O suprematismo é o nome dado polo pintor Kasimir Malevich a unha tendencia artística derivada do cubismo na que os elementos formais se reducen ao triángulo, ao cadrado, á cruz e ao círculo; os elementos cromáticos circunscríbense ao vermello, ao negro, ao azul, ao branco e ao verde.

Cadrado Negro, 1915, óleo sobre tela, Museo Ruso Estatal, San Petersburgo

Historia e características editar

Foi teorizada primeiro no manifesto de 1915 (escrito polo pintor en colaboración co poeta Vladimir Maiakovski), e máis tarde no seu ensaio O suprematismo ou o mundo da non representación (1920).

Esta tendencia defende unha arte liberada de fins prácticos e estéticos, a abstracción pura, expresada por medio de figuras xeométricas, prescindindo da aparencia dos obxectos. Un exemplo dos límites a que leva este tipo de arte é a obra do propio Malévich Cadrado branco sobre branco, de 1918, na que se prescindiu completamente da cor. O suprematismo tivo unha grande influencia en pintores como Wassily Kandinsky e na Bauhaus alemá, aínda que non conseguiu interesar a moitos artistas rusos.

O suprematismo permanece ligado esencialmente ao seu creador, pero a súa poética supera a pintura e os modelos arquitectónicos do artista.