Mobiliario
Mobiliario ou moblaxe[1] é o conxunto de mobles, obxectos que serven para facilitar os usos e actividades habituais en casas, oficinas e outro tipo de locais. Normalmente o termo alude aos obxectos que facilitan as actividades humanas comúns, tales como durmir, comer, cociñar, descansar etc., mediante mesas, cadeiras, camas, andeis, mobles de cociña etc. O termo exclúe utensilios e máquinas tales como PCs, teléfonos, electrodomésticos etc.

Tipos de mobiliarioEditar
Existen varios tipos de mobiliario, como os mobles que posúen unha superficie horizontal separada do chan, como cadeiras e camas, mesas, ou ben, mobles para a almacenaxe ou arquivo de libros, revistas, roupa etc. O mobiliario urbano ou equipamento urbano é o conxunto de bancos, marquesiñas, papeleiras etc. instalado polos concellos para uso da veciñanza.
O mobiliario pode ser o produto do deseño ou considerado unha forma de arte decorativa. Ademais do fin funcional do mobiliario, pode servir a un propósito simbólico ou relixioso. O mobiliario doméstico crea, en conxunción con outros obxectos como lámpadas ou reloxos, espazos interiores convenientes, confortables e funcionais.
O mobiliario pode ser artesanal ou industrial, e pola súa gran carga ornamental foi considerado obxecto artístico na historia da arte decorativa, sobre todo o da época pre-industrial.
MateriaisEditar
Os materiais empregados na súa elaboración adoitan ser:
- Madeira: tivo un gran protagonismo desde os exipcios até o moble estilo Art Nouveau, e aínda segue sendo o material preferido por moitas persoas. Os tipos de madeiras máis empregados son as de piñeiro, cerdeira, castiñeiro, faia, carballo etc.
- Metal: despois da primeira guerra mundial, coa chegada do Movemento Moderno e os deseños de Marcel Breuer con tubo de aceiro curvado e cromado, que impuxeron un novo estilo de mobiliario.
- Plástico: cobrou relevancia no deseño de mobles despois da segunda guerra mundial, cando se fixeron grandes avances na obtención e procesado deste material. Os que innovaron no uso do plástico foron os deseñadores italianos do movemento Radical Design.
HistoriaEditar
A historia do mobiliario iníciase co cambio de costumes do ser humano, ao transformarse de nómade cazador en agricultor sedentario. Evidencias de mobiliario da antigüidade, que perduraron, atópanse en pinturas murais e baixorelevos do Antigo Exipto do terceiro milenio adC. Mobiliario recuperado do Antigo Exipto é unha cama descuberta nunha tumba de Tarjan, un conxunto de obxectos mobiliarios na tumba da raíña Hetepheres, de ca. 2600 a.C. ou unha banqueta de ca. 1550, en Tebas. A tumba de Tutankamon, ca. 1325. a. C., contiña multitude de aveños entre os que se atopaban algúns mobles aceptablemente conservados. A alfombra máis antiga que perdurou, a alfombra de Pazyryk, foi atopada, conxelada, nunha tumba de Siberia e foi datada entre os séculos VI e III a.C.
Historia occidentalEditar
O mundo clásicoEditar
Os obxectos da época clásica foron achados nos túmulos de Frixia e os montículos de Midas en Gordión, Turquía, pertencen ao século VIII a. C. Entre as pezas atopadas áchanse mesas e armarios de servizo. O deseño de mobiliario da antiga Grecia comezou no segundo milenio adC, incluíndo camas e as cadeiras klismos, que foron preservadas non só como mobles senón tamén en debuxos de vasos gregos. Nas escavacións de 1738 e 1748 de Herculano e Pompeia, atopáronse algúns obxectos do mobiliario romano preservado entre as cinzas da erupción do Vesuvio.
O RenacementoEditar
O mobiliario da Idade Media era xeralmente basto, de carballo e ornamentado con algúns deseños tallados. Xunto coas outras artes, o Renacemento italiano dos séculos XIV e XV, marcou un rexurdimento da arte clásica, inspirada na tradición Greco-Romana. Unha eclosión similar de arte e renacemento de cultural ocorreu no norte de Europa, a comezos do século XV.
O BarrocoEditar
No século XVII, no norte e sur de Europa, estivo caracterizado pola opulencia, e os deseños dourados do Barroco, que incorporaban a miúdo unha gran cantidade de ornamento vexetal. No século XVIII, o deseño de mobiliario comezou a desenvolverse e perfeccionarse máis rapidamente. Aínda que houbo algúns estilos que pertenceron fundamentalmente a unha nación, como o Paladismo en Gran Bretaña, outros como o Rococó e o Neoclasicismo perpetuáronse en toda Europa Occidental.
O EclecticismoEditar
O século XIX é usualmente definido pola mestura de estilos antigos, como o Gótico, Neoclasicismo e Rococó. A reforma do deseño de fin de século, introduciu o movemento Estético e o movemento Arts and Crafts. O Art Nouveau, xurdido a principios do século XX, foi influenciado por ambos os movementos, e á súa vez con este comezaría o Movemento Moderno no deseño de mobiliario e as artes aplicadas.
O ModernismoEditar
Nos primeiros tres cuartos do século XX desenvolveuse o Modernismo, con estilos como o Art déco, De Stijl, Bauhaus, Wiener Werkstätte e a Secesión Vienesa, e deseñadores que traballaron co mesmo estilo Modernista. O deseño posmoderno, cruzado polo movemento Pop Art, gañou impulso nas décadas de 1960s e 70s, promocionado nos 80s por movementos italianos baseados no Grupo Memphis ou o Radical Design. O mobiliario transicional tentou encher o espazo entre gusto Tradicional e o Moderno.
Galería de imaxesEditar
NotasEditar
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para mobiliario.
Véxase taménEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mobiliario |
BibliografíaEditar
- Gloag, John. A Short Dictionary of Furniture. Nova York: Holt, Rhinehart, e Winston, 1965.
- Hayward, Charles H., Antique or Fake?: The Making of Old Furniture. Londres: Evans Brothers, 1971.
- Koizumi, Kazuko. Traditional Japanese Furniture. Xapón: Kodansha International, 1997.