Ólisbos, subtitulada os amantes da palabra, foi unha revista multilingüe editada en Santiago de Compostela entre 1986 e 1997, no seo da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Chegou a publicar 20 números (do 0 ao 19) onde diversos autores, fundamentalmente estudantes, escribiron poesía, prosa, ensaio e artigos divulgativos.

Ólisbos, os amantes da palabra
PaísEspaña
Lugar de publicaciónSantiago de Compostela
Linguagalego, catalán, francés, inglés, alemán
CategoríaRevista literaria estudantil
EspecialidadeCultura e literatura
Fundación1986
Desenvolvemento
EditorTórculo Artes Gráficas: Santiago
Circulación
FrecuenciaAnual
CustoEntre 300 e 500 pesetas
ISSN1130-7595
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

En 1986 viron a luz os dous primeiros números da revista: o número 0 e o número 1. Os promotores eran un grupo de alumnos e alumnas da Facultade de Filoloxía, pertencentes a diferentes cursos e especialidades. Os tres primeiros números foron editados sen axudas económicas da universidade, agás material e unha copistería local (Tórculo, de Jacobo Bermejo), que adiantou os custos da impresión[Cómpre referencia].

A partir do número 3 a revista foi subvencionada pola Facultade, e comezou a ser imprentada noutra empresa, Minerva[Cómpre referencia].

O primeiro número foi de creación, pero a partir do número 1 empezaron a publicarse tamén traducións. Posteriormente, os números viraron sobre temas monográficos, como por exemplo a tematizada na anarquía ou a creación gráfica.

Editou vinte números (ata o 19), e cesou a súa publicación en 1997. En 2007 comezou a súa traxectoria Nova Ólisbos.[1]

Características editar

Estaba impresa en branco e negro, pero algúns números tiveron portadas ilustradas a cor.

Foi unha revista multilingüe. O primeiro número (número cero) custaba 150 pesetas.

Persoas editar

Durante os catro primeiros números a dirección levouna un consello de redacción colectivo.

Entre os seus colaboradores figuraron Laureano Araujo, Carmen Blanco, Darío Xohán Cabana, Yolanda Castaño, Alfredo Conde, María Lopo, Ígor Lugrís, Carlos Negro, Chus Nogueira, Uxío Novoneyra, Chus Pato, Milagros Polo, Claudio Rodríguez Fer, Suso de Toro, Andrés Torres Queiruga, Luísa Villalta, Xosé M. Eyré, Chus Lama, Gabriel Rei-Doval, Robert Kluge, Xesús Ferro Ruibal, Bernardo Máiz, Helena de Carlos, Luís Bará, Siro ou Manuel Beiras, Peter Dronke, Jon Juaristi, Koldo Izagirre, Gerald Denley, Méndez Ferrín, Antón Reixa ou Iolanda Aldrei.

Números editar

A colección íntegra da revista atópase na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela (USC) por ser o lugar da súa xénese. Tamén se poden atopar os números 9, 10 e 19 na Biblioteca e arquivo Francisco Pillado Mayor, na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña.[2][3][4][5][6]

Número 0 editar

O primeiro número viu a luz en marzo de 1986. O seu primeiro consello de redacción estivo formado por Maisu Quintillán, Gabriel Rei-Doval, Xosé Manuel Eyré, Chus Lama, Enrique Egea, Carlos Pérez Varela, Francisco Javier Vidal Rodríguez, María Rivas, Carme Areses e Carmen VIllares Pazos.

Este número 0 incluía unha editorial onde o consello se laiaba da escaseza de cartos e falaba dos seus propósitos, ideolóxicos e creativos, como publicación. A portada foi unha ilustración de Enrique Egea. O número incluía, entre outros, un artigo sobre o significado da palabra 'ólisbos', asinado polo catedrático de Grego na facultade, Juan José Moralejo (que sería asíduo colaborador), así como artigos sobre a poesía de Pasolini, o trobador Johan Garcia, a novelística de Milan Kundera ou a mitoloxía popular. Tamén había creación de prosa e de poesía, moita dela anónima ou con pseudónimo, pero tamén con nomes como Helena de Carlos, Xosé Manuel Eyré ou Lois Xosé Pereira.

Número 1 editar

En xuño, tres meses despois do número 0, publícase o número 1, que incorporar por primeira vez a tradución e a banda deseñada. Aínda que o número se imprentou en Tórculo [Cómpre referencia], a revista sinala como lugar da edición Perlío (Fene).

Nese número destaca a conversa co filólogo español Fernando Lázaro Carreter, as entrevistas coa investigadora Silvia Manteiga e co crítico literario Francisco Rico ou un texto en prosa de Luísa Castro. Tamén contiña este número, entre outras colaboracións, unha tradución de H. Heine feita por Robert Kluge, e unha tradución ao latín do conto "Encol da morte do Bieito" (Dos arquivos do trasno, Rafael Dieste).

No consello de redacción a novidade é a incorporación de Isabel Gómez, e entre os colaboradores non mencionados xa, Vreixo Fernández-Galego, Álvaro Sanmartín, José María Ardao, Miguel Angel Castro ou Alberto Dureiro.

Número 2 editar

O exemplar, publicado no curso seguinte, en marzo de 1987, era de menor tamaño. A portada é unha páxina en branco agás unha faixa na marxe esquerda, de abaixo arriba, onde se le un texto de Uxío Novoneyra: 'Como en nada graba o tempo no home'. O número ten algunha publicidade e as ilustracións xa non son só unicamente cousa de Enrique Egea senón que colabroan outros nomes, entre eles Siro.

O editorial é un texto lírico e algunhas das contribucións continúan primeiras partes aparecidas na edición anterior. Entre as obras de creación destacan os primeiros poemas publicados por Iolanda Aldrei, un poema inédito de Uxío Novoneyra (concibido para Os Eidos) e unha colaboración en verso de Jon Juaristi, traducida ao galego, sobre Novoneyra. Entre as traducións acóllese unha de Ovidio, obra de Xosé Manuel Pose, unha de Esopo da man de Bernardo Máiz, e unha de poemas de Petrarca por Darío Xohán Cabana. Tamén se inclúe unha entrevista, asinada por Antonio Ricón, a Kevin Gilligan e Margot de Chatelaine[7], editor e directora de arte da revista Keltica, the Inter-celtic Journal[8], unha publicación estadounidense de estudos celtas.

Hai algunhas incorporacións novas ao consello de redacción (Antonio Ricón, Lorena Gómez, Mayte Leis, Pepa F. Cores) e tamén algunhas baixas. Colaboraron tamén neste número Manuel Beiras, Xosé A. VIllar Piñón, Antón Méixome, Carlos Arias, Manuel Vázquez Cierna, Manuel Núñez Fiúza, Alfredo Canosa Carballo, Fernando García Montiel, Luís Lys ou Rafael Dovale.

Número 9 editar

O número 9 foi editado en 1990[2]. No consello de redacción figuran os nomes de Lourenzo Maroño, Igor Lugrís, as irmás Concha e Susa Blanco Montecelos ou Ramón Capotillo, así como os nomes ou pseudónimos de Mar R Martínez, María F Montes, Alicia G dos Anjos, Reinaldo Loureiro e Xoanxo do Exo.

Como os números descritos anteriormente, combina creación, tradución e artigos de opinión ou investigación. Como creadores colaboraron neste número entre outros Igor Lugrís, Carmen Pereiras, Manuel Lourenzo González, Manuel Salgado[Cómpre referencia] ou Blanca Riestra. Tamén se inclúe unha escena teatral de Historia de Neera (acto I, esc 17), que aínda que non aparece asinada[Cómpre referencia] fora unha obra publicada por Roberto Salgueiro no ano anterior.

Entre as traducións estaba un cacho d'A morte en Venecia, de Thomas Mann, publicado no seu orixinal alemán e mais verquida ao galego por Laureano Araujo, quen anos despois acometería a tradución do volume completo.

Baixo unha forma máis ensaística publicouse un texto de Francisco Rodríguez sobre a visión da literatura galega dalgúns hispanistas, centrado en Richard A. Cardwell[9] ou Catherine Davies, ou un texto de Masito Beiró sobre o poeta Miquel Àngel Riera, entre outros.

Número 10 editar

O número 10 foi editado ao ano seguinte, en 1991[3], sen novidades significativas no consello de redacción con respecto ao número precedente. O número inclúe un apartado dedicado a poesía de temática erótica, que se imprimiu nun caderno de follas de distinta cor. Entre os creadores que publican nesta revista figuran Xaquín Trevelez e Michelle Monsein [Cómpre referencia] en poesía, mais hai dous artigos centrais: un de Suso de Toro titulado "Que se arte, que se literatura", e outro de Emilio Ínsua sobre a palabra na poesía de Egito Gonçalves, un escritor portugués vivo naquela altura. A publicación tamén inclúe unha serie de caricaturas de Avelino Rodríguez Cuiñas e Francisco A. Villaverde, tituladas "Neuroloxía da erosión profesional": os dous publicarían A lúa no probador ao ano seguinte.

Número 12 editar

O número 12 publicouse en febreiro de 1993[4], e estivo centrada en estudos de pragmática lingüística e na comunidade xitana en Galicia. Aínda que se mantén parte do consello de redacción de anos anteriores, aparecen como novidade (neste número ou no anterior) Juan Martínez, Armando Requeixo, Álvaro Graña, Ánxeles Canive[Cómpre referencia], Charo Mascato e María Roo.

Entre as novidades como creador está o nome de Màrius Serra, que publica un poema en catalán.

Número 15 editar

O número 15 data do mes de maio ano 1994[5]. Co subtítulo de Voces, ten unha importante dimensión política, e publica de maneira central o poema O Imperador Montezuma escreve ao presidente Clinton sobre a Cuba de Castro, de Joaquim Montezuma de Carvalho.

No consello de redacción figuraban os xa habituais Ígor Lugrís, as irmás Susa e Concha Blanco Montecelos, Armando Requeixo ou Ánxeles Cánive[Cómpre referencia], mais as incorporacións de María Fe González Fernández, Milagres Romero, Nacho Almeida, Isabel Villalba [Cómpre referencia], Carme Fernández García e Almudena Ferreiro. A portada tiña unha fotografía de José Fariñas[10].

Número 19 editar

O número 19, que foi subvencionado polas institucións académicas, publicouse en setembro de 1997[6]. As mudanzas con respecto aos números das primeiras etapas foron moi considerables, non só a nivel de consello de redacción, senón na propia estrutura: agora a revista terá un tema moi definido onde boa parte dos contidos (imaxe, creación e refllexión ou investigación) viraron ao redor do mesmo concepto. Neste número 19 o concepto foi a anarquía. Foi, ademais, o derradeiro número de Ólisbos.

Na publicación, o escritor Claudio Rodríguez Fer terá un papel fundamental tanto dende a parte creativa, cunha antoloxía da súa poesía, como dende a parte de ensaio ou investigación. Os poemas de Rodríguez Fer viñan acompañados de dúas dedicatorias, unha de Borges (Eu, que tanto homes teño sido) e outra de Pablo Neruda (porque de tantas vidas que tiven estou ausente e son, á vez son aquel home que fun). Os poemas titúlanse Máis alá da saudade (extraído de Poemas de amor sen morte, 1979), Ámame anarquista (extraído de Tigres de ternura, 1981), Viva Zapata! (extraído de Cinepoemas, 1983), E son o amor o amante e máis o amado (extraído de Historia da lúa, 1984); O que queda dos tigres, acompañada dunha cita de Bataille (O amor é ao tempo o que o tigre é ao espacio) e A cabeleira (fragmentos) (ámbolos dous extraídos de a boca violeta, 1987), Blues da insubmisión (extraído de Extrema Europa, 1996), Greve (extraído de Extrema Europa" e xa previamente publicado en Ólisbos, 1996) e Balada dos amantes nómades (extraído de Clave Orión e Galicia Internacional, 1996). Na parte reflexiva encádrase o texto de Milagros Polo (Claudio Rodríguez Fer: territorio celta e romanticismo esencial) pero tamén o texto creativo de Olga Novo, na órbita poética de Rodríguez Fer, titulado amor libre amor fou, dedicado a Carmen Blanco, a poeta e compañeira de Rodríguez Fer, e que tamén fai referencia explícita á poética de Claudio Rodríguez, ademais de André Bretón: Novo fala no texto da visión innovadora do amor, e a loita contra a súa burocratización e contra os roles tradicionais dos sexos[Cómpre referencia].

O propio Claudio Rodríguez Fer participa no bloque de contidos máis explicitamente anarquistas, escribindo un artigo sobre a prensa anarquista galega durante a guerra civil, especialmente Galicia Libre. Órgano de la Agrupación de Gallegos Libertarios que pertencía á CNT[11], mais tamén conexións galegas en El Pueblo, fundado por Vicente Blasco Ibáñez, ou Umbral, que publicaron viñetas de Castelao traducidas ao castelán e versos en galego de Rosalía de Castro. Antón Fernández Álvarez fixo un traballo sobre o activista anarquista Ricardo Mella[12], Dionisio Pereira escribiu tamén sobre a prensa libertaria de Galicia; Xurxo Sierra fíxoo sobre un exemplo de literatura anarquista, a obra de Leandro Pita titulada precisamente O anarquista; Rafa Villar centrou un texto en Puig Antich e unha antoloxía poética popular na súa memoria; ou Xavier Valle, que falou sobre o anarquismo en Internet, nos tempos en que se empezaba a desenvolver a Internet comercial no mundo.

Ademais, na parte creativa sobresaen as colaboracións de Yolanda Castaño,algunhas inéditas e outras pertencentes ao poemario Elevar as pálpebras (1995), e o texto de María Lopo, acompañado duns poemas en francés de Léo Ferré titulados Les anarchistes (1969) (Los anarquistas) e Ni dieu ni maître (1965) (Nin deus nin dono) coas súas respectivas traducións ao galego nas seguintes páxinas. Sara Lamas, que andando o tempo acabaría ilustrando tamén obras de Claudio Rodríguez Fer, encargouse das ilustracións.

O consello de redacción estivo composto por Blanca Sánchez Sampedro, Ana Cibeira, Olga Novo, Belinda Sobredo Díaz e Yolanda Sánchez.

Notas editar

  1. "A revista estudantil da Facultade de Filoloxía 'Nova Ólisbos. Amantes da palabra' publica o seu número cero". USC. 17/6/2010. Arquivado dende o orixinal o 13/05/2014. Consultado o 12/05/2014. 
  2. 2,0 2,1 Araujo, L., Blanco, C., (et.al), 1990. Ólisbos, os amantes da palabra. Tórculo Artes Gráficas: Santiago. nº 9. ISSN 1130-7595
  3. 3,0 3,1 Blanco, C., Blanco, S., (et.al), 1991. Ólisbos, os amantes da palabra. nº 10 ISSN 1130-7595
  4. 4,0 4,1 Cánive, Á., Blanco, C., (et.al), 1993. Ólisbos, os amantes da palabra. Tórculo Artes Gráficas: Santiago. nº 12 ISSN 1130-7595
  5. 5,0 5,1 Almeida, N., Cánive, Á., (et.al), 1994. Ólisbos, os amantes da palabra. Tórculo Artes Gráficas: Santiago. nº 15 ISSN 1130-7595
  6. 6,0 6,1 Cibeira, A., Novo, O., (et.al), 1997. Ólisbos, os amantes da palabra. Litonor: Santiago. nº 19. ISSN 1130-7595
  7. "Volume 22/1". www.epigraphy.org. Consultado o 2020-04-18. 
  8. "Keltica The Inter-Celtic Journal; Vol. 1, No. 2 by Gilligan, Kevin Dixon (ed.): Good Card Covers (1983) First Edition | Brillig's Books". www.abebooks.co.uk (en inglés). Consultado o 2020-04-18. 
  9. "Richard Cardwell - The University of Nottingham". www.nottingham.ac.uk (en inglés). Consultado o 2018-05-13. 
  10. Aínda que na publicación aparece como Xosé, os únicos rexistros que atopei son os dun José Fariñas Sanjurjo de Friol, que podería encaixar por idade.
  11. "Confederación Nacional del Trabajo | Apoyo mutuo, acción directa e internacionalismo". www.cnt.es (en castelán). Consultado o 2018-05-13. 
  12. "Acción Libertaria" (en castelán). 2016-08-19. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Araujo, L., Blanco, C., (et.al), 1990. Ólisbos, os amantes da palabra. Tórculo Artes Gráficas: Santiago. nº 9. ISSN 1130-7595.
  • Blanco, C., Blanco, S., (et.al), 1991. Ólisbos, os amantes da palabra. Tórculo Artes Gráficas: Santiago. nº 10. ISSN 1130-7595.
  • Cánive, Á., Blanco, C., (et.al), 1993. Ólisbos, os amantes da palabra. Tórculo Artes Gráficas: Santiago. nº 12. ISSN 1130-7595.
  • Almeida, N., Cánive, Á., (et.al), 1994. Ólisbos, os amantes da palabra. Tórculo Artes Gráficas: Santiago. nº 15. ISSN 1130-7595.
  • Cibeira, A., Novo, O., (et.al), 1997. Ólisbos, os amantes da palabra. Litonor: Santiago. nº 19. ISSN 1130-7595.