Antón Tovar
- Non confundir con Antonio Tovar Llorente (Valladolid 1911-1985), filólogo, lingüista e historiador.
Antonio Domingo José Tovar Bobillo, chamado Antón Tovar, nado na Pereira (Rairiz de Veiga) o 23 de outubro de 1921[2] e finado en Ourense o 16 de xuño de 2004, foi un poeta galego que escribiu en lingua castelá e lingua galega, encadrado na chamada promoción de enlace. A súa obra está marcada polo pesimismo, o sentimento poético sincero e auténtico, o existencialismo, o intimismo e a preocupación social, ademais da baldía procura de deus.[3] Foi membro correspondente e de honra da Real Academia Galega.
Nome orixinal | Antón Tovar Bobillo |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 23 de outubro de 1921 A Pereira, España |
Morte | 16 de xuño de 2004 (82 anos) Ourense, España |
Lugar de sepultura | Cemiterio de San Francisco de Ourense |
Relixión | católica |
Q89547790 | Arredores |
Actividade | |
Ocupación | poeta |
Período de actividade | 1955-2004 |
Membro de | Real Academia Galega (membro de honra) (1997–2004) Real Academia Galega (membro correspondente) (1984–1997) |
Xénero artístico | poesía, relato breve, ensaio |
Movemento | existencialismo, intimismo |
Influencias | |
Familia | |
Cónxuxe | Antonia Mirayo Pérez, Tucha |
Fillos | non tivo |
Premios | |
Traxectoria
editarPasou parte da infancia en Celanova. Despois trasladouse coa familia a Ourense, onde fixo o bacharelato, recibindo clases de Ramón Otero Pedrayo, e onde pasaría a maior parte da súa vida. María del Carmen Fernández, muller de Vicente Risco, era curmá da nai de Tovar. Risco emprestaríalle a Tovar libros de Ramón Cabanillas, Antonio Noriega Varela, Gonzalo López Abente e Rosalía de Castro.[4]
En 1940 iniciou en Santiago de Compostela os estudos de Filosofía e Letras, carreira que abandonou para ingresar como novizo nos xesuítas de Salamanca, onde permaneceu pouco máis dun ano (1941-1942). En maio de 1941 morreulle o pai.
En 1942 gañou a oposición a Contador do Estado, e foi destinado primeiro a León e un ano despois a Ourense, cidade onde exerceu como funcionario do Ministerio da Facenda e onde estabeleceu relación con Otero Pedrayo, Risco (a quen veneraba a pesar das diferenzas ideolóxicas que mantiñan),[5] Florentino López Cuevillas, Xesús Ferro Couselo, Alberto Vilanova, Xosé Luís López Cid, Xaquín Lorenzo e Luís Trabazo.
Na década dos cincuenta iniciou a súa actividade literaria en castelán co poemario Barro de nadie (1955). Despois de varios poemarios nesa lingua, en 1962 edita en galego Arredores, ao que seguirían outros. Nas súas primeiras obras está presente a reivindicación do idioma, pero a súa poesía caracterízase por un existencialismo pesimista que está presente ao longo de toda a súa produción. Segundo el mesmo: Rosalía, Curros, Rubén, Antonio Machado, Baudelaire, Francis Jammes, Blas de Otero, Teixeira de Pascoaes, Pessoa, Antero de Quental, Torga e, sobre todo, Antón Tovar, son os autores que inflúen na obra de Antón Tovar.[1]
Para Facenda traballou até 1967, cando foi expulsado pola súa militancia clandestina no PCE-PCG.[Cómpre referencia] Nesa altura, comezou a traballar na libraría Tanco, e tivo acceso a libros prohibidos pola censura.
“ | Fun apartando os seres, i o costume de telos tan á mau, tan perto de un, tanto que resultaban enemigos. Fun apartando días i as recordanzas todas congregadas nunha soia amargura […] |
” |
— "I elí quedeime", Arredores, 1962 |
En 1968 coñeceu a Antonia Mirayo Pérez, "Tucha", con quen casou ese mesmo ano,[6] e que o acompañaría ata o 16 de xullo de 2000, data de pasamento dela. En febreiro de 1973 viaxou até México con Celso Emilio Ferreiro e Xosé Luís Méndez Ferrín, convidados polo Goberno daquel país para participar na homenaxe a León Felipe.[7]
Aínda que Tovar é fundamentalmente poeta, tamén publicou relatos curtos, diarios e ensaio. Colaborou pouco na prensa e en revistas, e non deu recitais nin ditou conferencias.[8]
Nos Xogos florais de Guimarães de 1960 obtivo o primeiro e o terceiro premio polos poemas "O can" e "Responso saudoso pra D. Enrique o Navegante". Recibiu o premio Amor Ruibal no ano 1966 polo ensaio "Xoán XXIII e a Terra". De novo nos Xogos florais de Guimarães, outorgáronlle o primeiro premio por "Deume a risa", en 1972. Déronlle un Premio da Crítica Galicia (1981) por Calados esconxuros, o Losada Diéguez (1991) e o Celanova, Casa dos poetas (2003). En 2002, o plenario da RAG designou por unanimidade a Antón Tovar para ser o representante dos poetas galegos para optar ao Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana (11ª ed.).[6]
Foi membro correspondente da RAG desde o 29 de xaneiro de 1984,[6] e membro de honra, desde o 15 de marzo de 1997.[9]
Despois dunha prolongada enfermidade, faleceu en Ourense na madrugada do mércores 16 de xuño de 2004. As súas cinzas foron depositadas no cemiterio de San Francisco.[10]
Debido a época na que desenvolve a súa obra pódese considerar un autor da "Promoción de enlace"[11][12][13]
No ano 2005 o Concello de Rairiz de Veiga, o Museo da Limia, o Centro de Cultura Popular do Limia e o Liceo de Ourense convocaron a primeira edición do Premio de Poesía Antón Tovar.[5]
En 2006 a Consellería de Cultura publicou un disco, titulado Arabela da pluma, no que o cantautor valdeorrés Anxo Rei (Ángel Rey Núñez) puxo música a varios poemas de Tovar, extraídos de Arredores, Non, O vento no teu colo, Berros en voz baixa e A nada destemida: "Tanto que camiñei"; "Pluma que tes"; "O medo vai e vén"; "Ouvín un paxaro"; "Ca miña señor"; "Dixéronme que non"; "Vas e ves"; "Palabras"; "Digo sí digo non" e "Eu quería".[14]
Obra en galego
editarPoesía
editar- Arredores (1962). Vigo: Colección Salnés, Galaxia.[15] Despois incluída na Biblioteca Galega 120.
- Non (1967). Ourense: edición do autor, Gráficas Tanco.[16]
- Poesía galega completa (1974). Arealonga, Akal.[17]
- Calados esconxuros (1980). Vigo: Xerais. Con debuxos de M. Prego. Premio da Crítica Galicia.[18]
- Berros en voz baixa (1990). Santiago: Colección Leliadoura, Sotelo Blanco.[19]
- A nada destemida (1991). Vigo: Colección Dombate, Galaxia.[20]
- Cadáver adiado (2001). Sada: Ediciós do Castro.
- Poesía en galego I (1962-1975) (2005). PEN Clube de Galicia.[21]
- Poesía en galego II (1980-2001) (2005). PEN Clube de Galicia.[21]
- Antoloxía poética de Antón Tovar (2023). Vigo: Xerais. Edición de Delfín Caseiro e prólogo de Xesús Alonso Montero. 168 páxs. ISBN 978-84-1110-254-4. ePub: ISBN 978-84-1110-251-3.[22]
Narrativa
editar- A grande ilusión e outros contos (1989, Galaxia).[23]
Ensaio
editar“ | Publicou dous libros —Arredores e Non— nos que se amosa como un dos máis serios e bariles poetas deste tempo. | ” |
- "Xoán XXIII e a Terra" (1966), publicado na Hoja del Lunes de Orense. Premio Amor Ruibal.
- Diario sin datas (1987, Ediciós do Castro).[25]
- Diario íntimo dun vello revoltado (2001, Galaxia).[26][27]
- Antonio Tovar: conversas cun vello revoltado, de X. M. del Caño (2005, Galaxia).[28]
Obras colectivas
editar“ | É o poeta de menor resoancia libresca, o máis auténtico, no senso de que a súa poesía xurde de seu, sin artificio, cun pulo persoal, dun mínimo mangado de temas sentidos ousesivamente e manifestados nunha creación esquía e teimuda, sempre arredor do anceio de comunicación coma tema dominante. | ” |
- Os cen mellores poemas da lingua galega (1970, Lugo, Celta) de X. Alonso Montero.[29]
- Poetas gallegos contemporáneos (1972, Barcelona, Seix Barral) de B. Losada. Ed. bilingüe.[30]
- Desde mil novecentos trinta e seis (1995, Ediciós do Castro).[31]
- Poetas e narradores nas súas voces. I (2001, CCG). Libro con 2 CD,s.[32]
- "Oración", p. 65 en Carlos Casares: a semente aquecida da palabra (2003, CCG).[33]
- Poemas pola memoria (1936-2006) (2006, Xunta de Galicia).[34]
Libros de homenaxe
editar- Antón Tovar na Limia (2007, Xunta de Galicia).
Obra en castelán
editarPoesía
editarImaxes | |
---|---|
Foto, por Blanco Amor no Castro de Beiro, anos 60. | |
Retratado por Pili Prol en La Voz de Galicia, 2002. | |
Gravacións de son | |
"O can" e "Cando eu morra" recitados polo autor. |
- Barro de nadie [1955]. Permaneceu inédito ata 1987.
- El tren y las cosas (1960, Ed. Comercial, Ourense). Con debuxos de Virxilio. Premio de poesía «Marina».[35]
- El ladrido (1961, Trebolle, Ourense).
- La Lanzada: versos hacia el mar (1964, La Editora Comercial, Ourense). Inclúe tres poesías en galego.
- La barca (1974, Bilbao). Libro que xa rematara en 1961.
- Poesía en castellano (1955-1973) (1987, Deputación de Ourense). Con debuxos de Xaime Quessada.
- Los versos de mi camilla: 4 formas (1997, Ediciós do Castro).
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Tovar Bobillo, Antonio (2001). Diario íntimo dun vello revoltado. Literaria. Galaxia. p. 36. ISBN 84-8288-439-5.
- ↑ Caseiro, Delfín (2023). "Biografía de Antón Tovar". Antoloxía poética de Antón Tovar. Vigo: Xerais. p. 27.
- ↑ "Tovar Bobillo, Antón". Enciclopedia Galega Universal 16. p. 125.
- ↑ Tovar, Antonio (1974). "Autopoética ou o que sexa". Poesía galega completa. Arealonga. Akal. pp. 19–22. ISBN 84-7339-069-5.
- ↑ 5,0 5,1 González Blasco, Luis et al. "Tovar Bobillo, Antón". Gran Enciclopedia Galega.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Alonso Montero, Xesús (2005). "Antonio Tovar Bobillo" (PDF). Boletín da Real Academia Galega (355): 416–417. ISBN 84-87987-62-1. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de febreiro de 2017. Consultado o 22 de marzo de 2018.
|archiveurl=
e|url-arquivo=
redundantes (Axuda);|archivedate=
e|data-arquivo=
redundantes (Axuda);|deadurl=
e|url-morta=
redundantes (Axuda);|accessdate=
e|data-acceso=
redundantes (Axuda) - ↑ "Falece en Ourense Antón Tovar, o poeta do pesimismo". culturagalega.gal. Consello da Cultura Galega. 17/6/2004.
- ↑ Méndez Ferrín 1984, p. 236.
- ↑ RAG. Membros de honra
- ↑ "Fallece el poeta gallego Antón Tovar". la Vanguardia (en castelán). 17/6/2004.
- ↑ Méndez Ferrín 1984.
- ↑ "Tovar Bobillo, Antón". Diciopedia do século 21 3. p. 2063-2064.
- ↑ Tarrío, Anxo (primavera-outono de 1985 (XVII)). "Síntesis de la historia de la literatura gallega (siglos xv-xx)" (PDF). Boletín de la Asociación Europea de Profesores de Español (en castelán) (32-32): 7–25. ISSN 1133-4444.
- ↑ Arabela da pluma Arquivado 23 de marzo de 2018 en Wayback Machine. Biblioteca Nacional de España
- ↑ Arredores Vista previa en Google Books.
- ↑ 16,0 16,1 Losada, B. (xaneiro-marzo de 1968). "Non, por Antonio Tovar Bobillo". Grial (19): 104–107.
- ↑ Inclúe: Arredores, Non e O vento no teu colo. Vista previa en Google Books. Non e O vento no teu colo apareceron xuntos, tamén, no n.º 43 da Biblioteca 114 de El Correo Gallego.
- ↑ Vilavedra, Dolores, ed. (2000). Diccionario da Literatura Galega. Obras III. Galaxia. ISBN 84-8288-365-8.
- ↑ Imaxe da portada de Berros en voz baixa
- ↑ A nada destemida Vista previa en Google Books.
- ↑ 21,0 21,1 Poesía en galego Imaxes das protadas.
- ↑ "Ficha do libro Editorial Xerais". www.xerais.gal. Consultado o 2023-01-12.
- ↑ A grande ilusión e outros contos Vista previa en Google Books.
- ↑ Fernández del Riego, F. (1971) [1951]. Historia da Literatura Galega (2ª ed.). Galaxia. pp. 278–279.
- ↑ Imaxe da portada de Diario sin datas
- ↑ Tovar, Antonio (2001). Diario íntimo dun vello revoltado. Literaria. Galaxia. p. 36. ISBN 84-8288-439-5. Con prólogo de Alonso Montero e apéndice de R. Piñeiro.
- ↑ Martínez Bouzas, F. (12/8/2001). "Antonio Tovar Bobillo, memorias dun esculcador da morte". El Correo Gallego. Arquivado dende o orixinal o 23/03/2018. Consultado o 22/03/2018.
|archiveurl=
e|urlarquivo=
redundantes (Axuda);|archivedate=
e|dataarquivo=
redundantes (Axuda);|deadurl=
e|urlmorta=
redundantes (Axuda);|accessdate=
e|data-acceso=
redundantes (Axuda) - ↑ Caño, Xosé Manuel del (2005). Antonio Tovar. Conversas cun vello revoltado. Galaxia. ISBN 84-8288-806-4. Con prólogo de Alonso Montero.
- ↑ Imaxe da portada d'Os cen mellores poemas…
- ↑ Imaxe da portada Houbo outra edición, especial, para a Caja de Ahorros y Monte de Piedad Municipal de Vigo.[1]
- ↑ Co subtítulo Homenaxe da poesía e da plástica galega aos que loitaron pola liberdade. Portada
- ↑ Poetas e narradores nas súas voces Gravacións de son
- ↑ Monteagudo/Díaz-Fierros (coor,s.). AAVV (2003). Carlos Casares: a semente aquecida da palabra (con CD). CCG. ISBN 84-95415-68-2.
- ↑ Imaxe da portada de Poemas pola memoria
- ↑ Imaxe da portada de El tren y las cosas
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Antón Tovar |
A Galicitas posúe citas sobre: Antón Tovar |
Bibliografía
editar- Caño González, Xosé Manuel del (2005). Antonio Tovar. Conversas cun vello revoltado. Galaxia. ISBN 84-8288-806-4.
- Fernández del Riego, Francisco (1971) [1951]. Historia da literatura galega (2ª ed.). Vigo: Galaxia. pp. 278–279.
- ————— (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 436. ISBN 84-7492-465-0.
- Gómez, A.; Queixas, M. (2001). Historia xeral da literatura galega. A Nosa Terra. p. 266. ISBN 84-95350-79-3. Arquivado dende o orixinal o 02/07/2017. Consultado o 22/03/2018.
|archiveurl=
e|urlarquivo=
redundantes (Axuda);|archivedate=
e|dataarquivo=
redundantes (Axuda);|deadurl=
e|url-morta=
redundantes (Axuda);|accessdate=
e|dataacceso=
redundantes (Axuda) - González Blasco, Luis et al. (2005). "Tovar Bobillo, Antón". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Méndez Ferrín, Xosé Luis (1984). De Pondal a Novoneyra. Edicións Xerais de Galicia. pp. 236–238. ISBN 84-7507-139-2.
- Rodríguez Fer, Claudio (1992). "De Clarín a Tovar" (PDF). Boletín Galego de Literatura (7): 69–72. ISSN 0214-9117.[Ligazón morta]
- Tarrío, A. (xullo-setembro de 1977). "Consideracións semiolóxicas arredor da poesía de Antonio Tovar". Grial (57): 273–297. ISSN 0017-4181.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da literatura galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. p. 580. ISBN 84-8288-019-5.
- "Tovar Bobillo, Antón". Diccionario enciclopédico galego universal 57. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 122. ISBN 84-7680-429-6.
- "Tovar Bobillo, Antón". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 274.
- "Tovar Bobillo, Antón". Diciopedia do século 21 3. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 2063-2064. ISBN 978-84-8288-942-9.
- "Tovar Bobillo, Antón". Enciclopedia Galega Universal 16. Ir Indo. 1999-2002. p. 125. ISBN 84-7680-288-9.
- VVAA (2002). Crítica e autores I. Biblioteca Galega 120. La Voz de Galicia. ISBN 84-9757-097-9.:
- Caseiro, Delfín. "Retrato do que vivín". Crítica e autores I. BG120. pp. 181–182.
- Ramos, Baldo. "Arredor da soidade". Crítica e autores I. BG120. pp. 182–183.
- Rúa, Xosé Luís. "Retrato Puntillista". Crítica e autores I. BG120. pp. 183–184.
- Rodríguez, X. M. "Non está un para moitas festas". Crítica e autores I. BG120. pp. 184–189.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- "Antón Tovar". Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega.
- Antón Tovar na Biblioteca Virtual Galega.
- Antón Tovar na enciclopedia da AS-PG.
- Antón Tovar en Praza das Letras, Consellería de Cultura. Xunta.
- González Gómez, Xesús. "A alta literatura de Antonio Tovar" Arquivado 21 de marzo de 2018 en Wayback Machine. Biosbardia, 27/11/2014.
- Martínez, S. (20/3/2018). "Tovar era un hombre atormentado, pero muy bondadoso y generoso". La Voz de Galicia (en castelán).