Centro Galego de Arte Contemporánea
O Centro Galego de Arte Contemporánea, CGAC é un centro con sede en Santiago que ten como fin fomentar a cultura en Galiza mediante a exhibición, deleite e coñecemento das tendencias e correntes da creación artística contemporánea.
CGAC | |
---|---|
País | Galicia |
Cidade | Santiago de Compostela |
Tipo | Arte contemporánea |
Director | Santiago Olmo García |
Inauguración | 1993 |
Na rede | |
http://cgac.xunta.gal/ | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
A institución
editarO CGAC creouse ao amparo competencial do artigo 27.19º do Estatuto de Autonomía para Galiza e mediante o Decreto 308/1989. Foi inaugurado no ano 1993, cunha exposición antolóxica de Maruxa Mallo, e conta con programación estable dende 1995.
Ten como obxectivos e funcións principais os seguintes:
- Promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea.
- Garantir a protección, conservación e restauración das obras artísticas que o integran.
- Exhibir coleccións para a súa contemplación e estudo.
- Desenvolver programas de exposicións temporais de arte contemporánea.
- Fomentar o acceso ás coleccións dos visitantes.
- Configurar un fondo bibliográfico e documental.
- Desenvolver as actividades didácticas respecto ós seus contidos.
- Estudo e ditames técnicos que lles sexan requiridos.
- Formación e perfeccionamento de persoal especializado en arte contemporánea.
- Desenvolve-los programas de investigación e elaborar e publicar catálogos e monografías.
- Establecer relacións de cooperación e colaboración con outras institucións.
- Desenvolver accións conxuntas con outras entidades.
A súa colección de arte contemporánea está composta polos fondos da Xunta de Galiza, polos fondos que adquiriu o propio centro, e os procedentes de depósitos ou doazóns. Destaca a súa inclusión de obras de artistas galegos en continuo diálogo coa creación artística do resto do estado e a do ámbito internacional.
Na actualidade a súa regulamentación está dirixida polo seguintes órganos reitores:
- O padroado.
- A dirección do Centro.
- A xerencia.
A Dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea foi exercida dende a súa fundación polas seguintes persoas:
- Antón Pulido Novoa dende 1993 a 1994.
- Gloria Moure Cao dende 1994 a 1998.
- Miguel Fernández-Cid Enríquez dende 1998 a 2005.
- Manuel Olveira Paz dende novembro de 2005 a xuño de 2009.
- Miguel Von Hafe Pérez, dende novembro de 2009 a decembro de 2014.
- Santiago B. Olmo García, dende xullo de 2015[1]
Pertence na actualidade á estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galiza. O seu horario de apertura é de martes a domingo de 11 horas a 20 horas. O enderezo Rúa Valle Inclán, s/n 15706 Santiago de Compostela. Teléfono de contacto: 981 54 66 29. O prezo de entrada é gratuíto.
O edificio
editarAtópase no límite da cidade monumental de Santiago de Compostela, nun espazo no que comparte veciñanza do convento de San Domingos de Bonaval, onde se atopa o Panteón de Galegos Ilustres e o Museo do Pobo Galego. Tamén a recuperación do parque de San Domingos no espazo contiguo ó Centro Galego de Arte Contemporánea, respecta a distribución da antiga horta do convento, coa sucesión de socalcos, solución galaica ó aproveitamento do desnivel do terreo para a utilización agrícola.
Deseñado polo arquitecto portugués Álvaro Siza Vieira (Matosinhos, 1933), veu resolver a posta en valor dunha parte de Santiago de Compostela.
Conta con varias salas de exposicións permanentes e temporais, obradoiros, auditorio, biblioteca, cafetaría como de uso público, e a zona de despachos de uso dos servizos administrativos do Centro.
Salientar a sala denominada "dobre espazo", entre a planta baixa e a planta de exposición permanente, o seu vestíbulo de recepción e distribución, a terraza etcétera.
Os materiais empregados na construción respectan os propios e definitorios da cidade de Santiago de Compostela, pedra e cristal nas fachadas, e no interior mármore e madeira.
A colección
editarDende a fundación do museo nos anos 90 o museo foi adquirindo obra de artistas centrándose dende a segunda metade o S.XX ata a actualidade[2]. Dentro da colección podemos atopar a artistas internacionais como; Ianis Kounelis, Andy Warhol, Joseph Beuys, Eva Lootz, Dan Graham, Mimmo Paladino, Keith Haring, Christo, Christian Boltanski, Tacita Dean ou Aleksandr Sokurov.
O mesmo tempo posúe obra de moitos dos artistas galegos dese mesmo período; Maruja Mallo, Manolo Paz, Menchu Lamas, Quintana Martelo, Francisco Leiro, Pamen Pereira, Berta Cáccamo, Antonio Murado, Álvaro Negro, Jorge Perianes, Xoán Anleo, Xosé Artiaga ou Rubén Ramos Balsa entre outros.
Ten un interese especial dentro da colección a fotografía, con obras de Alberto García-Alix, Cindy Sherman, Chema Madoz, Virxilio Viéitez, Montserrat Soto, Robert Mapplethorpe ou Vari Caramés
Notas
editar- ↑ "Santiago Olmo: «Lo óptimo sería que el museo fuese una entidad autónoma»" La Voz de Galicia, 17/7/2015 (en castelán).
- ↑ "Colección - CGAC". cgac.xunta.gal. Arquivado dende o orixinal o 13 de xuño de 2020. Consultado o 2020-04-08.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Centro Galego de Arte Contemporánea |
Ligazóns externas
editar- Centro Galego de Arte Contemporánea - Páxina do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea).
- Entrevista con Manuel Olveira, directo do CGAC
- Museos Consumer.es (en castelán)