Para a moeda romana e bizantina de ouro con valor de medio sólido ou medio nomisma, ver semissis.

O semis (voz latina; plural semissis; "metade dunha unidade") foi unha moeda da Antiga Roma de bronce, de tempos da República, con peso e valor equivalentes a medio ás ou seis onzas romanas ou uncias.[1][2][3][4][5][6]

Deseño dun semis cos motivos habituais da primeira época (Saturno e proa de barco), procedente da obra Kurzgefasste Anfangsgründe zur alten Numismatik (Viena, 1787), do numismático austríaco Joseph Eckhel.

Historia

editar
 
Semis de bronce do ano 270 a. de C.

Emitido polo obradoiro monetario de Roma a partir do século III a. de C., o semis foi unha moeda de bronce inicialmente fundida e máis tarde xa cuñada, nada como equivalente da metade do ás libral (un ás que pesaba unha libra romana, ou 324 g). Cara a 250 a. de C., o ás someteuse a unha redución do seu peso, ao pasar a preto de 260 gramos, e, consecuentemente, tanto o semis como o resto dos submúltiplos sufriron unha diminución proporcional. A partir de aí, o peso da moeda de bronce continuou nun camiño descendente, especialmente durante a segunda guerra púnica, un período marcado pola inflación e pola aparición das moedas de prata (denario e sestercio), que acabaron por marxinar a moeda de bronce.[7][8][9]

Malia estas importantes variacións sucesivas no seu peso, os motivos que caracterizaron os semis republicanos desta primeira época non variaron: Saturno no anverso e a tradicional proa dun barco no reverso, característica da moeda de bronce deste período[10]. Ademais, estas moedas aparecen identificadas, a modo de marca de valor, por unha letra "S" ou por seis puntos, que representan as seis onzas (das doce que compuñan unha libra).[11][12]

Logo dunha existencia esporádica durante o século II a. de C., as emisións do semis acabaron por deterse no ano 82 a. de C., cando pechou o obradoiro encargado das emisións romanas de bronce. A partir de aí, autorizáronse cuñaxes provinciais para uso local en Hispania e na Gallia Narbonensis, segundo o padrón imperial romano. que continuaron ata o século I d. de C.[13] No ano 19 a. de C., a reforma monetaria de Augusto estableceu unha xerarquía dos valores en circulación, na que ten cabida novamente o semis, como pequena moeda, xa non de bronce, senón de cobre, destinada ao comercio local.[14]

A emisión de semis cesou definitivamente durante o período de Adriano (117-138).[15]

  1. "Semis Arquivado 09 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine.". En Digalego. Dicionario de galego.
  2. "Semis". En Amandry, M. (dir). (2001).
  3. "Semis". En Melville Jones, J. R. (1990).
  4. "Semis". En Mateu y Llopis, F. (1946).
  5. "Semis". En Forum Ancient Coins.
  6. "Semis". En Algunos tipos de monedas antiguas. www.tesorillo.com
  7. Depeyrot (2006). Páxinas 11-12.
  8. Sear (2000). Páxinas 185, 207, 211.
  9. "Semis". En Schulzki, Heinz-Joachim. Brill’s New Pauly.
  10. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Semis".
  11. Depeyrot (2006). Páxinas 22-23.
  12. "Semis". En Roman bronze coins. www.monte-romanae.com
  13. Depeyrot (2006). Páxina 23.
  14. Depeyrot (2006). Páxina 33.
  15. Depeyrot (2006). Páxinas 38 e 47.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar