Tesouro romano de Tréveris

tesouro de áureos achado en Tréveris
Tesouro romano de Tréveris
· Datas do depósito: século II d. C.

· Período ou cultura: Imperio Romano.

· Lugar de aparición: Tréveris, Alemaña.

· Data de aparición: 9 e 10 de setembro de 1993.

· Coordenadas: 49°45′16″N 6°37′59″L / 49.75444, -6.63306

· Material: ouro.

· Peso total: 18,5 quilogramos.

· Composición: ca. 2.650 moedas (2.518 recuperadas).

· Conservación: Museo Rexional Renano de Tréveris.

O tesouro romano de Tréveris é unha acumulación de 2.518 moedas imperiais romanas de ouro (áureos), que foi achado en 1993 durante unhas obras na rúa Feldstrasse, do barrio antigo de Tréveris.

O conxunto ten un peso total de 18,5 quilogramos de ouro, o que o converte no maior depósito de moeda do Imperio Romano descuberto ata agora. A data de cuñaxe de máis do 99 % das pezas correspóndese co período entre o 63 e o 168 d. C., e estas representan aproximadamente a décima parte de todos os áureos coñecidos dese período.[1][2]

Este tesouro constitúe o máis salientable das coleccións que forman parte do Museo Rexional Renano de Tréveris.[3][4]

O achado

editar

En 1993, as autoridades municipais de Tréveris deron comezo ás escavacións dos alicerces para un novo hospital na rúa Feldstrasse, coa intención de construír un aparcadoiro subterráneo. En tanto que se levaban a cabo estes traballos de escavación, un grupo de arqueólogos do museo rexional traballaba nos entullos producidos, onde descubriu os restos do muro de pedra dun grupo de vivendas romanas (insula) e a tapa curvada dun caldeiro.[2]

 
As dúas metades partidas do caldeiro que albergaba o tesouro de Tréveris, unhas horas despois do seu achado.

O 9 de setembro dese mesmo ano, durante unha pausa para xantar, un grupo de curiosos descubriu unhas moedas de ouro na pa dunha escavadora. Coa esperanza de achar máis moedas de ouro, un numismático afeccionado coouse nun dos foxos á noite e, logo dunhas padas de terra, deu cun cúmulo de 1.389 áureos romanos, amalgamados pola corrosión do bronce e a marga petrificada. Logo, nos restos dunha antiga adega da insula en forma de L atopou a metade inferior dun caldeiro de bronce que contiña outras 561 moedas de ouro. Este recipiente, cuxa metade superior fora arrincada pola pa mecánica esa mesma mañá, era o que albergara todo ese cúmulo de moedas durante séculos.[2]

O coleccionista levou as moeda ao seu coche cun caldeiro e unha bolsa de plástico, e á mañá seguinte trasladou a maioría do achado ao Museo de Renania, consciente de que irrompera nun tesouro que os arqueólogos sen dúbida descubrirían o día seguinte, xa que estaban programadas medicións estratigráficas e sondaxes na escavación para ese 10 de setembro.[2]

Á parte deste, producíronse tamén outros achados nas obras do hotel Kockelsberg, onde o material extraído da rúa Feldstrasse se ía utilizar como recheo para os alicerces do aparcadoiro, xa que algúns dos numismáticos afeccionados e coleccionistas que atoparan as primeiras moedas seguiron un dos camións que carrexaban o material escavado. A nova da existencia do tesouro expandiuse axiña polo distrito e, na tarde do 9 de setembro, traballadores, camioneiros e hóspedes do hotel sumáronse á procura de exemplares, o que permitiu recuperar máis de catrocentas moedas de ouro máis, ademais da tapa do caldeiro, que estaba nos entullos botados detrás do hotel Kockelsberg.[2][5]

Finalemente, os investigadores lograron rexistrar a devolución de 2.518 moedas romanas de ouro por parte de 19 persoas, aínda que se supón que algúns espécimes raros non chegaron nunca ao museo".[2][6] Estímase que o caldeiro tiña orixinariamente arredor de 2.650 áureos.[7]

Disposición das moedas

editar

Os áureos do tesouro romano de Tréveris foron depositados nun caldeiro de bronce de 25 centímetros de altura, que foi partido en dous pola pa escavadora. O recipiente tiña unha tapa separada cunha asa. As moedas non foron introducidas unha a unha, senón que debían estar en, polo menos, dúas bolsas de coiro, cuxos restos se atoparon. A disposición das moedas no momento da súa descuberta tamén suxire que estaban dispostas inicialmente en rolos de moedas.[2][8]

Contexto histórico

editar

Non se pode determinar con certeza se o tesouro proviña dunha posesión privada ou dunha recadación de impostos. En calquera caso, tratábase dunha suma de diñeiro enorme para a súa época: 2.650 áureos equivalían a 265.000 sestercios, é cómpre ter en conta que o soldo anual do Procurador de Finanzas nas provincias da Gallia Belgica, a Xermania Superior e a Xermania Inferior, residente en Tréveris, era de 200.000 sestercios.[2][9] O método de almacenamento apunta máis ben a un tesouro de orixe pública ou militar, que debía ser accesible en calquera momento para realizar pagamentos e cobrar diñeiro en efectivo. O tesouro tamén podería estar relacionado co templo de Asclepio, que estaba nas proximidades do achado.

As moedas deste tesouro cuñadas en época máis recente datan dos anos 193 a 196 d. C., no contexto da guerra de sucesión entre o emperador romano Septimio Severo e o seu rival Clodio Albino. Sábese que Tréveris foi asediada en 196 polo exército de Clodio Albino, sen éxito finalmente. Especúlase con que o posuidor do tesouro era partidario deste e que, logo da derrota do seu líder, tivo que abandonar a cidade ou foi arrestado, vítima das purgas de Septimio Severo, deixando as moedas soterradas ata que caeron no esquecemento.[2][10][11]

Interpretación

editar
 
Serie de bustos de emperadores e cortesáns representadas nos áureos do tesouro de Tréveris.

Máis do 96 % detas moedas foron cuñadas na ceca de Roma, e o resto procede da ceca de Lugdunum (actual Lion). A gran pureza do seu ouro, do 99,05 %, convérteas en moedas pouco comúns. Desde o punto de vista da súa tipoloxía, correspóndense a 80 tipos ou variantes.[2][12]

Nos seus anversos locen os bustos de 29 emperadores e altos dignatarios romanos diferentes, entre os que os máis frecuentes son Nerón (54-68 a. C), con 866 espécimes, e Vespasiano (69-79 d. de C.), con 189 exemplares. Esta composición do tesouro correspóndese con outros achados e relaciónase con varias reformas monetarias. En 64, baixo o imperio de Nerón, o Senado adoptou un padrón monetario máis lixeiro, de xeito que os antigos áureos, máis pesados, foron retirándose pouco a pouco da circulación e tiveron que ser substituídos por unha maior cantidade de áureos máis lixeiros. Isto explica que as emisións de Nerón e de Vespasiano foron as máis numerosas e marcaron a circulación de moeda de ouro ata o século II.[13]

Nas moedas achadas en Tréveris dáse, ademais, unha ausencia de moedas emitidas entre os anos 82 e 99 d. C. Esta época correspóndese cos períodos de goberno de Domiciano (81-96 d. C.) e de Nerva (96-98 d. C.), emperadores que retomaron a cuñaxe de áureos pesados. Pola súa banda, Traxano (98-117 d. C.) volveu á cuñaxe dos áureos lixeiros e fixo fundir os pesados emitidos polos seus antecesores. Dado que a proporción de áureos pesados no tesouro de Tréveris é moi pequena, pódese concluír que o tesouro se acumulou a partir de mediados do século II, cando apenas había en circulación áureos de Domiciano nin anteriores á reforma de Nerón.[13]

Despois de ca. 167/168 d. C., a serie de moedas do tesouro de Tréveris interrómpese de súpeto. Isto relaciónase cos estragos causados pola coñecida como "peste antoniana", unha epidemia que afectou todo o Imperio Romano, con particular incidencia en Tréveris, o que puido levar ao propietario ou xestor do tesouro a agochalo apresuradamente e marchar da cidade logo do inverno de 167 a 168 d. C., para o recuperar anos despois, superada a epidemia. De feito, no tesouro só hai seis moedas posteriores, que datan dos anos 193 a 196.[2][14]

Intento de roubo en 2019

editar

Na mañanciña do 8 de outubro de 2019, uns descoñecidos entraron no Rheinisches Landesmuseum Trier e intentaron romper o cristal blindado da vitrina que gardaba o tesouro de moedas no seu interior, para o roubar. O intento fracasou e os seus autores lograron fuxir antes da chegada da policía.[15]

Este feito provocou o pechamento ás visitas públicas ao tesouro, ata a posta en marcha de novas medidas de seguridade. Nun principio, prevíase a reapertura para principios do verán de 2020, mais as circunstancias da pandemia de COVID-19 en Alemaña fixeron que esta data se pospuxese inicialmente para finais de 2020 e, posteriormente, para o verán de 2021. Finalmente, a reapertura pospúxose novamente, ata a primavera de 2022, por mor da reorganización xeral da colección numismática.[16][17][18][19]

En relación co intento de roubo, en maio de 2021 sóubose que un sospeitoso nos Países Baixos xa fora extraditado a Alemaña en decembro de 2020. Achouse un rastro de ADN seu no lugar dos feitos. A acusación foi de roubo en grao de tentativa.[20] O suxeito foi condenado a tres anos de prisión en agosto de 2021 pola súa participación no delito.[19] Aínda non hai rastro doutros autores, xa que se estima que en total foron tres persoas as implicadas.[20]

  1. Gilles, K. J. (2013). Páxinas 8, 45, 73.
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 Seewald, B. (2013). "Goldschatz aus Trier revolutioniert die Numismatik". En Welt. 6 de setembro.
  3. "Goldene Zeiten. 20 Jahre Trierer Goldschatz". Rheinisches Landesmuseum Trier.
  4. "Trierer "Jahrtausendfund". Goldschatz nun komplett zu sehen". En NTV.de. 11 de outobro de 2010.
  5. Gilles, K. J. (2013). Páxinas 10 e seguintes.
  6. Gilles, K. J. (2013). Páxina 14.
  7. "2650 römische Goldmünzen". En Trier.de. 17 de setembro de 2013.
  8. Gilles, K. J. (2013). Páxinas 18 e seguintes.
  9. Gilles, K. J. (2013). Páxina 26.
  10. Clemens, G.; Clemens, L. (2007). Páxina 31.
  11. Gilles, K. J. (2013). Páxina 75.
  12. Gilles, K. J. (2013). Páxinas 23 e 36.
  13. 13,0 13,1 Gilles, K. J. (2013). Páxinas 23 e seguintes.
  14. Gilles, K. J. (2013). Páxina 74.
  15. "Missglückter Einbruch: Museumsräuber wollen berühmten Trierer Goldschatz klauen - und scheitern spektakulär". En Focus Online, 16 de outubro de 2019.
  16. "Trierer Goldschatz ab Frühsommer 2020 wieder zu sehen". En Welt.de. 20 de novembro de 2019
  17. "Trierer Goldschatz erst Ende 2020 wieder zu sehen". En Westfälische Nachrichten. 15 de maio de 2020.
  18. "Trierer Goldschatz doch erst im Sommer 2021 wieder zu sehen". En Zeit Online. 6 de decembro de 2020.
  19. 19,0 19,1 "Versuchter Goldschatz-Diebstahl: Drei Jahre Gefängnis". En SWR Aktuell. 24 de agosto de 2021.
  20. 20,0 20,1 "Kriminalität - Trier: Nach versuchtem Goldschatz-Raub mutmaßlicher Täter angeklagt". En Süddeutsche Zeitung. 4 de maio de 2021.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Clemens, G.; Clemens, L. (2007). Geschichte der Stadt Trier. Beck C. H, Múnic. ISBN 978-3406556180
  • Gilles, K. J. (2013). Der römische Goldmünzenschatz aus der Feldstraße in Trier. Rheinisches Landesmuseum, Tréveris. ISBN 978-3-923319-82-4

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar