Milgranda (froito)

A milgranda,[1][2] tamén chamada granada,[3] é o froito en balaustia da árbore Punica granatum, chamada milgrandeira[4] (ou tamén milgranda, nome que se lle pode dar ao froito e á árbore[1]).

Froito e zume de milgranda.

O froito está normalmente maduro no hemisferio norte de setembro a febreiro e no sur de marzo a maio.[5][6]

Estes froitos, utilizados como sarcotestas completas (os graniños vermellos do interior) ou como zume, utilízanse en bolaría, cociña, mesturas de zumes, gornicións de comidas, batidos de froitas e bebidas alcohólicas, como cócteles e viño.

As milgrandas orixináronse na zona desde Irán á India e plantáronse por todo o mundo. Son amplamente cultivadas en Oriente Próximo e no Cáucaso, África do norte e tropical, Irán, o subcontinente indio, Asia central, as partes secas do sueste asiático, e a cunca mediterránea.[7] Foron introducidas en América desde o século XVI.[7]

Unha milgrandeira nunha ilustración da obra Tacuinum Sanitatis, feita en Lombardía, a finais do século XIV (Biblioteca Casanatense, Roma)

Características

editar
Unha milgranda aberta
Flor de milgrandeira
Formación do froito

As milgrandas ou granadas son froitos en balaustia de cor púrpura. A súa cuberta ou casca consta de dúas partes: un pericarpo externo e duro, e un mesocarpo interno e esponxoso de cor branca, que comprende a parede interior do froito, onde están adheridas as sementes (arilos).[8] As membranas que constitúen o mesocarpo están organizadas formando cámaras non simétricas que conteñen as sementes dentro de sarcotestas, as cales están incrustadas sen unha unión ao mesocarpo.[8] As sarcotestas conteñen o zume e están formadas por unha delgada membrana derivada das células epidérmicas das sementes.[9][10] O número de sementes dunha milgranda pode variar de 200 a unhas 1.400.[11]

Botanicamente, o froito comestible é unha baga na que as sementes e a polpa se orixinan a partir do ovario fecundado dunha soa flor.[9] O froito é intermedio en tamaño entre un limón e un pomelo, de 5 a 12 cm de diámetro, forma redondeada e casca grosa avermellada.[7]

Nos froitos maduros o zume obtido esmagando as sementes ten un sabor amargo debido ao seu alto contido en polifenois e baixo pH (4,4),[12] e pode orixinar manchas vermellas indelebles nas teas.[13] Principalmente, a pigmentación do zume de milgranda depende da presenza de polifenois como as antocianinas e elaxitaninos.[12][14]

Cultivo

editar

A milgrandeira cultívase principalmente para colleitar os seus froitos, pero tamén se planta como árbore ornamental en parques e xardíns. Son tolerantes á seca e crecen ben en áreas cun clima mediterráneo con precipitacións invernais ou en climas con precipitacións de verán. En áreas máis húmidas, as súas raíces poden apodrecer atacadas por fungos. Toleran un frío moderado, ata como máximo -12 °C.[15]

Variedades

editar

P. granatum var. nana é unha variedade anana de P. granatum plantada en xardíns como árbore ornamental ou como bonsai.[16][17]

A única outra especie do xénero Punica é Punica protopunica, endémica da illa de Socotra no mar de Arabia, que ten flores rosas (non vermellas) e é máis pequena e con froitos menos doces.[18]

Cultivares

editar
 
Milgranda negra

P. granatum ten máis de 500 cultivares nomeados, pero evidentemente ha unha considerable sinonimia pola cal un mesmo xenotipo recibe distintas denominacións en diferentes partes do mundo.[8]

Varias características entre os xenotipos de milgrandeiras son útiles na súa identificación, preferencia do consumidor, uso preferente e comercialización, a máis importante das cales son o tamaño do froito, a cor do exocarpo (que vai do amarelo ao púrpura, sendo o rosa e vermello os máis comúns), cor da cuberta das sementes (do branco ao vermello), a dureza das sementes, a madureza, contido de zume e acidez, sabor doce e adstrinxencia.[8]

Produción e exportación

editar

Os principais produtores globalmente son India e China seguidos de Irán, Turquía, Afganistán, os Estados Unidos, Iraq, Paquistán, Siria e España.[19] En 2019, Chile, Perú, Exipto, Israel, India e Turquía subministraron milgrandas ao mercado da Unión Europea.[20] Chile foi o principal subministrador ao mercado dos Estados Unidos, que ten unha limitada subministración local do sur de California.[20] China era autosuficiente en 2019, mentres que outros mercados do sur de Asia importaban principalmente da India.[20] A produción e exportación de milgrandas en Suráfrica competía cos cargamentos suramericanos en 2012–18, destinando a súa exportación á Unión Europea, Próximo Oriente, Reino Unido e Rusia.[21] Suráfrica importa milgrandas principalmente de Israel.[21]

Historia

editar
 
Milgrandeia, da dinastía Song do sur tardía ou da dinastía Yuan temperán contra o 1200–1340 (Los Angeles County Museum of Art)

A milgrandeira é nativa da rexión que vai desde Irán ao norte da India.[7] As milgrandeiras foron cultivadas por todo o Oriente Próximo, India, e rexión mediterránea durante milenios.[7][22][23] As milgrandeiras foron domesticadas xa no quinto milenio antes de Cristo, xa que foron unha das primeiras árbores fruteiras que foron domesticadas na rexión do leste do Mediterráneo.[24]

Exocarpos carbonizados destas froitas foron identificados en niveis da Idade do Bronce temperán de Tell es-Sultan (Xericó) en Cisxordania, así como en niveis da Idade do Bronce tardía de Hala Sultan Tekke en Chipre e Tirinto.[25] Unha gran milgrandeira seca atopouse na tumba de Djehuty, o mordomo da raíña Hatshepsut de Exipto; rexistros mesopotámicos escritos en cuneiforme mencionan as milgrandas desde a metade do terceiro milenio a.C. en adiante.[26] Identificáronse restos de milgrandeiras enchoupados de auga do xéculo XIV a.C. no naufraxio de Uluburun fronte ás costas turcas.[27] Outras mercancías que levaba o barco eran perfumes, marfil e xoias de ouro, o que parece indicar que as milgrandeiras nesa época eran consideradas un artigo de luxo.[28] Outras descubertas arqueolóxicas de milgrandeiras da Idade do Bronce tardía atopáronse principalmente en residencias de elite, o que apoia esta idea.[27]

 
Na parte inferior do escudo de España represéntase unha milgranda, simbolizando o antigo reino nazarí de Granada, o último incorporado á coroa.
 
Ilustración de Otto Wilhelm Thomé, 1885

Tamén se cultivaba moito no sur da China e sur de Asia, sexa porque se espallara ao longo da ruta da seda ou polas rutas de comercio marítimas. Kandahar é famoso en Afganistán polas súas milgrandas de alta calidade.[29]

Aínda que non é nativa de Corea ou o Xapón, alí a milgrandeira cultívase moito e desenvolvéronse moitos cultivares. Utilízase moito para facer bonsais debido ás súas flores e pola pouco común codia retorta que os vellos espécimes adoitan ter.[30]

Os colonizadores españois introduciron posteriormente esta froita no Caribe e América hispana, pero nas colonias británicas non se daba tan ben.[31] A milgrandeira fora introducida en Inglaterra como unha planta exótica no século XVII por John Tradescant o Vello, pero como non deu froitos alí introducírona repetidamente nas colonias inglesas de América, incluída Nova Inglaterra. Tivo éxito máis ao sur: o botánico John Bartram recibiu un barril de milgrandas e laranxas enviado desde Carolina do Sur en 1764 e plantounas preto de Savannah, Xeorxia en 1765. Thomas Jefferson plantounas en Monticello en 1771; enviárallas George Wythe de Williamsburg.[32]

Culinario

editar
 
Sementes crúas de milgranda listas para comer
 
Un posto de venda de zume de milgranda en Xi'an, China

O zume de milgranda pode ser doce ou amargo, pero a maioría destas froitas teñen un sabor moderado, con notas amargas procedentes de elaxitaninos ácidos contidos no zume.[14] O zume de milgranda é desde hai longo tempo unha bebida popular en Europa e o Próximo Oriente, e agora está amplamente distribuído nos Estados Unidos e Canadá.[33]

O xarope de granadina consistía orixinalmente en zume de milgranda dulcificado e espesado,[34] mais agora adoita ser un nome comercial do xarope baseado en varias bagas, ácido cítrico e colorante alimentario, usado principalmente para mesturalo en cócteles.

 
Cunca de ash-e anar, unha sopa iraniana feita con zume de milgranda.

Antes de que chegasen ao Próximo Oriente os tomates (un froito do Novo Mundo), o zume de milgranda, molazas e vinagre era moi utilizado en moitas comidas iranianas, e aínda se atopa en receitas tradicionais como o fesenjān, un prebe espeso de zume de milgranda e noces picadas, xeralmente vertida sobre pratos de aves e arroz, e no ash-e anar (sopa de milgranda).[35][36]

As sementes de milgranda utilízanse como unha especia coñecida como anar dana (de persa: anar + dana, milgranda + semente), principalmente na cociña india e paquistaní. As sementes secas enteiras son frecuentes nos mercados indios étnicos. Estas sementes prepáranse da carne do froito, seca durante 10–15 días, e utilizada como axente acidificante para a preparación do chutney e o curry. Tamén se usa a anardana moída, que lle dá unha aromatización máis intensa aos pratos e impide que as sementes queden entre os dentes. As sementes de milgrandas silvestres da variedade daru dos Himalaias considéranse fontes de gran calidade desta especia.

As sementes de milgranda secas, atopadas nalgúns mercados de alimentos de especialidades naturais, aínda contén algo de auga residual, mantendo unha dozura natural e sabor ácido. As sementes secas poden usarse en varias aplicacións culinarias, como o mesturas de petiscos para picar (snacks), barras de granola ou como enderezo de ensaladas, iogur ou xeados.

No Cáucaso a milgranda úsase principalmente como zume. En Acerbaixán, un prebe de zume de milgranda chamado narsharab, (de persa: (a)nar + sharab, literalmente "viño de milgranda") adoita servirse con peixe[37] ou tika kabab.

 
Costeletas de año turcas con figos caramelizados e patacas esmagadas con herbas, gornecidas con milgranda.

En Turquía, o prebe de milgranda (en turco: nar ekşisi) utilízase como enderezo de ensalada, para marinar cane ou simplemente para bebelo directamente. As sementes de milgranda tamén se usan en ensaladas e ás veces como gornición de sobremesas como o güllaç.[38] O xarope de milgranda ou melaza utilízase no muhammara, uns pementos asados con noces e allo populares en Siria e Turquía.[39]

En Grecia a milgranda utilízase en moitas receitas, como o kollivozoumi, un caldo cremoso feito de trigo fervido, milgrandas e pasas, e en ensaladas de legumes con trigo e milgranda, tradicionais nos kebabs de año do Próximo Oriente con milgranda glaseada, salsa de cogombros con berenxena e milgranda, e salsa de aguacate e milgranda. A milgranda tamén se usa para facer licores, como a popular sobremesa de froitas usada como aderezo de xeados, mesturada con iogur, ou untada con marmelada en torradas.

En México utilízanse comunmente para adornar o prato tradicional chiles en nogada, no que as sementes de milgranda representan a cor vermella da bandeira mexicana tricolor, mentres que o verde da bandeira o representa un chile poblano e o branco a salsa nogada.

Nutrición

editar
Milgrandas, crúas
 
Arilos de milgranda
Valor nutricional por 100 g
Enerxía346 kJ (83 kcal)
18.7 g
Azucres13.67 g
Fibra alimentaria4 g
1.17 g
1.67 g
VitaminasCantidade
%DV
Tiamina (B1)
6%
0.067 mg
Riboflavina (B2)
4%
0.053 mg
Niacina (B3)
2%
0.293 mg
Ácido pantoteico (B5)
8%
0.377 mg
Vitamina B6
6%
0.075 mg
Ácido fólico (B9)
10%
38 μg
Colina
2%
7.6 mg
Vitamina C
12%
10.2 mg
Vitamina E
4%
0.6 mg
Vitamina K
16%
16.4 μg
MineraisCantidade
%DV
Calcio
1%
10 mg
Ferro
2%
0.3 mg
Magnesio
3%
12 mg
Manganeso
6%
0.119 mg
Fósforo
5%
36 mg
Potasio
5%
236 mg
Sodio
0%
3 mg
Cinc
4%
0.35 mg
Outros constituíntesCantidade
Auga78 g

As porcentaxes son aproximadas empregando a recomendación de US para os adultos.
Fonte: Base de datos USDA Nutrient

A porción comestible da milgranda crúa contén un 78% de auga, 19% de carbohidratos, 2% de proteínas e un 1% de graxas (ver táboa). Unha ración de 100 g de sarcotestas de milgranda proporcona o 12% do Valor diario (DV na táboa) de vitamina C, 16% do DV de vitamina K, e o 10% do DV de folato (táboa). As sementes de milgranda son unha rica fonte de fibra alimentaria (20% do DV), a cal está contida enteiramente nas sementes comestibles.[40]

Investigacións

editar

Compostos fitoquímicos

editar
Procesamento

O contido fenólico do zume de milgranda é degradado durante o procesamento e pasteurización.[41]

Zume

Os composotos fitoquímicos mái abundantes no zume de milgranda son polifenois, como os taninos hidrolizables chamados elaxitaninos formados cando os ácidos eláxico e gálico se unen a un carbohidrato para formar os elaxitaninos da milgranda, tamén chamados punicalaxinas.[14] A cor vermella do zume atribúese a antocianinas,[14] como a delfinidina, cianidina e glicósidos de pelargonidina.[42] Xeralmente, prodúcese un incremento na pigmentación do zume durante a maduración do froito.[42]

Pel

As peles de milgranda conteñen grandes cantidades de polifenois, taninos condensados, catequinas e prodelfinidinas.[43][44] O maior contido fenólico da pel rende extractos para o seu uso en suplementos dietéticos e conservantes alimentarios.[45]

Semente

O aceite de sementes de milgranda contén ácido punícico (65%), ácido palmítico (5%), ácido esteárico (2%), ácido oleico (6%) e ácido linoleico (7%).[46]

Saúde

editar

Malia os datos limitados de que dispoñían, os fabricantes e comercializadores de zume de milgranda usaron con liberalidade os resultados de investigacións preliminares para promocionaren os seus produtos.[47] En febreiro de 2010, a FDA emitiu unha carta de advertencia a un deses fabricantes, POM Wonderful, por utilizar literatura publicada para facer declaracións ilegais de efectos contra enfermidades que non estaban probados.[48][49][50]

En maio de 2016, a Federal Trade Commission (FTC) estadounidense declarou que POM Wonderful non podía facer nos seus anuncios publicitarios afirmacións sobre a saúde, ao que seguiu a non admisión polo Tribunal Supremo dos Estados Unidos dunha petición de POM Wonderful de revisar a resolución, ratificando a decisión da FTC.[51][52]

Simbolismo

editar

Antigo Exipto

editar

Os antigos exipcios consideraban a milgranda un símbolo de prosperidade e ambición. Denominábase nas linguas semíticas jnhm ou nhm.[53] Segundo o papiro Ebers, un dos escritos médicos máis antigos de arredor o 1500 a.C., os exipcios usaban a milgranda como tratamento das infestacións de solitaria e outras infeccións.[54]

Grecia antiga e moderna

editar
 
Unha moeda de bronce de Side, Panfilia, Turquía, 350–300 a.C.:
*anverso: un busto de Atenea con casco corintio cristado;
*reverso: unha milgranda

Unha milgranda está representada en moedas da cidade de Side en Asia Menor (hoxe en Turquía), xa que side significaba milgranda na lingua local.[55][56][57][58][59][60]

Os gregos estaban familiarizados con este froito moito antes de que fose introducido en Roma a través de Cartago, e forma parte de múltiples mitos e obras de arte.[61] Na mitoloxía da Antiga Grecia a milgranda coñecíase como o "froito dos mortos" e críase que brotara do sangue de Adonis.[54][62]

 
Milgrandeira en Fira, Santorini (Thera), Grecia

No mito de Perséfone, a deusa do inframundo, esta comeu alí sementes de milgranda, por culpa do cal tiña que pasar varios meses no inframundo cada ano e despois retornaba. O número de sementes que comía e os meses que pasaba alí abaixo varían segundo as versións. Durante os meses en que Perséfone se sentaba no trono do inframundo ao lado do seu esposo Hades, a súa nai Deméter estaba de loito e xa non daba fertilidade á terra. Esta era unha explicación dos antigos gregos para a existencia das estacións do ano.[63]

Segundo Carl A. P. Ruck e Danny Staples, a milgranda, que é un foito dividido en cámaras, é tamén un substituto das cápsulas narcóticas da papoula, que tamén ten unha forma e división en cámaras similares.[64] Nun selo micénico ilustrado na obra de Joseph Campbell Occidental Mythology (1964), figura 19, a deusa sentada do machado de dúas follas (o labrys) ofrece tres cápsulas de papoulas na súa man dereita e sostén o seu peito coa man esquerda. Isto personifica ambos os aspectos desta deusa dual: á vez dá a vida e trata coa morte.[Cómpre referencia]

O cazador Orión era representado tomando como esposa a Side, un nome que en Beocia significa milgranda.[Cómpre referencia]

Noutro mito grego, unha moza tamén chamada Side (que significa milgranda) suicidouse na tumba da súa nai para evitar sufrir unha violación a mans do seu propio pai Ictino. O seu sangue transformouse nunha milgrandeira.[65]

O século V a.C., Policleto utilizou marfil e ouro para esculpir a estatua de Hera arxiva sentada no seu templo. A deusa levaba un cetro nunha man e ofrecía unha milgranda, como un "orbe" real, na outra.[66] "Sobre a milgranda non debo dicir nada," murmurou o viaxeiro Pausanias no século II, "pois a súa historia ten algo de misterio sagrado".[66] A milgranda ten un cáliz (resto da flor) con forma de coroa.

No Heraión na desembocadura do Sele, preto de Paestum (ao sur de Nápoles), Magna Grecia, hai unha capela dedicada á Madonna del Granato, "Virxe da milgranda", "que debido ao seu nome e ao atributo dunha milgranda debe ser a sucesora cristiá da antiga deusa grega Hera", segundo observa o excavador do Heraión de Samos, Helmut Kyrieleis.[67]

Nos tempos modernos a milgranda aínda mantén significados simbólicos para os gregos. Cando unha persoa compra unha casa nova, é tradicional traer unha milgranda, que sitúa a modo de ofrenda baixo ou preto do ikonostasi (altar doméstico ou "esquina da icona") da casa, como símbolo de abundancia, fertilidade e boa sorte. Cando os gregos conmemoran aos seus defuntos, fan como ofrenda unha kollyva, que consiste en trigo fervido, mesturado con azucre e decorado cunha milgranda. As decoracións de milgrandas no fogar son moi comúns en Grecia e véndense na maioría de tendas de produtos para o fogar.[68]

Antigo Israel e xudaísmo

editar
 
Ornamentos da Tora xudía con forma de milgrandas
 
Moza cunha milgranda, cadro de William-Adolphe Bouguereau, 1875

A milgranda é importante na tradición xudía. Dise que o froito ten 613 sementes que representan os 613 mandamentos da Tora.[69]

Por exemplo, as milgrandas coñecíanse no Antigo Israel como as froitas que os exploradores trouxeron a Moisés para demostrar a fertilidade da "terra prometida".[70] O libro do Éxodo[71] describe o me'il ("toga do efod") usado polo sumo sacerdote hebreo e di que tiña milgrandas bordadas, alternando con campás douradas, que se podían sentir cando o sumo sacerdote entraba e saía do sancta sanctorum. De acordo co primeiro libro dos Reis,[72] os capiteis das dúas columnas (Jachin e Boaz) que estaban diante do Templo de Salomón en Xerusalén tiñan gravados de milgrandas. Dise que Salomón deseñou a súa coroa baseándose na "coroa" da milgranda (cáliz da flor que queda no froito).[73]

Algúns eruditos xudeus cren que a milgranda era o froito prohibido do Xardín do Edén.[74] Ademais, as milgrandas son unha das Sete Especies (hebreo: שבעת המינים, Shiv'at Ha-Minim) de froitas e cereais enumerados na Biblia hebrea (Deuteronomio 8:8) como produtos especiais da Terra de Israel, e o Cantar dos Cantares menciona a milgranda ou granada seis veces[69] e contén a seguinte cita: "Cal fita carmesí son os teus labios, é doce a túa fala; metades de granada as túas meixelas por entre o teu veo."(Cantar dos Cantares 4:3).[75]

Comer milgrandas no Rosh Hashana é tradicional porque, coas súas numerosas sementes, simboliza a fecundidade.[74] Ademais, dicíase que ten 613 sementes, que corresponden cos 613 mandamentos da Tora, pero iso era unha idea equivocada.[76]

A milgranda aparece en moedas antigas de Xudea, e cando non se están usando, os mangos dos rolos da Tora están ás veces cubertos con globos prateados decorativos con forma de milgrandas (rimmonim).[Cómpre referencia]

As milgrandas simbolizan a experiencia mística da tradición mísica xudía ou cábala, e a referencia típica é entrar no "xadín das milgrandas" ou pardes rimonim; este é tamén o título dun libro do século XVI do místico Moses ben Jacob Cordovero.[77]

En motivos da Europa cristiá

editar
 
Detalle da Madonna da milgranda de Sandro Botticelli, c. 1487 (Galería dos Uffizi, Florencia)

A primeira representación coñecida non controvertida de Cristo é a dun mosaico de chan do século IV de Hinton St Mary, Dorset, agora no Museo Británico, nel o busto de Cristo e o khi rho están flanqueados de milgrandas.[78] As milgrandas seguiron sendo despois un motivo frecuente na decoración relixiosa cristiá. A miúdo están cosidas nas teas de vestiduras e no antependium litúrxicos ou forxadas en metais. As milgrandas figuran en moitas pinturas relixiosas de Sandro Botticelli e Leonardo da Vinci, a miúdo nas mans da Virxe María ou do neno Xesús. O froito, roto ou reventado, é un símbolo da plenitude da Paixón e Resurrección de Xesús.[74]

Na Igrexa Ortodoxa Oriental as sementes de milgranda poden utilizarse no kolyva, un prato preparado para servizos memoriais (de defuntos), como símbolo da dozura do reino dos ceos.[Cómpre referencia]

No islam

editar

O capítulo 55 do Corán menciona as milgrandas como un "favor" entre moitos que se ofrecen aos que son temerosos do "Señor" nos "dous Xardíns" do Paraíso.[79]

Armenia

editar
 
Estatua de milgranda en Yereván, Armenia

A milgranda é unha das froitas principais da cultura armenia (xunto cos albaricoques e uvas). O seu zume utilízase nas comidas armenias, tradicións e viño. A milgranda en Armenia é un símbolo que representa a fertilidade, abundancia e matrimonio.[80] Tamén é unha icona semirrelixiosa. Por exemplo, desempeña un papel integral nun costume de vodas amplamente practicado na antiga Armenia consistente en darlle unha milgranda á noiva, que tiraba contra unha parede, para que se esnaquizase. As sementes ciscadas da milgranda aseguraban que a noiva tivese fillos.[81]

Acerbaixán

editar

A milgranda é considerada un dos símbolos nacionais de Acerbaixán.[82] Cada ano en outubre celébrase un festival cultural en Goychay, chamado Festival da milgranda de Goychay, cidade que é famosa pola súa crecente industria das milgrandas.[83] As milgrandas representáronse no logo oficial dos Xogos Europeos de 2015 celebrados en Acerbaixán.[84] A milgranda Nar foi unha das mascotas deses xogos.[85] As milgrandas tamén estaban representadas nas chaquetas que usaban os atletas masculinos na cerimonia de apertura dos xogos.[86]

A milgranda (en chinés 石榴, shíliu) introduciuse na China durante a dinastía Han (206 BC–220 AD), e nos tempos antigos considerábase un emblema da fertilidade e proxenie numerosa. Imaxes do froito maduro coas sementes saíndo do seu interior colgábanse nas casas para conceder fertilidade e bendicións aos seus moradores con numerosos fillos.[87]

Nalgunhas tradicións hindús, a milgranda (en hindí: anār) simboliza a prosperidade e fertilidade, e está asociada con Bhoomidevi (a deusa da terra) e o Señor Ganesha (o que gusta da froita das moitas sementes).[88][89]

Curdistán

editar

A milgranda é un froito importante e simbólico na curtura do Curdistán. Acéptase como símbolo de abundancia e froito sagrado nas antigas relixións curdas. Úsase como símbolo da abundancia nas alfombras curdas.[90]

  1. 1,0 1,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para milgranda.
  2. Definición de milgranda no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para granada.
  4. Definición de milgrandeira no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  5. Nirmal K. Sinha; Jiwan Sidhu; Jozsef Barta; James Wu; M.Pilar Cano, eds. (20 de xuño de 2012). Handbook of Fruits and Fruit Processing (2 ed.). John Wiley & Sons. ISBN 978-1-118-35263-2. OCLC 1100459240. 
  6. Maria Kosseva; V.K. Joshi; P.S. Panesar, eds. (1 de novembro de 2016). Science and Technology of Fruit Wine Production. Academic Press. pp. 24–. ISBN 978-0-12-801034-1. OCLC 1020127413. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Morton, J. F. (1987). "Pomegranate, Punica granatum L". Fruits of Warm Climates. Purdue New Crops Profile. pp. 352–5. Arquivado dende o orixinal o 2012-06-21. Consultado o 2012-06-14. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Stover, E.; Mercure, E. W. (2007). "The Pomegranate: A New Look at the Fruit of Paradise". HortScience 42 (5): 1088–1092. doi:10.21273/HORTSCI.42.5.1088. 
  9. 9,0 9,1 Holland, D.; Hatib, K.; Bar-Ya’akov, I. (2009). "Pomegranate: Botany, Horticulture, Breeding" (PDF). Horticultural Reviews 35: 127–191. ISBN 9780470593776. doi:10.1002/9780470593776.ch2. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 3 de marzo de 2016. Consultado o 19 de novembro de 2017. 
  10. Dahlgren, R.; Thorne, R. F. (1984). "The order Myrtales: circumscription, variation, and relationships". Annals of the Missouri Botanical Garden 71 (3): 633–699. JSTOR 2399158. doi:10.2307/2399158. Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2018. Consultado o 14 de xaneiro de 2018. 
  11. "Does a larger pomegranate yield more seeds?". AquaPhoenix. Arquivado dende o orixinal o 4 de novembro de 2006. Consultado o 21 de setembro de 2006. 
  12. 12,0 12,1 Fernandes, L.; Pereira, J. A.; López Cortés, I.; Salazar, D. M.; Ramalhosa, E. C. (2015). "Physicochemical Changes and Antioxidant Activity of Juice, Skin, Pellicle and Seed of Pomegranate (cv. Mollar de Elche) at Different Stages of Ripening". Food Technology and Biotechnology 53 (4): 397–406. PMC 5079168. PMID 27904374. doi:10.17113/ftb.53.04.15.3884. 
  13. Jorgensen, SuzAnne; Brennand, Charlotte (xuño de 2005). "Pomegranates" (PDF). Utah State University, Department of Food Safety. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de setembro de 2014. Consultado o 17 de xuño de 2017. 
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 Gómez Caravaca, A. M.; Verardo, V.; Toselli, M.; Segura Carretero, A.; Fernández Gutiérrez, A.; Caboni, M. F. (2013). "Determination of the major phenolic compounds in pomegranate juices by HPLC−DAD−ESI-MS". Journal of Agricultural and Food Chemistry 61 (22): 5328–37. PMID 23656584. doi:10.1021/jf400684n. 
  15. Ali Sarkhosh; Jeff Williamson (outubro de 2018). "The Pomegranate" (PDF). UF/IFAS Extension. Consultado o 2020-05-07. 
  16. "Punica granatum var. nana". RHS Plant Selector. Royal Horticultural Society. Consultado o 23 de febreiro de 2021. 
  17. "AGM Plants - Ornamental" (PDF). Royal Horticultural Society. marzo de 2020. p. 90. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2020-05-03. Consultado o 2020-05-07. 
  18. "Punica granatum - the Drops of Blood from Garden of Eden". Arquivado dende o orixinal o 2013-01-23. 
  19. "New UNECE standard will boost international trade in pomegranate | UNECE". 
  20. 20,0 20,1 20,2 "Overview: Global pomegranate market". FreshPlaza. 13 de setembro de 2019. Consultado o 15 de marzo de 2021. 
  21. 21,0 21,1 Marinda Louw (2021). "Pomegranate production in South Africa". South Africa Online. Consultado o 15 de marzo de 2021. 
  22. Doijode, S. D. (2001). Seed storage of horticultural crops. Nova York: Food Products Press. p. 77. ISBN 978-1-56022-883-7. 
  23. George Ripley; Charles Anderson Dana (1875). The American cyclopaedia: a popular dictionary of general knowledge, Volume 13. Appleton. ... fanse referencias fecuentes en escrituras en mosaico e encóntranse representacións escultóricas da froita en momumentos antigos de Exipto e en ruínas asirias. Encóntrase en verdaeiro estado silvestre no norte da India ... 
  24. Zohary, Daniel; Hopf, Maria; Weiss, Ehud (2012). Domestication of plants in the old world: The origin and spread of domesticated plants in south-west Asia (4ª ed.). Oxford: Oxford University Press. pp. 114–115. ISBN 9780199549061. 
  25. Still, D. W. (2006). "Pomegranate: A botanical perspective". En Seeram, Navindra P.; Schulman, Risa N.; Heber, David. Pomegranates: ancient roots to modern medicine. CRC Press. pp. 199–2010. ISBN 978-0-8493-9812-4. 
  26. Hopf, Maria; Zohary, Daniel (2000). Domestication of plants in the old world: the origin and spread of cultivated plants in West Asia, Europe, and the Nile Valley (3ª ed.). Oxford [Oxfordshire]: Oxford University Press. p. 171. ISBN 978-0-19-850356-9. 
  27. 27,0 27,1 Ward, Cheryl (febreiro de 2003). "Pomegranates in eastern Mediterranean contexts during the Late Bronze Age". World Archaeology 34 (3): 529–541. JSTOR 3560202. doi:10.1080/0043824021000026495. 
  28. Ward Haldane, Cheryl (marzo de 1990). "Shipwrecked plant remains". The Biblical Archaeologist 53 (1): 55–60. JSTOR 3210160. doi:10.2307/3210160. 
  29. "Pomegranate — Afghan Agriculture". afghanag.ucdavis.edu. University of California at Davis, International Programs. 2013. Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2016. Consultado o 2017-02-17. 
  30. "History of Science: Cyclopædia, or, A universal dictionary of arts and sciences". Digicoll.library.wisc.edu. Arquivado dende o orixinal o 2012-04-06. Consultado o 2012-06-14. 
  31. Leighton, Ann (1986). American gardens in the eighteenth century: "for use or for delight". Amherst: University of Massachusetts Press. p. 242. ISBN 978-0-87023-531-3. 
  32. Leighton (1986), p. 272.
  33. Tundel, Nikki (2007-04-20). "The pomegranate hits the peak of popularity". Minnesota Public Radio. Arquivado dende o orixinal o 2014-11-29. 
  34. Favre, Joseph (1905). Dictionnaire Universel de Cuisine Pratique: Encyclopédie Illustrée D'Hygiène Alimentaire (en francés). París. p. 1088. 
  35. Burke, Andrew (15 de xullo de 2008). Iran. Lonely Planet. p. 82. ISBN 978-1-74104-293-1. Consultado o 2010-11-29. A anar (milgranda) é nativa da rexión arredor de Irán e címese fresca ou incorporada a diversos pratos persas do cales o de mñais sona é o fesenjun, pero tamén no ash-e-anar (sopa de milgranda) e no rico ab anar vermello (zume de milgranda). 
  36. "Ash-e Anar". Internetserver.com. Arquivado dende o orixinal o 2012-02-11. Consultado o 2012-06-14. 
  37. Culinary cultures of Europe. Council of Europe. 2005. p. 72. 
  38. Akgün, Müge (2006-09-22). "Güllaç, a dainty and light dessert". Turkish Daily News (Istanbul: DYH). Arquivado dende o orixinal o 2008-05-23. Consultado o 2007-12-26. 
  39. Malouf, Greg and Lucy (2006). Saha. Australia: Hardie Grant Books. p. 46. ISBN 978-0-7946-0490-5. 
  40. "Nutrition data for raw pomegranate per 100 grams". NutritionData.com, Conde Nast; USDA FoodData Central. 1 de abril 2019. Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2013. Consultado o 20 de abril de 2013. , NutritionData.com
  41. Alper, N; Bahceci, KS; Acar, J (2005). "Influence of processing and pasteurization on color values and total phenolic compounds of pomegranate juice". Journal of Food Processing and Preservation 29 (5–6): 357–368. ISSN 0145-8892. doi:10.1111/j.1745-4549.2005.00033.x. 
  42. 42,0 42,1 Hernández F, Melgarejo P, Tomás-Barberán FA, Artés F (1999). "Evolution of juice anthocyanins during ripening of new selected pomegranate (Punica granatum) clones". European Food Research and Technology 210 (1): 39–42. doi:10.1007/s002170050529. 
  43. Nasr, C. Ben (1996). "Quantitative determination of the polyphenolic content of pomegranate peel". Zeitschrift für Lebensmittel-Untersuchung und Forschung 203 (4): 374–378. PMID 9123975. doi:10.1007/BF01231077. 
  44. Plumb GW, De Pascual-Teresa S, Santos-Buelga C, Rivas-Gonzalo JC, Williamson G (2002). "Antioxidant properties of gallocatechin and prodelphinidins from pomegranate peel". Redox Rep. 7 (41): 41–6. PMID 11981454. doi:10.1179/135100002125000172. hdl:10261/97986. 
  45. Li, Y.; Guo, C.; Yang, J.; Wei, J.; Xu, J.; Cheng, S. (2006). "Evaluation of antioxidant properties of pomegranate peel extract in comparison with pomegranate pulp extract". Food Chemistry 96 (2): 254–260. doi:10.1016/j.foodchem.2005.02.033. 
  46. Schubert, Shay Yehoshua; Lansky, Ephraim Philip; Neeman, Ishak (xullo de 1999). "Antioxidant and eicosanoid enzyme inhibition properties of pomegranate seed oil and fermented juice flavonoids". Journal of Ethnopharmacology 66 (1): 11–17. PMID 10432202. doi:10.1016/S0378-8741(98)00222-0. 
  47. "Pomegranate: superfood or fad?". UK National Health Service (NHS). 26 de abril de 2018. Arquivado dende o orixinal o 2016-03-28. 
  48. "Pom Wonderful Warning Letter". U.S. Food and Drug Administration. Arquivado dende o orixinal o 2011-04-24. Consultado o 2011-03-24. 
  49. "Understanding Front-of-Package Violations: Why Warning Letters Are Sent to Industry". Food and Drug Administration. Arquivado dende o orixinal o 2011-03-19. Consultado o 2011-03-24. 
  50. Starling S (3 de marzo de 2010). "FDA says Pom Wonderful antioxidant claims not so wonderful". NutraIngredients.com. Consultado o 6 de marzo de 2010. 
  51. "Statement of FTC Chairwoman Edith Ramirez Regarding Supreme Court's Decision Not to Review POM Wonderful Case". Bureau of Consumer Protection, US Federal Trade Commission. 2 de maio de 2016. Arquivado dende o orixinal o 18 de maio de 2017. Consultado o 18 de xullo de 2017. Compráceme que o caso de POM Wonderful chegse a unha conclusión con éxito. O resultado deste caso deixa claro que as copañías como POM que fan fortes afirmacións relativa á saúde sobre alimentos e produtos de suplemento nutricional deben ter rigorosas evidencias científicas que os apoien. Os consumidores non merecen menos. 
  52. Sorvino, Chloe (2 de maio de 2016). "The Verdict: POM Wonderful Misled Its Customers, A Blow To Its Billionaire Owners". Forbes. Arquivado dende o orixinal o 18 de maio de 2017. Consultado o 18 de xullo de 2017. 
  53. "Pomegranate". reshafim.org.il. Arquivado dende o orixinal o 25 de febreiro de 2016. Consultado o 2017-10-21. 
  54. 54,0 54,1 Jayaprakasha, G. K.; Negi, P.S.; Jena, B.S. (2006). "Antimicrobial activities of pomegranate". En Seeram, Navindra P.; Schulman, Risa N.; Heber, David. Pomegranates: ancient roots to modern medicine. CRC Press. p. 168. ISBN 978-0-8493-9812-4. 
  55. Turkish Odyssey Perge-Aspendus-Side-Alanya Arquivado 2006-11-14 en Wayback Machine. "Side fundárona os eolios da rexión do Exeo. Ata o período romano imperial, a milgranda foi o símbolo usado nas súas moedas".
  56. "Greek SIDE (Pamphylia) AE13. EF-. 1st century BC. Athena - Pomegranate.". MA-Shops (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 1 de marzo de 2023. Consultado o 1 de marzo de 2023. 
  57. "PAMPHYLIA, SIDE. AR Stater, circa 460-410 BC. Pomegranate / Athena". VCoins (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 1 de marzo de 2023. Consultado o 1 de marzo de 2023. 
  58. "Numismatica Ars Classica - Auction 96 Lot 1114". NumisBids.com. Arquivado dende o orixinal o 1 de marzo de 2023. Consultado o 1 de marzo de 2023. 
  59. Sear, David R. (1978). Greek coins and their values. Londres: Seaby. ISBN 978-0-900652-46-2. 
  60. Hodgson, Robert Williard (1917). The pomegranate. Issue 276 of Bulletin (California Agricultural Experiment Station). p. 165. Arquivado dende o orixinal o 2016-05-03. 
  61. Graves, Robert (1992). The Greek Myths. Penguin Books. p. 95. ISBN 978-0-14-017199-0. 
  62. Ovid. Metamorphoses V. pp. 385–571. 
  63. Staples, Danny; Ruck, Carl A. P. (1994). The world of classical myth: gods and goddesses, heroines and heroes. Durham, N.C.: Carolina Academic Press. ISBN 978-0-89089-575-7. 
  64. Forbes Irving, Paul M. C. (1990). Metamorphosis in Greek Myths. Clarendon Press. pp. 242–243. ISBN 0-19-814730-9. 
  65. 66,0 66,1 "Pausanias, Description of Greece". 2,17,4. Loeb Classical Library. Arquivado dende o orixinal o 3 de decembro de 2011. Consultado o 30 de novembro de 2011. 
  66. Kyrieleis, Helmut. "The Heraion at Samos" in Greek Sanctuaries: New Approaches, Nanno Marinatos e Robin Hägg, eds. 1993, p. 143.
  67. Christmas Traditions in Greece by folklorist Thornton B. Edwards
  68. 69,0 69,1 Seeram, Navindra P. (2006). Pomegranates: Ancient Roots to Modern Medicine. CRC Press. ISBN 9781420009866. 
  69. Why Hebrew Goes from Right to Left: 201 Things You Never Knew about Judaism, Ronald H. Isaacs (Newark, 2008), page 129
  70. Éxodo 28:33–34
  71. I Reis 7:13–22
  72. Parashat Tetzaveh Arquivado 2006-08-22 en Wayback Machine., Comentario de Peninnah Schram, Congregación B'nai Jeshurun, Nova York
  73. 74,0 74,1 74,2 "A Pomegranate for All Religions" Arquivado 2008-05-21 en Wayback Machine. by Nancy Haught, Religious News Service
  74. A Biblia. Editorial SEPT. 2ª edición (1992). Vigo. Páxina 846. ISBN84-7337-040-6.
  75. "What's the Truth about ... Pomegranate Seeds?". Ou.org. 5 de xuño de 2008. Arquivado dende o orixinal o 11 de setembro de 2012. Consultado o 2012-06-14. 
  76. Cordovero, M., "Pardes Rimonim", Parts 1-4, trans., Getz, E., Providence University, 2007, p.ix
  77. Paul Stephenson, Constantine, Roman Emperor, Christian Victor, 2010:1 e fig. 1.
  78. "Al-Rahman verse 68". Quran.com. Consultado o 23 de febreiro de 2022. 
  79. "Genealogy group propagandized pomegranate, symbol of Armenia, wealth and fertility at official opening of the 2015 Eurovision Song Contest". Armenpress. 18 de maio de 2015. Consultado o 15 de decembro de 2020. 
  80. Violet Hudson (19 de xaneiro de 2017). "Pomegranate: the fruit that myths are made of". The Spectator. Arquivado dende o orixinal o 25 de xaneiro de 2021. Consultado o 15 de decembro de 2020. 
  81. European Games goes Gaga, Azeris jeer Armenians Arquivado 2015-06-15 en Wayback Machine.. Times of India. 13 de xuño de 2015. Consultado o 1 de setembro de 2015.
  82. iguide.travel Arquivado 2011-10-06 en Wayback Machine. Goychay Activities: Pomegranate Festival
  83. Korram, Andy (17 de xuño de 2014). "The "European Games, Baku 2015" disclosed their official logo". en.mastaekwondo.com. Arquivado dende o orixinal o 1 de xullo de 2014. Consultado o 25 de xuño de 2014. 
  84. "Baku 2015 European Games Unveils Official Mascots Jeyran And Nar". baku2015.com. Arquivado dende o orixinal o 28 de novembro de 2014. Consultado o 26 de novembro de 2014. 
  85. Lucie Janik. Azerbaijan National Team Wears Scervino Arquivado 2015-09-17 en Wayback Machine.. WWD. 11 de xuño de 2015. Consultado o 1 de setembro de 2015.
  86. Doré, Henry; Kennelly, S.J. (1914). Researches into Chinese Superstitions, Vol V. (Traducido). Shanghai: Tusewei Press. p. 722. 
  87. Suresh Chandra (1998). Encyclopaedia of Hindu Gods and Goddesses. Sarup & Sons. p. 39. ISBN 978-81-7625-039-9. Bhumidevi (the earth goddess) … Attributes: … pomegranate … 
  88. Vijaya Kumar (2006). Thousand Names of Ganesha. Sterling Publishers. ISBN 978-81-207-3007-6. … Beejapoori … a milgranda nas Súas mans é símbolo de abondosa riqueza, material e espiritual … 
  89. Doré S.J., Rostami; Shirin (2015). "International journal of humanities and cultural studies: A Study on Symbols Roles in Shaping Appearances and Forms in Hand-Wovens of Kurdistan Province, Iran". ISSN 2356-5926.  Vol 2 p. 1091

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar