Der Blaue Reiter
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2017.) |
Der Blaue Reiter (O Xinete Azul en galego) designa un grupo de pintores expresionistas que desenvolveron actividade en Múnic, entre 1911 e 1913. Este grupo, creado polo pintor ruso Wassily Kandinsky e polo alemán Franz Marc, integraba algúns disidentes da "Nova Asociación de Artistas", formada na mesma cidade en 1909. O nome que adoptaron a este movemento sintetiza a paixón de Franz Marc polo xinete e de Kandinsky pola cor azul. O grupo presentou unha exposición colectiva en 1911, denunciando, pola diversidade de inspiracións e de tendencias estéticas dos artistas participantes, – August Macke, Gabriele Münter, Alexei von Jawlensky, Marianne von Kefferin e Paul Klee entre outros – a inexistencia dun programa ou dunha orientación teórica ríxida. A todos eles uníalle-lo seu interese común pola Arte medieval e primitiva así como polos movementos coetáneos do Fauvismo e o Cubismo.
August Macke e Franz Marc defendían a opinión de que cada persoa posúe unha verdadeira vivenza ou experiencia interna e externa, que se dan a man grazas á arte. Kandinsky construíu as bases teóricas que cimentaron esta idea. Perseguíase así unha "igualdade de dereitos" das distintas manifestacións artísticas. O nome do grupo deriva dun cadro do mesmo nome feito no ano 1903 por Wassily Kandinsky, que sirviu como ilustración da portada de 1912 do chamado Almanach (Almanaque). Esta obra programática, entregada por Kandinsky e Marc (Editorial Piper, Múnic, 1912) recollía, en verbas de Marc, «Os máis novos movementos pictóricos en Francia, Alemaña e Rusia, e amosa os seus finos fíos de conexión co Gótico e cos primitivos, con África e o grande Oriente, coa arte orixinaria do pobo tan fortemente expresivo e coa arte infantil, especialmente cos movementos musicais e dos escenarios máis modernos de Europa e do noso tempo». Arnold Schönberg por exemplo tamén achegou xunto a textos e cadros a composición «Herzgewächse».
A primeira das dúas exposicións do Xinete Azul tivo lugar dende o decembro de 1911 ata o 1 de xaneiro de 1912 na Galería Moderna Thannhauser na cidade de Múnic. Mostráronse 49 obras de Henri Rousseau, Albert Bloch, Heinrich Campendonk, Robert Delaunay, Wassily Kandinsky, Macke, Münter e moitos máis. Máis adiante converteuse nunha exposición itinerante percorrendo varias cidades, etre elas Colonia e Berlín.
A segunda exposición desenvolveuse dende o 12 de febreiro até o 18 de marzo de 1912 na libraría e galería de arte muniquesa Hans Goltz. Nela exhibíronse 315 acuarelas, debuxos e obra gráfica de máis de 30 artistas.