Moeda dos gobernadores romanos de Xudea

moedas da Xudea romana

As moedas dos gobernantes romanos de Xudea son as correspondentes ás emisións levadas a cabo polos procuradores e os prefectos romanos da provincia de Xudea, entre o ano 6 e o 66 d. de C. Todas estas moedas están cuñadas en bronce, responden a uns mesmos parámetros metrolóxicos e teñen unha única denominación: o prutah.[1]

Prutah de bronce de Marco Antonio Félix, procurador de Xudea, cuñado ca. 56/57 d. de C.

Non todos os procuradores e prefectos emitiron moeda; os únicos que o fixeron foron Coponio, Marco Ambíbulo, Valerio Grato, Poncio Pilato, Marco Antono Félix e Porcio Festo, e de todos eles en conxunto coñécense 19 modelos diferentes.[1][2]

Os derradeiros procuradores, Lucio Albino, Xesio Floro e Marco Antonio Xuliano non fixeron emisión ningunha, xa que a primeira guerra xudeu-romana estaba ás portas e os líderes da revolta comezaron a emitir as súas propias moedas.[1]

Procuradores e prefectos que cuñaron moeda editar

Coponio editar

 
Prutah emitido por Coponio, ca. 6 d. de C.

Coponio foi o primeiro prefecto romano de Xudea; foi nomeado o 6 d. de C., cando Herodes Arquelao, fillo de Herodes o Grande, foi destituído e desterrado á Galia por Augusto.[3] Coponius escolleu como motivo do reverso das súas cuñaxes unha palmeira con dous acios de dátiles, que ata entón só aparecera nunhas raras moedas de Herodes Antipas. O deseño da palmeira retomouse posteriormente para representar a Xudea en moedas emitidas polos xudeus durante a primeira e a segunda guerra xudeu-romana, e noutras emisións posteriores relacionadas con Xudea.[4][5]

Os anversos das moedas de Coponio amosan unha espiga de orxo. A dobre representación da palmeira e o orxo fíxose por sensibilidade cara ao costume xudeu de non representar animais nas súas cuñaxes. Este é o motivo de que non se amose o retrato de Augusto nestas moedas. No entanto, as súas lendas si que reflicten expresamente que Xudea foi ocupada polo Imperio Romano: a lenda do anverso é [K]aisa-ros ("de César") e no reverso indícase cunha letra á dereita da palmeira o ano de reinado do emperador (A=1, B=2, etc.).[4][5][6]

Marco Ambíbulo editar

Marco Ambíbulo foi o prefecto de Xudea entre os 9 e 12 d. de C. e emitiu unha moeda en cada un dos anos do seu mandato. Do mesmo xeito que nas moedas de Coponio, tamén as de Ambíbulo se representa a palmeira con dous acios de dátiles e a espiga de orxo.[4][7]

Valerio Grato editar

Valerio Grato, como prefecto de Xudea (15-26 d. de C.) baixo o mandato do emperador Tiberio, cuñou prutah de bronce con tipos moi diferentes e en datas diversas. Os tipos representados nas súas moedas abranguen desde as pólas de palmeira ata os lirios, a cornucopia, as follas de videira ou as ánforas.[8] Algunhas das súas moedas amosan o título de César no interior dunha coroa e unha alusión ao nome do emperador Tiberio (TIB) ou ao da súa nai Xulia (IOYLIA), así como o ano do seu reinado por riba dos dous cornos da abundancia.[4][9]

Poncio Pilato editar

 
Prutah de Poncio Pilato, cuñado en 29 d. de C.

Os prutah de bronce emitidos por Poncio Pilato entre 26 e 36 d. de C. resultan de especial interese para o cristianismo e para o xudaísmo, por mor da súa conexión con Xesús e o seu papel na historia xudía. Como prefecto, estaba decidido a promover unha forma de relixión romana sen que supuxese un óbice a postura crítica dos xudeus ao respecto. Rompendo a tradición dos seus antecesores, as súas moedas representan o simbolismo romano relacionado co culto imperial, con motivos como o simpulum (un cullerón utilizado nas libacións nos sacrificios, símbolo do sacerdocio romano) e o lituus (a variña máxica dos augures).[4][10] [11][12]

No entanto, tense argumentado que se Pilato intentase provocar ou ofender deliberadamente os xudeus tería posto o busto do emperador no anverso das súas moedas, no canto das espigas de orxo, as palmas ou outros motivos.[11]

 
Prutah de Marco Antonio Félix, cuñada o 54 d. de C.

Marco Antonio Félix editar

Félix foi procurador de Xudea baixo o imperio de Claudio. As súas moedas amosan os nomes de Claudio, de Xulia Agripina, Nerón (como César) e Británico.[13]

Os anversos dalgunhas destas moedas amosan dous escudos e dúas lanzas cruzadas, en tanto que nos reversos se representa unha palmeira de seis pólas con dous acios de dátiles. Neste caso, a representación dos obxectos militares funcionaría como lembranza constante para os xudeus de que estaban baixo a xurisdición imperial romana.[4][14]

 
Prutah de Pordio Festo, cuñado ca. 58/59 d. de C.

Porcio Festo editar

Do procurador de Nerón Porcio Festo apenas se coñece un tipo de moeda, que amosa no anverso unha póla de palmeira e a lenda grega KAICAPOC (César) e no reverso NEPWNOC (Nerón) nunha coroa.[4][15]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Jacobson, D. M. (2019). Páxinas 73-75.
  2. Hendin, D. (1976). Nos: 635-653.
  3. Gottheil, R.; Krauss, S. (1906). "Coponius". En Jewish Encyclopedia. Páxina 260.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 "Ancient Jewish Coins: Coins from the Procur ators (6-66 CE)". Jewish Virtual Library.
  5. 5,0 5,1 "Prutah - Augustus. Coponius as Prefect". Numista.com
  6. "Coponius [governed 6-9 CE]". Virtualreligion.net
  7. "Prutah - Augustus. Marcus Ambivulus as Prefect". Numista.com
  8. Sayles, W. G. (1999). Páxina 113.
  9. Moedas de Valerio Grato. Numista.com
  10. Fontanille, J-P. "The Coins of Pontius Pilate". NumismaLink.com
  11. 11,0 11,1 Fontanille, J-Ph. (2001). "The Pontius Pilate Coinage". Coinsite.com
  12. Moedas de Poncio Pilato. Numista.com
  13. Sayles, W. G. (1999). Páxina 114.
  14. Moedas de Marco Antonio Félix. Numista.com
  15. "Prutah - Nero. Porcius Festus as Procurator". Numista.com

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar