Venus paleolíticas
As venus paleolíticas son figuras femininas de óso, corno, marfil, pedra, terracota, madeira ou lama, datadas no Paleolítico superior, dentro do cal constitúen a principal categoría de arte móbel ou mobiliar, superando o centenar de exemplares, no caso das figuras de vulto redondo, e os dous centenares se se inclúen representacións parietais. Estas esculturas teñen tamaños modestos, até diminutos, oscilando entre os 4 e os 25 centímetros.
O primeiro descubrimento foi a Venus de Brassempouy, en 1893, por Édouard Piette. Catro anos máis tarde, Salomon Reinach daba a coñecer as figuras de esteatita das covas de Grimaldi. En 1908 foi exhumada a famosísima Venus de Willendorf, nun campo de loess do val do Danubio, en Austria. Esta escultura, que se converteu nunha icona, anunciaba o descubrimento de numerosas esculturas femininas que se estendían dende os Pireneos franceses até as chairas siberianas do lago Baikal. Foron bautizadas co nome de Venus ó estenderse a noción de que constituían un ideal de beleza prehistórica, e, aínda que a idea foi rexeitada, a denominación de venus persiste.
Descrición
editarTodas elas parecen responder a representacións convencionais da muller da época (algunhas chegan a ser claramente estilizacións ou esquemas), o que non impide apreciar a mestría dos artesáns prehistóricos. Hai un grupo de venus, denominado esteatopixias, con certas partes da anatomía esaxeradamente desenvolvidas: son obesas, co abdome, a vulva, as nádegas e as mamas extremadamente grandes. Pero tamén é común que o resto das partes do corpo aparezan esvaecidas: os brazos son moi pequenos, os pés apenas se lles ven e a cara adoita ser, polo xeral, inexistente. Pódense diferenciar un rombo interior, onde se centran as características que os homes querían resaltar e un rombo exterior que comprende as extremidades.
A cuestión da esteatopixia de certas Venus foi obxecto de numerosas controversias: o primeiro en abordar o tema foi Piette, descubridor da Dama de Brassempouy e doutras venus nos Pireneos. Doutra banda, algúns etnólogos comparárona cos bosquimáns da África austral, e outros quixeron ver símbolos da fertilidade e a abundancia. Posteriormente determinouse que non todas as figuras eran obesas, nin todas tiñan os atributos femininos esaxerados, nin todas carecían de trazos faciais: a idea desta clase de efixies comezaba a desdebuxarse. Por iso, varios especialistas tentaron distinguir diferentes variedades de venus. A publicación de referencia sobre o estudo deste tipo de obras de arte débese a Henri Delporte, en cuxo exhaustivo traballo chegou a determinar cinco variantes de figuras atendendo, sobre todo, á súa procedencia xeográfica[1]
-
Venus de Brassempouy
-
Venus de Lespugue
-
Venus de Laussel
-
Venus de Dolní Věstonice (feita de cerámica)
- Venus da zona pirenaico-aquitana: por exemplo, as venus de Lespugue, Brassempouy ou Laussel.
- Venus da zona italiana: por exemplo, a venus de Savignano ou a de Grimaldi.
- Venus da zona renano-danubiana: por exemplo, Willendorf ou Dolní Věstonice.
- Venus da zona rusa europea (que inclúe numerosos países da antiga Unión Soviética: por exemplo, Kostienki (Rusia) e Gagarino (Ucraína).
- Venus da zona siberiana: por exemplo, Mal’ta ou Buretj.
Notas
editar- ↑ Delporte, Henri. La imagen de la mujer en el arte Prehistórico. Ediciones Istmo, Madrid. ISBN 84-7090-123-0.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Brézillon, Michel (1969). Dictionnaire de la Préhistoire. Librairie Larousse, París. ISBN 2-03-075437-4. (páxinas 249-250)
- Gamble, Clive (1990). El poblamiento paleolítico de Europa. Editorial Crítica, Barcelona. ISBN 84-7423-445-X. (páxinas 352-357)
- Ripoll Perelló, Eduardo (1989). Historia del Arte, nº 3: El arte Paleolítico. Historia 16, Madrid. ISBN 84-7679-157-7. (páxinas 46-50)
- Self-Representation in Upper Paleolithic Female Figurines: by LeRoy McDermott