Blas de Otero
Blas de Otero Muñoz, nado en Bilbao o 15 de marzo de 1916 e finado en Majadahonda, Madrid o 29 de xuño de 1979, foi un poeta en lingua castelá. Dúas son as súas obras principais, cada unha representativa dos seus dous ciclos poéticos principais: o desarraigado existencialismo de Ángel fieramente humano (1950) e a crítica social de Pido la paz y la palabra (1955).
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 15 de marzo de 1916 Bilbao, España |
Morte | 29 de xuño de 1979 (63 anos) Madrid, España |
Causa da morte | edema pulmonar |
Lugar de sepultura | Cemiterio Civil de Madrid |
Actividade | |
Campo de traballo | Poesía |
Ocupación | poeta, escritor |
Xénero artístico | Poesía |
Familia | |
Cónxuxe | Tachia Quintanar Sabina de la Cruz |
Premios | |
| |
Biografía
editarRealizou os seus primeiros estudos nunha institución relixiosa da súa cidade natal para logo comezar Dereito en Madrid e rematala en Valladolid. Trala guerra civil exerceu brevemente de avogado nunha industria biscaíña e no 1952 tivo unha experiencia laboral nunha mina de ferro xunto cos pintores Agustín Ibarrola e Ismael Fidalgo.
Dende o punto de vista ideolóxico pasou dun cristianismo dramático a un marxismo militante.
Traxectoria poética
editarDistínguense dúas etapas principais e unha xa terminal na evolución poética de Blas de Otero:
Etapa existencialista
editarCrea nesta época unha poesía desarraigada, expresión do "eu" coas súas angurias existenciais. É, sobre todo, unha poesía metafísica, orientada a preguntarse polo sentido do home e do mundo. Escribe, así, poemas relixiosos dirixidos a un Deus arelado pero incomprensible, e tamén poemas amorosos, impregnados da mesma sede do Absoluto.
Predominan nesta etapa as formas clásicas, principalmente o soneto. A linguaxe é violenta, dramática e cunha forte densidade estilística.
Etapa de poesía social
editarO poeta abandona o seu "eu" e pásase ao "nós". Os versos expresan agora arelas de paz, liberdade e xustiza social. Dirixe a súa poesía á "inmensa maioría" (en contraste con Juan Ramón Jiménez, que adicaba a súa obra á "minoría, sempre"). Deste xeito, procura unha linguaxe máis sinxela, máis accesible. Concibe a poesía como loita e construción; efectivamente, xunto a esa actitude crítica (ata onde a censura lle deixou) aparece a chamada á esperanza, o desexo de transformar o mundo a través da poesía.
Emprega neste período o verso libre e as formas dos cantares populares.
Derradeira etapa
editarInicia esta etapa en 1965. Sen rexeitar a loita política, Otero desbota a poesía como medio para cambiar o mundo. Sabe que esa "inmensa maioría" non le os seus versos, polo que decide ser revolucionario na súa obra doutro xeito: na linguaxe poética e o enriquecemento formal das súas creacións, a través de imaxes insólitas, ritmos novos e mesmo toques surrealistas. Na temática, sen renunciar de todo aos problemas sociais e políticos, volve a cobrar presenza o íntimo.
Prefire no seu derradeiro ciclo poético as formas métricas moi libres, de considerable amplitude.
Significación
editarBlas de Otero resume á perfección a evolución da poesía en lingua castelá a partir de 1939, da anguria vital á poesía social para rematar coa procura de novas formas. A súa obra conseguiu unir conciencia ética e rigor estético, converténdoo en figura clave da literatura do seu tempo.
Obras
editarEtapa existencialista
editar- Ángel fieramente humano (1950).
- Redoble de conciencia (1951).
- Ancia (1958) (Fusión nun só volume dos dous anteriores, con algúns poemas novos).
Etapa de poesía social
editar- Pido la paz y la palabra (1955).
- En castellano (1959).
- Esto no es un libro (1963).
- Que trata de España (1964).
Derradeira etapa
editar- Mientras (1970).
- Historias fingidas y verdaderas (1970).
- Poesía con nombres (1977).
- Viejo camarada (1978).
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Blas de Otero |
Bibliografía
editar- Lázaro, F. e Tusón, V. (1982). Literatura Española. Ed. Anaya.