Abrir o menú principal

O esperpento é un estilo literario creado e denominado así por Ramón María del Valle-Inclán, e que se caracteriza pola estilización grotesca das personaxes e as situacións, e o predominio da violencia verbal, os detalles groseiros e extravagantes, e unha visión amarga e degradada da realidade, todo iso posto ao servizo dunha implícita intención crítica da sociedade española do seu tempo. Como afirmou Valle-Inclán en Luces de bohemia (obra representativa do estilo e onde este é definido), "el sentido trágico de la vida española sólo puede ofrecerse con una estética sistemáticamente deformada". Esta técnica empregouse tamén na triloxía Martes de Carnaval e ten os seus precedentes en Quevedo e Francisco de Goya. Algunhas das súas características son:

  1. O grotesco como forma de expresión:
    • a degradación dos personaxes.
    • a reificación ou cousificación das personaxes, reducidas a mero signo ou a bonecos.
    • a animalización ou fusión de formas humanas e animais
    • a literaturización da linguaxe coloquial, frecuentemente investido de todo tipo de intertextualidades
    • o abuso do contraste
    • a mestura de mundo real e de pesadelo
    • a distorsión da escena exterior
  2. A deformación sistemática da realidade:
    • a aparencia de burla e caricatura da realidade
    • o significado profundo, semi transparente, cargado de crítica e intención satírica que constitúe a auténtica lección moral
  3. A presenza da morte como personaxe fundamental.

Esta técnica teatral fixo de Valle-Inclán un precedente cinematográfico, debido aos continuos cambios de escenario así como á profusión de historias durante o desenvolvemento da obra, que finalmente acababan por cruzarse.

CuriosidadesEditar

Este estilo novo teatral partiu dun famoso bar situado no madrileño "Callejón del gato", situado ás traseiras de Sol, aproximadamente. Valle-Inclán era un grande asiduo ao mesmo, cuxa característica máis rechamante era a fachada, onde se achaban (e aínda hoxe consérvanse, aínda que un tanto desgastados) uns espellos cóncavos e outros convexos que deformaban a figura de todo aquel que fronte a eles se pousaba. Isto, que se converteu nun entretemento da época, sería utilizado por Valle-Inclán como inspiración. A deformación da realidade ben podía ser divertida, como de feito o era para os transeúntes, pero podía converterse en algo máis: nun espello social, nunha crítica, nunha deformación da realidade esaxerada, delicia para un escritor rebelde como o era Valle-Inclán.