Sempre Xonxa
Sempre Xonxa é un filme galego dirixido por Chano Piñeiro e estreado en 1989.[2] Foi a primeira longametraxe galega rodada en 35 mm e comparte con Urxa, de Carlos A. López Piñeiro e Alfredo García Pinal, e con Continental, de Xavier Villaverde, a honra de ser unha das primeiras longametraxes de ficción en galego. Durante vinte anos foi o filme en galego máis visto da historia, con 62.203 espectadores nos cinemas logo da súa estrea,[1][3] só superado por O que arde en 2019.[4]
Sempre Xonxa | |
---|---|
Logo do filme. | |
Ficha técnica | |
Título orixinal | Sempre Xonxa |
Director | Chano Piñeiro |
Produtor | Manuel Martínez Mallo |
Guión | Chano Piñeiro |
Intérpretes | Uxía Blanco Miguel Ínsua Xavier R. Lourido |
Música | Pablo Barreiro Carlos Ferrant Marcial Prado |
Fotografía | Miguel Ángel Trujillo |
Montaxe | Cristina Otero |
Distribuidora | Baños Films Biblos Clube de Lectores Ignacio Benedeti Cinema S.L. La Voz de Galicia |
Estrea | 25 de novembro de 1989 |
Duración | 114 minutos[1] |
Orixe | Galicia |
Xénero | Drama |
Recadación | 138 638,32 €[1] |
Na rede | |
Sinopse
editarSempre Xonxa é un filme sobre as consecuencias emocionais da emigración. Dous nenos, Pancho e Birutas que viven placidamente na mesma aldea están platonicamente namorados de Xonxa. Pero un dos rapaces, o Birutas, ten que emigrar, deixando a Xonxa e a Pancho na aldea. Cando o Birutas regresa de América, convertido nun home rico, Xonxa xa está casada con Pancho.
Personaxes
editar- Uxía Blanco como Xonxa
- Miguel Ínsua como Birutas
- Xavier R. Lourido como Pancho
- Roberto Casteleiro como Caladiño
- Roberto Vidal Bolaño como D. Xosé Luís
- Rodrigo Roel como Don Camilo, o crego
- Rosa Álvarez como Rosa, nai de Pancho
- Loles León como Minga
- Aurora Redondo como Mamarosa
- Luchi Ramírez como Filla Xonxa moza
- Xaime Nogueira como Fillo Xonxa mozo
- María Viñas como Xonxiña adolescente
- Roberto Fernández como Panchiño adolescente
- Manuel Alonso como Birutiñas adolescente
- Noela A. Mosquera como Xonxiña de bebé
- Giselle Romero como Xonxiña de nena
- Xavier Rocha como Panchiño de neno
- Miguel A. Gómez Sanz como Birutiñas de neno
- María Pujalte
- Xosé Manuel Olveira "Pico"
Temas
editarA historia abrangue o período que vai de 1946 a 1986, e estrutúrase en catro episodios, vinculado cada un deles a unha estación do ano. A primavera corresponde á infancia; o verán, á puberdade; o outono, á madurez e á forzada emigración; e o inverno á vellez e mais ó retorno.
Trátase dun filme realista, aínda que pode considerarse encadrado dentro do realismo máxico propio de Álvaro Cunqueiro, destacando neste sentido o personaxe do Caladiño, que entronca coa Galicia máxica e lendaria dos contos populares. Na primeira parte do filme aparece retratado o mundo da aldea galega durante o franquismo, ao igual que xa fixera Chano Piñeiro en Mamasunción.
Produción
editarO guión de Sempre Xonxa coñeceu o seu primeiro bosquexo xa a finais de 1985, antes incluso da rodaxe de Esperanza. A inspiración encontrouna Chano Piñeiro nas historias da emigración que oíra relatar no seu Forcarei natal e nas aldeas de Rubillón e Baíste (Avión), nas que gravou Mamasunción. Tivo ata nove versións antes do guión definitivo en 1988. Entre versión e versión, Chano Piñeiro comezou a buscar as localizacións do filme. Atopounas en Santoalla, no concello de Petín.[5] Esta aldea sería a vila de Trasdomonte na ficción.
A rodaxe comezou en 1988 pero por motivos económicos e técnicos demorouse durante ano e medio. Polo camiño, esgotou as finanzas e a saúde do seu director. Foi estreada en 1989, acadando un grande éxito nos cines de Galicia. No resto de España pasou completamente desapercibida, o cal é facilmente comprensible debido á súa temática centrada na emigración e o mundo rural galegos. A nivel internacional gañou diversos premios e tivo unha certa vida comercial especialmente en países onde a emigración galega tiña certa presenza.
A personaxe de Xonxa foi interpretada por Uxía Blanco, un papel que a colocaría como a máis importante actriz do incipiente panorama audiovisual galego. Miguel Ínsua encarnou a Birutas, mentres que Xavier R. Lourido fixo de Pancho. Unha das interpretación máis salientables foi a de Roberto Vidal Bolaño como mestrescola da aldea. Tamén participaron no filme as actrices Aurora Redondo e Loles León, así como o fotógrafo Manuel Ferrol, que se interpretou a si mesmo, co que Piñeiro quixo facer unha homenaxe ós fotógrafos populares que retrataron a Galicia emigrante.
A rodaxe de Sempre Xonxa estivo ateigada de dificultades. Chano Piñeiro esperaba contar co apoio do ministerio de Cultura, que lle negou ata tres veces a subvención. As dificultades financeiras trabaron a produción e esgotaron a Chano Piñeiro. Só se continuou cando conseguiu o patrocinio da consellería de Cultura da Xunta de Galicia (dise que grazas á influencia de Xosé Luís Barreiro Rivas, vicepresidente do goberno galego, amigo de Piñeiro e forcareirés coma el), da Deputación de Pontevedra e da Comisión do V Centenario da descuberta de América.
Con todo, a produción presentaba complexidades que Chano Piñeiro non calibrou axeitadamente. Para empezar, tivo que alongar a rodaxe máis do previsto para poder rodar nas distintas estacións do ano. Ademais, o seu dominio da produción cinematográfica aínda non era completo, o cal supuxo máis demoras.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 Catálogo ICAA (ed.). "Ficha da ICAA de Sempre Xonxa". Arquivado dende o orixinal o 01 de xuño de 2020. Consultado o 2 de novembro de 2019.
- ↑ Arenas, José (25 de novembro de 1989). ""Cinegalicia", tres filmes para una puesta de largo". ABC (en castelán): 88. Consultado o 4 de novembro de 2009.
- ↑ Mato, Mar (31 de outubro de 2019). ""O que arde" disputa a "Sempre Xonxa" a medalla de ouro do filme en galego máis visto da historia". Faro de Vigo. Consultado o 2 de novembro de 2019.
- ↑ praza.gal, ed. (18 de novembro de 2019). "'O que arde' convértese no filme en galego máis visto en salas, superando a 'Sempre Xonxa'". Consultado o 20 de novembro de 2019.
- ↑ Yáñez, María (10 de xullo de 2018). "‘Santoalla’, o documental que conta en clave de ‘thriller’ o homicidio de Martin Venfondern". Praza Pública. Consultado o 11 de xullo de 2018.