Dinastía Ducas-Comneno
A familia Comneno, Comnenus ou Komnenos foi unha importante dinastía na historia do Imperio bizantino.
Os Comneno teñen a súa orixe en Paflagonia, quizais no castelo de Kastamonu, que posibelmente é unha deformación de Castra Comnenus. Isaac I Comneno, un stratopedarchos (ou estratopedarca) en Oriente baixo Miguel VI, foi o fundador da dinastía Comneno de emperadores bizantinos. En 1057 Isaac deu un golpe de Estado contra Miguel e proclamouse emperador. Con todo, a dinastía non chegou ao poder absoluto ata o reinado de Aleixo I Comneno, o sobriño de Isaac, en 1081. Nesta época, parece que xa non quedaban descendentes de ningunha das anteriores dinastías bizantinas, como as familias Sclerus ou Argiro. Os descendentes daqueles emperadores vivían no estranxeiro, pois casaran coas familias reais de Rusia, Francia, o Sacro Imperio, Polonia e Hungría; de modo que aos Comneno resultoulles máis fácil ascender ao trono imperial.
Os Comneno estaban relacionados coa familia Ducas, de forma que a miúdo faise referencia á dinastía como os "Comnenoducai" (ou "Komnenodukai"), xa que ata algúns personaxes usaron unidos ambos nomes. Aleixo I casou con Irene Ducaina, bisneta de Constantino X Ducas, un xeneral que sucedeu a Isaac I en 1059. Varias familias son, á súa vez, descendentes dos Comnenoducai: os Paleólogo, os Anxo, os Vatatzés (ou Batatzes) e os Láscaris. A filla máis nova de Aleixo e Irene, Teodora, facilitou o posterior éxito da familia Anxo ao casar cun membro da mesma: dous netos de Teodora serían emperadores: Isaac II Anxo e Aleixo III Anxo.
Baixo Aleixo I e os seus sucesores o Imperio viviu un época de relativa prosperidade e estabilidade. Aleixo trasladou o palacio imperial á zona de Blanquerna en Constantinopla. Reconquistouse aos turcos selxúcidas unha parte importante de Anatolia, coa que se fixeran xusto antes do reinado de Aleixo. Este tamén presenciou o paso da Primeira Cruzada por territorio bizantino, que culminaría co establecemento dos Estados cruzados en Oriente. A dinastía Comneno estivo moi relacionada cos asuntos cruzados, e deste xeito producíronse matrimonios coas familias reinantes do Principado de Antioquía e do Reino de Xerusalén - Teodora Comnena, sobriña de Manuel I Comneno, casou con Balduíno III de Xerusalén, e María Comnena, sobriña-neta de Manuel, con Amalarico I de Xerusalén.
Malia a tendencia xeral na historia bizantina a destronar emperadores tras poucos anos de reinado, sorprendentemente, Aleixo reinou durante 37 anos, e o seu fillo Xoán II, durante outros 25, non sen se ter que desfacer dunha conspiración na súa contra organizada pola súa irmá, a cronista Ana Comnena e o marido desta, Nicéforo Brienios. O fillo de Xoán, Manuel I, reinou tamén durante outros 37 anos.
A dinastía Comneno contou con numerosas pólas. Como a sucesión imperial non seguía unha orde determinada, senón que dependía do poder persoal e dos desexos do predecesor, en poucas xeracións distintos familiares podían presentarse como candidatos ao trono. Tralo reinado de Manuel I, a dinastía Comneno entrou nunha fase de conspiracións e complots como moitas das precedentes. Aleixo II, o primeiro da familia en chegar ao trono sendo menor de idade, reinou só tres anos, e o seu sucesor Andrónico I durante dous, destronado pola familia Anxo con Isaac II, que á súa vez sería destronado e cegado polo seu propio irmán Aleixo III. Posteriormente, os Anxo resultaron destronados durante a Cuarta Cruzada en 1204, por un membro da familia Ducas.
Tralo afundimento do Imperio en 1204, unha póla dos Comneno retornou á súa patria de orixe en Paflagonia e creou alí o Imperio de Trebisonda nas costas do mar Negro. O primeiro emperador, tamén chamado Aleixo I era neto de Andrónico I. Estes emperadores, coñecidos como os "Grandes Comneno" ("Megas Komnenos"), reinaron en Trebisonda durante máis de 250 anos, ata que David de Trebisonda foi derrotado e executado polo sultán otomán Mahomet II.
Un príncipe da familia Comneno, tataraneto de Aleixo I, Miguel Anxo Comneno Ducas (Miguel I Ducas) fundou en 1204 o Despotado de Epiro, trala disolución do Imperio bizantino por efecto da Cuarta Cruzada.
Un membro renegado da familia, tamén chamado Isaac, estableceu un "imperio" separado en Chipre no século XII. A illa seríalle arrebatada por Ricardo Corazón de León durante a Terceira Cruzada.
O Imperio bizantino foi restaurado en 1261 en Constantinopla pola dinastía Paleólogo, unha familia que descendía dos Comneno, e gobernouno ata a caída de Constantinopla en 1453.