Para a moeda romana de prata de igual valor (10 ases), ver denario.

O decussis (voz latina, a partir de decem; "dez") foi unha gran moeda da Antiga Roma fundida en bronce, utilizada en tempos da República, co valor de dez ases, emitida unicamente polo obradoiro monetario da cidade de Roma.[1][2][3][4][5]

Decussis fundido en Roma ca. 214-212 a. de C. Diámetro: 110 mm. Peso: 1.075 g.

Trátase dunha denominación moderna, xa que o nome que tiña esta moeda no seu momento se descoñece.

Historia editar

O decussis é a maior denominación dentro das grandes e pesadas moedas de bronce fundidas das primeiras series da época republicana. É probable que a súa existencia se sitúe na época da segunda guerra púnica (218-201 a. de C.), arredor do ano 215 a. de C., simultaneamente ao quincussis, na época final do aes grave de padrón semilibral.[6] O seu peso, porén, de arredor dun quilogramo, é sensiblemente inferior ao que lle correspondía naquel sistema, por mor da crise xerada tras a derrota nese conflito, da mesma maneira que ocorría coa riqueza en prata dos cuadrigatos da época, que tamén se viu minguada.[7][8]

O uso do decussis non ocupou un papel relevante no sistema monetario romano e, da mesma maneira que outros múltiplos do ás en bronce (tressis e decussis), foi abandonado tras a aparición do denario de prata, dun tamaño moito máis manexable e co que comparte o valor de dez ases.[9]

Coñécese un único tipo deste valor tan pouco común. No seu anverso amósase a cabeza da deusa Roma e, detrás, a marca de valor X (pola equivalencia de 10 ases). No reverso preséntase a proa de barco característica das emisións de bronce desta época.[10]

Consérvanse unicamente catro exemplares de decussis; tres deles en museos e outro en mans privadas, que foi vendido en poxa pública en 2010 pola cantidade de 240.000 francos suízos.[11][12][13]

Notas editar

  1. "Decussis*". Digalego.xunta.gal. Consultado o 9 de agosto de 2019. 
  2. Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Decussis".
  3. "Decussis". En Mateu y Llopis, F. (1946).
  4. "Decussis". En Amandry, M. (dir). (2001).
  5. "Decussis". En Smith, William et al. (1890).
  6. "Decussis". En Schulzki, Heinz-Joachim. Brill’s New Pauly.
  7. "El decussis, la moneda romana más grande de la historia". En Monedas Antiguas. 2017
  8. "Decussis". En Forum ancient coins.
  9. "Decussis". En Algunos tipos de monedas antiguas.
  10. "Roman Republic - The Decussis[Ligazón morta]". En Roma Numismatics.
  11. "Decussis". En Roman bronce coins. www.moneta-romanae.com
  12. "Roman Rep. Decussis or denarius ca 215, AE 1075 g". En icollector.com
  13. Numismática Ars Classica. Poxa nº 54. 24 de marzo de 2010. Lote 150 Arquivado 04 de marzo de 2017 en Wayback Machine..

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar