José Leite de Vasconcelos
José Leite de Vasconcelos Cardoso Pereira de Melo, nado en Ucanha (Tarouca) o 7 de xullo de 1858 e finado en Lisboa o 17 de maio de 1941, foi un lingüista, filólogo e etnógrafo portugués.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 7 de xullo de 1858 Ucanha, Portugal (pt) |
Morte | 17 de maio de 1941 (82 anos) Lisboa, Portugal |
Educación | Universidade do Porto |
Actividade | |
Ocupación | arqueólogo, académico, antropólogo, etnógrafo, escritor, filólogo, profesor universitario, lingüista, romanista |
Período de actividade | 1881 - |
Empregador | Universidade de Lisboa |
Membro de | |
Premios | |
Traxectoria
editarAos dezaoito anos foi para Porto a continuar os seus estudos, licenciándose en Ciencias Naturais (1881) e, en 1886, en Medicina, na Escola Médico-Cirúrxica, mais só exerceu o oficio por un ano, en 1887, en Cadaval.
A súa tese de licenciatura, Evolução da linguagem (1886), demostraba xa o seu grande interese polas letras, que por fin virían ocupar toda a súa longa vida. As ciencias naturais deixáranlle o estilo investigador rigoroso e exhaustivo, xa fose na filoloxía, na arqueoloxía ou na etnografía, disciplinas nas que acabaría por tornarse unha referencia internacional. Fundou a Revista Lusitana en 1889, o Arqueólogo Português en 1895 e o Museu Etnológico de Belém en 1893.
Doutorouse na Universidade de París, con Esquisse d'une dialectologie portugaise (1901), o primeiro importante compendio da diatopia do galego-portugués (despois continuado e mellorado por Manuel de Paiva Boléo e Luís Lindley Cintra, aínda que ambos ignoraron o galego); nesta obra Leite cualifica o galego de co-dialecto do portugués. Foi tamén un pioneiro no estudo da onomástica portuguesa coa obra Antroponímia Portuguesa.
Estudou numismática e filoloxía portuguesa na Biblioteca Nacional, onde era conservador desde 1887, chegou a profesor de ensino superior en 1911, na Facultade de Letras da Universidade de Lisboa.
Faleceu aos 82 anos, deixando en testamento ao Museu Nacional de Arquelogia, parte da súa herdanza científica e literaria, incluíndo unha biblioteca con cerca de oito mil títulos, alén dos manuscritos, correspondencia, gravados e fotografías.
Leite e o galego
editarDesde cedo, Leite de Vasconcelos dedicou a súa atención á lingua galega. Xa en 1902 publicou un pequeno opúsculo na Revista Lusitana, Vozes galhegas, a partir dun manuscrito, que encontrara na Biblioteca Nacional de Madrid, algo posterior ao ano 1843. Na Esquisse de 1910 caracterizou o galego como un co-dialecto do portugués, co que separaba o antigo tronco galego-portugués en dúas pólas emparentadas, mais diferentes xa. No mesmo ano publicou Miuçalhas gallegas, no que presta atención a aspectos diversos. Nos Opúsculos incluíu catro breves estudos sobre falas arraianas galegas, as correspondentes a Ribadavia, Ferreiros, San Miguel de Lobios (Provincia de Ourense) e máis a de Hermisende (Provincia de Zamora), aínda que esta última en rigor é un falar trasmontano.
A recolleita de datos do galego por Leite foi apresurada; na maior parte dos casos apenas lle levaron un día nas súas visitas a Galiza, cousa que por outra banda tamén se lle pode achacar ás diversas recolleitas de datos para os diferentes dialectos portugueses. A súa excesiva dispersión, a pesar do seu enorme talento e a súa inmensa capacidade de traballo, facía que talvez non puidese gastar demasiado tempo nas súas estadías onde queira que fose. Para o galego foi unha mágoa, pois perdeuse a oportunidade de que un auténtico filólogo fixese un traballo científico conxunto que o caracterizase coa precisión debida a inicios do século XX. De todos os xeitos a visión de Leite sobre o galego era cordial, o que é de agradecer, como dixera o profesor Xesús Alonso Montero.
Obra (selección)
editar- O Dialecto Mirandez (1882)
- Revista Lusitana (primeira série: 1887-1943; 39 volumes)
- Religiões da Lusitânia (1897-1913; en tres volumes)
- Estudos de Filologia Mirandesa (1900 e 1901; dous volumes)
- Textos Archaicos (antoloxía, 1903)
- Livro de Esopo (1906)
- O Doutor Storck e a litteratura portuguesa (1910)
- Lições de Philologia Portuguesa (1911)
- Antroponímia Portuguesa (1928)
- Signum Salomonis, A figa e A barba em Portugal (1918)-(1925)
- Opúsculos (1928, 1928, 1929, 1931 e 1988; cinco volumes)
- Etnologia Portuguesa (1933-????, en oito volumes)
- Filologia Barranquenha: apontamentos para o seu estudo (1940, ed. 1955)
- Romanceiro Português (ed. 1958, en dous volumes)
- Nomenclatura numismática (1958, Sociedade Portuguesa de Numismática)
- Contos Populares e Lendas (ed. 1964, en dous volumes)
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Xesús Alonso Montero: "José Leite de Vasconcelos en Galicia" (1970), incluído no seu libro Lingua, literatura e sociedade en Galicia (Madrid. Akal. 1977).