladores, con remate de negra

  • Adulia: 20 anos, chorona. Manto novo e floreado.
  • Pepa: 40 anos, chorona. Manto negro.
  • Contemplación Jiménez: un ano despois da acción anterior pero non se lle nota.
  • Estoraque o Indiano: a idade de todos os mortos da súa idade. Hábito de frade minor.
  • A negra Pancha de Guanabacoa: 50 anos, grosa, boa muller. Roupa branca.
  • Escribán: idade curial, barba e levita.
  • Aguacil: sabichudo, bigote renegrido.

Interior de casa acomodada. O señor Estoraque está de corpo presente no cadaleito de xeito que o vexa o público.

A acción é posterior á farsa anterior.

Pepa e Obdulia fan un longo pranto polo Estoraque, ás veces chocalleiro e interrompidos polas reflexións de quen lles pagará ou herdará todo. Entra Contemplación que se dá de herdeira porque o indiano a forzou antes de ser atacados polo Juan. Esperta o Estoraque e dialoga coa Contemplación, el quere que ela se lle entregue en proba de amor pero ela non cede se antes non lle pasa os bens. El di que fixo o morto para ver a súa reacción. Na discusión morre de verdade o Estoraque, ela volve co de ser herdeira e mesmo lle paga ás do pranto para que testifiquen de que o vello lle acababa dar palabra de casamento. Mais chega a negra Pancha toda dolorosa polo pasamento do seu amo. Di que é a súa esposa e que tiveron once mulatos. Mostra o papel do casamento que resulta ser o testamento do indiano no que lle deixa todo á Pancha, que acaba botándoos a todos de alí a golpes.

A obra foi representada polo Grupo de Teatro de Moaña dirixido por Celso Parada.[15]

A verdade vestida

editar

Farsa violenta

  • A Verdade: muller forte e lanzal. Leva unha coroa de espiñas, aspecto real e fantasmal.
  • O Disimulo: vello esguío e amarelo, guedellas longas, boca sumida e sen dentes.
  • A Virtude: xamona fachosa, semellando virxe, remirada. Cara moi empoeirada, sen pintar.
  • O Vicio: entre os 25 e os 30 anos. Lindo, loiro, capa de don Juan Tenorio.
  • A Lei: xendarme encarraxado, cara ben mantida. Leva látego de domador de circo.
  • O Capital: groso, vestido de rei de ouros.
  • O Traballo: obreiro mozo, forte, san.
  • O Estado: uns 60 anos, mandón e violento ou submiso e lambecús, segundo lle conveña. Cuberto de faixas, bandas, decoracións
  • O Amor: meniño duns cinco ou seis anos. Eros de tarxeta postal. Espido de todo.
  • Tempo da acción: era anacrónica.
  • Lugar da acción: unha praza.
  • Cor da acción: vermello viñoso.

Todos os personaxes, menos a Verdade e o Disimulo, levan un letreiro co seu nome. Están diante dos seus tenderetes, coma nun mercado.

  • A Verdade: consultas, prezos, gratis e moi agradecida
  • O Disimulo: consultas, prezos... asegún...

Dialogan a Verdade e o Disimulo, que dependen un do outro. Entran a Virtude e mais o Vicio collidos amorosamente. O Capital trae collido o Traballo. Todos eles dialogan longamente.

Rematado en Buenos Aires en 1942.

O grupo de teatro IAD-12 da Universidade Laboral de Ourense representou a farsa en 2014.[16]

Un refaixo pra Celestina

editar

Farsa de tema terxiversado

  • Melibea: 24 anos, da alta fidalguía vida a menos.
  • Celestina: 70 anos, meiga, alcaiota e aínda máis.
  • A Súa Reverencia: o prior dos anabaptistas, 40 anos, luxurioso.
  • Calisto: mozo fidalgo, vividor e xogantín.
  • Elvira: a honrada veciña, 30 anos, co home na guerra.
  • Feirante 1º: moi besta.
  • Feirante 2º: moi besta.
  • Xudeu: non se ve porque é noite pecha.

Xornada primeira

editar

Lugar: unha praza de Toledo no fin do século XV.

Falan Melibea e Celestina sobre o agasallo que recibiu a moza. Pasa o prior. Melibea dille que lle busque outro. Celestina ofrécelle ao prior os favores dunha casada que ten o home fóra mentres Melibea escoita e Celestina agarda cobrar o favor. O prior non quere subir con Elvira e acaba levando por enriba os restos dun ouriñal. Calisto e Melibea dialogan e el quéixase de que perdeu cartos, se ela llos dese... el non quere subir. Melibea trata co prior do asunto que lle dixo a Celestina. A vella teme que se perda o seu refaixo e o Calisto o seu negocio. Soben Melibea e o prior a tratar do asuntiño.

"Calisto: (Embozado no escuro) Si despois me nega o arxén partolle a cara. (Vaise) Celestina: (Aparecendo pola recoba) Eiquí me planto ata que salia ise anticristo. Dises dezmos ha saír o meu refaixo ou arderá Toledo inteira entre as tres pontes(Morre).[17]"

Xornada segunda

editar

Melibea despide o prior despois da faena. Celestina pensa na súa parte. Calisto segue pedindo os cartos para a débeda e non quere deixarse convencer de subir. Ela cede e dálle os cartos do prior. Celestina protesta e promete traer aínda mellor cliente se mantén afastado a Calisto. Elvira e Melibea falan de que a noite pasada houbo movemento e as dúas reafirman a súa honradez.

Xornada terceira

editar

Celestina informa a Melibea de que ten dous novos clientes, dous feirantes que xa a viron. Calisto insiste, ela fálalle de máis tarde, que se a regra, que se... El marcha xogar de novo no pazo. Chegan os feirantes. Celestina xa vai cobrando por adiantado o traballo de Melibea. Chega o prior que tamén quere volver con Melibea e adiántalle cartos á Celestina. Calisto esíxelle a Celestina os cartos recadados. Melibea pide os cartos aos feirantes, eles protestan que xa llos deron a Celestina. E móntase unha pelexa, todos polos cartos, Calisto, o prior, os feirantes. Na pelexa morre o prior e os feitantes reparten os cartos. Canta unha pantasma que asusta os feirantes que foxen deixando os cartos tirados. Era a mesma Celestina.

"Grande miragre houbera sido que eu me deixase calotear por engados alleos... Deus sóber todo, e cada un ten que sere sabio no seu oficio.[18]"

Remata cantando a Celestina.

Rematado en Viña del Mar (Chile), 1948.

O Centro Dramático Galego representou a obra en 1993 baixo a dirección de Antonio Francisco Simón[19] e tamén reeditou a obra en galego.[20]

Anxélica no ombral do ceio

editar

Farsa realista

  • Anxélica: doncela absoluta de corpo e espírito. Loira de cara. Profesión: benaventurada.
  • Gabriel: albino de ollos negros. Ás brancas. Profesión: arcanxo.
  • Miguel: moreno, ollos azuis de auga. Ás vermellas. Profesión: arcanxo.
  • Odeus: é unha careta o triplo dunha cara normal: rostro impoñente, entre Zeus arcaico e Moisés renacentista. Ha de aparentar uns 70 anos. Profesión: Supremo Facedor e Desfacedor, suponse.
  • Muller: moi macia e delgada, voz de mezzo soprano. Profesión actual, a mesma: namorada.
  • Demo: caralavada, presumido, resentido. Profesión: pobre diaño.
  • Xove: aire aloleado, doce e temesiño. Uns 25 anos. Profesión: sen profesión.

Escenario: sen termos de referencia, ateigado de luces de orixe descoñecida.

E líbranos, Señor, da eternidade do mal, amén, di Anxélica. Gabriel está de garda e espántase do que di ela. Despois virá Miguel. Ela discute con Miguel porque non quere entrar na Eternidade do ceo. Aparece Odeus e tamén ela disputa co Odeus da liberdade, do libre albedrío, da eternidade. Segue sen querer entrar. Chega a Muller, era pecadora e fíxose namorada, era nada menos que Mirian de Magdala, namorada del sempre: pras namoradas non hai outro mundo que o seu. Señor, Señor, por que me tes desleixada? Anxélica pídelle a Gabriel que lle deixe ver o que hai dentro un instantiño, el accede e volve Odeus que solta un discurso sobre o libre albedrío. Despois vén o Demo que a tenta convencer do contrario, do mellor que é o seu mundo. Finalmente aparece o Xove, que é unha alma en pena, alguén que pecou: o único que fixen na miña vida foi amar e escribir canzóns. Vano condenar a volver á vida. Anxélica vaise con el, non quere entrar. Odeus déixaos ir:

"Non podo, meus fillos; millor dito, non quero... Certamente nunca puden co amor humano. Veleí meu verdadeiro nemigo (por un recanto asoma a cabeza do Demo con un sorriso acoellado).[21]"

Rematado Buenos Aires, 1942.

TEIS estreou a obra en 1987 baixo a dirección escénica de Xurxo Xoán Estévez Gantes.[22]

  1. Blanco Amor, Eduardo (1973). Farsas para títeres (en Castelán e Galego). Ediciós do Castro. p. 279. 
  2. Blanco-Amor, Eduardo (1976). Farsas y autos para títeres. Editorial Cuadernos para el Diálogo. p. 209. 
  3. 3,0 3,1 Blanco Amor, Eduardo (1990). Proceso en Jacobusland (Fantasía xudicial en ningures). A Biblioteca do Arlequín. Sotelo Blanco. ISBN 84-7824-030-6. 
  4. Pena, Xosé Ramón (2019). Historia da Literatura Galega IV. De 1936 a 1975. «A longa noite». Xerais. p. 477. ISBN 978-84-9121-481-6. 
  5. Vilavedra, Dolores (Coord) (1995). Diccionario da Literatura Galega I. Autores. Ed. Galaxia. p. 80. ISBN 84-8288-019-5. 
  6. Vega, Emilio Javier Peral (1999). ""Farsas para títeres" de Eduardo Blanco-Amor: tradición y vanguardia". Cuadernos para investigación de la literatura hispánica (24): 43–58. ISSN 0210-0061. 
  7. Hormigón, Juan Antonio (1976-09-26). "Crítica. Farsas para títeres". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2019-08-19. 
  8. "A narrativa de Eduardo Blanco Amor: o descubrimento dun mundo conflitivo". Enciclopedia Historia Literatura Galega. AS-PG. Consultado o 19/8/2019. 
  9. Blanco Amor 1973, p. 9-19.
  10. Blanco Amor 1973, p. 51.
  11. "Romance de Micomicón e Adhelala". Editorial Galaxia. Consultado o 2019-08-20. 
  12. "Romance de Micomicón e Adhelala". datos.bne.es (en castelán). Consultado o 2019-08-24. 
  13. Blanco Amor 1973, p. 79.
  14. "AMOR E CRIMES DE JUAN PANTERA". 2015-02-01. Consultado o 2019-08-20. 
  15. G. Sas, Fran. "O Morrazo y el mundo de la cultura lloran la pérdida del actor Celso Parada, motor del teatro gallego". www.farodevigo.es. Consultado o 2019-08-20. 
  16. "Novas EDLG. IES CHAPELA". www.edu.xunta.gal. Consultado o 2019-08-20. 
  17. Blanco Amor 1973, p. 205.
  18. Blanco Amor 1973, p. 231.
  19. "Centro Dramático Galego. CDG - Un refaixo pra Celestina. CDT, Teatro Español". teatro.es. Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2019. Consultado o 2019-08-20. 
  20. Blanco Amor, Eudardo (1993). Un refaixo pra Celestina. Centro Dramático Galego 3. Xunta de Galicia. p. 160. ISBN 84-453-0671-5. 
  21. Blanco Amor 1973, p. 279.
  22. "Anxélica no umbral do ceo. CDT. Teatro Español". teatro.es. Consultado o 2019-08-20. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar