Arte fenicia é a denominación historiográfica da arte da civilización fenicia, tanto o das metrópoles fenicias do Mediterráneo oriental como o das colonias fenicias. Para a produción artística da principal colonia fenicia, Cartago, adoita empregarse o termo arte cartaxinés ou arte púnica (aínda que o termo púnico emprégase tamén para referirse á totalidade do fenicio).

Templo dos obeliscos, Biblos.
Copa de electrón procedente de Idalion, Chipre (Museo do Louvre).
Dama de Eivissa (Museo Arqueolóxico Nacional, Madrid).

As producións artísticas fenicias teñen un forte compoñente artesanal. Nas súas esculturas, cerámicas, xoias e obxectos de metal, predominaban a [influencias exipcias, con elementos asirios, nun primeiro período (dende o século X a. C. -data máis antiga que se adoita asignar á arte fenicia- até o século VII a. C.). Nun segundo período pasou a predominar a influencia grega, chegando ás veces a confundirse as súas producións coas gregas, aínda que, polo xeral, detéctase unha maior tosquedade e eclecticismo do artista fenicio nas obras dos seus obradoiros.

A arte fenicia influíu en gran medida na dos pobos indíxenas da Península Ibérica (Tartessos e arte ibérica).

As formas de arquitectura fenicia inférense máis polos debuxos dos selos e outros relevos que polas ruínas dos seus edificios; aínda que non faltan algúns restos de pezas arquitectónicas achados en Chipre e -Fenicia. Entre estes, figura o capitel con volutas, inspirado na arte oriental e que ben puido ser o antecesor do orde xónica. Os templos fenicios (como o de Biblos) distinguíanse por ter o santuario sen cuberta. Nel dábase culto a unha pedra ou betilo que xeralmente consistía nun aerólito de forma cónica (como pedra caída do ceo) situado no medio da estancia á cal precedía un adro rodeado interiormente de columnas. Era tamén característica a forma que os sidonios daban aos seus suntuosos sartegos de pedra, e que reproducía o contorno da figura humana, como os sartegos antropoides de madeira exipcios.

Baixo o nome de esculturas fenicias comprendéronse numerosas e variadísimas estatuas dos pobos fenicios, libios, sardos, tirrenos, pelasgos, hititas e chipriotas que se presentan con certa rixidez arcaica e falta de naturalidade e que ofrecen visibles reminiscencias asirias, exipcias e mesmo gregas segundo as épocas e os países. Considéranse como lexitimamente fenicias en pedra e bronce as esculturas chipriotas (da illa de Chipre) tendo en conta que os fenicios apoderáronse da illa cara ao ano 1000 a. C. e fundaron alí cidades importantes subxugando aos hititas que eran os seus antigos poboadores. Así mesmo, pode estudarse a arte fenicia nas illas de Sardeña e Eivissa das cales se apoderaron as colonias tirias no século VIII a. C.

Despois de repetidas investigacións realizadas sobre a arte fenicia, pódese afirmar que non existe con anterioridade ao século X a. C. pois aínda que moito antes fabricaban e vendían produtos os industriais e mercadores fenicios a súa arte non pasaba de ser unha mera imitación do exipcio ou asirio e parece que mesmo entón se consideraban os seus artigos como orixinarios dos artistas que lles servían de modelo. Desde o devandito século descóbrese nas obras fenicias de estatuaria, glíptica, ourivaría etc. a tendencia a combinar os estilos orientais nunha mesma peza, sobresaíndo o exipcio.

Referencias editar

  • O contido deste artigo incorpora material de Arqueoloxía y belas artes, de 1922, de Francisco Naval y Ayerbe, que se atopa no dominio público.

Bibliografía editar

  • Belén, María, 1993, Arquitectura de tradición fenicia en Carmona (Sevilla), Spal 2, 219-242.
  • Corzo, Ramón, Arte fenicio y púnico, Cuadernos de Arte Española núm. 9, Madrid, 1991.
  • Tejera, A., Las tumbas fenicias y púnicas del Mediterráneo Occidental, Sevilla, 1979.

Ligazóns externas editar