Historia do cinema

A historia do cinema como espectáculo comeza en París o 28 de decembro de 1895, data da primeira exhibición pública en París.

Antecedentes do cinema

editar

A idea de capturar movementos viña de antigo. Inventos coma a cámara escura ou o taumátropo conseguían dar unha certa ilusión de movemento. Arredor de 1893, Eadweard Muybridge fixo unha serie de fotografías nas que logrou descompoñer o galope dos cabalos en varios fotogramas.

 
Cabalo en movemento, de Eadweard Muybridge

Cinema mudo

editar
Artigo principal: Cinema mudo.
 
La lanterne magique, de Georges Méliès

O cinema nace grazas aos irmáns Lumière en Francia e a Edison nos Estados Unidos de América.

Os primeiros filmes non son máis que a filmación de escenas cotiás de xeito case documental. Non obstante axiña comezou o cinema de ficción, grazas á imaxinación de directores coma Georges Méliès e Edwin S. Porter. Desde ese momento o cinema se converteu nun espectáculo popular en todo o mundo e rapidamente xurdiron creadores que experimentaron coa nova linguaxe levándoa á categoría de arte. Así, nomes coma D.W. Griffith ou Sergei Eisenstein foron fundamentais para a evolución posterior do cinema.

A gran popularidade do novo medio deu lugar á creación do “star system”. Os actores que saían na pantalla eran admirados e coñecidos por toda a xente. Charles Chaplin e Buster Keaton na comedia, Douglas Fairbanks e Rodolfo Valentino no cinema de aventuras ou Greta Garbo no melodrama eran especialmente populares neses anos.

A chegada do cinema falado

editar

Tras varios intentos con inventos coma o TriErgon (1918) ou o Phonofilm (1923) o pulo definitivo ao cinema falado chegou en 1927, ano en que a Warner Bros. apostou polo Vitaphone e o aplicou a algún dos seus filmes, como Don Juan ou Old San Francisco. Porén, foi The Jazz Singer o primeiro filme que, ademais de ruídos ou efectos sonoros, incluíu diálogos.

O éxito destes sistemas levou en pouco tempo á desaparición do cinema mudo, de xeito que en 1929 o cinema estadounidense era case totalmente falado. No resto do mundo, esa transición se produciu de forma máis lenta, pero aínda así acabaría impoñéndose.

A chegada do son ao cinema, se ben inicialmente provocou unha volta ao teatro filmado ata a total adaptación ás posibilidades da palabra, tamén deu lugar a unha diversificación de xéneros, nacendo o musical ou as comedias de diálogos. Tamén levou a que moitos dos actores de éxito fosen apartados e moi poucos, como Greta Garbo, fixesen o tránsito do mudo ao falado.

 
Estudios Cinecittà

A mediados dos anos trinta chegaría outra innovación, a cor, xa que anteriormente os únicos filmes con cores eran os que se pintaban a man fotograma a fotograma.

Nos anos seguintes terían grande éxito nos Estados Unidos filmes épicos ou bíblicos xunto con filmes de gánsters. A violencia destes filmes, así como a expansión de filmes con certo contidos sexuais, coma os de Mae West, levou á aplicación do código Hays, unha serie de regras que censuraban os contidos dos filmes estadounidenses.

No resto do mundo o cinema xa era un divertimento popular e estaban a desenvolverse as industrias locais. Así, en 1937 fundouse Cinecittà en Roma, aínda que co ascenso do fascismo o cinema italiano, noutrora un gran exportador de filmes históricos, entrara en decadencia. Tamén na India, que chegaría a ser a maior produtora de filmes do mundo comezou, pola chegada dos musicais, a crear a súa propia industria (“Bollywood”).

Nestes anos, Walt Disney exhibiu por primeira vez unha longametraxe animada, Snow White and the Seven Dwarfs.

A segunda guerra mundial e a posguerra

editar

A guerra levou a un aumento de filmes patrióticos e de propaganda, tanto en América coma en Europa, pero tamén supuxo o inicio dos anos dourados do cinema en Hollywood. En 1941 Orson Welles estreaba Cidadán Kane, consideraba un dos mellores filmes da historia, que revolucionou a linguaxe cinematográfica. Nestes anos víronse os primeiros filmes de grandes directores coma John Huston, Billy Wilder ou Elia Kazan, que levaría a Hollywood o Actor’s Studio.

O Reino Unido tamén vivía un gran momento, por unha banda coas obras de Laurence Olivier, David Lean ou Michael Powell e Emeric Pressburger e por outra coa fundación dos estudios Ealing, dos que sairían algunhas das comedias máis celebradas da historia.

A falta de medios na Italia da época levou aos directores a filmar nas rúas historias de xente común, o que levaría ao nacemento do neorrealismo.

Os anos cincuenta

editar

No cinema estadounidense os anos cincuenta estiveron marcados pola guerra fría e a persecución do House Un-American Activities Committee, que investigaba as supostas simpatías comunistas dos cineastas. O comité mesmo creou unha lista negra onde estaban nomes coma o de Dalton Trumbo, aos que se lle impediu traballar. Isto provocou que persoeiros coma Charles Chaplin fuxiran a Europa.

Nestes anos comezaron a traballar no cinema unha nova xeración de cineastas que comezaran na televisión, como Arthur Penn ou Delbert Mann. A forza que xa tiña este novo medio fixo decaer o público das salas, o que se tratou de contrarrestar creando grandes sistemas de exhibición, coma o CinemaScope, estreado en 1953 con The Robe. Tamén se tratou de desenvolver un sistema de cinema en 3-D, sen grandes resultados.

 
Akira Kurosawa

Esta década supuxo o descubrimento en occidente do cinema asiático, que estaba vivindo a súa era dourada. Nomes coma o do indio Satyajit Ray ou os xaponeses Akira Kurosawa, Kenji Mizoguchi e Yasujiro Ozu fixéronse habituais nos festivais de todo o mundo, chegando tamén os filmes de monstros coma Godzilla. Menos coñecidos eran os cinemas filipino e coreano.

De Suecia chegou o cinema de Ingmar Bergman, influencia decisiva para cineastas de todo o mundo, igual que o italiano Federico Fellini.

A renovación do cinema

editar

En Hollywood, os anos sesenta supuxeron un declive, xa que moitos dos grandes filmes do momento se rodaban no estranxeiro, nos estudios Pinewood no Reino Unido, en Cinecittà en Roma ou nos estudios Bronston en España.

En Francia, un grupo de críticos de cinema da revista Cahiers du cinéma pasou á dirección, rodando historias nas rúas. Foi o nacemento da Nouvelle Vague, liderada por François Truffaut e Jean-Luc Godard.

O éxito destes cineastas franceses influíu no nacemento de “novos cinemas” noutras cinematografías, destacando o Free Cinema británico e o cinema underground estadounidense, con John Cassavetes como figura principal. Tamén xurdiron movementos semellantes en cinematografías máis pequenas, como foron o Cinema Novo brasileiro ou o Nuevo Cine Español, coñecido internacionalmente grazas a Carlos Saura. Ademais, tras uns anos de agonía resucitou finalmente o cinema alemán, con Rainer Werner Fassbinder e Werner Herzog.

Nos Estados Unidos cambiou o clásico sistema de estudios por un poder maior para os directores, que terían o seu momento principal nos anos setenta, con Francis Ford Coppola, Martin Scorsese ou Steven Spielberg, que se deu en chamar o Novo Hollywood, no que xa desaparecera o código Hays.

Os blockbusters

editar

Coa chegada do vídeo ás casas nos anos oitenta volveu caer a cantidade de público de acudía ás salas de cine, como xa sucedera coa televisión. Nesta ocasión a resposta foi a revolución dos efectos especiais, catapultados a partir de Star Wars, de George Lucas en 1977. O xénero paradigmático dos anos oitenta e noventa foi o cinema de acción, tanto procedente dos Estados Unidos coma de Hong Kong.

Estes grandes espectáculos foron contrarrestados nos Estados Unidos con filmes pequenos que darían lugar ao coñecido cinema independente, do que sairían autores coma os irmáns Coen.

O cinema efectista de Hollywood tamén tivo unha resposta no movemento Dogma 95 dinamarqués, que propuña unha volta ao cinema máis puro. Tras uns filmes con grande éxito, o movemento foi esmorecendo.

O cinema de animación sufriu nestes anos unha gran revolución, coa volta da Disney á realización de longametraxes animadas de calidade e a aparición da animación por ordenador, liderada pola compañía Pixar.

O cinema no século XXI

editar

A última revolución no cinema foi a aparición do DVD e de Internet. A tecnoloxía avanzou para buscar unha mellor calidade de imaxe, co cinema dixital e a alta definición, así coma o IMAX.

En 2009 estréase Avatar, de James Cameron, filme que supuxo unha mellora na captura de movementos (xa empregada en The Lord of the Rings: The Fellowship of the Ring e as súas secuelas) e sobre todo o establecemento da tecnoloxía 3-D.

Nun intento de atraer o público ás salas, búscase argumentos en videoxogos ou bandas deseñadas populares, así coma na realización de secuelas e remakes.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar