Moeda da Antiga Roma

(Redirección desde «Moedas da Antiga Roma»)

A moeda da Antiga Roma é, de entre todas as moedas da Idade Antiga, a que coñeceu a máis ampla expansión xeográfica, ata se converter durante varios séculos na moeda común de todo o mundo occidental e o Mediterráneo.

As moedas máis comúns na época do Imperio Romano, cos seus pesos e tamaños

Particularmente durante a maior parte da República Romana e na metade occidental do Imperio Romano, baseouse nun sistema constituído polo áureo (lat. aureus, "ouro"), o denario (lat. denarius) e o sestercio (lat. sestertius), de prata, e o dupondio (lat. dupondius) e o ás, de bronce, nunha aliaxe máis ou menos rica en cobre en función das épocas.

Aes signatum de Roma, coa figura dun boi. Fin do século IV a. C. Lonxitude: 15 cm. Peso: 1,4 Kg. Gabinete de Medallas de París.

O áureo, que, por mor do seu alto valor, funcionaba máis como unidade de conta que como moeda efectiva, valía 25 denarios (estímase que cara á fin da República un denario equivalía ao salario diario dun traballador). Un denario valía 5 dupondios ou 10 ases (en 118 a. C., o valor do denario foi reaxustado a 16 ases). Un dupondio valía 2 ases, e 1 sestercio valía 4 ases. Estas moedas usáronse desde mediados do século III a. C. ata mediados do século III d. C. Nese século, a reforma de Caracalla substituíu o denario polo denario dobre, máis coñecido como antoniniano (lat. antoninianus), o cal, pola súa vez, desapareceu na reforma do sistema monetario de Diocleciano, que creou denominacións como o arxénteo (lat. argenteus), de prata, e o follis, de bronce prateado. Posteriores reformas, como a de Constantino de 324 d. C., estableceron o sólido (lat. solidus), de ouro, dividido en 3 tremis (gr. Τρεμίσσης -tremissis-; lat. tremis) ou en 24 siliquas (lat. siliqua), o miliarense (lat. miliarensis), de prata, e algunhas denominacións menores de bronze. Estas últimas moedas son as que estiveron en circulación ata a fin do Imperio Romano de Occidente.[1][2]

A moeda na República Romana editar

As orixes  editar

 
Uncia da República coa característica proa de navío
 
Aes signatum da República Romana posterior a 450 a. C conservado na Biblioteca Vaticana. Medidas: 185 x 90 mm. Peso: 1,61 Kg.

Arredor do ano 400 a. C., o pobo romano substituíu o sistema de troco, baseado no gando, e o incipiente uso de moedas gregas por un sistema monetario propio, relativamente arcaico, que nos primeiros tempos se baseaba en bloques de bronce, coa denominación de aes rude, e que cara á fin do século IV a. C se convertera en lingotes do mesmo metal (aes signatum), que representaban nunha das súas caras o seu equivalente en cabezas de gando, marcas da autoridade monetaria e outros símbolos.

Nunha etapa posterior, preto do 280 a. C., apareceron os discos de bronce chamados aes grave, coa dobre cara de Xano nos seus anversos, que pesaban unha libra romana (340 gramos). Para o uso cotián, emitíronse submúltiplos, tamén de bronce, denominados dodrans ou dodrante (tres cuartos de ás), bes (dous terzos), semis (medio ás), triens ou triente (un terzo), quadrans ou cuadrante (un cuarto), sextans ou sextante (un sexto), uncia ou onza (un doceavo) e semuncia ou media uncia (un vinte e catroavo).[3][4] De xeito extraordinario emitíronse tamén, nos séculos II e III a. de C., o quincunx, co valor de cinco onzas ou 5/12 do ás, e a quartuncia, dun cuarto de onza ou 1/48 do ás.[5]

Ademais, emitíronse múltiplos do ás durante o período republicano, sempre de bronce, unhas veces fundidos e outras cuñados, e sempre con carácter excepcional, sen formar parte das emisións regulares, como é o caso do tressis (tres ases), o quadrussis (catro ases), o quincussis (cinco ases) ou o decussis (dez ases).[6]

O peso do ás, que se fixaba en función do seu valor, diminuíu durante a primeira guerra púnica (264 a. C. - 241 a. C.) ata os 290 ou 280 gramos, por mor dos importantes gastos que lle supuña a Roma a constitución da súa frota. Cara ao 225 a. C. incorporouse ao reverso do aes grave unha proa de navío en homenaxe á frota militar de Roma.[7]

Emisións republicanas editar

 
Dupondio coa inscrición SC (Senatus Consulto)

Durante a segunda guerra púnica (218-201 a. C.), que lle ocasionou a Roma uns gastos considerables, o ás colapsou e acabou converténdose nun disco de bronce de arredor de 20 gramos. Apareceu un múltiplo desta moeda, o dupondio (2 ases) e mantivéronse o semis e o quadrans como divisores do novo ás, todos eles de bronce.

 
Sestercio de prata anónimo da República, posterior a 211 a. C.

Foi neste momento cando comezou a utilizarse tamén a prata no sistema monetario romano, co denario, o quinario e o sestercio (equivalente a 2 ases e medio). A partir de entón, o sistema abandonou o bronce como base e comezou a xirar en torno ao denario de prata.[8]

Época republicana (después de 211 a.C.)
Denario Sestercio Dupondio Ás Semis Triens Quadrans Quincunx
Denario 1 4 5 10 20 30 40 24
Sestercio 1/4 1 1  1/4 2  1/2 5 7  1/2 10 6
Dupondio 1/5 4/5 1 2 4 6 8 4  4/5
Ás 1/10 2/5 1/2 1 2 3 4 2  2/5
Semis 1/20 1/5 1/4 1/2 1 1  1/2 2 1  1/5
Triens 1/30 2/15 1/6 1/3 2/3 1 1  1/3 4/5
Quadrans 1/40 1/10 1/8 1/4 1/2 3/4 1 3/5
Quincunx 1/24 1/6 5/24 5/12 5/6 1  1/4 1  2/3 1

A moeda de prata: o denario e o sestercio editar

Artigo principal: Denario.
Artigo principal: Sestercio.
 
Cuadrigato (ca. 225-212 a. C.), coa cabeza bifronte e laureada e a Vitoria guiando unha cuadriga
 
Vitoriato cuñado en Sicilia, coa cabeza laureada de Xúpiter no seu anverso

Antes da introdución do denario en 211 a. C., emitírase xa durante uns anos, no mesmo século III a. C., outra moeda de prata denominada cuadrigato, con peso de 6 escrúpulos (uns 6,8 gramos) e valor equivalente ao do didracma grego do sur de Italia, caracterizada polo busto bifronte de Xano nos seus anversos e unha representación da Vitoria conducindo unha cuadriga nos seus reversos (que lle dá o nome).[9][10][11] O cuadrigato contaba tamén cunha fracción, da metade do seu valor, denominada vitoriato.[12][13]

Pero foi no 211 a. C. cando a moeda de prata se regularizou coa aparición do denario, cun valor de 10 ases (de 53 gramos de bronce cada un). Aquel denario pesaba 1/72 de libra de prata (4,5 gramos). En 206 a. C. sufriu a súa primeira caída de peso, ata os 4,20 gramos, seguida doutra no período entre o 199 e o 190 a. C., coa que o denario pasou a ter un peso teórico de 1/84 de libra (3,85 gramos)[14]. En 170 a. C., sufriu unha nova desvalorización e o seu peso baixou ata os 3,70 gramos.[15]

 
Denario datado en 147 a. C.

Finalmente, arredor de 140 a. C., restableceuse o valor do denario en relación ao do ás, de xeito que un denario pasaba a equivaler a 16 ases e, xa que logo, un sestercio equivalía a partir de entón a catro ases.[16]

Comparación entre moedas romanas (século I a. C.)
Denario Quinario Sestercio Ás Metal
Denario 1 2 4 16 Prata
Quinario 1/2 1 2 8 Prata
Sestercio 1/4 1/2 1 4 Prata
Ás 1/16 1/8 1/4 1 Bronce
 
Bigato coa cabeza de Marte no anverso e a Vitoria conducindo a biga no reverso

Durante o século II a. C. emitiuse un tipo específico de denario, denominado bigato caracterizado por levar nos seus reversos unha biga ou carruaxe tirada por dous cabalos e conducida por unha divindade romana.[17]

O sestercio converteuse no transcurso do segundo século a. C. na unidade de conta habitual, en lugar do ás libral. Os gastos, os ingresos e as fortunas avaliábanse en sestercios, tanto nas contas oficiais do Estado romano como nas dos particulares. A data da introdución deste cambio contable non foi determinada con precisión polos historiadores, aínda que coinciden en que é algo anterior ao 141 a. C., partindo da inscrición do primeiro senatus consultum anotada en sestercios.[18][19]

Emisións co sistema grego no sur de Italia e en Sicilia editar

Durante os séculos VIII e VII a. de C., como consecuencia dun importante aumento da poboación e tamén da crise social e política en Grecia, numerosos emigrantes partiron para fundaren novas cidades (polis) arredor do Mediterráneo. O sur de Italia e Sicilia, debido á súa proximidade e ás súas riquezas agrícolas, foron importantes lugares de instalación. Estas novas cidades (Posidonia, Neapolis, Síbaris, Gela, Taras, Metaponto, Kroton e outras moitas) emitiron a súa propia moeda, baseándose en padróns ponderais non romanos senón noutros como o persa, o exinético, o macedonio e, finalmente, o padrón ático.[20][21][22]

A moeda romana no Alto Imperio editar

O sistema de Augusto editar

Artigo principal: Reforma monetaria de Augusto.

Desde a reforma monetaria de Augusto no ano 19 a. C., o sistema entrou nun período de estabilidade que durou máis de dous séculos. Regularizouse o uso do áureo, a moeda de prata foi complementada coa aparición dunha serie de submúltiplos en metais menos nobres e o bronce desapareceu do sistema monetario. O sestercio, que era unha pequena moeda de prata baixo a República, pasou a ser unha moeda de gran módulo nunha nova aliaxe de cobre e cinc, denominada oricalco (semellante ao latón) mentres que o ás pasou a cuñarse en cobre puro.[23]

 
Áureo cos retratos de Marco Antonio (esquerda) e Octavio Augusto, emitido en 41 a. C.

O sistema monetario de Augusto, daquela, pode ser presentado do seguinte xeito:[24][25]

Época de Augusto (27 a. C - 301 d. C) (27 a.C. – 301 A.D.)
Áureo Quinario (Au) Denario Quinario (Ag) Sestercio Dupondio Ás Semis Quadrans
Áureo 1 2 25 50 100 200 400 800 1.600
Quinario (Au) 1/2 1 12  1/2 25 50 100 200 400 800
Denario 1/25 2/25 1 2 4 8 16 32 64
Quinario (Ag) 1/50 1/25 1/2 1 2 4 8 16 32
Sestercio 1/100 1/50 1/4 1/2 1 2 4 8 16
Dupondio 1/200 1/100 1/8 1/4 1/2 1 2 4 8
Ás 1/400 1/200 1/16 1/8 1/4 1/2 1 2 4
Semis 1/800 1/400 1/32 1/16 1/8 1/4 1/2 1 2
Quadrans 1/1.600 1/800 1/64 1/32 1/16 1/8 1/4 1/2 1

No entanto, a ordenación monetaria non foi total. Na parte oriental do Imperio, as cidades batían as súas propias moedas para o seu uso local ou rexional, baseadas no dracma grego ou no cistóforo de prata, este último de arredor de 12 gramos e un valor de tres denarios ou catro dracmas gregos.[26]

No ano 64, baixo o mandato de Nerón, modificouse o peso da moeda de ouro e de prata, diminuíndo o valor do ouro amoedado en relación co da prata. Os áureos pasaron de 7,8 a 7,26 gramos (1/45 de libra) e os denarios de prata baixaron ata os 3,40 gramos.[27]

Propaganda imperial editar

Os emperadores prestaron sempre unha especial atención á presenza do seu retrato nas moedas, conscientes do seu valor propagandístico, particularmente no caso dos sestercios, que, co seu diámetro duns 33 milímetros, se converteran na moeda raíña da época.[28][29][30][31]

 
Medallón a nome de Augusto con valor de 4 áureos e un peso de 32 gramos, coñecido como "Cuaternón de Augusto", que exalta a conquista de Exipto

Os retratos dos emperadores máis exitosos foron os de Traxano e Adriano, dos que parece que foi o mesmo o artista gravador encargado de plasmalos en case todas as súas moedas, entre os anos 98 e 138. Baixo o mandato de Traxano, coa conquista da Dacia cara a 105, o Imperio amosou a súa propaganda con ostentación, cuns bustos do emperador gravados con trazos finos e bos relevos, cunha idealización próxima á dos deuses. E nos reversos das moedas representábanse as vitorias militares e políticas, frecuentemente con alegorías ou símbolos doadamente interpretables por unha poboación as máis das veces analfabeta.

En certos períodos, os retratos amósanse menos elaborados e parecen moi simplistas, case infantís, especialmente despois de 410. Estas moedas indican períodos de crise económica ou de axitación. Por exemplo, é difícil recoñecer os emperadores nas moedas das últimas décadas antes da caída do Imperio occidental en 476: os ollos aparecen adoito avultados, a cabeza desproporcionada, o nariz demasiado grande ou demasiado pequeno etc.

Cómpre ter en conta, ademais, que os obradoiros monetarios estiveron amplamente espallados por todo o Imperio, e a súa propia localización tiña, en ocasións, un propósito propagandístico. A poboación informábase frecuentemente da coroación dun novo emperador cando o seu retrato aparecía reflectido nas moedas, e algúns dos que exerceron o seu cargo durante pouco tempo aseguráronse de que isto se producise. Por exemplo, Quieto, un usurpador contra Galieno que exerceu só uns meses entre o 260 e o 261 d. C., apresurouse a emitir dúas moedas coa súa imaxe.

Algúns emperadores, mesmo, ordenaron a cuñaxe de grandes moedas de ouro de prestixio (coñecidas no ámbito numismático como "medallóns"), con valores de múltiplos do áureo (de 2 a 10 áureos), destinadas non á circulación senón á súa distribución en homenaxe aos grandes dignatarios do Imperio que fixesen os méritos suficientes.[32][33][34]

O período de axitación política editar

 
A progresiva perda de valor do antoniniano.

Co paso do tempo, a desvalorización da moeda foi cada vez máis rápida. Baixo Septimio Severo, a lei do denario baixou do 70 % ao 50 % de prata. Cara a 215, Caracalla, que precisaba diñeiro para o pagamento da milicia, á que lle aumentara o soldo, estableceu unha nova moeda denominada antoniniano, co valor de dous denarios, aínda que só pesaba a metade dun denario e apenas contaba cun 50 % de prata. Esta nova moeda recoñécese pola coroa de raios sobre o busto do emperador e, no caso das emperatrices, pola media lúa sobre a que se sustenta o busto.[35] Cara a esta época tamén aparece, fugazmente e con escaso éxito, o dobre sestercio, para substituír o sestercio tradicional moi desvalorizado.[36]

 
Dobre sestercio de Traxano Decio (249-251).

O denario deixou de usarse definitivamente e tamén o antoniniano foi debilitando a súa proporción de metal nobre ata a súa progresiva desaparición. Coa anarquía militar do século III, a multiplicación dos obradoiros monetarios ao longo e ancho do Imperio e a inestabilidade política, o sistema monetario entrou en caída libre.

Antes da súa desaparición definitiva, en 258, durante o reinado de Valeriano, o antoniniano non chegaba ao 20 % de prata e o Goberno comezou a enriquecer as moedas a través dun proceso de prateado da súa superficie que melloraba a súa aparencia para representar unha riqueza que intrinsecamente non tiñan.

Baixo o reinado de Claudio o Gótico, o antoniniano baixou ata o 3 % de prata e o sestercio, que valía daquela un oitavo de antoniniano, practicamente deixou de cuñarse.[37]

A moeda romana no Baixo Imperio editar

A reforma do sistema monetario editar

Durante o imperio de Diocleciano, a situación política e militar estabilizáronse, aínda que persistía unha inflación galopante. Na fin de 294 produciuse unha nova reforma monetaria, que diminuíu o valor do áureo de Aureliano (pasou de 1/50 a 1/60 da libra de ouro) e creou novas moedas: o arxénteo (lat. argenteus), que era unha especie de novo denario de 1/96 da libra de prata (da mesma calidade do antigo denario de Nerón), e tres moedas de bronce, unha delas cunha pequena porcentaxe de prata: o follis.[38]

 
Arxénteo cuñado a nome de Constancio Cloro na ceca de Antioquía
 
Centenional a nome de Maxencio, da ceca de Ambianum

A enorme inflación da época fixo que só unha década despois se levase a cabo a derradeira reforma monetaria do Imperio Romano, da man de Constantino, a partir da cal o sólido (lat. solidus) de ouro substituíu o áureo. En prata creouse o miliarense (lat. miliarensis) e, entre as moedas menores, o follis, daquela moi fortemente desvalorizdo, foi substituído por unha moeda de 3 gramos, o centenionalis ou centenional (lat. nummus centonionalis, por valer a centésima parte da siliqua no momento da súa creación).[39][40][41]

Moedas do Baixo Imperio (337-476) (337 – 476 d.C.)
Sólido Miliarense Siliqua Follis Centenional
Sólido 1 12 24 180 7.200
Miliarense 1/12 1 2 15 600
Siliqua 1/24 1/2 1 7  1/2 300
Follis 1/180 1/15 2/15 1 40
Centenional 1/7.200 1/600 1/300 1/40 1

O éxito do sólido editar

Artigo principal: Sólido (moeda).
Artigo principal: Moeda constantiniana.
 
Sólido de Constantino cuñado en 324 ou 325 na ceca de Antioquía

O sólido creado por Constantino en 311 equivalía a 1/72 da libra de ouro puro (arredor de 4,5 g), o que supuña unha desvalorización do ouro circulante ata o momento. O seu nome, que de por si se relaciona coa estabilidade do sistema, constituía un verdadeiro programa político enfrontado ás constantes desvalorizacións monetarias das xeracións precedentes. Constantino foi quen de manter a estabilidade desta nova moeda, que se emitiu en cantidades moi considerables, en parte grazas á confiscación de importantes acumulacións de ouro existentes nos templos pagáns.

Fronte á baixada constante das outras moedas de prata e bronce (o follis, por exemplo, perdeu axiña o seu contido de prata), o sólido converteuse en moeda-refuxio e con el facíanse os pagamentos de importancia (recompensas á milicia, impostos, tributos pagados polos pobos bárbaros, etc). Para facilitar este uso, creáronse dous submúltiplos do sólido, tamén en ouro: o tremis ou tremissis (terzo de sólido) e o semissis, tamén denominado ás veces como semis (medio sólido).

A estabilidade do sólido de 4,5 gramos de ouro conservouse durante a evolución desde o Imperio Romano ao Imperio Bizantino, onde tomou o nome de nomisma, que non coñeceu desvalorización ningunha ata o século XI coa dinastía dos Comneno, o que supón unha estabilidade de arredor de sete séculos.[42]

Tras a caída do Imperio Romano de Occidente, o sólido mesmo circulou durante un tempo nos territorios dos pobos que o desintegraron, e del derivan moedas posteriores con anterioridade á reforma de Carlomagno, como o soldo.[43] Os Visigodos cuñaron tamén moedas de ouro imitando os sólidos do Baixo Imperio Romano, e mesmo basearon o seu sistema monetario no tremissis, que tamén se coñece como triente.[44][45]

Abreviaturas nas lendas da moeda romana editar

 
Denario dos Idos de marzo, cuñada por Bruto en conmemoración do asasinato de Xulio César. Lenda: BRVT IMP L•PLAET•CEST / EID•MAR (Brutus Imperator Lucius Plateorius Cestianus / Eidibus Martiis = "Emperador Bruto - Lucio Pletorio Cestiano / Nos Idos de marzo")

As lendas das moedas romanas estaban, loxicamente, escritas en lingua latina (coa excepción dalgunhas procedentes de obradoiros provinciais) e con gran variedade de formas abreviadas. Estas son só algunhas das máis frecuentes:[46]

  • AVG: AVGVSTVS, AVGVSTA ("emperador", "emperatiz").
  • AVGG: AVGVSTORVM ("dos emperadores")
  • CAES: CAESAR ("emperador").
  • COS: CONSVL ("cónsul").
  • D: DIVVS, DIVA ("divindade").
  • F: FILIVS ("fillo").
  • TEMA: FILIA ("filla").
  • IMP: IMPERATOR ("xeneral vitorioso").
  • PM: PONTIFEX MAXIMVS ("gran pontífice").
  • PP: PATER PATRIAE ("pai da patria").
  • SC: SENATVS CONSVLTO ("por decreto do Senado").
  • TRP: TRIBVNICIA POTESTAS ("potestade dos tribunos da plebe").

Exemplo : TI CLAVD CAESAR AVG P M TR P VI IMP XI: "Tiberio Claudio César Augusto, gran pontífice, investido por sexta vez da potestade dos tribunos da plebe, saudado vitorioso por undécima vez".

A partir do século III, coa multiplicación dos obradoiros monetarios, as moedas comezaron a levar tamén, a modo de marcas de ceca, abraviaturas dos lugares onde estaban cuñadas.

Artigo principal: Cecas da Antiga Roma.

Autoridade para a cuñaxe editar

Durante o Imperio Romano había unha división na autoridade para cuñar moedas de certos metais. Aínda que se permitía a numerosas autoridades locais a cuñaxe de pezas de bronce, non se autorizaba a ningunha delas a fabricación de moedas de prata nin de ouro.[47]

Sobre a autoridade para a emisión de moeda, escribiu Dión Casio: "Non se debería permitir a ningunha das cidades teren a súa propia moeda nin sistema de pesos e medidas; deberíaselles esixir a todas que utilizasen as nosas".

Só a propia cidade de Roma se reservaba o dereito da cuñaxe de moedas de metais preciosos, tanto durante a República como durante os primeiros séculos do Imperio. Algunhas provincias, no entanto, cuñaron moedas de prata, pero con denominacións locais, destinadas a satisfacer necesidades locais.[48] A emisión de moedas de bronce pódese considerar de pouco interese para o Goberno central de Roma, xa que os gastos do Estado eran elevados e podían pagarse máis doadamente con moedas de alto valor. Sábese que durante o século I cun ás podía pagarse unha libra de pan ou unha xerra de viño barato (ou, consonte as inscricións en paredes de Pompeia, os servizos dunha prostituta barata). A importancia e a necesidade para a poboación de denominacións máis pequenas compróbase nas numerosas imitacións de moedas de bronce a nome de Claudio que, aínda que posiblemente non autorizadas por Roma, de facto foron toleradas e cuñáronse en grandes cantidades. Con esta moeda máis miúda pagábase tamén ao exército e ao funcionariado.[49]

A moeda romana en Galicia editar

Artigo principal: Historia da moeda en Galicia.
Artigo principal: Ceca de Lucus Augusti.

Na Gallaecia, a aparición das primeiras relacións comerciais entre os pobos prerromanos e os asentamentos romanos provocaría tamén a aceptación da moeda romana como medio de cambio e posiblemente favorecería o feito de que os pobos galaicos comezasen a utilizala nas súas transaccións interiores.

 
Ás a nome de Octavio Augusto cuñado no obradoiro monetario móbil de Lugo cara ao 25 a. C.

Nos tempos do Imperio, durante o século primeiro da nosa era, a circulación destas pezas romanas limitaríase ao interior dos destacamentos militares, ao sector administrativo e ás incipientes áreas industriais, baseadas fundamentalmente nas extraccións mineiras. Na segunda centuria, o proceso de municipalización do noroeste peninsular fará que os primeiros núcleos de carácter urbano se empecen a asentar e ampliar, de xeitoque, logo de coñecida a moeda como medio de cambio, esta entre nas vilas, nas que definitivamente se instalará un sistema monetario que acabe co troco nas transaccións comerciais. Cara ao terceiro século podemos xa pensar con certeza que toda Galicia coñece e utiliza a moeda, e durante os séculos cuarto e quinto a circulación de moeda imperial romana está xa totalmente estendida.[50] De xeito semellante ao que sucedía nas etapas anteriores, a raíz dos datos achegados polas moedas atopadas nos diferentes achados, hoxe podemos supor con sólidos fundamentos que o numerario de ouro e sobre todo o de prata eran moi escasos, xa que unicamente apareceron algúns sólidos e siliquas pertencentes á época constantiniana (313337) e ao derradeiro terzo do século cuarto.[51]

 
Reverso dun dupondio de Lucus Augusti

Canto aos obradoiros monetarios de procedencia das moedas que circulan na Gallaecia, ningunha delas estaba situada en territorio galego e, particularmente nos últimos séculos, tampouco no territorio peninsular. Pola contra, os obradoiros monetarios do Imperio Romano estaban situados inicialmente en oito cidades fundamentalmente da órbita mediterránea (Ticinum, Roma, Siscia, Antioquía...), ata que a reforma monetaria do emperador Diocleciano no século terceiro as ampliou a quince, que foron as que fornezan o Imperio durante todo o século cuarto.

No entanto, no primeiro século antes de Cristo, con motivo das guerras cántabras e baixo a xurisdición do legado imperial da Lusitania, Publio Carisio, batéronse na Gallaecia as primeiras moedas ata hoxe coñecidas. Trátase de sestercios (dos que se conservan escasísimos exemplares), dupondios e ases (estes últimos os máis numerosos).[52][53][54] A tese máis firme sobre a orixe destas moedas é a de que estarían destinadas á actividade comercial que apareceu en Galicia logo de rematada a guerra, favorecida pola Via Astvrica que Octavio Augusto mandou construír. Ademais, cómpre sinalar que tras a guerra floreceron as minas galegas de estaño, ouro e outros metais, creando unha infraestrutura case industrial en torno a elas, polo que xurdiu a necesidade urxente dun numerario para o pagamento dos traballadores e para as pequenas transaccións privadas que se realizaban entre os poboadores que se instalaron nestas áreas.[55]

Sobre a localización exacta da ceca onde foron cuñadas estas moedas hai diversas hipóteses, aínda que a única defendida actualmente é a da cidade de Lugo, ou ben un obradoiro móbil con base nesa capital e que actuaría na súa área de influencia. Canto á datación, a práctica totalidade dos investigadores sitúan estas moedas entre os anos 25 e 23 a. C.[56][57][58]

Etimoloxía monetaria editar

  • A cuñaxe de moeda na cultura romana, que comeza arredor do século IV a. C., influíu significativamente no desenvolvemento posterior da fabricación de moeda en Europa. A orixe da propia palabra galega "moeda", e tamén das inglesas money ("diñeiro") e mint ("casa da moeda") relaciónase coa cuñaxe de moeda de prata en Roma no ano 269 a. C., na contorna do templo de Xuno Moneta.[59]
  • A pabra latina pecus ("gando"), unidade orixinal do troco con anterioridade á aparición da moeda, é a orixe da palabra actual "pecuniario" e a súa familia léxica.[60]
  • O termo grego nomos ("a lei") está na orixe de nomisma e da súa forma latina numisma, o que implica que o diñeiro foi antes de nada un valor xurídico. A familia léxica de "numismática" ten aí a súa orixe.
  • Tamén a palabra "diñeiro", tanto como nome de moeda medieval como no actual sentido, como sinónimo de "cartos", procede de "denario", e esta da forma latina denarius, do mesmo xeito que "soldo" ten a orixe no sólido do Baixo Imperio (lat. solidus).[61]

Fontes do coñecemento da moeda romana editar

As moedas son un dos testemuños máis coñecidos da vida económica da Antiga Roma[62]. Os comezos do estudo do monetario romano remóntanse xa a varios séculos. A partir do século XVIII, coleccionistas e eruditos empezaron a constituír os primeiros "gabinetes de medallas" (denominaban deste xeito as moedas antigas), onde se acumulaban, clasificaban e estudaban as súas adquisicións. Entre eles, é de salientar o Gabinete de Medallas de París, dependente da Biblioteca Nacional de Francia. Da fusión de varios destes inventarios xurdiron os primeiros catálogos numismáticos, cada vez máis exhaustivos, que repertoriaban as emisións segundo os seus tipos, motivos ou lugares de emisión.

 
Retrato do numismático Henry Cohen, 1878. Bibliothèque nationale de France.

Unha ilustración deste proceso a finais do século XIX dánola Henry Cohen, autor dun famoso catálogo que abrangue decenas de milleiros de moedas imperiais, titulado Description historique des monnaies frappées sous l'Empire romain. No seu limiar, Cohen describe o seu estudo dos inventarios de museos de Turín, de Dinamarca e de Viena, así como as coleccións do Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico e do Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia. Este último enriqueceu os seus fondos co legado de afeccionados como o Conde de Caylus, que seguía moi de preto as primeiras descubertas arqueolóxicas de Herculano e Pompeia a principios do século XVIII.[63]

A partir de 1900, cos traballos de Adrien Blanchet, a numismática, ata entón restrinxida ás actividades de catalogación, ampliou o seu ámbito ao estudo dos achados monetarios e da documentación arqueolóxica e histórica. Procurábanse os lugares de emisións, calculábanse os volumes das cuñaxes e o seu espallamento, analizábanse as características físicas das pezas etc.[64]

 
Presentación do tesouro de moedas romanas de ouro de Tréveris no Rheinisches Landesmuseum Trier.

Os traballos ao longo do século XX víronse moi influídos polos achados de tesouros monetarios romanos ás veces espectaculares, como o descuberto en 1929 en Marcianópolis, na provincia romana de Tracia (hoxe Devnja, en Bulgaria), con máis de 80.000 pezas de prata; o tesouro da vila francesa de Eauze, descuberto en 1985, con 28.000 pezas de prata; o tesouro de Tréveris, en Alemaña, en 1993, con 2.500 áureos do Imperio Romano); o de Frome, en Inglaterra, en 2010, con 52.000 moedas, na súa maioría de bronce) etc.[65] Estas descubertas e os traballos de diversos especialistas, sobre todo británicos, complementaron a obra de Cohen e deron lugar á publicación de Roman Imperial Coinage, un monumental catálogo en dez volumes que recolle todas as moedas imperiais romanas, desde a batalla de Accio, en 31 a. C., ata 491 d. C., xa na Antigüidade tardía, froito de sete décadas de estudos (de 1923 a 1994), que se converteu en referencia para a identificación das moedas emitidas a nome dos emperadores romanos.[66]

A segunda metade do século XX e o século XXI viron a diversificación da numismática romana: a proliferación de depósitos arqueolóxicos e o uso de detectores de metais en escavacións oficiais enriqueceron a masa de moedas coñecidas para o seu estudo[67]. As investigacións estendéronse a áreas ata daquela desatendidas, como a grande diversidade de emisións locais ou a moeda de cobre e bronce.[68] Ademais, a informática ofrece agora novas posibilidades de inventario, ao tempo que as novas técnicas espectrográficas permiten análises máis polo miúdo das aliaxes.[69]

Notas editar

  1. Vázquez Hoyos, Ana M. "Sistema monetario romano Arquivado 10 de marzo de 2018 en Wayback Machine.". Universidad Española de Educación a Distancia (UNED)
  2. Cartwright. "Roman Coinage". En Ancient History Encyclopedia. 2013.
  3. Depeyrot (2006). Páxina 11.
  4. "Roman Republic Coinage: The pre-denarius coinage". The British Museum.
  5. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Quincunx" e "Cuartuncia".
  6. Ver as entradas correspondentes en Algunos tipos de monedas antiguas. www.tesorillo.com
  7. "Medal". En Nicholson, William. American edition of the British Encyclopedia or Dictionary of Arts and Sciences. Vol. VII. Ed. Mitchell, Ames and White. Philadelphia, 1821: "Servius Tulius introduced the practice of impressing figures on their copper or aes (...) This manner of distinguishing the coin was afterwards changed, and janus on one side, and the prow of a galley on the other, became the marks of the aes".
  8. Boyne, William. A Manual of Roman Coins: from the earliest period to the extinction of the empire. W. H. Johnston, 1865. Páxinas 5-7.
  9. "Sistema Monetario en la República Romana: los Quadrigatos". En Imperio-Numismatico.com
  10. Jiménez Peris, J. A. "Quadrigatus, las didracmas romanas Arquivado 06 de abril de 2018 en Wayback Machine.". En Numismático Digital.17 de agosto de 2016.
  11. "Relative arrangement of quadrigatus issues". En Crawford, M. H. (1974). Vol. I. Páxina 103.
  12. "Vitoriato". En Digalego. Dicionario de galego.
  13. "Sistema Monetario en la República Romana: los Victoriatos". En Imperio-Numismatico.com
  14. Zehnacker, Hubert. "Aperçus de numismatique romaine (I)". En Vita Latina. Nº 127. 1992. Páxinas 3-4.
  15. "Roman Republican Coinage: the denarius coinage". The British Museum.
  16. Christol, M.; Nony, D. Rome et son empire, des origines aux invasions barbares. Hachette. 2003. Páxina 75. ISBN 2011455421
  17. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Bigato".
  18. Sherk, R. Roman documents from the Greek East; senatus consulta and epistulae to the age of Augustus. The Johns Hopkins Press. Baltimore, 1969. Páxina 49.
  19. Nicolet, C. Censeurs et publicains, économie et fiscalité dans la Rome antique. Fayard, 2000. Páxinas 155-160. ISBN 2-213-60296-4
  20. "Coins of the Finest Period of the Greek Cities of the South opf Italy". En Noel Humphreys, Henry. (1869). Páxinas 66-72.
  21. Hands, Alfred (1909).
  22. Rutter, N. K. (1997).
  23. Zehnacker, Hubert. "Aperçus de numismatique romaine (III)". En Vita Latina. N° 129. 1993. Páxina 3.
  24. Depeyrot (2006). Páxina 33.
  25. "Sistema monetario romano: reforma de Augusto Arquivado 24 de outubro de 2016 en Wayback Machine.". En Edouardlouvet: Monedas Romanas.
  26. Depeyrot (2006). Páxina 37.
  27. Depeyrot (2006). Páxina 45.
  28. "Monedas y propaganda". En Adminicvla Nomisma.
  29. Sánchez Vendramini. "Propaganda política en las monedas del emperador Augusto". No blog numismático Monedas Antiguas.
  30. Ibsen, J.; Miller, M. "The Use of Propaganda on an Augustan Denarius". Pepperdine University. 2013.
  31. "Propaganda on the Legends of Roman Coins". En Caesar the Day. Novembro de 2012.
  32. Mélida Alinaeri, J. R.; Vives Escudero, A. "Medallón de oro de Augusto del año 27 a. de J. C.". En Boletín de la Real Academia de la Historia. Tomo 79. 1921
  33. "Cuaternión de Augusto Arquivado 03 de marzo de 2019 en Wayback Machine.". Museo Arqueológico Nacional.
  34. "Arras medallion". The British Museum. Collection online.
  35. "Cabezas coronadas Arquivado 07 de febreiro de 2018 en Wayback Machine.". En Edouardlouvet: Monedas Romanas.
  36. "Doble sestercio". En Algunos tipos de monedas antiguas. www.tesorillo.com.
  37. Lukács, B. "On the continuous devaluation of the roman currency".
  38. Lafaurie, Jean. "Réformes monétaires d'Aurélien et de Dioclétien". En Revue numismatique. 6ª serie. Tomo 17. 1975. Páxinas 74-75.
  39. Remondon,Roger. La crise de l'empire romain, de Marc-Aurèle à Anastase. En Révue des Études Bizantines. Nº 23. 1965.
  40. Petit, Paul. Histoire générale de l’Empire romain. Seuil, 1974. Páxina 549. ISBN 2020026775
  41. "Currency and the Collapse of the Roman Empire". The Money Project.
  42. Loriot, X. "Réflexions sur l'usage et les usagers de la monnaie d'or sous l'Empire romain". En Revue numismatique. 6ª serie. 159. 2003.
  43. Spufford, Peter. Money and its use in medieval Europe. Cambridge University Press. 1993. Páxinas 7-52,397,400. ISBN 978-0-521-37590-0
  44. Vico, J.; Cores, M. C. "La Moneda Visigoda Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.". En Gaceta Numismática. 169. Xuño de 2008.
  45. "Emisiones de la Antigüedad tardía. Amonedaciones en la Península Ibérica y la Narbonensis entre mediados del siglo V y principios del siglo VIII". En Tesorillo.com
  46. Cébeillac-Gervasoni, M.; Caldelli, M. L.; Zevi, F. Épigraphie latine Annexe 3 Onomastique et titulature des empereurs. Armand Colin, 2006. ISBN 2200217749
  47. Gonzalbes, M.; Ripollès, P. P. "La fabricación de moneda en la Antigüedad". Universidade de Valencia.
  48. Ripollès Alegre, Pere Pau. Las acuñaciones provinciales romanas de Hispania'. Real Academia de la Historia. Madrid, 2010.
  49. "Buying Power of Ancient Coins". En Ancient Greek & Roman Coins.
  50. Arias Vila, Felipe. A romanización de Galicia. Ed. A Nosa Terra. 2ª ed. 1992. Páxinas 82-84. ISBN 84-604-3279-3
  51. Pita Fernández, Ricardo. Numismática Galega. A moeda en Galicia e Galicia na moeda. Santiago de Compostela. 1999. Páxinas 15-19. ISBN 84-605-9958-2
  52. Centeno, R. S. "Um novo sestércio de Augosto com a caetra no reverso, aparecido em Braga". En Bracara Augusta. Braga. 2010. Páxinas 171-173.
  53. Cebreiro Ares, F. "La emisión de sestercios del Noroeste a la luz de un nuevo hallazgo". En Sagvntvm. 44. 2012. Páxinas 203-206.
  54. Albo, F. "Un sestercio romano oriundo de Lucus Augusti, robado y recobrado". En La Voz de Galicia. 2 de marzo de 2013.
  55. "A mensaxe da moeda da caetra". En Capítulo Cero. 10 de xuño de 2012.
  56. Pita Fernández (1999). Páxinas 39-46.
  57. Paz Bernardo, Jaime. Moedas galegas. Moedas, medallas, billetes especializado do século IX a C ó Século XXI d C. 2002 ISBN 978-84-607-6330-7
  58. Ferrer Sierra, S. "El posible origen campamental de Lucus Augusti a la luz de las monedas de la caetra y su problemática". En Lucus Augusti. I. El amanecer de una ciudad. A Coruña, 1997.
  59. "Los avisos de Juno Moneta". En Adminicvla Nomisma.
  60. "Pecus y pecunia". En Adminicvla Nomisma.
  61. "Denario y dinero". En Adminicvla Nomisma.
  62. Michel Christol, Daniel Nony. Rome et son empire, des origines aux invasions barbares. Hachette. 2003. Páxina 167. ISBN 2011455421
  63. Cohen, Henry (1882). Tomo I. Limiar. Páxina XI.
  64. Blanchet, Adrien. Les trésors de monnaies romaines et les invasions germaniques en Gaule. Ed. Ernest Leroux. París, 1900
  65. Depeyrot (1987). Páxina 6.
  66. Hubert Zehnacker. "С. H. V. Sutherland. The Roman Imperial Coinage, Volume I, Revised edition, From 31 ВС to AD 69". En Revue numismatique. Vol. 6. Nº 27. 1985. Páxinas 229-231.
  67. Lexislación española sobre o uso de detectores de metais Arquivado 23 de marzo de 2021 en Wayback Machine..
  68. Depeyrot (2006). Páxina 122.
  69. Depeyrot (1987). Páxina 114.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Albert, R. (2003). Die Münzen der Römischen Republik. Von den Anfängen bis zur Schlacht von Actium. Battenberg, Múnic. ISBN 3-924861-76-5 [2ª edición en 2011]

Ligazóns externas editar