Abrir o menú principal

Historia do cinema de Galicia

Vista interior dun kinetógrafo cunha mira na parte superior do aparello.

A historia do cinema de Galicia comezou o 2 de setembro de 1896, cunha exhibición realizada no Teatro-Circo Coruñés da cidade herculina.

HistoriaEditar

The Derby, de Robert W. Paul, unha das primeiras proxeccións vistas en Galicia.

Inicios do cineEditar

Durante todo o século XIX tiveron lugar nas principais vilas galegas mostras ambulantes con aparellos antecedentes do cinema, como lanternas máxicas ou sombras chinesas.[1] A primeira exhibición de imaxes en movemento en Galicia tivo lugar no Teatro-Circo Coruñés o 2 de setembro de 1896. Este espectáculo foi realizado mediante un kinetógrafo, invento de Thomas Edison, e segundo as noticias publicadas na prensa os filmes mostrados foron algúns dos realizados por Robert William Paul como The Derby. A pesar de que se anunciou a presenza do aparato en Ferrol e Santiago de Compostela, estas exhibicións non chegaron a realizarse pola falta de local axeitado.[2]

O invento dos irmáns Lumière, o cinematógrafo, chegou a Galicia o ano seguinte. O 17 de abril de 1897 instalouse na cidade de Pontevedra un aparello procedente de Portugal, co operador César Marqués e o actor Alexandre Pais de Azevedo como representantes da Casa Lumière, e que exhibiu títulos como O regador regado, Chegada dun tren, Batalla de neve e Bombeiros en Londres. A proxección estaba animada pola orquestra do local, un guitarrista e un bandurrista e nalgunha proxección tamén se chegou a recitar algún monólogo por parte de Azevedo. Permaneceu na cidade ata o 25 para logo realizar unha xira por outras cidades galegas: Vigo o 29 de abril, Tui o 13 de maio, A Coruña o 23 de maio, Ferrol 16 de xuño e Lugo 7 de xullo.[3]

O primeiro operador en filmar en Galicia foi José Sellier. Este fotógrafo coruñés de orixe francesa, mercou aos irmáns Lumière un cinematógrafo co que exhibía filmes no seu estudio da rúa de Santo André da Coruña. Para os espectáculos rodou as primeiras cintas galegas, como Orzán, oleaje, Fábrica de gas ou Plaza de Mina. Entre elas destaca Entierro del General Sánchez Bregua, xa que é posible coñecer a data de rodaxe, o 20 de xuño de 1897.[4]

Durante os seguintes anos o cine exhibiuse en Galicia, como no resto de Europa, no marco de feiras e festas locais levados por operadores ambulantes como Matías Sánchez Hernández ou Antonio Sanchís, habitualmente en pavillóns ou barracóns provisorios de madeira cubertos de lonas. Celebráronse algunhas presentacións en teatros como o Teatro Principal da Coruña ou no Teatro Rosalía de Castro de Vigo, mais foron escasas por considerarse un espectáculo que desprestixiaba estes espazos.[5] Nesta época (1905-1906) realizou as súas filmacións José Pradera, na súa maioría de temática local coruñesa e seguindo o modelo iniciado por José Sellier. En 1906 Pradera instalouse en Valladolid.[6]

Triunfo do cineEditar

 
Isaac Fraga, retrato en Vida Gallega, 1917.

Entre 1906 e 1908 van desaparecendo as barracas ambulantes das cidades e vilas galegas mentres se constrúen pavillóns concibidos para a exhibicións de proxeccións cinematográficas dentro dun programa xeral de variedades e dentro dos teatros. Xurdiron así o Pavillón Lino (1906) na Coruña, impulsado por Lino Pérez Lastres, o Pavillón New England (1906), de Vicente Auboín Barcón, en Ferrol, e o Pavillón Pinacho (1907), de Isidro Pinacho, en Vigo. En 1908, Eduardo Villardefrancos inaugurou na rúa Real o Salón París, considerada a primeira estrutura permanente para a exhibición cinematográfica en Galicia e que estivo en funcionamento ata 1999.[7][8]

Na década de 1910 comezáronse a exhibir os primeiros filmes longos que precisaban dun comentarista. Nese momento triunfaban os filmes procedentes de Francia, como a serie Les Vampires e desde a estrea de Quo Vadis?, que foi un éxito en toda Europa, puxéronse de moda as películas colosais italianas. O empresario Isaac Fraga triunfou ao converterse no exhibidor en exclusiva do filme en Galicia.[9] Fraga, que entrara na industria do cinema co establecemento en 1909 dun pavillón en Santiago de Compostela, chegou a ser a figura dominante da exhibición en Galicia durante varias décadas e mesmo comprou o teatro Jofre en 1919.[10] A outra figura da exhibición galega neses anos foi Antonio Méndez Laserna, que alugaba locais para proxeccións e apoiou a fundación da produtora Celta Film. A súa morte nun accidente en decembro de 1928 deixou a Fraga case todo o mercado galego.[11]

O comezo da primeira guerra mundial influíu no cinema en Galicia de varios xeitos. Por unha banda, dada a neutralidade de España, nos cines galegos emitíronse documentais de propaganda de ambos os bandos. Por outra, debido aos problemas para rodar en Europa, os filmes estadounidenses gañaron posicións.[10]

Durante estas décadas, uns poucos pioneiros galegos filman películas documentais, en ocasións encargadas polos empresarios (Villardefrancos, Pinacho), como o grande éxito Botadura del España, rodada por José Gil y Gil en Ferrol. Gil ademais foi o autor do primeiro filme de ficción galego que se conserva, Miss Ledyia, datado en 1916 con guión de Rafael López de Haro e no cal participou Castelao como extra.[10][12][13]

A importancia da exhibición de filmes vese salientada polo aumento de salas nas cidades e no aumento da espazo dedicado na prensa ao cinema equiparándose coas estreas teatrais pero tamén no aumento das críticas en nome dos bos costumes. Ademais benefíciase da crise do teatro a partir de 1920, o que propiciou que moitas salas teatrais programasen máis cinema ca teatro. Así, o teatro Rosalía de Castro da Coruña comezou a proxectar filmes periodicamente dende 1915[10] e cando se construíu o teatro García Barbón habilitouse unha sala para cine.[14]

A chegada do sonoroEditar

 
Enrique Barreiro, retrato en Vida Gallega, 1927.

A primeira sesión sonora en España tivo lugar en setembro de 1929, mais o problema de adaptaren as salas os seus equipos explica o atraso da chegada a Galicia. O cinema sonoro chegou realmente a Galicia o 14 de marzo de 1930, día da estrea en Vigo de The Singing Fool, de Lloyd Bacon, con Al Jolson. Anteriormente tiveran lugar exhibicións con son co sistema da Hispano de Forest Fono Film.[15] Ao longo dese ano chegou ás demais cidades galegas, agás Lugo, á que chegou en maio do ano seguinte. En 1931 tamén se implantou en vilas como Ortigueira, O Porriño e Tui.[16]

Con todo, en moitas salas mantíñanse sesións de cinema mudo e en 1935 tan só a metade das salas galegas estaban adaptadas para programar cine sonoro.[16] Coa chegada do sonoro chegou tamén o cine norteamericano de forma masiva, máis da metade do cine exhibido en Galicia durante a II República era estadounidense e nos xornais comezaba a darse informacións sobre estes filmes e as estrelas de Hollywood.[17]

Durante a década de 1930 creáronse os primeiros cineclubs, impulsados por asociacións culturais ou polas Misións Pedagóxicas. En 1932 fundáronse os Comités de Cooperación Intelectual que proxectaron nas cidades galegas filmes apartados dos cines comerciais, en ocasións por mor da censura.[18]

Dúas produtoras galegas realizaron filmes nesa mesma década: Galicia Cinegráfica, de José Gil y Gil, en Vigo, e a casa Folk, fundada en Pontevedra polos irmáns Ramón e Enrique Barreiro, ambas as dúas compañías centradas en filmes documentais e de noticias. Así, a casa Folk rodou Hacia una Galicia mejor, como mostra da necesidade da autonomía. En 1935 exhibíronse os últimos filmes destas produtoras.[19][20] Nesa época comezaron a súa carreira os directores Antonio Román (Terra Meiga, 1932), Carlos Velo (Galicia Saudade, 1936) e José Suárez (Mariñeiros, 1936).[21] Despois da guerra civil non se crearon produtoras en Galicia, ao contrario do que ocorreu noutras rexións.[22]

Durante a guerra civil os cines galegos seguiron en funcionamento dando unha imaxe de normalidade. As dificultades de adquisición de novos filmes fixeron que as salas volvesen emitir cintas antigas e que aumentase a presenza de filmes españois, que ata ese momento eran minoritarios.[23] Nos meses iniciais chegáronse a proxectar por este motivo filmes como El bailarín y el trabajador e La hija de Juan Simón, que máis tarde foron prohibidos pola Xunta de Censura Cinematográfica. Este organismo, creado para evitar diferenzas de criterio na zona nacional estableceuse o 21 de marzo de 1937, tendo unha das súas sedes na Coruña.[23]

Despois da guerra civil non se crearon produtoras en Galicia, ao contrario do que ocorreu noutras rexións.[22] Si se filmaron noticiarios e documentais, entre os que cómpre salientar O carro e o home (1940-1945), dirixido por Antonio Román sobre unha idea de Xaquín Lorenzo.[24] A existencia dalgúns profesionais de orixe galega na industria cinematográfica, como Cesáreo González, fundador de Suevia Films, ou Adolfo e Ramón Torrado fixo que se rodasen filmes con temática galega, en xeral cheos de tópicos. Algúns filmes de grande éxito rodados en Galicia foron Botón de ancla (1948) ou Cotolay (1965).[25] Dentro do tríptico elemental de España do cineasta experimental José Val del Omar incluíu unha curtametraxe dedicada a Galicia titulada Acariño galaico (1964).[26] Cómpre salientar pola súa calidade El bosque del lobo, de Pedro Olea (1971), baseado nunha novela de Carlos Martínez-Barbeito.[27][28]

Dende 1971Editar

 
Sede do CGAI na Casa da Cultura Salvador de Madariaga da Coruña.

A década de 1970 supuxo un cambio coa aparición de grupos de afeccionados que comezan a filmar curtametraxes. O primeiro foi o grupo Lupa, nado en 1971 en Santiago de Compostela e formado por Euloxio Ruibal, Félix Casado e Roberto Vidal Bolaño, todos eles ligados ao teatro. Outros dous grupo con gran número de participantes foron Imaxe e Club Amateur. Neste grupo participou Enrique Rodríguez Baixeras, que xa impulsara o grupo Enroba, no que dirixira filmes como A morte do mariscal (1973) ou O documento (1974), sobre un conto de Ánxel Fole.[29][30] Outros autores independentes foron Eloy Lozano (Retorno a Tagen Ata, 1974) e Miguel Gato, que dirixiu A tola (1974), sobre un conto de Francisco Taxes, que foi secuestrado polo Tribunal de Orde Público.[31][32][33][33]

As asociacións culturais galegas e os cineclubs que xa tiñan tradición continuaban a organizar actividades das que xurdiron por exemplo as Xornadas de Cine de Ourense, que xunto coa exhibición de filmes rodados en Galicia mantiña un ciclo de conferencias.[34]

A partir de 1975 creáronse diversos proxectos para a produción cinematográfica, como NOS Cinematográfica Galega, o Patronato do Cine Galego ou Rula Difusora Cultural Galega. Neste momento xurdiu a figura de Víctor Ruppén, que produciu filmes como O herdeiro, de Miguel Gato, ou O pai de Migueliño, de Miguel Castelo.[35] En 1980 estreouse Malapata, de Carlos Piñeiro, primeira longametraxe de produción galego. Con todo, deficiencias no filme (estaba concibido como curtametraxe e foi logo estendido) levaron a unha difusión limitada e provocou a desaparición do grupo Imaxe.[36]

Coa autonomía establecéronse institucións para a produción e promoción do cine galego, mais non tiveron continuidade ata o nomeamento de Luis Álvarez Pousa como director xeral de Cultura en 1983. A nova política en favor do audiovisual fixo que en decembro de 1984 se estreasen en Vigo as primeiras curtametraxes subvencionadas, entre as que destacou Mamasunción, de Chano Piñeiro. Cinco anos despois, o ciclo "Cinegalicia" incluíu a estrea de tres longametraxes: Continental, de Xavier Villaverde, Urxa, de Alfredo García Pinal e Carlos Piñeiro, e Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro, que tivo máis de setenta mil espectadores en Galicia. Coa expansión do vídeo chegaron éxitos como A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos, de Antonio Blanco e Ricardo Llovo.[37]

En 1991 creáronse o Centro Galego de Artes da Imaxe e a Escola de Imaxe e Son e a partir destas institucións aumentaron os estudos sobre a historia, ademais de programas sobre cinema na Televisión de Galicia e revistas especializadas.[37]

Durante a década de 1980 reduciuse o número de salas de cine en Galicia, pasando de 168 a 97, perdéndose especialmente nas zonas rurais, aínda que nos anos seguintes aumentaron grazas a expansión dos multicines.[37][38] Durante uns meses mesmo a cidade de Pontevedra non tivo salas de cine.[39][40]

Galicia foi sede ademais de festivais de cine como o Festival de Cine de Humor da Coruña (1972-1983),[41][42] as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia do Carballiño (dende 1984),[43] Cineuropa en Santiago de Compostela (dende 1988),[44] o Ourense Film Festival (dende 1996)[45] ou o Festival de Cans (dende 2004).

NotasEditar

  1. Castro de Paz 1996, pp. 11-31
  2. Castro de Paz 1996, pp. 35-38
  3. Castro de Paz 1996, pp. 38-40
  4. Castro de Paz 1996, pp. 41-49
  5. Castro de Paz 1996, pp. 49-54
  6. Castro de Paz 1996, pp. 54-55
  7. Castro de Paz 1996, pp. 55-61
  8. Estos sitios no son historia
  9. Acción da empresa Fraga (1922)
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Castro de Paz 1996, pp. 63-78
  11. Castro de Paz 1996, pp. 92-93
  12. Miss Ledya en AVG
  13. 'Miss Ledyia', la primera ficción del cine gallego, regresa a Pontevedra cien años después
  14. Castro de Paz 1996, p. 81
  15. Castro de Paz 1996, pp. 80-81
  16. 16,0 16,1 Castro de Paz 1996, p. 97
  17. Castro de Paz 1996, pp. 100-103
  18. Castro de Paz 1996, p. 103
  19. Castro de Paz 1996, pp. 104-116
  20. Quiroga Valcarce, Luis M. "Una productora cinematográfica en la Galicia republicana: la Folk". Cervantes Virtual (en castelán). Consultado o 30-8-2017. 
  21. Castro de Paz 1996, pp. 116-118
  22. 22,0 22,1 Castro de Paz 1996, pp. 121-136
  23. 23,0 23,1 Castro de Paz 1996, pp. 121-129
  24. Castro de Paz 1996, pp. 147-156
  25. Castro de Paz 1996, pp. 156-173
  26. "Acariño galaico (De barro)". Val del Omar. Consultado o 3 de setembro de 2017. 
  27. Castro de Paz 1996, p. 173
  28. Pedro Olea vuelve al Concello de A Bola, donde rodó, en 1970, "El bosque del lobo"
  29. Prohibido rodar cine en gallego
  30. El cine alternativo en Galicia: ¿Una propuesta creativa?
  31. José Miguel Gato Luaces, pionero del cine gallego
  32. Lembranza dun pioneiro do cine galego
  33. 33,0 33,1 Castro de Paz 1996, pp. 181-185
  34. Castro de Paz 1996, pp. 185-188
  35. Castro de Paz 1996, pp. 188-190
  36. Castro de Paz 1996, pp. 190-192
  37. 37,0 37,1 37,2 Castro de Paz 1996, pp. 181-212
  38. Ascenso del número de cines y de espectadores en las salas gallegas
  39. La primera capital española sin cines
  40. Pontevedra calma a súa sede de cine
  41. El Festival de Cine de Humor de La Coruña se plantea su supervivencia
  42. Cuando el Colón era Cannes
  43. As Xociviga renderon homenaxe ó Cine Clube
  44. Radio 5, en el festival Cineuropa de Santiago de Compostela
  45. Comienza la andadura del Ourense Film Festival

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar