Toponimia
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2015.) |
Este artigo ou sección precisa contidos, imaxes ou perspectivas globais. Por favor, universalíceo. |
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
- Para a política de toponimia de Wikipedia, véxase Wikipedia:Toponimia.
A toponimia é a rama da onomástica que estuda os topónimos, nomes propios de lugares, a súa orixe, evolución e significado;[1] é considerada unha parte da lingüística, con fortes ligazóns coa historia, a arqueoloxía e a xeografía. Tamén se usa o vocábulo toponimia para indicar o conxunto dos nomes dos lugares dun territorio concreto, e os nomes tradicionais chamadeiros e chamadoiros.[2] A toponimia está constituída polos nomes de carácter xeográfico ou topográfico.
Diversidade toponímica
editarOs topónimos, aínda que procedentes dun mesmo étimo, poden ser, nunha mesma lingua, totalmente diferentes. Isto débese a:
- Flexión xenérica e numérica: Casal, Casás, Casais.
- Aparición de todo tipo de sufixación referencial: Carballosa, Carballal, Carballeda,Carballido, O Carballiño...
- Formación de numerosos compostos, especialmente coa adxunción dun adxectivo como segundo elemento (-agudo, -baixo, -outo, -maior,...: Monteagudo, Picouto, Vilarmaior) ou coa presenza dun sintagma nominal subst. + de + subst. (Vilar de Frades, Montaña da Agra) ou subst. + de + adv.(Carballal de Arriba).
- Evolucións dialectais: *FONTANELLA > Fontela / Fontenla, *PLANU > chao/chan (Chaodorrío)
Porén, as leis de evolución fonética (por exemplo, as leis de Grimm) dos topónimos son iguais cós da lingua común, pois os falantes non teñen consciencia de que haxa que pronunciar os topónimos dun xeito distinto ás palabras comúns. Mais ás veces as leis evolutivas ficaran nun determinado estadio, dando lugar a verdadeiros fósiles lingüísticos; así un topónimo como Mazaeda revelaría un estadio intermedio, desde un tardolatino *MATTIANETA fronte Maceda, máis evolucionado.
Evolución da toponimia como ciencia
editarO desenvolvemento científico dos estudos toponímicos aparece no século XVIII. En Galiza, Martín Sarmiento foi o primeiro que aplica o método filolóxico e comparativo non só na lingua galega en xeral, senón tamén á toponimia e antroponimia. Mais houbo que esperar ata finais do XIX para que o desenvolvemento da lingüística impulsara paralelamente a onomástica como unha póla propia.
En diversos países europeos algúns lingüistas son considerados os abandeirados do establecemento da toponimia. Deben destacarse en Francia D'Arbois de Jubainville, Auguste Longnon, Albert Dauzat; en Alemaña H. Groehler, E. Gamillscheg, Gerhard Rohlfs; en Italia V. Bertoldi. En Bélxica Carnoy, Auguste Vincent. Na Suíza, Hubschmied e Paul Aebischer. En Portugal, como en tantas outras cousas, o pioneiro foi José Leite de Vasconcelos. Algúns deles emprestaron tamén atención á Península Ibérica, na que destacan a Ramón Menéndez Pidal, Antonio Tovar, Johannes Hubschmid, Joan Coromines), Antoni Badia i Margarit, Manuel Alvar, A. Griera, ou Luis Michelena. Varias revistas especializadas aglutinaran as investigacións onomásticas, das que compre destacar Onoma, un boletín bibliográfico creado en 1950, en Lovaina.
Tamén en América se desenvolveran entrementres as investigacións toponímicas. No Canadá destacou Robert Douglas. Nos Estados Unidos de América cómpre salientar a Robert L. Ramsay como fundador de toda unha escola onomástica. Os esforzos canalizáronse a través da revista Names, desde 1953, vinculada á Universidade de California en Berkeley. Non faltan tampouco toponimistas en Latinoamérica: Ricardo L.J. Nardi na Arxentina ou Bernardo Pedral Sampaio no Brasil.
Para o estudo da toponimia galega, á parte dalgún dos antes citados (Leite de Vasconcelos, Menéndez Pidal, Coromines) son primordiais os estudos de Joseph-Maria Piel, Abelardo Moralejo Laso, Luís Monteagudo García, Manuel Rabanal Álvarez, José Luís Pensado Tomé, Isidoro Millán González-Pardo, José Santiago Crespo Pozo, Juan José Moralejo Álvarez, Eligio Rivas Quintas, Nicandro Ares Vázquez, Fernando Cabeza Quiles, Gonzalo Navaza, Edelmiro Bascuas ou Ana Boullón Agrelo. Non houbo unha revista especializada en Galiza ata que o irmán marista Manuel Rodríguez Rodríguez (1898-1975) fundou o Seminario Fontán-Sarmiento de Hagiografía, Toponimia e Onomástica de Galicia, en 1972, con sede no colexio maior Xelmírez, que publica un boletín. Mais a maioría dos traballos toponímicos están dispersos por varias publicacións, non sendo raro que mesmo aparezan en xornais.
Clasificación dos topónimos
editarA conversión dos topónimos en nomes comúns, ou viceversa, constitúe tamén un procedemento de acrecentamento lexical:
- gal. caolín, fr. Kaolin proceden do topónimo chinés Kao Ling.
- Ribeiro (viño) procede do topónimo da comarca en que se produce.
Os topónimos sempre se orixinan do léxico da fala, aínda que en momentos posteriores poidan perder a súa transparencia semántica e xa non ser evidente o seu significado.
Temática
editarOs topónimos poden clasificarse tematicamente:
- Constitución e forma do terreo: Areas, Barreiro, Polvo. Entre eles destacan:
- Hidrónimos ou topónimos referentes ás augas: Abanqueiro, Areas, Cachoeira, Esteiro (de AESTUARIUM) Fontiñas, Fumiñá, Pozo, Ribadiso, Roxos.
- Orónimos, referidos á orografía e topografía: Catasós (< CAPTA SOLES), Catabois, Cotón, Penido, Serrón, Moncalvo (< MONS CALVUS), Valga, Valilongo, Vista Alegre, Boimorto (tautopónimo, referido a un lugar rochoso).
- Fitotopónimos ou nomes de lugar referidos ao mundo vexetal, natural ou cultivado: Cerdedo, Fraga, Castañeda, Soutelo, Teixido, Xardoal, Xestelas.
- Zootopónimos, topónimos relacionados coa fauna, salvaxe ou doméstica: Abelleira, Aguiar, Cebreiro, Golpellás, Lobeira, Sardiñeira, Vacariza.
- Antropotopónimos: nomes de lugar referidos a nomes persoais ou familiares (antropónimos): Chamín (do latín FLAMINIUS), Allariz (do xermánico latinizado ALIARICUS), Cazurraque (de CASA ORRACHI, do medieval Urraca, nome de muller de discutida orixe), Ceide (do árabe SAYID), Os Gómez (dun apelido de orixe xermánica), Morquintián (dunha Mor Quintián, que correspondería a un latino *Maiore *Quintilane, con nome de orixe latina e apelido xermánico), Paiosaco (dun Paio Saco), As Pontes de García Rodríguez, Negueira de Muñiz.
- Haxiotopónimos ou nomes de lugar referidos a algún santo ou advocación sagrada: O Corpiño, Santalla, Santa Cubicia, Santo Estevo, Sanxés e Sanxenxo (de SAN(CTU) GENESIU).
- Etnotopónimos, derivados de xentilicios ou etnónimos: Astureses (de ASTURENSES, de Asturias), Cambeses, Cumbraos (< CONIMBRICANOS, de Coímbra), Faramontaos, Francos, Lemos (de LEMAVOS), Toldaos (se < de *TOLETANOS, de Toledo), Trives (de TIBURES).
- Hodónimos ou nomes de lugar referidos a vías de comunicación: Carral, Catrocamiños, A Estrada, Estación, A Pontenova, Rodeiro, Vao, Vieiro.
- Xenéricos de núcleos de poboación: Aldea, O Burgo, Casal, Castro Caldelas, O Lugar, Vila, Vilar.
- Límites e referencias espaciais, ás veces resumidas nun adverbio: Alén (de AD ILLINC), (A) Lence (de ILLINCE), Limideiro (de *LIMITARIUM < LIMITE), Pedrafita (de PETRA FICTA), Suso (de SURSUM "cara arriba") ou Susao (de *SURSANUM).
- Construcións:
- Edificios e construcións: Antas, Arcos, Cabanas, Casanova, Castelo, Pacios, Orro, Valadás, Venda Nova, Torre, Tuñas (de TUDICULAS; o esperábel sería *Tullas), , Cuspedriños (procede da forma latina CURROS PETRINEOS, "curros de pedra")[Cómpre referencia].
- Edificacións relixiosas: O Convento, Cruceiro, Eirexa, Ermidón, Mosteirón, Sinoga (< SYNAGOGA).
- Explotacións agropecuarias: Abertal, Agrasar, Curros, Eirelas, A Graña, Granxiña, Rozadal.
- Explotacións industriais e comerciais: Concheiros, Escourido, A Fábrica, Ferreirúa, Muíños, Porto do Son, Tenda, O Vinteún (referencia á data do mes no que se celebraba a feira, cfr. A Feira do Trece máis revelador), Viveiro.
- Condicións meteorolóxicas: Bufarda (na acepción de "lugar ventoso"), Corisco, Escuriscada, Invernal, Ventosela.
- Institucións (políticas, económicas, sociais ou outras): Alfándega, Bailía, O Condado , Couto, Encomenda, Estanco, O Foro, Temple.
- Pobreza e riqueza: Famelga / Falmega (de (VILLA) FAMELLICA), Laceiras (laceira "pobreza", creado do antropónimo Lazarus, de orixe semita), Podentes (de POTENTES "que poden"), Vilarrica.
- Topónimos derivados doutros, por razóns diversas (moitas veces como etnotopónimos): Callao, Laciana, Mondego, Rozabales, Santiago, Sarreaus.
- Anecdóticos ou creacións expresivas diversas ou que lembran unha circunstancia especial actualmente non fácil de explicar (aínda que cómpre confirmar estas explicacións para non caer na etimoloxía popular): Mexadoiro, Mollafariña ou Lavapés.
Cómpre ter conta de que con frecuencia os topónimos poden solaparse en dúas ou máis variantes temáticas.
Orixe
editarA orixe dos topónimos galegos, por orde cronolóxica, é:
- Topónimos prelatinos: Arzúa, Barallobre, Sillobre, Betanzos, Cangas, Nantón, Dubra, Bergantiños, Noia, Sarria, Trives, Barbanza, A Arnoia, Deva, Eo, Tambre, Bar).
- Orixe latina. Son os maioritarios: Compostela (de COMPOSITA + ELLA, non de *CAMPUS STELLAE), Padrón (de PETRONEM, formado sobre un aumentativo de PETRA), Vigo (de VICUM ), Eiras (de AREAS, "áreas"), Reboira (de *ROBOREA), Taboada e Taboadela (de TABULATA ), Viveiro (de VIVARIUM),... A través do latín entraron no galego topónimos de orixe grega ou xudía, na maior parte por influxo do Cristianismo, como Grixoa (de ECCLESIOLA, diminutivo de ECCLESÍA), Mosteiro (de MONASTERIUM), Vilasol (dunha VILLA SAULI, do nome hebreo latinizado SAULUS).
- Orixe xermánica, especialmente sueva. Son numerosos como derivados de antropónimos (Hermisende, Vaamonde, Baldomar, Baltar, Goiáns, Gondomar,... e moitos dos rematados en -oi: Filloi, Raxoi, Trastoi, Mondoi, Gadoi, Cendoi; -ei: Forcarei; -il: Samil; e -iz ou -ís en zonas de seseo: Espariz, Mondariz, Sabarís), sobre todo tendo en conta que moitas veces se xuntan en composición con elementos latinos. Como derivados do léxico xermánico común, son menos frecuentes: Boiro (do tema *BÛR "edificación"), Loiba, Lobios (xermánico *LAUBJO, "alpendre") , Sas ou Zas (gótico SALA "pazo").
- Orixe árabe. Salvo aldea, son pouco frecuentes: Alfoz (arrabalde), Almuíña (horta, herdade), Barrio, Rábade (fronteira), Acea ou Aceña (muíño de auga), posiblemente A Mezquita, ...
- Orixe franca: co nome de francos englóbanse os inmigrantes europeos que foran chegando ata os reinos peninsulares ao longo da Idade Media. Na súa maior parte eran franceses (de aí o xentilicio), pero tamén os había xermanos, italianos, languedocianos etc. A influencia maioritaria foi francesa ou provenzal (como se observa na influencia exercida sobre a lingua galaico-portuguesa), debida en parte ó Camiño de Santiago. Podemos observar pegadas tamén na toponimia: Granxa (do francés GRANGE), Temple (forma francesa fronte a autóctone Templo).
- Orixe castelá. A consecuencia da influencia do español, como lingua oficial: Calle, Venta da Castellana, As Ermitas, Carrete(i)ra, Manzaneda, O Portazgo.
Notas
- ↑ "Toponimia". Dicionario da Real Academia Galega. Consultado o 2024-06-14.
- ↑ "Chamadeiros: a toponimia de Pontevedra; Toponimia de Galicia". toponimia.xunta.gal. Consultado o 2024-06-14.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- Edelmiro Bascuas, Estudios de Hidronimia Paleoeuropea Gallega. Universidade de Santiago de Compostela. 2002
- Ana Isabel Boullón Agrelo (2010): "Toponimia de Galicia. Estado da cuestión”, en Mª Dolores Gordón Peral (ed.): Toponimia de España. Estado actual y perspectivas de la investigación. Berlín / Nova York: Walter de Gruyter, 31–58.
- Fernando Cabeza Quiles (1992): Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado, Edicións Xerais, Vigo.
- —————— (2000): Os nomes da terra. Topónimos galegos, Editorial Toxosoutos, Noia.
- —————— (2008): Toponimia de Galicia, Editorial Galaxia, Vigo.
- —————— (2014): A toponimia celta de Galicia, Editorial Toxosoutos, Noia.
- Isidoro Millán González-Pardo, Toponimia del Concejo de Pontedeume y Cartas Reales de su Puebla y Alfoz. 1987 - ISBN 84 86040 27 2
- Abelardo Moralejo Laso, Toponimia Gallega y Leonesa.1977 - ISBN 84 85170 20 2
- Gonzalo Navaza (2006): Fitotoponimia galega. A Coruña: Fundación Barrié. Biblioteca Filolóxica Galega do Instituto da Lingua Galega.
- —————— (2007): Toponimia de Catoira. Catoira: Concello de Catoira.
- —————— (2021). Os nomes dos concellos da provincia da Coruña. Real Academia Galega. ISBN 978-84-17807-09-2. doi:10.32766/rag.377.
- Joseph-Maria Piel, Estudos de Linguística Histórica Galego-Portuguesa. 1989.
- Joseph-Maria Piel / Dieter Kremer (1976): Hispano-gotisches Namenbuch. Heidelberg: Carl Winter.
- Antón Santamarina (2002): “A Journey through Galician Onomastics”, en A. I. Boullón Agrelo (ed.): Actas do XX Congreso Internacional de Ciencias Onomásticas: Santiago de Compostela, 20-25 setembro 1999. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza, 3-32. [Edición en CD-Rom)]. Trad. gal.: “Viaxe pola onomástica galega”, A Trabe de Ouro 62 (2005) 11-38. Versión resumida en “Onomástica galega”, apéndice da Gran Enciclopedia Gallega 35, 140-152.
Ligazóns externas
editarBuscadores de toponimia galega
editar- Buscadores vello e novo do Nomenclátor de Galicia
- Buscador do Proxecto Toponimia de Galicia
- Buscador de Aquén - Toponimia galega
- Buscador do Proxecto Toponimia de Galicia (versión cartográfica con máis de 350.000 topónimos)
Outros recursos de toponimia galega
editar- Asociación Galega de Onomástica (AGOn)
- Etimoloxía de antropotoponimia xermánica
- Estudos de toponimia galega: tomo I. Real Academia Galega.
- Estudos de toponimia galega: tomo II. Real Academia Galega.
Toponimia non galega
editar- Ligazóns a listaxes de toponimia en diversos idiomas
- As orixes dos nomes na Gran Bretaña
- Índice de nomes de lugar