The Roman Imperial Coinage
The Roman Imperial Coinage (nalgúns volumes omítese no título o artigo "The"), abreviado como RIC (en galego: "A moeda imperial romana"), é un monumental catálogo británico de moeda imperial Romana que abrangue a produción monetaria desde o tempo da Batalla de Accio (31 a. de C.) ata a Antigüidade Tardía, no ano 491 d. de C. É o resultado de décadas de traballo (desde 1923 ata 1994) a modo de continuación do anterior catálogo de oito volumes compilado no século XIX polo numismático Henry Cohen.[1]
Este traballo tómase como estándar para a identificación das cuñaxes realizadas baixo a autoridade dos emperadores romanos.
Produción editorial
editarA produción dun catálogo cronolóxico das emisións monetarias do Imperio Romano arrincara en 1923 da man de Harold Mattingly, numismático do Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico. O seu catálogo supuña unha salientable diferenza con respecto ao do seu predecesor, Henry Cohen, de 1886. Mentres Cohen clasificara as moedas por emperador, e despois por orde alfabética da lenda, sen indicación ningunha dos obradoiros monetarios, Mattingly daba para cada emperador unha clasificación cronolóxica das pezas ordenadas por obradoiro monetario e por serie de emisión.[2]
Mattingly asociouse con Humphrey Sutherland para elaborar os volumes IVb (1938) e IVc (1949), e con Percy H. Webb para os volumes Va (1927) e Vb (1933). A partir de 1930, a dirección editorial de cada volume dos que restaban foille encomendada a especialistas en cada período.[3]
Logo do falecemento de Mattingly en 1964, Sutherland e R. A. G. Carson asumiron conxuntamente a dirección editorial do traballo.[4]
En 1984 Sutherland publicou unha edición ampliada do primeiro volume de 1923, que non foi tan detallada como as seguintes.[5]
Contidos
editarO RIC componse de 13 volumes:
- Volume 1: de Augusto a Vitelo (31 a. de C. - 69 d. de C.). Sutherland. Londres, 1923 (revisado en 1984).
- Volume 2: de Vespasiano a Hadriano (69-138). Mattingly e Sydenham. Londres, 1926.
- Volume 3: de Antonino Pío a Cómodo (138-192). Mattingly e Sydenham. Londres, 1930.
- Volume 4a: de Pertinax a Xeta e Caracalla (193-217). Mattingly e Sydenham. Londres, 1936.
- Volume 4b: de Macrino a Pupieno (217-238). Mattingly, Sydenham e Sutherland. Londres, 1930.
- Volume 4c: de Gordiano III a Uranio Antonino (238-253). Mattingly, Sydenham e Sutherland. Londres, 1949.
- Volume 5a: de Valeriano a Floriano (253-276). Percy H. Webb. Londres, 1927.
- Volume 5b: de Probo a Maximiano (276-310). Percy H. Webb. Londres, 1933.
- Volume 6: de Diocleciano a Maximino Daia (294-313). Sutherland. Londres, 1967.
- Volume 7: de Constantino a Licinio (313-337). P. M. Bruun, 1966.
- Volume 8: Dinastía Constantiniana (337-364). J. P. C. Kent. Londres, 1981.
- Volume 9: de Valentiniano I a Teodosio I (364-395).
- Volume 10: división do Imperio (395-491). J. P. C. Kent. Londres, 1994.
Na obra dáse unha historia detallada das moedas do reinado de cada emperador, cunha clasificación dos tipos de emisión, e dentro de cada tipo unha inscrición, a partir da súa inscrición.
Para cada peza listada, hai unha descrición tanto do seu anverso como do seu reverso ("cabezas e colas"), e achéganse tamén unhas siglas para indicar o nivel de rareza:
- C: "común".
- R1: "raro", arredor de 20 exemplares coñecidos.
- R2: entre cinco e 15 exemplares coñecidos.
- R3: catro ou cinco exemplares coñecidos.
- R4: dous ou tres exemplares coñecidos.
- R5: un único exemplar coñecido.
Nas páxinas finais de cada volume hai unha táboa coas moedas que aparecen reproducidas.
Notas
editarVéxase tamén
editarOutros artigos
editar- Moeda da Antiga Roma
- Description historique des monnaies frappées sous l'Empire romain
- Henry Cohen (numismático)
Bibliografía
editar- Cohen, Henry. Description historique des monnaies frappées sous l'Empire romain. MM. Rollin & Feuardent. 2ª edición. París, 1880-1892 (Tomo I: 1880. Tomo II: 1882. Tomo III: 1883. Tomo IV: 1884. Tomo V: 1885. Tomo VI: 1886. Tomo VII: 1888. Tomo VIII: 1892 (mais táboa de emperadores).
- Zehnacker, H (1985). "С. H. V. Sutherland, The Roman Imperial Coinage, Volume I, Revised edition, From 31 ВС to AD 69". En Revue numismatique. Vol. 6. Nº 27. Páxinas 229-231.
- Zehnacker, H. (1986) "Où en est le Roman Imperial Coinage ?". En Bulletin de l'Association Guillaume Budé (2): 202–205.
Ligazóns externas
editar- Virtualcohen.com. Versión en liña do catálogo de Cohen, 120 anos despois da súa publicación inicial.