O grog é unha bebida feita de auga quente azucrada, mesturada cun licor, xeralmente ron, aínda que tamén kirsch, coñac ou outros. Adoita conter algún aromatizante, por exemplo, limón.

Vaso de grog.

Ingredientes e elaboración editar

  • Un pouco de ron negro
  • Unha culleradiña de azucre
  • Zume de lima
  • Unha rama de canela
  • Auga a ferver

Mestúranse todos os ingredientes, engadindo auga a ferver ata encher o vaso.[1]

Historia editar

A orixe do grog débese ao almirante inglés Edward Vernon, a quen os seus subordinados alcumaban Old Grog por unha capa impermeable que sempre vestía confeccionada cun material chamado grogram. En 1740, Vernon emitiu unha orde pola cal o ron debía ser rebaixado con auga baixo a vixilancia dun oficial. Os mariñeiros gozarían de dúas racións ao día. Para mellorar o sabor estes engadiron azucre e lima dando orixe ao "grog" que hoxe coñecemos, chamado así en honra ao almirante.

Foi usado pola mariña británica como forma de reducir o consumo de ron por parte dos mariñeiros, e para que aqueles soldados que tiñan que entrar en batalla, se mantivesen o suficientemente conscientes como para se enfrontaren aos temibles combates no mar; sendo parte da ración diaria ata o 31 de xullo de 1970,[Cómpre referencia] día que se coñeceu como o Black tot day.

Foi a bebida favorita dos mariñeiros británicos durante anos. As versións actuais inclúen ron con auga quente azucrada con zume de limón. Pode beberse quente, ou preferiblemente frío.

O adxectivo groggy[2] (do termo inglés groggy),[3] vén do estado no que quedaban os que abusaban do grog.

Cabo Verde editar

 
Trapiche en Ribeira da Cruz, Santo Antão, Cabo Verde.

En Cabo Verde a palabra grogue (grogu ou grog’, en crioulo) designa a augardente de cana de azucre simple, ou sexa ron. Os métodos son fundamentalmente artesanais e case toda a cana de azucre é usada para a produción de grogue. A moenda da cana é efectuada en trapiches. Tamén en Cabo Verde é feita unha bebida á base de grogue denominada pontche, que inclúe limón e azucre, semellante á poncha da illa de Madeira.

A produción de cana de azucre e grogue é maior nas illas de Santo Antão e Santiago. Dada a diminuta produción de grogue en Cabo Verde, fronte á procura, o grogue adulterado é tamén producido a partir de azucre.

Despois de preparado, poden tamén ser mergulladas herbas medicinais no grogue, como por exemplo a ruda, o romeu e anís. Existe tamén grogue con percebes.

Nalgúns locais turísticos, é posíbel encontrar tamén caipiriña preparada con grogue.

Cultura popular editar

O grog como bebida espirituosa influíu en xogos de ordenador como The Secret of Monkey Island, onde os piratas do videoxogo estaban bastante afeitos a bebelo. Tamén é un dos elementos que se poden intercambiar entre skylands no MMORPG en liña Skyrates. É un produto relativamente difícil de atopar e, polo tanto, moi precioso.

Galería editar

Notas editar

  1. Receta para facer grog Arquivado 10 de marzo de 2013 en Wayback Machine. (en inglés).
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para groggy.
  3. The Shorter Oxford English Dictionary on Historical Principles vol.1 pax.893 ISBN 0-19-861126-9

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar