Santorini
Santorini (grego Σαντορίνη), ou Santorino, é unha illa volcánica localizada no mar Exeo, preto de 200 km ao sueste da cidade de Atenas, Grecia nas coordenadas aproximadas de 36.40° N e 25.40° E. Para alén da illa principal, Santorini ten nas as súas proximidades diversos illotes, formando un grupo case circular de illas, vestixio da grande erupción que esnaquizou a illa. O grupo de illas é tamén coñecido por Thira ou Thera (Θηρα). Santorini sitúase no extremo sur do grupo das Cíclades, tendo unha área total de aproximadamente 73 km². En 2001 tiña unha poboación de 13.600 habitantes. A illa debe o seu nome a Santa Irene, nome polo cal os venecianos a denominaban. Era anteriormente coñecida por Kallisti, Strongili ou Thera, nome que aínda hoxe ostenta en grego.
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Estado | Grecia | |||
Administracións descentralizadas | administración descentralizada do Exeo | |||
Periferias | Exeo Meridional | |||
Unidades periféricas | unidade periférica de Thira | |||
Concello | concello de Thira | |||
Poboación | ||||
Poboación | 17.430 (2011) (220,09 hab./km²) | |||
Xeografía | ||||
Parte de | ||||
Superficie | 79,194 km² | |||
Bañado por | Mar Exeo | |||
Altitude | 567 m | |||
Identificador descritivo | ||||
Código postal | 847 00, 847 02 | |||
Fuso horario | ||||
Prefixo telefónico | 2286 | |||
Páxina web | thira.gr |
Santorini é o volcán máis activo do denominado Arco Exeo, estando constituído por unha gran caldeira submersa, rodeada polos restos dos seus flancos. A forma actual da illa débese en gran parte á erupción que aproximadamente 3.500 anos atrás destruíu o seu territorio. Aquela erupción, de enorme proporcións, creou a actual caldeira e produciu depósitos piroclásticos con algunhas centenas de metros de espesura que recubriron todo o que restou da illa e aínda atinxiron grandes áreas do Exeo e dos territorios veciños.
O impacto daquela erupción fíxose sentir en todo o mundo, mais con particular intensidade na bacía do mar Mediterráneo. A erupción parece estar ligada ao colapso da civilización Minoica, na illa de Creta, sita só 70 km ao sur.
Época minoica
editarA comezos do século XX, o arqueólogo británico Arthur Evans chegou a Creta e comezou a escavar nun asentamento nun outeiro chamado Κnossos. Nel descubriu ruínas elaboradas que estimou que pertencían ao imperio minoico. Os minoicos posuían uns coñecementos de enxeñaría como non se volverían a ver en varios séculos. Evans desenterrou un magnífico trono de pedra que atopou no centro dun complexo palacial de 4.000 anos de antigüidade. Este palacio tiña catro andares, máis de 1.300 cuartos e estaba conectado por miles de pasadizos. No resto da illa non existían grandes arquitecturas de ningún tipo e os edificios coñecidos eran de pallabarro e tiñan un máximo de catro pezas. Ademais, o sistema de condución da auga carretaba tanto auga quente como fría, a primeira procedente de fontes xeotérmicas, así como cloacas. Todo isto precedía a enxeñaría grega e romana en máis de 1.000 anos.
A conexión coa Atlántida
editarDebido a estes avances na arquitectura e a tecnoloxía, pénsase que a civilización minoica puido ser a que dese orixe ao mito da Atlántida referido por Platón. A isto súmaselle na actualidade a evidencia sísmica e vulcanolóxica, dado que a civilización minoica desapareceu repentinamente, no cumio da súa riqueza e poder, como tamén sinala Platón. Pénsase que varios tsunamis asolagaron a illa de Creta arredor do 1500 a.C. procedentes da illa de Santorini (coñecida na altura como Thera), da que só dista 100 millas.
Santorini posúe unha enorme caldeira volcánica que arrodea unha illa no seu centro. Pénsase que esta illa foi vítima da erupción volcánica máis poderosa da historia, que proxectou 30 Km³ de magma até unha altura de 36 km.
En 1966, o arqueólogo James Maber Jr. descubriu unha cidade antiga no perímetro da illa. A vila estaba bastante intacta, como Pompeia, recuberta de cinza. De feito, a totalidade da illa de Santorini está cuberta por depósitos volcánicos procedentes dunha única erupción que se estende máis de 30 m. Por baixo dela, os arqueólogos teñen descuberto máis vivendas con canos sofisticados e sistemas avanzados como os de Knossos.
A illa-cidade de Atlantis describíase como unha serie de círculos concéntricos de terra e auga, conectado cada un deles co mar a través dun canal profundo. Tamén se describen peiraos para numerosas naves e unha calzada para descargar as mercadorías. Os frescos atopados mostran algo que se lle parece e mostran tamén unha cidade grande na illa.
Platón indica que a fonte do mito de Atlantis é Exipto, por medio de Solón. Os exipcios chamaban a Atlantis "Kepchu", o mesmo que a Creta. Especúlase coa posibilidade de que algúns sobreviventes do desastre volcánico minoico pedisen axuda a Exipto, xa que se trataba da outra única civilización avanzada na altura.
A Akrotiri minoica
editar- Artigo principal: Akrotiri, Santorini.
O arqueólogo Spyridon Marinatos levou a cabo escavacións no lugar de Akrotiri a partir de 1967. Grazas a elas, Thera é o sitio da cultura minoica mellor coñecido fóra de Creta, que sería a patria desta civilización. A illa non se chamaba Thera naquela altura. Só se ten desenterrado o extremo sur dunha cidade grande, a cal ten revelado complexos de edificios de varios andares, rúas e prazas, con restos de paredes de até 8 m. de altura, todo iso soterrado na cinza solidificada. O sitio non era un complexo palacial como os cretense, mais a calidade da súa fábrica e as exquisitas pinturas murais mostran que tampouco era un simple punto de encontro de mercadores. Atopouso un obradoiro téxtil, o que suxire que se puideron elaborar pezas de roupa para exportar.
Atopáronse escaleiras intactas en moitas casas e xarras para a almacenaxe (pithoi), muíños de man e cerámica. Os restos arqueolóxicos máis importantes atopados en Akrotiri son os frescos, que teñen mantidas as súas cores orixinais moi ben, conservadas baixo moitos metros de cinza volcánica. Estes frescos carecen do contido mitolóxico tan repetido na decoración grega e cristiá. Un mostra homes recollendo azafrán, que lle ofrecen estigmas desta planta a unha dama, talvez unha divindade. Noutra casa apareceu dous antílopes pintados cunha liña confiada, decorativa e caligráfica; outro fresco famoso é o dun pescador con dous fíos con peixes, e outro é unha frotiña de embarcacións de recreo acompañadas por touliñas, nas que unhas damas pasean baixo antucas.
As canles para a auga corrente e as casas de baño atopadas en Thera son as obras deste tipo máis antigas coñecidas. As canles circulan en sistemas xemelgos, o que indica que os seus habitantes dispuñan tanto de auga fría como quente. A auga quente era probabelmente de orixe xeotérmica, dada a proximidade do volcán.
A estrutura que protexía as ruínas cedeu en setembro de 2005, matando un turista e ferindo outros sete, polo que o sitio permanece fechado na actualidade.
Datación
editarOs restos máis antigos de ocupación humana son do Neolítico Superior (IV Milenio), ou mesmo anteriores. Porén, a comezos do II Milenio, Akrotiri tornouse nun dos portos máis importantes do mar Exeo da Idade de Bronce. Téñense atopados obxectos procedentes non só de Creta, mais tamén da Anatolia, Chipre, Siria, Exipto, o Dodecaneso e Grecia.
A erupción minoica fornece un punto fixo a partir do cal se pode tentar fixar toda a cronoloxía do II Milenio no Exeo. Hai rastros da erupción en toda a rexión e o propio sitio contén material procedente doutras culturas. A erupción produciuse durante o período Minoico Posterior IA en Creta e o Cicládico Posterior I nas illas circundantes.
Descoñécese, porén, a data exacta da erupción. A dendrocronoloxía recente e a datación por radiocarbono indica que tivo lugar entre os anos 1650 e 1600 a.C. Porén, estas datas non coinciden co rango de datas obtido a partir dos restos arqueolóxicos, que suxire os anos 1550 a 1500 a.C.
Algúns estudosos pensan que as datas do radiocarbono están mal; outros propoñen recalibrar as cronoloxías arqueolóxicas coas datas do radiocarbono; outros tentan procurar un compromiso entre as dúas series de datación. Modificar as datas da arqueoloxía suporía, especialmente, modificar a cronoloxía convencional Exipcia.
A erupción volcánica antiga
editar- Artigo principal: Erupción minoica.
A devastadora erupción volcánica de Thera tornouse no acontecemento máis famoso do Axeo antes da caída de Troia. A erupción puido ter ocasionado unha mudanza climática na rexión oriental do Mediterráneo. Foi unha das maiores erupcións volcánicas no planeta nos últimos miles de anos.
Efectos físicos
editarA erupción estivo centrada nunha pequena illa xusto ao norte da illa actual de Nea Kameni, no centro da caldeira. Esta caldeira formouse hai varios centos de miles de anos co colapso do centro dunha illa circular causada polo baleirado da cámara magmática durante unha erupción. Reencheuse varias veces con ignimbrita desde entón nun proceso repetido, a última vez hai 21.000 anos. A parte norte da caldeira reencheuna o volcán e desfíxose de novo durante a erupción minoica. Antes desta, a caldeira constituía un anel case continuo cunha única entrada entre a diminuta illa de Aspronisi e Thera. A erupción destruíu seccións do anel entre Aspronisi e Therasia e entre Therasia e Thera, creando dous novos canais.
En Santorini hai un depósito de tefra branca expulsada durante a erupción. Chega aos 60 metros de espesor a partir do nivel da terra anterior á erupción. Esta camada divídese en tres faixas ben distintas que indican diferentes fases da erupción. A erupción expulsou máis de 60 km³ de magma á atmosfera. Só a erupción do monte Tambora en 1815 (e talvez a do lago Taupo en 181) enviaron máis material á atmosfera nos últimos 5.000 anos.
Santorini grega, bizantina e otomά
editarSantorini non foi ocupada durante o resto da Idade de Bronce, época durante a que os gregos se apoderaron de Creta.
En Knossos, nun contexto do Minoico Posterior IIIA (século XIV a.C.) varios textos en lineal B que invocan a "todos os deuses", danlle primacía a unha entidade non coñecida noutro sitio chamada qe-ra-si-ja e, unha vez, qe-ra-si-jo. Se as terminacións -ia[s] e -ios representan un sufixo étnico, poderían significar "O de Qeraos". Se se aspira, *Qhera- resultaría "Thera-" en grego. "Therasia" e o seu xentilicio "Therasios" son ben coñecidos no grego posterior; e, dado que -sos era un sufixo xenitivo na koiné do Exeo, *Qerasos poderíase abreviar en *Qera. Para outros, qe-ra-si-ja e qe-ra-si-jo serían proba de androxinia, e trataríase do vidente lendario Tiresias.
Nos séculos posteriores á catástrofe, os fenicios fundaron unha colonia en Thera.
No século IX a.C. os dorios fundaron a cidade helénica principal de Mesa Vouno, a 396 m sobre o nivel do mar. Máis tarde dirían que lle deron o nome á illa polo seu líder, Theras. Deixaron moitas inscricións en pedra, na proximidade do templo de Apolo. Pénsase que estas inscricións teñen unha natureza ritual debido ao seu grande tamaño, deseño coidadoso e, nalgún caso, execución por artesáns distintos dos autores. Para algún autor son simplemente pornográficas.
Segundo Heródoto, após unha seca que durou sete anos, Thera enviou colonos a fundar cidades no norte de África, incluída Cirene.
No século V a.C., a Thera doria non se uniu á Liga de Delos encabezada por Atenas. Durante a Guerra do Peloponeso aliñouse coa tamén doria Esparta contra Atenas. Os atenienses apoderáronse da illa durante a guerra, mais perdérona após a Batalla de Aegospotami.
Como o resto dos territorios gregos, Thera pasou a ser gobernada polos romanos e fixo parte da parte oriental do Imperio Romano cando este se dividiu e tornouse no Imperio Bizantino.
Durante as Cruzadas, os francoss asentáronse nela. No século XIII, os venecianos anexionárona ao Ducado de Naxos e mudáronlle o nome para Santorini, isto é "Santa Irene", o primeiro gobernante foi Iacopo Barozzi. Foi ocupado polo otomán en 1537, Khayr al-Din Barbarroxa, pero foi evacuado e finalmente ocupado en 1576 por Piyale Pasha. Permaneceu en mans turcas, durante un certo período formou parte do ducado de Naxos concedido polo sultán a Josep Nasi, durante séculos, pero cunha autonomía considerable a partir do século XVII; A revolución grega sucedeu en 1821.
En 1956 produciuse un forte terremoto.
Santorini moderna
editarSantorini foi anexionada por Grecia en 1912. Os asentamentos máis importantes inclúen Fira, Oia, Emporio, Kamari, Imerovigli, Pyrgos e Therasia.
Akrotiri é un centro arqueolóxico moi importante con ruínas da época minoica. A illa carece de ríos e a auga é escasa. Até comezos do século XX, os seus habitantes costumaban encher cisternas de auga de choiva que caía nos seus tellados e patios e abastecerse de pequenos mananciais, así como importar auga doutras partes de Grecia. Na actualidade existe unha planta desanilizadora que fornece de auga corrente, aínda que non potábel, á maioría das casas.
A industria principal é o turismo e a illa énchese de xente no verán. As canteiras de pedra pómez fecháronse en 1986 para conservar a caldeira de Santorini.
En Santorini tamén se cultiva o viño, procedente da variedade de uva local Assyrtiko. As vides son moi vellas e resistentes á filoxera, polo que non as houbo que substituír cando a grande epidemia de filoxera de comezos do século XX. Debido á sequidade e aridez da terra, as uvas só producen entre un 10 e un 20% do que é común nas grandes zonas viñateiras do mundo.
En 1707 un volcán submarino, formando o centro actual de actividade de Nea Kameni, e as erupcións centradas nel continúan - tres veces no século XX, a última en 1950. Santorini tamén se viu afectada por un terremoto devastador en 1956. Témese que, nalgún momento no futuro, o volcán entrará de novo en erupción violenta.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Santorini |
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Páxina sobre Santorini (en inglés);
- Institute for the Study and Monitoring of the Santorini Volcano.
- Ministerio Greo da Cultura: Akrotiri de Thera (en inglés);
- Metropolitan Museum: Creta Minoica;
- "Volcanic ash retrieved from the GRIP ice core is not from Thera" - Discusión sobre a orixe de cinzas vulcánicas que se consideraban ser de Santorini; Arquivado 15 de decembro de 2019 en Wayback Machine.
- Santorini Islands Live Webcams