Quartuncia
A quartuncia (voz latina), tamén adaptado como cuartuncia, foi unha moeda da Antiga Roma de bronce, de tempos da República e propia da Península Itálica, co valor dun cuarto de onza romana ou uncia.[1][2][3]
Historia
editarA quartuncia foi unha pequena moeda emitida con carácter moi ocasional entre os séculos III e II a. de C., tanto fundida como cuñada. De feito, foi o valor máis pequeno dos emitidos dentro do sistema semilibral (baseado nun ás cun peso de media libra).[4]
O seu valor era o da cuarta parte dunha onza romana ou uncia (de aí o seu nome) ou, o que é o mesmo, a corenta e oitoava parte dun ás, tamén de bronce.[5] O seu equivalente como unidade de masa, é dicir, o peso da cuarta parte dunha onza romana ou da corentaeoitoava parte dunha libra, denominábase sicilicus.[6]
Modelos
editarAos nosos días só chegaron uns poucos modelos de quartuncia:[7]
- O máis común, datado arredor de 217 ou 215 a. de C. e emitido polo obradoiro monetario de Roma, amosa o motivo tradicional da moeda romana de bronce desta época, consistente na cabeza alegórica de Roma con casco ático no seu anverso e unha proa de barco baixo a palabra ROMA no seu reverso.
- Un segundo modelo, moito menos común, coetáneo do anterior e procedente do obradoiro monetario de Bruttium (a actual Calabria), en Italia, presenta no seu anverso a cabeza dunha divindade ollando á esquerda, e no seu reverso a figura dun cangrexo baixo a lenda BPET.
- Outros modelos coñecidos son o procedente de Brindisium (actual Brindisi), coa cabeza de Poseidón no anverso e o seu fillo Taras sobre un golfiño no reverso; o emitido en Coso, en Etruria, con deidade con casco corinto no anverso e busto de cabalo embridado no reverso; ou o do obradoiro monetario de Graxa, na Apulia, cunha cuncha de vieira no anverso e un golfiño como motivo central do reverso.[8][9]
Notas
editar- ↑ "Quartuncia". En Amandry, M. (2001)
- ↑ "Quartuncia". En Alfaro Asins, C. et al. (2009).
- ↑ "Quartuncia". En Algunos tipos de monedas antiguas. www.tesorillo.com
- ↑ "Roman Republic, Anonymous Quartuncia". MoneyMuseum, Zürich (MoneyMuseum.com)
- ↑ "Quartuncia". En Das große Reppa Münzen-Lexikon.
- ↑ "Sicilicus". En Schulzki, Heinz-Joachim. "Sicilicus". En Brill’s New Pauly.
- ↑ "Quartuncia". Descricións e fotografías de cuartuncias en CoinArchives.
- ↑ Buttrey, T. V. "The mint of Cosa". En Memoirs of the American Academy in Rome, 34, 1980, Type I, 5-8.
- ↑ "Quartuncia". En Schulzki, Heinz-Joachim. "Sicilicus". En Brill’s New Pauly.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- Alfaro Asins, C. et al. Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
- Amandry, M. (dir). Dictionaire de Numismatique. París, 2001. ISBN 2-03-505076-6
- Burnett, Andrew. Coinage in the Roman World. Seaby. Londres, 1987. ISBN 978-0-900652-84-4
- Burnett, Andrew. La Numismatique romaine, de la République au Haut-Empire. Errance, París, 1991. ISBN 9782903442699
- Crawford, M. H. Coinage and Money Under the Roman Republic. University of California Press. Berkeley - Los Angeles. 1985. ISBN 0-520-05506-3
- Melville Jones, J. R. A Dictionary of Ancient Roman Coins. Londres, 1990. ISBN 978-1852640262
- Sutherland, C. H. V. Roman Coins. Barrie and Jenkins. Londres, 1974. ISBN 0-214-66808-8
- William Boyne, A Manual of Roman Coins: from the earliest period to the extinction of the empire. W. H. Johnston, 1865.