Toponimia

disciplina da onomástica que estuda os nomes de lugar
(Redirección desde «Exotoponimia»)
Para a política de toponimia de Wikipedia, véxase Wikipedia:Toponimia.

A toponimia é a rama da onomástica que estuda os topónimos, nomes propios de lugares, a súa orixe, evolución e significado;[1] é considerada unha parte da lingüística, con fortes ligazóns coa historia, a arqueoloxía e a xeografía. Tamén se usa o vocábulo toponimia para indicar o conxunto dos nomes dos lugares dun territorio concreto, e os nomes tradicionais chamadeiros e chamadoiros.[2] A toponimia está constituída polos nomes de carácter xeográfico ou topográfico.

Diversos topónimos en sinais indicativos.

Diversidade toponímica

editar

Os topónimos, aínda que procedentes dun mesmo étimo, poden ser, nunha mesma lingua, totalmente diferentes. Isto débese a:

  • Flexión xenérica e numérica: Casal, Casás, Casais.
  • Aparición de todo tipo de sufixación referencial: Carballosa, Carballal, Carballeda,Carballido, O Carballiño...
  • Formación de numerosos compostos, especialmente coa adxunción dun adxectivo como segundo elemento (-agudo, -baixo, -outo, -maior,...: Monteagudo, Picouto, Vilarmaior) ou coa presenza dun sintagma nominal subst. + de + subst. (Vilar de Frades, Montaña da Agra) ou subst. + de + adv.(Carballal de Arriba).
  • Evolucións dialectais: *FONTANELLA > Fontela / Fontenla, *PLANU > chao/chan (Chaodorrío)

Porén, as leis de evolución fonética (por exemplo, as leis de Grimm) dos topónimos son iguais cós da lingua común, pois os falantes non teñen consciencia de que haxa que pronunciar os topónimos dun xeito distinto ás palabras comúns. Mais ás veces as leis evolutivas ficaran nun determinado estadio, dando lugar a verdadeiros fósiles lingüísticos; así un topónimo como Mazaeda revelaría un estadio intermedio, desde un tardolatino *MATTIANETA fronte Maceda, máis evolucionado.

Evolución da toponimia como ciencia

editar

O desenvolvemento científico dos estudos toponímicos aparece no século XVIII. En Galiza, Martín Sarmiento foi o primeiro que aplica o método filolóxico e comparativo non só na lingua galega en xeral, senón tamén á toponimia e antroponimia. Mais houbo que esperar ata finais do XIX para que o desenvolvemento da lingüística impulsara paralelamente a onomástica como unha póla propia.

En diversos países europeos algúns lingüistas son considerados os abandeirados do establecemento da toponimia. Deben destacarse en Francia D'Arbois de Jubainville, Auguste Longnon, Albert Dauzat; en Alemaña H. Groehler, E. Gamillscheg, Gerhard Rohlfs; en Italia V. Bertoldi. En Bélxica Carnoy, Auguste Vincent. Na Suíza, Hubschmied e Paul Aebischer. En Portugal, como en tantas outras cousas, o pioneiro foi José Leite de Vasconcelos. Algúns deles emprestaron tamén atención á Península Ibérica, na que destacan a Ramón Menéndez Pidal, Antonio Tovar, Johannes Hubschmid, Joan Coromines), Antoni Badia i Margarit, Manuel Alvar, A. Griera, ou Luis Michelena. Varias revistas especializadas aglutinaran as investigacións onomásticas, das que compre destacar Onoma, un boletín bibliográfico creado en 1950, en Lovaina.

Tamén en América se desenvolveran entrementres as investigacións toponímicas. No Canadá destacou Robert Douglas. Nos Estados Unidos de América cómpre salientar a Robert L. Ramsay como fundador de toda unha escola onomástica. Os esforzos canalizáronse a través da revista Names, desde 1953, vinculada á Universidade de California en Berkeley. Non faltan tampouco toponimistas en Latinoamérica: Ricardo L.J. Nardi na Arxentina ou Bernardo Pedral Sampaio no Brasil.

Para o estudo da toponimia galega, á parte dalgún dos antes citados (Leite de Vasconcelos, Menéndez Pidal, Coromines) son primordiais os estudos de Joseph-Maria Piel, Abelardo Moralejo Laso, Luís Monteagudo García, Manuel Rabanal Álvarez, José Luís Pensado Tomé, Isidoro Millán González-Pardo, José Santiago Crespo Pozo, Juan José Moralejo Álvarez, Eligio Rivas Quintas, Nicandro Ares Vázquez, Fernando Cabeza Quiles, Gonzalo Navaza, Edelmiro Bascuas ou Ana Boullón Agrelo. Non houbo unha revista especializada en Galiza ata que o irmán marista Manuel Rodríguez Rodríguez (1898-1975) fundou o Seminario Fontán-Sarmiento de Hagiografía, Toponimia e Onomástica de Galicia, en 1972, con sede no colexio maior Xelmírez, que publica un boletín. Mais a maioría dos traballos toponímicos están dispersos por varias publicacións, non sendo raro que mesmo aparezan en xornais.

Clasificación dos topónimos

editar

A conversión dos topónimos en nomes comúns, ou viceversa, constitúe tamén un procedemento de acrecentamento lexical:

Os topónimos sempre se orixinan do léxico da fala, aínda que en momentos posteriores poidan perder a súa transparencia semántica e xa non ser evidente o seu significado.

Temática

editar

Os topónimos poden clasificarse tematicamente:

Cómpre ter conta de que con frecuencia os topónimos poden solaparse en dúas ou máis variantes temáticas.

A orixe dos topónimos galegos, por orde cronolóxica, é:

  • Topónimos prelatinos: Arzúa, Barallobre, Sillobre, Betanzos, Cangas, Nantón, Dubra, Bergantiños, Noia, Sarria, Trives, Barbanza, A Arnoia, Deva, Eo, Tambre, Bar).
  • Orixe latina. Son os maioritarios: Compostela (de COMPOSITA + ELLA, non de *CAMPUS STELLAE), Padrón (de PETRONEM, formado sobre un aumentativo de PETRA), Vigo (de VICUM ), Eiras (de AREAS, "áreas"), Reboira (de *ROBOREA), Taboada e Taboadela (de TABULATA ), Viveiro (de VIVARIUM),... A través do latín entraron no galego topónimos de orixe grega ou xudía, na maior parte por influxo do Cristianismo, como Grixoa (de ECCLESIOLA, diminutivo de ECCLESÍA), Mosteiro (de MONASTERIUM), Vilasol (dunha VILLA SAULI, do nome hebreo latinizado SAULUS).
  • Orixe xermánica, especialmente sueva. Son numerosos como derivados de antropónimos (Hermisende, Vaamonde, Baldomar, Baltar, Goiáns, Gondomar,... e moitos dos rematados en -oi: Filloi, Raxoi, Trastoi, Mondoi, Gadoi, Cendoi; -ei: Forcarei; -il: Samil; e -iz ou -ís en zonas de seseo: Espariz, Mondariz, Sabarís), sobre todo tendo en conta que moitas veces se xuntan en composición con elementos latinos. Como derivados do léxico xermánico común, son menos frecuentes: Boiro (do tema *BÛR "edificación"), Loiba, Lobios (xermánico *LAUBJO, "alpendre") , Sas ou Zas (gótico SALA "pazo").
  • Orixe árabe. Salvo aldea, son pouco frecuentes: Alfoz (arrabalde), Almuíña (horta, herdade), Barrio, Rábade (fronteira), Acea ou Aceña (muíño de auga), posiblemente A Mezquita, ...
  • Orixe franca: co nome de francos englóbanse os inmigrantes europeos que foran chegando ata os reinos peninsulares ao longo da Idade Media. Na súa maior parte eran franceses (de aí o xentilicio), pero tamén os había xermanos, italianos, languedocianos etc. A influencia maioritaria foi francesa ou provenzal (como se observa na influencia exercida sobre a lingua galaico-portuguesa), debida en parte ó Camiño de Santiago. Podemos observar pegadas tamén na toponimia: Granxa (do francés GRANGE), Temple (forma francesa fronte a autóctone Templo).
  • Orixe castelá. A consecuencia da influencia do español, como lingua oficial: Calle, Venta da Castellana, As Ermitas, Carrete(i)ra, Manzaneda, O Portazgo.

Notas

  1. "Toponimia". Dicionario da Real Academia Galega. Consultado o 2024-06-14. 
  2. "Chamadeiros: a toponimia de Pontevedra; Toponimia de Galicia". toponimia.xunta.gal. Consultado o 2024-06-14. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Bibliografía

editar
  • Edelmiro Bascuas, Estudios de Hidronimia Paleoeuropea Gallega. Universidade de Santiago de Compostela. 2002
  • Ana Isabel Boullón Agrelo (2010): "Toponimia de Galicia. Estado da cuestión”, en Mª Dolores Gordón Peral (ed.): Toponimia de España. Estado actual y perspectivas de la investigación. Berlín / Nova York: Walter de Gruyter, 31–58.
  • Fernando Cabeza Quiles (1992): Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado, Edicións Xerais, Vigo.
  • —————— (2000): Os nomes da terra. Topónimos galegos, Editorial Toxosoutos, Noia.
  • —————— (2008): Toponimia de Galicia, Editorial Galaxia, Vigo.
  • —————— (2014): A toponimia celta de Galicia, Editorial Toxosoutos, Noia.
  • Isidoro Millán González-Pardo, Toponimia del Concejo de Pontedeume y Cartas Reales de su Puebla y Alfoz. 1987 - ISBN 84 86040 27 2
  • Abelardo Moralejo Laso, Toponimia Gallega y Leonesa.1977 - ISBN 84 85170 20 2
  • Gonzalo Navaza (2006): Fitotoponimia galega. A Coruña: Fundación Barrié. Biblioteca Filolóxica Galega do Instituto da Lingua Galega.
  • —————— (2007): Toponimia de Catoira. Catoira: Concello de Catoira.
  • —————— (2021). Os nomes dos concellos da provincia da Coruña. Real Academia Galega. ISBN 978-84-17807-09-2. doi:10.32766/rag.377. 
  • Joseph-Maria Piel, Estudos de Linguística Histórica Galego-Portuguesa. 1989.
  • Joseph-Maria Piel / Dieter Kremer (1976): Hispano-gotisches Namenbuch. Heidelberg: Carl Winter.
  • Antón Santamarina (2002): “A Journey through Galician Onomastics”, en A. I. Boullón Agrelo (ed.): Actas do XX Congreso Internacional de Ciencias Onomásticas: Santiago de Compostela, 20-25 setembro 1999. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza, 3-32. [Edición en CD-Rom)]. Trad. gal.: “Viaxe pola onomástica galega”, A Trabe de Ouro 62 (2005) 11-38. Versión resumida en “Onomástica galega”, apéndice da Gran Enciclopedia Gallega 35, 140-152.

Ligazóns externas

editar

Buscadores de toponimia galega

editar

Outros recursos de toponimia galega

editar

Toponimia non galega

editar

Exotoponimia en galego

editar