Laxeiro

pintor galego
(Redirección desde «Xosé Otero Abeledo»)

Xosé Otero Abeledo, alcumado como Laxeiro, nado en Donramiro (Lalín) o 23 de febreiro de 1908 e finado en Vigo o 21 de xullo de 1996, foi un pintor galego, un dos responsables da renovación da arte galega no século XX e membro do grupo Os Renovadores.

Modelo:BiografíaLaxeiro

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(gl) Xosé Otero Abeledo Editar o valor en Wikidata
23 de febreiro de 1908 Editar o valor en Wikidata
Donramiro, España Editar o valor en Wikidata
Morte21 de xullo de 1996 Editar o valor en Wikidata (88 anos)
Vigo, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpintor Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1924 Editar o valor en Wikidata - 1996 Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeEulalia de Prada Editar o valor en Wikidata
ParellaEulalia de Prada Editar o valor en Wikidata
Premios

BNE: XX957606 BUSC: laxeiro-1908-1996

Traxectoria

editar

Foi o maior de sete irmáns dunha familia de labregos. Os seus pais emigraron a Cuba, mais el quedou en Lalín coa súa avoa, da man de quen coñeceu relatos fantásticos e mitolóxicos da tradición oral galega. A súa mestra, Teresa López González, animouno a desenvolver os seus dotes artísticos, regalándolle lapis e cadernos e falándolle dos grandes mestres do Museo do Prado.[1]

Aos 13 anos viaxou á Habana para encontrarse coa súa familia. Alí traballa como axudante de escenografía no Teatro Martí ás ordes do mestre catalán Manuel Roig. O coñecemento da escenografía teatral foi un factor decisivo na construción do seu discurso estético. Polas noites asistía a clases nocturnas no Plantel de Enseñanza Concepción Arenal do Centro Galego da Habana. Na capital cubana viu as primeiras exposicións artísticas, unha de Ignacio Zuloaga e outra de Xesús Corredoira. Logo de traballar como proxectista de vidreiras artísticas na Casa Ballesteros Hermanos, en 1925 regresou a Galicia afectado dunha grave enfermidade pulmonar.

Xa decidido a dedicarse á arte, fíxose barbeiro de feira co propósito de evitar as tarefas do campo e poder pintar. Percorreu a comarca do Deza e debuxou escenas populares, gando, grupos de labregos e comerciantes, paisaxes rurais. Máis tarde traballou como oficial nunha barbería en Lalín, onde montou un cabalete para retratar a clientela, estudando as súas faccións e especializándose no retrato, co obxectivo de poder presentarse á proba de ingreso na Real Academia de Belas Artes de San Fernando.

Laxeiro capta nos seus retratos a complexidade psicolóxica dos seus modelos, demostrando dende o principio un talento extraordinario para o xénero do retrato psicolóxico. Clientes, paisanos, veciños, familiares e amigos foron os seus primeiros modelos nun período que para el, segundo as súas propias verbas, significa a etapa da súa verdadeira formación. É nesta época cando se converte nun debuxante compulsivo que sempre se acompañará dun lapis ou unha pluma e un papel, algo que acabará sendo unha característica definitoria da súa personalidade durante toda a súa vida e a causa de que exista unha produción debuxística tan extensa do artista. Laxeiro irá avanzando na consecución do seu proxecto estético a través dun traballo de ensaio, sempre a partir do debuxo rápido, da posta en práctica dos diferentes problemas técnicos, formais ou estéticos que irán xurdindo ao longo da súa carreira. Esta relación tan estreita co debuxo queda reflectida en innumerables bosquexos, nos que se poden ler inscricións como Buscando cousas, Aprendendo e sempre aprendendo etc. Laxeiro mostra unha fe no debuxo que o levará a afirmar que é como o pentagrama dun cadro, a partir do que se articula toda a obra.

Nesa época coñeceu a Luisa Villamarín, a súa futura esposa, coa que terá a súa única filla, Mari Cruz. Entre 1928 e 1929 colaborou como artista gráfico nos diarios Faro de Vigo e El Pueblo Gallego publicando unha serie de "monos"[2]. Dáse a coñecer así en toda Galicia, a través dos dous xornais máis lidos naquela época, como artista novo ao que haberá que ter en conta.

Década de 1930

editar

Durante 1931 e 1932 obtén senllas bolsas de estudos do Concello de Lalín e da Deputación de Pontevedra, grazas ás que viaxa a Madrid para estudar como alumno libre na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. Alí visita asiduamente o Museo do Prado, onde coñece a obra de Velázquez, Tiziano, O Greco e Goya, quen xunto con Rembrandt son as dúas grandes influencias da súa xuventude. O tratamento do clarescuro da pintura barroca do neerlandés e a fascinación polo popular do aragonés marcaranlle un itinerario. Polas noites visitará, case a diario, o faladoiro de La Granja El Henar, onde terá oportunidade de escoitar autores como Valle-Inclán, García Lorca, Rafael Dieste, Otero Pedrayo, Castelao ou Antón Vilar Ponte, o que lle achegará unha rica fonte de información e aprendizaxe, reforzando unha actitude de compromiso co proxecto renovador, no contexto republicano e de reformulación do nacionalismo galego.

En 1933 retorna a Galicia formado como artista cunha mentalidade renovadora, moi próxima á sensibilidade da Xeración do 27. Comeza a frecuentar os faladoiros dos cafés en Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo, onde se está fraguando o movemento renovador da arte galega.

En 1934 realiza a súa primeira exposición individual na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela, coa axuda de Carlos Maside e Luís Seoane no transporte e montaxe. Francisco Fernández del Riego loa a exposición, da que admira o seu compromiso coa busca de novas linguaxes para a pintura galega. Nesta exposición, composta por numerosos debuxos e unha ducia de óleos, pódense ver por primeira vez obras tan emblemáticas como Xoguete (tamén coñecida como Carrotón de nenos, actualmente da Colección Fundación Laxeiro/Concello de Vigo) ou Mascarón, da mesma colección, nas que se aprecia unha acusada personalidade a través dunha figuración texturada, con reminiscencias do granito. Carnavalada é unha peza expresionista que remite ás pinturas negras de Goya, ao esperpento valleinclanesco e ao expresionismo alemán. Nesta exposición nace o Laxeiro granítico que encontra inspiración na rica tradición escultórica galega, utilizando todas as características que definirán a súa obra destes anos, como son a texturación das superficies —sempre pintadas con espátula—, unha paleta cromática tenebrista de cores terrosas e unha figuración ás veces idealizada, que conecta co Picasso neoclásico, e ás veces crítica, en relación coa chamada Nova Obxectividade que, dende Alemaña, artistas como Otto Dix reivindicaban como reacción ao fracaso das vangardas de descomposición da imaxe, entendidas dentro do proxecto revolucionario de liberación do proletariado. Laxeiro recorda como a exposición foi un relativo éxito para o mundo intelectual e artístico máis avanzado e un auténtico fracaso de vendas nun contexto social e cultural pouco preparado para unha pintura comprometida como a súa. Coa exposición de Santiago gañara o respecto do mundo artístico máis innovador e a súa xuventude auguráballe un futuro prometedor.

Tamén en 1934 casa con Luisa Villamarín, e en 1935 realiza unha exposición en Pontevedra, nunha sala da Rúa Michelena. O golpe de Estado que deu pé á guerra civil española colleuno preparando unha exposición de debuxos en Vigo, e en 1937 foi recrutado como soldado forzoso no bando sublevado. Foi destinado á fronte de Asturias, onde coñeceu o poeta Celso Emilio Ferreiro, con quen compartiu unha fonda amizade até a morte do escritor.

Década de 1940

editar
 
José Otero Abeledo: Axudante gratuíto de clases prácticas de Debuxo e Traballos Manuais no Instituto de Pontevedra

Ao final da guerra instalouse en Pontevedra, non sen certo medo a represalias pola súa pertenza ao Partido Galeguista e a súa amizade coa intelectualidade nacionalista e republicana. Neste período deu clases de plástica no Instituto Valle Inclán de Pontevedra e realizou varios murais: o do Cine Balado en Lalín (hoxe desaparecido) e o do Café Moderno en Pontevedra, titulado O manancial da vida (1941). Esta obra foi pintada ao seco sobre unha parede de ladrillo, e conta con influencia da pintura mediterránea e a luminosidade e o ritmo compositivo das escenas corais de Tiziano, sen perder as súas raíces románicas e medievalistas. A composición barroquizante e o tratamento granítico dos personaxes constitúen todo un manifesto sobre a nova pintura, coa que Laxeiro quixo celebrar a vida nuns anos escuros para a arte e a cultura. Laxeiro pintou este mural como reacción á decadencia provinciana, consciente da súa misión de compromiso histórico coa pintura do momento que el entende dende unha visión ecléctica e internacionalista, combinando a Tiziano e Botticelli co mestre Mateu e o Barroco, dende o seu particular xeito de entender a figuración.

En 1942 Laxeiro decidiu establecerse en Vigo, onde formou parte activa dun grupo de intelectuais e artistas que converteron a cidade no verdadeiro motor intelectual da Galicia de posguerra, un período que culminou coa fundación da Editorial Galaxia en 1950. A principios da década de 1940 Vigo tiña varios atractivos que explican que funcionase como auténtico destino de exilio interior nunha época de represión sen tregua á disidencia do novo réxime. En primeiro lugar, gozaba dunha potente actividade empresarial, focalizada principalmente no mundo da pesca, a industria conserveira e a construción naval, o que dotaba a cidade dunha burguesía economicamente poderosa, que demandaba bens culturais e retratos de encargo. Ademais, o feito de non posuír status de capital de provincia e, polo tanto, carecer de delegación do Goberno funcionou como reclamo para un colectivo situado baixo sospeita polo novo réxime. Por último, a situación estratéxica do seu porto convertía Vigo en punto de conexión coa Galicia exterior, situada principalmente na Arxentina, Cuba e México.

Laxeiro pintou sen descanso e expuxo en varias salas da cidade. En 1946 expuxo na Galería Estilo de Madrid, sendo cualificada pola crítica como a mellor exposición da tempada. En 1947 expuxo en Bilbao, A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra etc. O artista recordaba eses anos como anos de fame e moito traballo. Realizou murais nas tabernas frecuentadas pola bohemia da cidade e compaxinou o seu compromiso coa renovación plástica, coa realización de numerosos retratos de encargo que a burguesía do momento demandaba en plena bonanza económica. En Vigo frecuentou aos seus amigos Urbano Lugrís, Mario Granell, Xohán Ledo, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Carlos Maside.

En 1946 pintou Trasmundo, un fito na súa carreira co que deu por pechado o período granítico. Trasmundo, actualmente na Fundación Laxeiro / Concello de Vigo, é unha obra fundamental na historia da arte galega do século XX. Nela están presentes as características da pintura do Laxeiro da época: horror ao baleiro, cromatismo tenebrista, mestura de linguaxes e códigos e unha narrativa fascinada polo pensamento máxico da nosa cultura popular. Hai quen viu nesta obra unha homenaxe ao Pórtico da Gloria do seu admirado mestre Mateu, mais tamén ten certo paralelismo coa literatura fantástica de autores como H. P. Lovecraft, cuxa obra foi traducida por primeira vez ao español naqueles anos.

Ao final da década Laxeiro é un artista a pleno rendemento. Os seus ingresos non veñen precisamente da súa obra máis interesante, senón máis ben de encargos de murais e retratos da burguesía industrial da cidade. Como sucedeu na súa primeira exposición individual de Santiago de Compostela, o público seguía sen estar preparado para adquirir a produción máis innovadora do artista, mais o seu especial talento para o retrato permitiulle subsistir de forma digna e seguir adiante co seu proxecto renovador.

 
Laxeiro, Francisco Fernández del Riego, Luís Seoane e outros no porto de Buenos Aires en 1954

Etapa en Buenos Aires

editar

En 1951 viaxou a Buenos Aires, onde quedou até 1970, período que tivo unha importancia decisiva, tanto vital coma artística. Chegou invitado a participar nunha exposición na Galería Velázquez, organizada polo Centro Galego e comisariada por Luís Seoane co propósito de dar a coñecer un grupo de creadores galegos. A intención de Seoane era facer unha exposición soamente con obra de Laxeiro e Carlos Maside, pero o interese da organización por mostrar máis autores galegos fixo que accedese a incluír o resto de artistas que finalmente participaron na mostra.

En 1951, acabado de chegar á Cidade do Prata, Laxeiro coñece a Eulalia de Prada, de quen non se separará ata a morte desta, en 1989. Eulalia significou unha estabilidade emocional e afectiva no artista, pero tamén unha reorientación da súa carreira artística e, dalgún xeito, un cambio de actitude con respecto ao contexto cultural no que se movía.

 
Laxeiro, Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane en Buenos Aires en 1955

Laxeiro contactou con intelectuais e artistas do exilio galego, como Blanco Amor, Seoane, Lorenzo Varela, Rafael Dieste e máis tarde con Isaac Díaz Pardo, quen arredor do seu proxecto da fábrica de cerámica Magdalena aglutina todo o grupo intelectual e artístico do exilio galego e dá continuidade ao galeguismo. Por outra banda, Laxeiro chegou a Buenos Aires nun momento de grande efervescencia no mundo das artes plásticas. O panorama artístico bonaerense daqueles anos debatíase entre os diversos camiños abertos pola abstracción xeométrica, a abstracción libre e unha figuración crítica que utilizaba o xesto expresionista para realizar unha obra de forte carga social ou unha exaltación da subxectividade do artista. Laxeiro asiste a este debate con esa naturalidade que sempre o caracterizou, gañando a amizade e o recoñecemento do colectivo artístico da cidade.

A obra Autorretrato (1952, da Colección Fundación Laxeiro/Concello de Vigo) ilustra o enorme impacto que tivo para Laxeiro a súa chegada a Buenos Aires. Comezou a pintala en Vigo seguindo os parámetros da estética granítica e rematouna cunha linguaxe totalmente diferente. Pódese inscribir de cheo dentro das correntes informalistas que neses anos se estaban a producir en diferentes latitudes. Da estética de Laxeiro da década anterior quedan o cromatismo terroso, o horror ao baleiro e a expresividade do xesto, que nesta ocasión é levada ao extremo. Laxeiro reinvéntase como pintor expresionista, próximo á abstracción, aínda que sen abandonar completamente as referencias figurativas. Autorretrato expresa primitivismo fronte a academicismo, acción fronte a reflexión e expresividade fronte a análise.

 
Reunión dos participantes do 1º Congreso da Emigración Galega. Sentados de esquerda a dereita: Alberto Vilanova, Xerardo Álvarez Gallego, Vicente Gómez Paratcha, Alfonso Díaz Trigo, Xavier Bóveda, Rafael Dieste e Laxeiro. De pé: Francisco Comesaña Rendo, Ramón de Valenzuela, Lois Tobío Fernández, Eduardo Blanco Amor, Xosé Velo, Roxelio Rodríguez de Bretaña, Luís Seoane, Marcial Fernández Vázquez, Xosé Núñez Búa, Emilio González López, María del Carmen Soler, Mariví Villaverde e Antonio Baltar. Buenos Aires. 1956.

Estas linguaxes comezaban a desenvolverse xa en España a finais da década de 1940, da man do grupo Dau al Set en Barcelona, e xa na década 1950 co grupo El paso en Madrid, que abriron a arte española ao panorama internacional. Neste dende mediados dos anos corenta rexurdira un antiacademicismo interesado na expresión subxectiva do artista, fóra de toda pauta de consenso racional ou cultural. En Francia encontrou a súa lexitimación filosófica no existencialismo de Jean-Paul Sartre e Albert Camus (cuxa obra O estranxeiro se traduciu ao castelán e se publicou en Buenos Aires en 1949) e tivo a súa expresión emblemática na obra de Jean Dubuffet e o que se coñeceu como Art brut, que en certos momentos incidiu nunha abstracción simplificada cromáticamente, cun evidente horror ao baleiro, coincidindo así con certas obras de Laxeiro destes anos. Non deixa de sorprender a coincidencia no tempo de diferentes movementos que se inscriben nesta liña de xestualidade e materia que, ademais de en Francia, terá en Copenhague, Bruxelas e Ámsterdam a súa expresión coa fundación do Grupo CoBrA, un movemento que se situou na mesma tesitura que o Laxeiro destes anos, defendendo unha pintura non académica, pulsional e máis expresiva que representativa. Estas formulacións teñen o seu paralelismo en América do Norte co Expresionismo abstracto e, máis concretamente, coa pintura xestual que Jackson Pollock comezou a practicar a partir de 1945 e que a principios da década de 1950 o levou á creación do que se coñece como action painting. Outro compañeiro de xeración, Willem de Kooning, debatíase entre a figuración e a abstracción, dentro dunha forte xestualidade que, igual que acontece con Laxeiro, fala da súa total liberdade creadora, afirmando o seu rexeitamento a establecerse nun estilo único.

Estamos, polo tanto, ante un panorama internacional que responde a unha mesma sensibilidade, caracterizada polo desencanto con respecto aos valores da cultura occidental, dilapidados primeiro pola Gran Guerra e máis tarde pola segunda guerra mundial (cos sucesos do exterminio xudeu e o bombardeo de Hiroshima e Nagasaki) e a política do medo instigada pola guerra fría, sen esquecer o fracaso das revolucións proletarias que deviñeron en novos totalitarismos coa chegada do stalinismo.

Laxeiro sitúase de cheo nos parámetros dun expresionismo a medio camiño entre a abstracción e a figuración, no que o seu persoal trazo se converte en sinal de identidade, en xesto organizador dunha superficie pictórica agora bidimensionalizada que a principios dos anos sesenta se dilúe en mancha dun forte cromatismo, en consonancia co que os seus contemporáneos facían en Europa e América.

Destaca nesta época un achegamento esporádico, que non deixa de ser insólito na súa traxectoria, cara a postulados máis xeométricos, produto da súa admiración por Picasso e da grande influencia que o uruguaio Joaquín Torres García exerceu na pintura iberoamericana destes anos. A xeometría de Laxeiro é unha xeometría sensual, irregular, lúdica e decorativa —que nada ten a ver, salvo na inspiración, coas formulacións do cubismo máis rigoroso— e, por suposto, totalmente afastada das diferentes abstraccións xeométricas que tiveron unha forte presenza na Arxentina dos anos cincuenta e sesenta.

Os anos cincuenta son dunha intensa actividade expositiva. Integrado totalmente no sistema artístico bonaerense, expuxo en "Los martes bohemios de La Boca", na Sociedad Iberoamericana de Buenos Aires, inaugurou a sala de arte do Centro lucense en Bos Aires e expuxo tamén na Galería Velázquez da mesma cidade. En 1960 ilustrou A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, e en 1962 viaxou a Madrid para expoñer na sala Prisma. Neste ano foi finalista do Premio Eugenio D'Ors, xunto a Quirós e Vázquez Díaz, e foi incluído na exposición "Cincuenta años de pintura figurativa española" na Galería Carpentier de París, canda Solana, Vázquez Díaz, Regoyos, Palencia, Nonell e outros.

Nestes anos Laxeiro rompeu coa idea de "estilo único". Practicou simultaneamente unha figuración xestual de trazo groso e enerxético; unha figuración postcubista e algunhas revisións da súa pasada estética granítica, facendo gala dun repertorio diverso, case inesgotable, que dificulta unha clasificación lineal da súa pintura a partir destes anos. Unha ruptura de estilo en que, non obstante, están presentes a narratividade da escultura románica, o horror ao baleiro do barroco, a pincelada enerxética e urxente do expresionismo máis xestual ou do automatismo surrealista e a mancha espesa, cargada de materia da abstracción europea.

A principios dos anos sesenta internouse nunha abstracción que tivo dúas vertentes: unha na que a liña domina a composición e outra na que a cor e a mancha estruturan a superficie pictórica. Destes anos datan obras como Abstracto (da Colección Alcalde-Varela) ou S.T. (colección particular de Vigo). Son pezas que outra vez nos remiten ao grupo CoBrA, sobre todo a A. Jorn e K. Appel, ou "Hans de Islandia", unha reinterpretación do cubismo a partir dunha xeometría orgánica coa que enche toda a superficie pictórica cunha grafía vigorosa e inconfundible. S.T., dese mesmo ano, é un óleo sobre papel onde a liña delimita unha composición cromática xa afastada dos terras, ocres e negros tan característicos, sobre todo da súa primeira época, para internarse na luminosidade de vermellos, amarelos e azuis, moi en consonancia con certas pezas de Dubuffet ou Antonio Saura, a quen se adiantou anos antes co Autorretrato de 1952, xa citado.

O primeiro lustro dos anos sesenta é quizais o do Laxeiro máis experimental e activo. Gran parte das súas obras máis rotundas no ámbito da abstracción datan deste tempo, intenso tamén no seu compromiso coa actividade artística. Pronunciou conferencias, ilustrou publicacións e foi o primeiro artista non-arxentino que formou parte do equipo directivo da por entón moi potente Sociedad Argentina de Artistas Plásticos, xunto ao seu amigo, o tamén artista Carlos Alonso.

Por estes anos, en plena actividade creativa e experimental, Laxeiro foi capaz de realizar pezas que revisan os seus anos de estética granítica. Levou así a convivencia de estilos a tal extremo que nun mesmo ano, en 1966, asinou obras tan dispares como Campesiñas e Cencerrada —dúas pezas de temática popular totalmente figurativas e graníticas— ao mesmo tempo que remataba S.T. —obra inscrita nun expresionismo abstracto e xestual, de cores primarias e planas— ou Recordos, na que se interna nunha interesante abstracción lírica.

Regreso a España

editar

En 1970, despois da gran Retrospectiva na Art Gallery International de Buenos Aires, Laxeiro decidiu regresar a España definitivamente. Fixou a súa residencia en Lalín, Vigo e Madrid, onde se instalou enriba do Café Gijón.

Na España da decadencia do franquismo, Laxeiro por fin comezou a ser recoñecido. Recibiu a Primeira Medalla Bienal de Pontevedra en 1973, dedicáronlle unha sala monográfica no Museo Quiñones de León en Vigo, expuxo en Galicia, Madrid e Barcelona e, sobre todo, continuou pintando sen parar. A súa obra, totalmente recoñecible e madura a estas alturas, continuou combinando diferentes rexistros que oscilan entre a influencia picassiana, evidente en obras como Homenaxe Lala (1977), e a súa vertente abstracta, agora moito máis rotunda, con obras tan belas e atinadas como A cor (1974), que parece adiantarse (outra vez) a propostas máis tardías que xurdirían a finais dos anos setenta e principios dos oitenta, dentro dos neoexpresionismos que configuraron a pintura posmoderna de finais do século. Artistas como A. R. Penck, membro dos Novos Salvaxes alemáns (Neuen Wilden), ou en menor medida Baselitz, pertencente ao mesmo grupo, chegaron a conclusións parecidas en anos posteriores a Laxeiro. Pasou longas tempadas en Madrid, onde foi asiduo visitante do Café Gijón e recibiu no seu estudo numerosos artistas e intelectuais do momento.

En 1975 volveu expoñer en Madrid e en Vigo, e deseñou o Cartel da Feira do Cocido do seu concello natal, Lalín. Buenos Aires segue recordándoo e en 1976 expuxo na galería Birger de Buenos Aires, ademais de Santiago de Compostela e Orfila en Madrid, cidade na que volve a mostrar o seu traballo en 1979.

A entrada na década dos anos oitenta sorprendeu a Laxeiro en plena recuperación da pintura de xesto. O expresionismo volveu irromper no panorama artístico, como reivindicación dunha actitude primitiva do artista que busca a espontaneidade do inmediato, canso das imaxes que os media proxectan. Así, os Novos Salvaxes en Alemaña, a Tansavanguardia en Italia, a pintura de rúa en Nova York e, dunha forma moito máis próxima a Laxeiro, o grupo Atlántica en Galicia reivindican unha pintura espontánea, inmediata e primitivista, circunstancia que volve poñer a obra de Laxeiro en primeira liña, ata o punto de ser reivindicado polo colectivo Atlántica como antecedente nunha homenaxe que lle fai en 1981, na cidade de Vigo, cunha gran retrospectiva que incluíu 300 referencias do artista. A súa obra dos anos sesenta está máis vixente que nunca, ao tempo que coa normalización da democracia comezan a producirse as primeiras reivindicacións da Vangarda histórica galega e o grupo Os Novos.

 
Casa das Artes de Vigo, que alberga a Colección Laxeiro

En 1981 inaugurouse a Colección Laxeiro en Vigo, xerme do que hoxe é a Fundación que leva o seu nome. En 1985 dedicáronlle unha gran retrospectiva na Bienal de Pontevedra, en 1986 o concello de Lalín outorgoulle a Folla de Carballo, en 1988 concedéronlle o Pedrón de Ouro do Padroado Rosalía de Castro e en 1989 proxectou as vidreiras do Parlamento de Galicia, que aínda hoxe se poden admirar no devandito edificio. Este mesmo ano a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao e, ao ano seguinte, o Concello de Vigo concedeulle a Medalla de Ouro da cidade. En 1991 concedéronlle a Medalla Curros Enríquez, a Medalla de Honra Unión, sucédense as homenaxes, como o de poetas e escritores na galería Citania de Santiago e o da Asociación Arxentina de Artistas Plásticos en Buenos Aires.

Son anos dunha intensa actividade expositiva: "Laxeiro na Arxentina" no Quiosco Alfonso da Coruña, exposición inaugural do Auditorio de Galicia, varias mostras nas galerías Trinta de Santiago, Abel Lepina de Vigo, Calpurria e Esse en Ourense, participou en ARCO en 1993, expuxo na sala de Cultura de Pontevedra, en Caixa Galicia, en Caixanova e en 1996 dedicáronlle a gran retrospectiva no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela, que se viu tamén no Centro Cultural Conde Duque de Madrid. Ilustrou O enxeñoso cabaleiro D. Quixote da Mancha, o libro de viaxes Galicia (1990), de Camilo José Cela, e A carrilana, de E. Lavandeira; proxectou as vidreiras da Universidade de Vigo; e realizou o mural Un berro por Belas Artes dentro dunhas xornadas de reivindicación dun edificio propio para a nova facultade da Universidade de Vigo.

Podemos dicir que, á súa volta de Buenos Aires, Laxeiro recolleu numerosos recoñecementos por parte de diferentes sectores da sociedade e a cultura galegas que reivindicaban a súa figura non só como parte fundamental do pasado, senón como axente vivo da realidade cultural galega máis contemporánea.

O 21 de xullo de 1996, Laxeiro faleceu en Vigo. Tiña 88 anos e o momento da súa morte chegou na etapa máis doce da súa vida profesional, aínda que tamén máis solitaria da súa vida sentimental. Falecidas xa as dúas mulleres que foron as súas compañeiras durante toda a súa vida, María Luisa —a súa esposa e nai da súa única filla— e Eulalia de Prada, Lala —a súa compañeira—, o artista non mostraba nos últimos meses demasiado entusiasmo por seguir vivindo. Despois do seu ingreso hospitalario, Laxeiro deixou de responder satisfactoriamente aos tratamentos médicos e, coma se elixise o momento, deixou de existir sen máis nun momento en que o interese polo seu traballo se encontraba en pleno apoxeo. Un interese que nos fala de certa atemporalidade da súa obra, capaz de conectar asemade coa tradición do barroco, coas vangardas históricas e coas correntes dos neoexpresionismos de finais do século XX. Laxeiro deixaba tras de si un legado de máis de dúas mil pezas, produto de toda unha vida de traballo e busca que o acompañou ata os seus últimos días e que hoxe, indiscutiblemente, constitúe o legado pictórico máis relevante da pintura galega do século XX.

En 2021 a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) anunciou a súa elección como homenaxeado no Día das Artes Galegas 2022, que se celebra cada 1 de abril.[3]

 
Vista xeral da exposición Os pasos perdidos na Fundación Laxeiro.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • ALFARO, J.R. El pintor Laxeiro. Madrid: Galería Biosca, 1968 (catálogo)
  • ALONSO, E. Personaxes. Calcografías de Laxeiro. Vigo: Fundación Laxeiro, 2001 (ed. facsímile)
  • ALONSO MONTERO. et al. VALLE PÉREZ (dir.). Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). Un século de Galicia. Pontevedra: Museo de Pontevedra-Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, 2007 (catálogo)
  • AMENEIRO BRAVO, M.C. Laxeiro, O eu de Xosé Otero Abeledo. Vigo: Ir indo, 2008
  • AMÉRICA DÍAZ, M. (coord.); DÍAZ REY, M. (coord.). O movemento renovador da arte galega. Arte e compromiso social da cultura galega. Sada, A Coruña: O Castro, 2005, pp. 59–64
  • ANTOLÍN PAZ, M. (dir.). Diccionario de pintores y escultores españoles del siglo XX. Madrid: Forum Artis, 2001, vol. 10, pp. 3066–3069
  • AREÁN, C. Treinta años de arte español. Madrid: Guadarrama, 1972
  • ATLÁNTICA. Érase unha vez Laxeiro. Vigo, 1981
  • ATLÁNTICA. Laxeiro. Vigo: Concello de Vigo, 1981 (catálogo)
  • ATLÁNTICO. Artistas Gallegos Contemporáneos: Laxeiro, Colmeiro, Quessada. Cuadernos de arte gallego agrupados. A Coruña, 1981
  • ASOCIACIÓN DE ARTISTAS DE LA CORUÑA. Inauguración de la temporada 1952-53. Exposición Colectiva de Arte Gallego. A Coruña, 1952 (catálogo)
  • AYUNTAMIENTO DE VIGO. Exposición Regional de Arte. Vigo, 1960 (catálogo)
  • AZCOAGA, E. Laxeiro. Madrid: EDAF, Sala de Arte Jorge Juan, 1971 (catálogo)
  • AZCOAGA, E.; HIERRO J.; RUIBAL, J. et al. GUTIÉRREZ, D. (dir.). Laxeiro. Cuadernos de arte gallego. A Coruña: Atlántico, 1981
  • BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R.; LÓPEZ VÁZQUEZ, J.M.; MONTERROSO MONTERO, J.M. LÓPEZ VÁZQUEZ, J.M. (coord.). Do primitivo na arte galega ata Luis Seoane. Procesos de creación artística e de identidade nacional. A Coruña: Fundación Luis Seoane, 2007
  • BARRO, D. Debuxando a Laxeiro. Pontevedra: Caixa Galicia, 2008, pp. 7–23 (catálogo)
  • BARROS, J.L. (comp.). Libro de los amigos de José Luis Barros. Sada, A Coruña: O Castro, 1990
  • FUNDACIÓN LAXEIRO (dir); BONET CORREA, A.; CASTRO FERNÁNDEZ, X.A. et al. PULGAR SABÍN, C. (ed.); PÉREZ BUJÁN, F.J. (coord.). Laxeiro, Catálogo Universal. Vigo: Nova Galicia Edicións, 2008
  • BONET, J.M. Diccionario de las Vanguardias en España (1907-1936). Madrid: Alianza Editorial, 1995
  • BOZAL, V. Historia del arte en España. Madrid: Istmo, 1977, vol. 2
  • BRACHO, J.C. et al. EXPÓSITO, E. (coord.). O debuxo por diante. A obra gráfica nas coleccións públicas da cidade de Compostela. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Centro Galego de Arte Contemporánea, 2007, p. 51
  • ILARRI GIMENO, A. (coord.). Colección Caixavigo. Vigo: Caixavigo, 1993, vol. 1
  • CALVO SERRALLER, F. (dir.). Enciclopedia del arte español del siglo XX, 1. Artistas. Madrid: Mondadori, 1991, p. 448
  • CAMPOY, A.M. Diccionario Crítico del arte español contemporáneo. Madrid: Ibérico Europea de Ediciones, 1973, pp. 212–213
  • CAMPOY, A.M.; OTERO ABELEDO, J. Laxeiro en Argentina (1952-1970). A Coruña: Palacio Municipal de Exposiciones Kiosko Alfonso, 1988 (catálogo)
  • CARBALLO CALERO, M.V.; SOBRINO MANZANARES, M.L.; VALLE PÉREZ, X.C. et al. Museo Francisco Fernández del Riego, Colección de arte galega. Vigo: Concello de Vigo, 1997 (catálogo)
  • CARBALLO CALERO, M.V. Identidad y Vanguardia, una relación polémica. En: CAIXANOVA. A arte galega na Colección Caixanova. Vigo: Faro de Vigo, 2006, pp. 80–89
  • CARUNCHO AMAT, L.M. (coord.). Laxeiro. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2008
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A. Expresión atlántica. Arte galega dos oitenta. Santiago de Compostela: Follas Novas, 1985 (catálogo)
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A. Laxeiro 1934-1985. VIII Bienal Nacional de Arte de Pontevedra. Pontevedra: Deputación Provincial de Pontevedra, 1985 (catálogo)
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A. Renovación e avangarda en Galicia (1925-1933). Os Pensionados da Deputación de Pontevedra. Pontevedra: Deputación de Pontevedra, 1986
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A. Laxeiro, 1952-1970. Santiago de Compostela: Concello de Santiago de Compostela etc., 1989 (catálogo)
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A. Arte y Nacionalismo. La Vanguardia Histórica Gallega (1925-1936). Estudio a través de la obra de Maside, Colmeiro, Torres, Laxeiro y Souto. Universidad Complutense de Madrid, 1990. (tese doutoramento )
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A. Arte y Nacionalismo. La Vanguardia Histórica Gallega (1925-1936). Sada, A Coruña: O Castro, 1992
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A. Galicia, Arte contemporánea. I. En: RODRÍGUEZ IGLESIAS, F. (ed.). Proxecto Galicia. A Coruña: Hércules, 1993, vol. XVI
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A. II Xuntanza Obradoiro das artes visuais na Solaina de Piloño. Vila de Cruces, Pontevedra: Xunta de Galicia, 1994, p. 55
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A. A época contemporánea. En: VÁZQUEZ VARELA, J.M. et al. 100 obras maestras da arte galega. Vigo: Nigra Imaxe, 1996
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A. Laxeiro, a invención dun mundo. Vigo: Xerais, 1997
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A. Pontevedra, Cidade da vangarda histórica galega (1925-1936). Pontevedra: Caixapontevedra, 1999
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A. Os Laxeiros de Lalín. Colección do museo Ramón María Aller. Vigo: Fundación Laxeiro, 2000 (catálogo)
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A. Voz: Laxeiro. En: OTERO PEDRAYO, R. (dir.). BONET CORREA (dir. Sección de arte). Gran enciclopedia galega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso-Diario de Pontevedra, 2003, vol. 25, pp. 163–171
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A; ELORRIETA REY, F. Colección Laxeiro. Vigo: Concello de Vigo, 1995 (catálogo)
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A; FONTENLA SANJUAN, C. Laxeiro, el eterno retorno. Vigo: Fundación Laxeiro, 2001 (catálogo)
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A.; GARCÍA IGLESIAS, J.M. CORREDOIRA, P. (dir.); RUEDA, M. (dir.). Colección de arte da Xunta de Galicia (1986-1993). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1995
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A.; GONZÁLEZ ALÉN, D. O Deza: unha definición da arte actual. Presentación I Bienal de Lalín Pintor Laxeiro. Lalín, Pontevedra: Concello de Lalín, 1992
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A; OTERO, C. A pintura do século XX, Primeira Parte. En: CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E CULTURA. DIRECCIÓN XERAL DE ENSINANZAS MEDIAS. Historia da Arte Galega 1. Santiago de Compostela, 1985
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A. et al. PULIDO NOVOA, A. (coord.). Artistas galegos, pintores (Vangarda histórica). Vigo: Nova Galicia Edicións, 1998
  • CASTRO FERNÁNDEZ, X.A. et al. PULIDO NOVOA, A. (coord.). Artistas galegos pensionados da Deputación de Pontevedra. Vigo: Nova Galicia Edicións, 2002
  • CASTRO FLÓREZ, F.; GARCÍA IGLESIAS, J.M.; SARMIENTO ESCALONA, R. Colección de arte Caixa Galicia. A Coruña: Caixa Galicia, 1999 (catálogo)
  • CELA TRULOCK, C.J.; DÍAZ PARDO, I.; FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F. et al. Laxeiro. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Centro Galego de Arte Contemporánea, 1996 (catálogo)
  • CHAMOSO LAMAS, M. Arte. En: FILGUEIRA VALVERDE, J. et al. Galicia. Colección Tierras de España. Madrid: Fundación Juan March, 1976, pp. 147–376
  • CHÁVARRI PORPETA, R. La pintura española actual. Madrid: Ibérico Europea de Ediciones, 1973
  • CHIERICO, O. Laxeiro, pinturas. Muestra retrospectiva. Bos Aires: Art Gallery International, 1970 (catálogo)
  • CÍRCULO DE LAS ARTES. Primera muestra antológica de pintura gallega. Lugo, 1960 (catálogo)
  • CÍRCULO MERCANTIL. Exposición de Arte conmemorativa del XXX Aniversario del Primer Salón de Artistas Noveles. Vigo, 1961 (catálogo)
  • COLMEIRO GUIMERÁS. et al. (coord.). Plástica gallega. Vigo: Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1981, pp. 34–37, 206-207
  • CONCELLO DE LALÍN. Museo municipal de Lalín. Lalín, Pontevedra: 1989
  • CONCELLO DE PORRIÑO. II Mostra da arte galega. Porriño, Pontevedra, 2002, pp. 34, 35 (catálogo)
  • CORREDOIRA, P.; SOBRINO MANZANARES, M.L. Tempos de pintura 1930-1985: Arte galega contemporánea. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1985 (catálogo)
  • CRESPO ALFAYA, M.; PEREIRA FIGUEROA, M. Las Bienales 1969-1981. Pontevedra: Deputación Provincial de Pontevedra, 1987
  • DÁRSENA, ESPACIO DE ARTE. Laxeiro. Mostra inauguración. A Coruña, 1991 (catálogo)
  • DE SAN ILDEFONSO RODRÍGUEZ, B. et al. VALLE PÉREZ, X.C. (coord.). Os pensionados da Deputación de Pontevedra (1864-1933). Pontevedra: Museo de Pontevedra. Deputación de Pontevedra, 2003, pp. 15, 86, 88, 202, 211, 212, 268, 283-286, 435-439
  • DE SAN ILDEFONSO RODRÍGUEZ, B. A arte do século XX; PÉREZ BUJÁN, F.J. Chegada do Rei Breogán a Galicia. En: VALLE PÉREZ, X.C. (coord.). 75 obras para 75 anos. Pontevedra: Museo de Pontevedra, 2003, pp. 108, 346-347
  • DE SAN ILDEFONSO RODRÍGUEZ, B. et al. VALLE PÉREZ, X.C. (coord.). Os pensionados da Deputación de Pontevedra (1940-1969). Pontevedra: Museo de Pontevedra. Deputación de Pontevedra, 2005, pp. 25, 31, 158, 201, 300, 301, 302
  • DE SAN ILDEFONSO RODRÍGUEZ, B.; GARRIDO MORENO, A. VALLE PÉREZ, X.C. (coord.). O primeiro Laxeiro (1908-1942). Pontevedra: Museo de Pontevedra. Deputación de Pontevedra, 2008 (catálogo)
  • DE SAN ILDEFONSO RODRÍGUEZ, B.; MARTÍNEZ-SAPIÑA LLANAS, M.L. Laxeiro nas coleccións privadas (1942-1970). Vigo: Fundación Laxeiro, 2009 (catálogo)
  • DEL CASTILLO, A. Laxeiro. Madrid: Revista Goya, 1973
  • DEL CASTILLO, A. Camiñantes. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1999 (catálogo)

DÍAZ MARTÍNEZ, C. (dir.). O camiño de Laxeiro. A Coruña: Produccións Culturais Artesa, 1993 (ed. facsímile)

  • DÍAZ PARDO, I. Laxeiro, o arte galego e América. En: ASOCIACIÓN DE ARTISTAS DE LA CORUÑA. Laxeiro. A Coruña, 1965 (catálogo)
  • DIESTE, R. Laxeiro. Bos Aires: Galería Velázquez, 1958 (catálogo)
  • DIESTE, R. A estética pictórica de Carlos Maside (con alusións a outros pintores galegos coetáneos). En: O CASTRO. Cadernos do laboratorio de formas. Sada, A Coruña, 1975, pp. 167–180
  • DIESTE, R. Inauguración do Museo Carlos Maside. En: DIESTE, R. Encontros e vieiros. Sada, A Coruña: O Castro, 1990, pp. 37–55
  • DIESTE, R. PÉREZ, M.A. (ed.). Textos e crítica de arte. Vigo: A nosa terra, 1995, pp. 64, 102, 103, 126, 127, 172, 173
  • DOMÍNGUEZ ROMÁN, B. Os novos e a pervivencia dos seus modismos. En: XUNTA DE GALICIA, GALICIA TERRA ÚNICA. Galicia 1900-1990. Ferrol, 1997, pp. 276–289 (catálogo)
  • FACAL, M.; LOURENZO, M.; TARRÍO, A.; et al. Homenaxe a Laxeiro de escritores e artistas de Galicia. Santiago de Compostela: Citania, 1991
  • FARIÑA JAMARDO, X.; PEREIRA FIGUEROA, M. A Deputación de Pontevedra. 1836-1986. Pontevedra: Deputación Provincial de Pontevedra, 1986
  • FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F. Cartas De Luis Seoane desde o exilio. Sada, A Coruña: O Castro, 2002, pp. 25, 26, 27, 35, 36, 37, 38, 39,41, 43, 45, 46, 48, 49, 51, 53, 54, 56, 57, 62, 67, 87, 91, 113, 124, 138, 148, 149, 150, 151, 153, 154
  • FILGUEIRA VALVERDE, X. La pintura gallega desde el Barroco hasta la posguerra. En: BARNAT, J. (dir.). Galicia eterna. Barcelona: Nauta, 1981, vol.V
  • FONTE, R. Laxeiro-Sucasas. A Coruña: Fundación Caixa Galicia, 1990 (catálogo)
  • FUNDACIÓN CAIXA GALICIA. O antigo Café Moderno de Pontevedra. Santiago de Compostela, 2001
  • GALERÍA ALAMEDA. Castillo y Laxeiro. Vigo, 1994 (catálogo)
  • GALERÍA VAN GOGH. Seis maestros de la pintura española. Vigo, 1974 (catálogo)
  • GALERÍA VELÁZQUEZ; CENTRO GALLEGO DE BUENOS AIRES. Artistas Gallegos. Buenos Aires, 1951 (catálogo)
  • GARCÍA SÁNCHEZ, A.; FILGUEIRA VALVERDE, J. et al. Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra. (50 Aniversario de su Fundación. 1925-1975). Pontevedra: Deputación Provincial de Pontevedra, 1975
  • GARCÍA-SUÁREZ OTERO, C. Laxeiro, debuxos inéditos VI. Anatomías. Vigo: Fundación Laxeiro, 2008 (catálogo)
  • GARCÍA-SUÁREZ OTERO, C.; NEIRA VILAS, X.; PÉREZ BUJÁN, F.J. et al. Laxeiro en Buenos Aires. Vigo: Fundación Laxeiro, 2006 (catálogo)
  • GARCÍA-SUÁREZ OTERO, C.; PÉREZ BUJÁN, F.J. Laxeiro, debuxos inéditos II. Vigo: Fundación Laxeiro, 2003 (catálogo)
  • GARRIDO MORENO, A.; PÉREZ BUJÁN, F.J. VI Memorial Filgueira Valverde. No Centenario de Laxeiro. Vigo: Universidade de Vigo, Cátedra Filgueira Valverde, 2008
  • GAYA NUÑO, J.A. La pintura española del siglo XX. Madrid: Ibérico Europea de Ediciones, 1970, p. 327
  • GONZÁLEZ-ALEGRE, A. O territorio Laxeiro. En: MOSQUERA COBIÁN, M.(coord.); PERMUY, A. (coord.). Catro renovadores da arte galega: Souto, Colmeiro, Laxeiro, Seoane. Santiago de Compostela: Consorcio da cidade de Santiago de Compostela, 1993, pp. 77–107 (catálogo)
  • GONZÁLEZ–ALEGRE, A. (coord.); GONZÁLEZ CHOUCIÑO, A. (coord.). Portas de luz. Unha achega ás artes e á cultura dos setenta. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Centro Galego de Arte Contemporánea, 2009, pp. 18, 26, 27 (catálogo)
  • GONZÁLEZ ALÉN, D. A feira do cocido, 40 anos de historia. Pontevedra: Deputación Provincial de Pontevedra, 2008
  • GONZÁLEZ REIGOSA, C. Laxeiro por si mesmo. Vigo: Xerais, 2008

HIERRO, J. Laxeiro. Madrid: Grosvenor Galería de arte, 1970 (catálogo)

  • ILARRI JUNQUERA, M.L.; PABLOS HOLGADO, F. Catálogo da Colección da Arte Galega do Museo Quiñones de León. Vigo: Concello de Vigo, 1995 (catálogo)
  • INSTITUTO ROSALÍA DE CASTRO. Exposición de Arte Gallego Contemporáneo. Santiago de Compostela, 1954 (catálogo)
  • JOHÁN, A. et al. 8 Artistas do movemento renovador da arte galega. Lugo: Círculo das artes, 1980
  • LAGO MARTÍNEZ, M. Notas sobre Laxeiro. Vigo: Concello de Vigo, 1997
  • LÓPEZ BERNÁRDEZ, C. Breve historia da arte galega. Vigo: Nigra Trea, 2005
  • LÓPEZ BERNÁRDEZ, C. Laxeiro, debuxos inéditos IV. Vigo: Fundación Laxeiro, 2007 (catálogo)
  • LÓPEZ BERNÁRDEZ, C. De Vigo a Bos Aires, Laxeiro e a pintura galega de posguerra. Vigo: Fundación Laxeiro, 2008 (catálogo)
  • LÓPEZ VÁZQUEZ, J.M. El arte contemporáneo. En: Enciclopedia temática de Galicia. Arte. Ediciones Nauta. Barcelona, 1988, p. 223.
  • LÓPEZ VÁZQUEZ, J.M. De la II República al Plan de Estabilización. En: RODRÍGUEZ IGLESIAS, F. Galicia Arte. A Coruña: Hércules, 1993, vol. XV, pp. 255–327
  • MALLO ÁLVAREZ, A. Laxeiro, Colmeiro e Torres, tres pintores históricos de Pontevedra. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2001
  • MARTÍN VELÁZQUEZ, C. Autorretrato: el pintor ante su imagen. A Coruña: Fundación Caixa Galicia, 1997 (catálogo)
  • MARTÍNEZ–SAPIÑA LLANAS, M.L. Galicia y el surrealismo. Madrid: Caja Madrid Obra Social, 2006 (catálogo)
  • MÉNDEZ LOJO, I. (coord.). A Galicia moderna, 1916-1936. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Consellería de Cultura, Comunicación social e Turismo. Centro Galego de Arte Contemporánea, 2005, pp. 66, 67, 158, 159, 166, 177 (catálogo)
  • MON RODRÍGUEZ, F. La pintura actual en Galicia. Vigo: Galaxia, 1967
  • MON RODRÍGUEZ, F. Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña: Caixa Galicia, 1987
  • MOSQUERA COBIÁN, M. (coord.); VASCO DEL CASTILLO, A. (coord.). A doazón de Manuel Santiago Blanco e Carolina González Abad. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Consellería de Cultura, Comunicación social e Turismo, 2004, pp. 15, 19, 64 -73 (catálogo)
  • O CASTRO. Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside. Sada, A Coruña, 1986
  • O CASTRO. O Movemento Renovador da Arte Galega no Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside. Sada, A Coruña, 1990
  • OTERO ABELEDO, J. Laxeiro. Dibujos y pinturas, 1966. Madrid: Quixote servicio del arte español, 1966 (catálogo)
  • OTERO ABELEDO, J. Laxeiro. Madrid: Galería Orfila, 1973 (catálogo)
  • OTERO ABELEDO, J. Laxeiro. A Coruña: Galería Mestre Mateo, 1974 (catálogo)
  • OTERO ABELEDO, J. Laxeiro. Madrid: Kandinsky Centro difusor de arte, 1982 (catálogo)
  • OTERO ABELEDO, J. Laxeiro, 24 debuxos. A Coruña: Galería Pardo Bazán, 1988 (catálogo)
  • OTERO ABELEDO, J. Laxeiro. Ourense: Galería Esse, 1990 (catálogo)
  • OTERO ABELEDO, J. PÉREZ BUJÁN, J. (ed.). Laxeiro, os escritos de Don Ramiro. Vigo: Fundación Laxeiro, 2010
  • PABLOS HOLGADO, F. Colección Adriano Marques de Magallanes. Vigo: Concello de Vigo, 1992 (catálogo)
  • PABLOS HOLGADO, F. Laxeiro, obra gráfica. Vigo: Alpide galería de arte, 2000 (catálogo)
  • PABLOS, HOLGADO, F. A Pintura en Galicia. Do XVII ás últimas tendencias. Vigo: Nigra Trea, 2003
  • PEREIRO ALONSO, R. Laxeiro. Santiago de Compostela: Galería Trinta, 1987 (catálogo)
  • PEREIRO ALONSO, R. (ed.). Baiona, horizonte atlántico. Baiona, Pontevedra, 1992
  • PÉREZ BUJÁN, F.J. Laxeiro, obras da Colección permanente de Vigo. Vigo: Caixanova, 2001 (catálogo)
  • PÉREZ BUJÁN, F.J. Laxeiro, debuxos inéditos I. Vigo: Fundación Laxeiro, 2002 (catálogo)
  • PÉREZ BUJÁN, F.J. Laxeiro, 1930-1980. Vigo: Caixanova, 2002 (catálogo)
  • PÉREZ BUJÁN, F.J. Laxeiro, el carnaval de las formas. Vigo: Fundación Laxeiro, 2003 (catálogo)
  • PÉREZ BUJÁN, F.J. Laxeiro, un vanguardista de vocación atlántica. Vigo: Caixanova, 2003 (catálogo)
  • PÉREZ BUJÁN, F.J. Laxeiro, debuxos inéditos III. Vigo: Fundación Laxeiro, 2005 (catálogo)
  • PÉREZ BUJÁN, F.J. Laxeiro, debuxos inéditos V. Vigo: Fundación Laxeiro, 2007 (catálogo)
  • PÉREZ BUJÁN, F.J. O Laxeiro informalista na colección Alcalde-Varela. Vigo: Fundación Laxeiro, 2008 (catálogo)
  • PÉREZ BUJÁN, F.J. Voz: Laxeiro. En: Real Academia da Historia. Diccionario biográfico español. Madrid
  • PÉREZ BUJÁN, F.J. et al. Laxeiro o manancial da vida. Fondos da Colección Caixa Galicia. A Coruña: Fundación Caixa Galicia, 2005 (catálogo)
  • PÉREZ BUJÁN, F.J. Laxeiro, cosmoloxías. Vigo: Fundación Laxeiro, 2012 (catálogo)
  • PLAZA MOLINA, G. Arte en Galicia. La década del “boom”(1970-1980). Sada, A Coruña: O Castro, 1981
  • RDO COMUNICACIÓN CULTURAL. (coord.). A mares, o espello do mar na arte galega dos séculos XIX e XX. Vigo: Museo do mar de Galicia, 2003, pp. 174, 189, 284, 290, 291, 298 (catálogo)
  • RODRÍGUEZ IGLESIAS, F. Galicia arte. A Coruña: Hércules, 1993, vol. XVI
  • ROZAS, M. Artistas do Deza. Pontevedra: Deputación Provincial de Pontevedra, 2003 (catálogo)
  • ROZAS, P. Muiñeira “Laxeiro”. Lalín, Pontevedra: Concello de Lalín, 1998
  • RUIBAL, J. Laxeiro. En: ALONSO, R. (dir.). Cuadernos de Arte Gallego. Pontevedra: Gráficas Torres, 1951, vol. I
  • RUIBAL, J. Laxeiro. Lalín, Pontevedra: Alvarellos comunicación e produción gráfica, 2008 (reedición)
  • SALA DE ARTE VAN DYCK. Laxeiro. Gijón, 1989 (catálogo)
  • SALA VELÁZQUEZ. Exposición inaugural de pintura y escultura. Vigo, 1950 (catálogo)
  • SÁNCHEZ MARÍN, V. F. Laxeiro. Madrid: Revista Goya, 1962
  • SARMIENTO ESCALONA, R. Colección de arte Caixa Galicia. A Coruña: Fundación Caixa Galicia-Museu de Belles Arts de València, 1997 (catálogo)
  • SEOANE, L. Comunicacións mesturadas. Vigo: Galaxia, 1973
  • SOBRAL, A. Pintura gallega de postguerra. En: DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA. 5ª Bienal Internacional de Arte. Pontevedra, 1982, pp. 167–258
  • SOBRINO MANZANARES, M.L. Catro pintores galegos contemporáneos: Maside, Colmeiro, Souto e Laxeiro. Director: Ramón Otero Túñez. Universidade de Santiago de Compostela, Facultade de Filosofía e Letras, 1973, pp. 394–480 (tese doutoramento )
  • SOBRINO MANZANARES, M.L. Voz: Laxeiro. En: Silverio Cañada (dir.). Gran Enciclopedia Gallega. Gijón, 1974, vol. 18, pp. 248–254
  • SOBRINO MANZANARES, M.L. Sobre una posible escuela de pintura gallega. Barcelona: Pro-arte, 1978, nº1
  • SOBRINO MANZANARES, M.L. Análise dun movemento artístico durante os anos 1916 a 1936. Vigo: Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1980
  • SOBRINO MANZANARES, M.L. La Edad contemporánea. En: ALHAMBRA. Historia del Arte Gallego. Madrid, 1982, pp. 478–479
  • SOBRINO MANZANARES, M.L. A pintura galega contemporánea. Vigo: Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1982
  • VÁZQUEZ GIL, L. El Derby, algo más que un café. Vigo: Caixavigo, 1998
  • VICENT, M. La romería del pintor Laxeiro. En: VICENT, M. Inventario de otoño. Madrid: Debate, 1982, pp. 211–217
  • VILLAMARÍN ÁLVAREZ, F. Colección de arte da Xunta de Galicia, 1986-1993. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, 1996
  • XUNTA DE GALICIA. Consellería de turismo. Estampas populares de Galicia. Santiago de Compostela, 1980
  • XUNTA DE GALICIA. Obra sobre papel. Laxeiro / M. Torres. Pontevedra, 1994 (catálogo)
  • XUNTA DE GALICIA. Galicia, 1900-1990. Galicia Terra Única. Santiago de Compostela, 1998 (catálogo)

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar