Cóctel
Un cóctel[1] é unha bebida alcohólica mixta que contén tres ou máis ingredientes. Polo menos un dos ingredientes debe ser un licor.
Os cócteles eran orixinalmente unha mestura de alcohois, azucre, auga e bitters.[2] Na actualidade significa case calquera bebida mesturada que conteña alcohol.[3] Un cóctel de hoxe polo xeral contén unha ou máis clases de licores e un ou máis ingredientes non alcohólicos, como soda ou zume de froita. Ingredientes adicionais poden ser o azucre, o mel, o leite, a nata ou algún tipo de herbas.[4]
Historia
editarA orixe da palabra cóctel é controvertida.
En setembro de 2005, o arqueólogo químico Patrick McGovern, da Universidade de Pensilvania anunciou o descubrimento dunha cerámica mesopotámica de 5 000 anos de antigüidade nas beiras do río Tigris, entre Irán e Iraq, que contén trazas de ácido tartárico, mel, mollo de mazá e cebada. McGovern describiu este cóctel como un "grog".
O primeiro uso rexistrado da palabra cocktail atópase en The Morning Post and Gazetteer in London, England o 20 de marzo de 1798: :[5]
Mr. Pitt,
two petit vers of "L’huile de Venus"
Ditto, one of "perfeit amour"
Ditto, "cock-tail" (vulgarmente chamado xenxibre)
O primeiro uso rexistrado da palabra cocktail nos Estados Unidos dise que está en The Farmer's Cabinet o 28 de abril de 1803:[6]
Bebeu un vaso de cóctel excelente para a cabeza ... Chamade á consulta do médico, atoparon a Burnham, parecía moi sabio, bebeu outro vaso de cóctel.
Unha definición de cóctel apareceu o 13 de maio de 1806, na edición de The Balance and Columbian Repository, unha publicación en Hudson, Nova York, na que se proporcionou unha resposta á pregunta: "Que é un cóctel?". Contestóuselle:
Cóctel é un licor estimulante composto de licores de todo tipo, azucre, auga e bitters, o que vulgarmente se chama bittered sling, e suponse que é unha poción excelente, posto que fai o corazón valente e audaz, ao mesmo tempo que emborracha a cabeza. Dise ademais que é de grande utilidade para un candidato demócrata. Porque unha persoa, logo de inxerir un vaso dela, está disposto a tragar calquera cousa.[7]
A primeira publicación dunha guía para camareiros, que incluía receitas de cócteles data de 1862. How to Mix Drinks, ou ben, The Bon Vivant's Companion, do "profesor" Jerry Thomas. Ademais das listas de receitas de Punches, Sours, Slings, Cobblers, Shrubs, Toddies, Flips e unha variedade doutros tipos de bebidas mesturadas, eran dez receitas para as bebidas ás que se refire como "Cocktails". Un ingrediente fundamental que diferenza os "cócteles" doutras bebidas neste compendio foi o uso de bitters como ingrediente.
A primeira "festa de cócteles" foi celebrada presuntamente pola Sra. Julius S. Walsh Jr. de St. Louis, Missouri, en maio de 1917. A señora Walsh invitou 50 persoas á súa casa un domingo ao mediodía. A reunión durou unha hora, ata que se serviu o xantar á unha da tarde. O lugar desta primeira festa segue en pé. En 1924, a Arquidiocese Católica Latina de St. Louis comprou a mansión no 4510 Lindell Boulevard, e serve como residencia do arcebispo local desde entón.[8]
Durante a Lei seca nos Estados Unidos (1920-1933), cando as bebidas alcohólicas eran ilegais, os cócteles eran consumidos ilegalmente en bares clandestinos. A calidade do licor dispoñible durante a prohibición era moito peor que antes. Houbo un cambio de whisky a xenebra, xa que non require o envellecemento e polo tanto era máis fácil de producir ilicitamente.[9]
Os cócteles perderon popularidade na década de 1960 e na década de 1970, debido a que o uso doutras drogas recreativas se converteu en común. Na década de 1980, os cócteles volveron popularizarse, co vodka a miúdo substituído pola xenebra en bebidas como o martini. Os cócteles tradicionais e a xenebra empezaron a reaparecer na década de 2000.
Preparación
editarNa preparación dun cóctel a orde pode cambiar o produto. Na cocteleira ou vaso mesturador deben botarse: primeiro o xeo, logo o azucre e para rematar os licores e zumes. Cada medida equivale a unha copiña de licor, un chopo.
Fai falta unha cocteleira de aceiro inoxidable, hermética, un vaso mesturador, nunca de plástico, con strainer, un vaso medidor (prescindible), unha trituradora eléctrica ou, de non terse, haberá que envolver o xeo nun pano e golpealo cun mazo de madeira e unha culleriña de mango longo. Pódese picar con anterioridade o xeo e gardalo no conxelador, arrefriar a cocteleira antes de utilizala e axitala con forza pero non demasiado tempo. Debe recordarse que nunca admiten sifón, tónica, cava ou demais bebidas gasosas, xa que producen demasiada espuma.
Tipos de combinados máis frecuentes
editar- Alexander: combinado de xenebra, cacao e tona.
- Cobblers: Mestura xeada e pouco alcohólica que usa froita fresca ou zumes. Moi refrescante. Tamén están os crusta, cobblers con zume de limón que se presentan co bordo impregnado de azucre e os julep que levan folliñas de hortelá ou menta.
- Coolers: Moi lixeiro ou case sen alcohol, que se serve sempre con abundante soda ou ginger ale. Perfecto para a sede.
- Cups: A base de viño, cava ou champaña. Sérvense moi fríos e adornados con froita. Prepáranse en grandes recipientes abertos.
- Fizz: A base é a tónica e prepárase con zume de limón e licor. Sérvese frío, non xeado. Moi indicado para logo dalgún exceso.
- Flip: Combinado a base de xema de ovo. Os máis populares fanse con xerez ou porto. É anterior ao "boom" da coctelería.
- Grog: Leva unha parte de auga quente e prepárase con especias e limón. Os slings son variantes do grog pero cun pouco de noz moscada.
- Ponche: Combinado con licores diversos e froitas servidos nun recipiente grande.
- Ponche de ovo: Nutritivo a base de ovos ou leite co engadido de licor de alta graduación. Sérvese quente segundo o caso.
- Pousse Café: Os ingredientes non se mesturan entre si e polas distintas densidades dos licores aparecen a capas.
- Sours: Sabor agre con profusión de zume de limón.
Usos derivados
editarA palabra cóctel utilízase ás veces en sentido figurado para unha mestura de líquidos ou outras substancias. Tal uso podería ser, por exemplo: "120 anos de industria contaminaron o chan da zona cun nocivo cóctel de metais pesados e contaminantes químicos."
Unha bomba de fabricación caseira incendiaria que consiste nunha botella de líquido inflamable (gasolina xeralmente) cun trapo chameante coñécese como un "cóctel Molotov".
As combinacións de antirretrovirais utilizados como terapia para a sida coñecense como "cócteles de drogas" ou "cócteles para a sida".[10]
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cóctel. Consultado o 10 de febreiro de 2017.
- ↑ Thomas, Jerry (1862). How To Mix Drinks.
- ↑ Regan, Gary (2003). The Joy of Mixology. Potter.
- ↑ DeGroff, Dale (2002). The Craft of the Cocktail. Potter.
- ↑ Brown, Jared; Miller, Anistatia (2009). Spirituous Journey: A History of Drink, Book Two. Mixellany Limited. ISBN 0-9760937-9-0.
- ↑ Wondrich, David (2007). Imbibe!: From Absinthe Cocktail to Whiskey Smash, a Salute in Stories and Drinks to "Professor" Jerry Thomas, Pioneer of the American Bar. Perigee Trade. ISBN 0-399-53287-0.
- ↑ The Balance and Columbian Repository Arquivado 13 de xullo de 2014 en Wayback Machine., 13 de maio de 1806, No. 19, Vol. V, páxina 146
- ↑ Felten, Eric (6 de outubro de 2007). "St. Louis -- Party Central". The Wall Street Journal.
- ↑ Felton, Eric (28 de novembro de 2008). "Celebrating Cinco de Drinko". The Wall Street Journal.
- ↑ http://www.aliveandwell.org/html/aids_drug_fact/aidsdrugfact.html; http://www.usatoday.com/news/health/aids/2001-11-06-aids-johnson.htm
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cóctel |