Hong Kong

Rexión Administrativa Especial de Hong Kong da República Popular China

A Rexión Administrativa Especial de Hong Kong da República Popular da China, en chinés Chinese-Hong Kong-full name.ogg 中華人民共和國香港特別行政區 é unha rexión chinesa formada por unha península e varias illas, entre elas a illa de Hong Kong, no Mar da China Meridional, no delta do Río das Perlas, xunto á provincia de Guangdong. Ata 1997 foi colonia do Reino Unido.

Modelo:Xeografía políticaHong Kong
香港 (zh) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

HimnoMarcha dos Voluntarios (1 de xullo de 1997) Editar o valor en Wikidata

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 22°17′N 114°10′L / 22.28, 114.16
EstadoRepública Popular da China Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación7.413.070 (2021) Editar o valor en Wikidata (6.704,47 hab./km²)
Lingua oficialmandarín estándar Editar o valor en Wikidata
Relixiónbudismo, Taoísmo, Confucianismo, cristianismo, Hinduísmo, Islam, Sikhismo e xudaísmo Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Parte de
Superficie1.105,69 km² Editar o valor en Wikidata
Auga59,7 % Editar o valor en Wikidata
Bañado porShing Mun River (en) Traducir e Mar da China Meridional Editar o valor en Wikidata
Altitude7 m Editar o valor en Wikidata
Punto máis altoTai Mo Shan (en) Traducir (957 m) Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Precedido por
Creación1 de xullo de 1997 Editar o valor en Wikidata
Evento clave
Día festivo
Organización política
Órgano executivoGoverno de Hong Kong (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
• Chefe (pt) Traducir Editar o valor en WikidataJohn Lee (pt) Traducir (2022–) Editar o valor en Wikidata
Órgano lexislativoAssembleia Legislativa de Hong Kong (pt) Traducir Circunscrición: 34, (Escano: 90) Editar o valor en Wikidata
Máxima autoridade xudicialCourt of Final Appeal (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Membro de
PIB nominal368.911.387.845 $ (2021) Editar o valor en Wikidata
MoedaDólar de Hong Kong Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postalsen valor Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Dominio de primeiro nivel.hk Editar o valor en Wikidata
Prefixo telefónico+852 Editar o valor en Wikidata
Teléfono de emerxencia999 Editar o valor en Wikidata
Código de paísHK Editar o valor en Wikidata
ISO 3166-2CN-HK e CN-91 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con

Páxina webgov.hk Editar o valor en Wikidata
Twitter: discoverhk Editar o valor en Wikidata

O nome da illa de Hong Kong (chinés: 香港), significa literalmente "porto fragrante" ou "porto do recendo". A transcrición "Hong Kong" está baseada no topónimo orixinal cantonés, Hēunggóng mentres en pinyin é Xiānggǎng.

Hong Kong é unha das dúas "rexións administrativas especiais" da China. A outra é a antiga colonia portuguesa de Macau. Nestas dúas rexións administrativas especiais aplícase o modelo administrativo coñecido como un país, dous sistemas (一國兩制, yì guó liang zhì). Este sistema, cuxo ideólogo foi Deng Xiaoping, que pretendía que se aplicase a unha eventual reunificación con Taiwán, consiste no mantemento dun sistema económico capitalista baixo a soberanía dun país de ideoloxía oficial comunista. Ademais do sistema económico, estas dúas rexións manteñen un sistema administrativo e xudicial independente, e ata o seu propio sistema de aduanas e fronteiras externas.

Historia

editar
 

Aínda que estivo ocupado desde a era neolítica, durante a maior parte da súa historia o territorio do actual Hong Kong permaneceu á marxe dos principais acontecementos ocorridos na China imperial. Non se convertería nun centro de atención mundial ata o século XIX.

Ocupada polo Reino Unido ao final da Primeira Guerra do Opio en 1841, a illa de Hong Kong foi cedida formalmente pola China o ano seguinte polo tratado de Nanjing. Parte da adxacente península de Kowloon (ao sur da actual Boundary Street) e a illa de Stonecutters foron cedidas á Gran Bretaña en 1860 pola Convención de Pequín trala Segunda Guerra do Opio. A superficie da colonia aumentou de xeito significativo coa incorporación á mesma dos novos Territorios (incluídos New Kowloon e a illa de Lantau), arrendados á Gran Bretaña por 99 anos desde o 1 de xullo de 1898 ata o 30 de xuño de 1997.

Segundo o acordo asinado pola República Popular da China e o Reino Unido o 19 de decembro de 1984, a Declaración Conxunta británico-chinesa, o territorio completo de Hong Kong baixo goberno colonial británico converteuse na Rexión Administrativa Especial de Hong Kong da República Popular da China o 1 de xullo de 1997.

Na Declaración Conxunta, China prometeu que baixo a política "un país, dous sistemas" proposta por Deng Xiaoping, o sistema económico socialista na China non se aplicaría en Hong Kong, que mantería o seu sistema e estilo de vida capitalistas durante 50 anos (ata 2047). A Lei Básica de Hong Kong acordada na Declaración Conxunta deixa a Hong Kong un alto grao de autonomía en tódalas materias, a excepción das relacións exteriores e a defensa.

O último gobernador británico de Hong Kong, Chris Patten, levou a cabo unha certa democratización das institucións de Hong Kong nos últimos anos de soberanía británica. Isto provocou bastante tensión entre o goberno da República Popular da China e o Reino Unido. Trala retrocesión a China, o empresario navieiro Tung Chee-hwa converteuse no xefe executivo da Rexión Administrativa Especial de Hong Kong.

No 2003, a preocupación por un proxecto de lei anti-subversión que, segundo moitos habitantes de Hong Kong, erosionaría a liberdade de prensa, de relixión e de asociación consagradas no artigo 23 da Lei Básica, levou á rúa a medio millón de persoas nunha manifestación celebrada o 1 de xullo, a protesta máis grande dirixida contra o goberno na historia de Hong Kong. A impopularidade do goberno de Hong Kong e a crise económica foron tamén factores de descontento entre a poboación.

O 10 de marzo de 2005, Tung Chee-hwa presentou a súa dimisión como xefe executivo. Tung abandonou o posto dous días despois, o 12 de marzo de 2005. Foi substituído por Donald Tsang, o secretario xefe de administración de Hong Kong, que ocupou o cargo de xeito interino ata o 25 de maio, momento en que foi brevemente substituído por outro xefe interino durante a breve campaña electoral. Trala votación restrinxida a 800 electores, Donald Tsang foi confirmado como xefe executivo, cunha ampla maioría de votos ao seu favor. O seu mandato durará ata o verán de 2007.

Goberno e política

editar

Durante a época colonial británica, o máximo dirixente político era o Gobernador de Hong Kong, nomeado polo Goberno británico.

 
Vista do distrito central de Hong Kong, desde o Cume Vitoria

Desde a retrocesión a China, ese papel pasou ao Xefe Executivo, posto que na actualidade ocupa Donald Tsang, elixido en xuño de 2005 para un mandato de só dous anos. A elección do xefe executivo produciuse mediante unha votación de sufraxio restrinxido a 800 representantes de sectores económicos e sociais. Esta elección dun novo Xefe Executivo foi motivada pola dimisión, en marzo de 2005, de Tung Chee-hwa, que ocupara o cargo desde a fundación da Rexión Administrativa Especial. A Tung correspondíanlle aínda dous anos máis de mandato, polo que as autoridades chinesas, nunha interpretación controvertida da Lei Básica, decidiron que o mandato do próximo Xefe Executivo estaría limitado aos dous anos que lle quedaban a Tung Chee-hwa. Esta decisión de Pequín, moi criticada en Hong Kong, foi interpretada por moitos críticos do réxime comunista chinés como unha mostra da falta de confianza do Goberno chinés cara a Donald Tsang, funcionario de formación británica que no pasado expresou simpatías cara aos sectores que defenden un sistema plenamente democrático para Hong Kong.

O parlamento de Hong Kong é o Consello Lexislativo, que consta de 60 membros. Destes 60, a metade son elixidos por sufraxio universal en circunscricións xeográficas, mentres que os outros 30 son elixidos por grupos de representantes de diferentes sectores económicos e sociais. A Lei Básica de Hong Kong contempla a posibilidade de que as eleccións para o Consello Lexislativo cheguen a basearse no sufraxio universal. Con todo, o Goberno chinés reiterou a súa oposición a calquera avance nese sentido, o cal provocou protestas en Hong Kong. As últimas eleccións ao Consello Lexislativo celebráronse no ano 2004. Nestas, os partidos defensores dunha maior democracia conseguiron a maioría dos 30 escanos asignados por sufraxio universal, mentres que os outros 30 foron na súa maioría para políticos considerados afíns ás autoridades chinesas.

Relaciós exteriores

editar
 
Vista parcial do Consulado dos Estados Unidos en Hong Kong.

Máis de cen países que manteñen relacións con China posúen representación diplomática no territorio,[1] se ben Hong Kong non ten competencias en política exterior, xa que estas recaen sobre o goberno de Pequín.[2] Para iso, o Ministerio de Asuntos Exteriores da República Popular da China ten un comisionado en Hong Kong que se encarga dos asuntos cos países estranxeiros que lle concernen.[3] Ademais, o territorio é membro dalgunhas organizacións internacionais como o Comité Olímpico Internacional,[4] o Fondo Monetario Internacional,[5] o Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico[6] ou a Organización Mundial do Comercio,[7] pero ha de subscribirse de forma que apareza no rexistro como «Hong Kong, China», conforme ao Artigo 152 da lei básica.[8]

A súa maior apertura económica con relación ao resto da China e a súa eficiente infraestrutura de transporte fan de Hong Kong un lugar moi atractivo para a chegada de capital do exterior e que moitos países sírvanse del para a reexportación dos seus produtos.[9][10] Da mesma forma, a rexión ten unha política migratoria moito máis flexible,[11] o que lle serviu para ser un dos principais receptores de turistas de todo o mundo.[12]

Divisións administrativas

editar

A Rexión Administrativa Especial de Hong Kong divídese en 18 distritos.

 
División Administrativa Especial de Hong Kong

Xeografía e clima

editar
 
Mapa de Hong Kong.

A Rexión Administrativa Especial de Hong Kong está situada no lado nordeste do delta do Río das Perlas, e ten unha extensión de 1102 km², repartida entre unha parte continental e máis de duascentas illas e illotes. O 75% desta superficie está formado por reservas naturais, mentres que os seus sete millóns de habitantes residen no 25% restante.

O territorio de Hong Kong pódese dividir en tres partes ben diferenciadas:

  • A illa de Hong Kong (adquirida polo Reino Unido en 1842)
  • A parte continental de Kowloon ao sur de Boundary Street (adquirida polo Reino Unido en 1860, xunto coa antiga illa de Stonecutters, hoxe unida ao continente).
  • Os Novos Territorios, incluída a illa de Lantau (arrendados por un período de 99 anos en 1899).

Durante a maior parte do século XX, os Novos Territorios, moi montañosos, permaneceron moi pouco habitados, en parte debido á incerteza que se albiscaba sobre o seu status futuro. Unha vez que se soubo que o Reino Unido ía devolver a China todo o territorio de Hong Kong, e non só a parte arrendada á que estaba obrigado, comezou a crecer a poboación nos Novos Territorios. Actualmente un pouco máis do 50% da poboación total de Hong Kong reside nos Novos Territorios.

Aínda que está situado xusto ao sur do Trópico de Cáncer, Hong Kong ten un clima subtropical húmido. Os veráns son cálidos e húmidos con chuvias e tormentas ocasionais, e cun aire cálido que vén do suroeste. O verán é a estación onde son máis probabéis os tifóns, ás veces con resultado de inundacións e corrementos de terras. Os invernos son suaves e comezan con frecuencia soleados, facéndose nebulosos cara febreiro; frontes fríos ocasionais traen ventos do norte fortes e fríos. As estacións máis temperadas son a primavera, que pode ser cambiante, e o outono, que adoita ser soleado e seco[13]. Hong Kong promedia 1.948 horas de sol anuais[14], mentres que os rexistros históricos de temperatura máxima e mínima no Observatorio de Hong Kong son 36,3 e 0 °C, respectivamente.

Economía

editar
Artigo principal: Economía de Hong Kong.
 
Hong Kong é unha das grandes cidades comerciais de Asia.

Hong Kong é un dos grandes centros financeiros de Asia, e a súa economía é moi dependente do comercio internacional e moi en especial do comercio entre a China e o resto do mundo.

Hong Kong está considerado un dos lugares con maior liberdade económica do mundo. Isto quere dicir que existe unha gran facilidade para establecer empresas no territorio e para mover diñeiro de Hong Kong ao exterior. Estas facilidades económicas, unidas á existencia dun sistema legal de orixe británica moi escrupuloso no respecto da propiedade privada, contrastan coas dificultades burocráticas e a inseguridade xurídica á que se enfrontan as empresas internacionais na China continental, e é a razón principal pola que Hong Kong segue sendo o principal centro financeiro da China. Ademais, as restricións ás comunicacións directas entre Taiwán e a República Popular da China fan de Hong Kong o principal punto de contacto entre os dous réximes chineses enfrontados desde 1949.

A economía baséase fundamentalmente no sector de servizos, que representa máis do 80% da actividade económica en Hong Kong. Os servizos financeiros son unha das áreas principais de actividade económica no Hong Kong actual. A bolsa de Hong Kong é o segundo maior mercado de valores de Asia, só por detrás da bolsa de Toquio. A pesar do seu pequeno tamaño, Hong Kong ocupa o lugar undécimo no mundo en volume de operacións bancarias.

A economía de Hong Kong viuse moi afectada, a diferenza da da China continental, pola crise asiática de 1998. Tras varios anos de debilidade económica, a economía volveu a crecer a un ritmo altísimo, dun 8,2%. Esta recuperación económica baseouse no forte crecemento da demanda interna e nun factor novo: O crecemento do turismo chinés. As restricións á entrada de chineses do continente suavizáronse nos últimos anos, e isto fixo aumentar as súas visitas. Ata hai uns anos, éralles enormemente difícil entrar de forma legal.

O produto interior bruto de Hong Kong no ano 2003 alcanzou os 213.000 millóns de dólares estadounidenses. Esta cifra tan alta tradúcese nunha das rendas per cápita máis altas do mundo, superando ata á maioría dos países de Europa Occidental.

Demografía

editar
 
Vista dunha rúa comercial de Kowloon. O territorio de Hong Kong ten unha altísima densidade de poboación.

No ano 2005, a poboación de Hong Kong supera os sete millóns de habitantes, o cal convértea na cuarta maior área metropolitana da República Popular da China. A súa densidade de poboación alcanza os 6.200 habitantes por km².

Kowloon ostenta historicamente o demérito de ser o núcleo urbano coa maior densidade de poboación do Planeta, alcanzando en 1991 a cifra de 1 900 000 hab/km².

Hong Kong ten unha taxa de fertilidade de 0,94 fillos por muller, unha das máis baixas no mundo, e moi inferior aos 2,1 nenos por muller que se requiren para manter o nivel de poboación. A pesar disto, a poboación continúa aumentando debido á inmigración procedente da China continental.

A pesar desta alta densidade de poboación, dise de Hong Kong que é unha das cidades con máis espazos verdes en Asia. A maior parte dos seus habitantes reside en edificios altos de apartamentos, o cal concentra á poboación nas zonas urbanizadas, mentres a maior parte do territorio consiste en parques e bosques. A cantidade de illas e as costas sinuosas dotan ao territorio de moitísimas baías e praias pouco accesibles. A pesar disto, Hong Kong é unha das cidades máis contaminadas do mundo.

 
Rúa do distrito de Wan Chai.

O cantonés é o dialecto chinés máis estendido entre a poboación chinesa de Hong Kong. A lingua falada na contorna familiar é cantonés vernáculo máis ou menos puro, mentres que en situacións formais, tales como discursos políticos ou programas de televisión e radio, utilízase un híbrido de mandarín e cantonés, no que o vocabulario e a gramática propias do mandarín pronúncianse coa lectura cantonesa dos caracteres. A linguaxe escrita é practicamente sempre mandarín, aínda que tamén se utiliza na literatura popular o cantonés escrito. O inglés é tamén oficial e é falado pola comunidade de orixe estranxeira, e tamén como segunda lingua pola maior parte da poboación chinesa.

En Hong Kong practícanse tódalas relixións tradicionais chinesas. O culto aos devanceiros é predominante debido á forte influencia confuciana, mentres que o cristianismo é practicado por un 10% da poboación. A comunidade cristiá divídese en partes aproximadamente iguais entre católicos e protestantes. Estímase que hai tamén ao redor de 70.000 musulmáns en Hong Kong, e entre 2.000 e 3.000 xudeus.

Ao redor do 95% dos habitantes de Hong Kong teñen ascendencia chinesa Han. A poboación de orixe europea supón ao redor do 1,5% do total. Tamén hai unha comunidade importante de orixe india, que se estableceu no territorio durante a época colonial británica, e unha gran comunidade filipina, formada sobre todo por mulleres novas que traballan como empregadas domésticas.

Arquitectura

editar
 
Torre do Banco da China.

Debido á construción creativa e endémica de Hong Kong durante os últimos 50 anos, actualmente permanecen poucos edificios históricos. A cidade converteuse nun centro para a arquitectura moderna, especialmente ao redor do distrito central. Os rañaceos no medio da área comercial moi densos entre o distrito central e a calzada da baía alíñanse na costa do porto de Vitoria. Son unha das atraccións turísticas máis famosas de Hong-Kong e crean unha das máis belas liñas de horizonte do mundo. Catro dos 15 rañaceos máis altos do mundo están en Hong Kong. En Kowloon, houbo un asentamento anarquista, coñecido como a cidade de Kowloon Walled. As restricións severas da altura nas estruturas estiveron en vigor ata 1998, data do peche do vello Aeroporto de Kai Tak e de apertura da nova terminal aérea (o Aeroporto Internacional de Hong Kong) lonxe da zona dos rañaceos; entón as edificacións deixaron de ter restricións, e actualmente estanse a erguer varios rañaceos novos en Kowloon, incluíndo o International Commerce Centre (ICC) que, cos seus 484 m, é o edificio máis alto de Hong Kong e o terceiro máis alto do mundo[15]. Antes da construción do ICC, o edificio máis alto era o Two International Finance Centre con 415 m[16]. Outros edificios recoñecíbeis no panorama urbano son o HSBC Headquarters Building; o Central Plaza co seu característico remate triangular que lle dá a forma dunha lanza piramidal; The Center iluminado pola noite con luces de neon multicolores; A Symphony of Lights; e a Torre do Banco da China do arquitecto I. M. Pei, coa súa afiada fachada angular. A liña do horizonte de Hong Kong está considerada coma unha das mellores do mundo[17], completando o panorama as montañas circundantes e o porto de Vitoria. Consérvanse algunhas das máis antigas estruturas construídas durante os séculos XIX e XX coma a Torre do Reloxo Tsim Sha Tsui, o Edificio Central da Policía e restos da cidade amurallada de Kowloon[18][19].

 

Vista de Kowloon, a illa de Hong Kong e o panorama urbano de Hong Kong.


 

Panorama urbano da illa de Hong Kong á noite.


Cultura

editar

A presenza británica en Hong Kong marcou a cultura local, que aínda que fundamentalmente chinesa, estivo sometida a unha influencia occidental moito maior que o resto do país. Paradoxalmente, en paralelo a esta influencia occidental, en Hong Kong mantivéronse moitos costumes e tradicións culturais chinesas que no resto do continente sufriron o acoso das políticas revolucionarias da época de Mao Zedong. É o caso dos ritos relixiosos tradicionais chineses, ou da linguaxe. Mentres que no resto do continente chinés, a República Popular promoveu o uso do mandarín e dos caracteres simplificados como lingua oficial, en Hong Kong mantense o uso do cantonés falado, ata en circunstancias formais, e a linguaxe escrita utiliza exclusivamente os caracteres tradicionais.

Outra consecuencia da separación de Hong Kong do resto da China durante os anos posteriores ao establecemento do réxime comunista na China continental foi o desenvolvemento da cultura popular de Hong Kong, manifestada na enorme produción cinematográfica, musical e de novelas de entretemento. Mentres na época maoísta a política revolucionaria oficial esixía que todas as manifestacións artísticas estivesen ao servizo da causa comunista, en Hong Kong continuou o desenvolvemento do cine e da música popular que tivera a Xangai como foco ata 1949. Ata despois do final do maoísmo, Hong Kong continuou sendo un dos principais centros de produción de cine, música e literatura popular en Asia.

Universidades

editar
 
Wan Chai

Deporte

editar
 
O Hong Kong Sevens está considerado coma o principal torneo das series mundiais de rugby a sete, e desenvólvese en Hong Kong durante unha fin de semana a finais de marzo.

Os deportes en Hong Kong son unha parte significativa da súa cultura. A introdución dos deportes occidentais foi anterior ao que o foi noutras rexións de Asia, debido principalmente á influencia británica que se remonta ata finais do século XIX. Os deportes con maior número de participantes e espectadores son o fútbol, o baloncesto, a natación, o bádminton, o tenis de mesa, o ciclismo e as carreiras atléticas. Hong Kong foi anfitrión de importantes competicións internacionais coma a fase final da I Copa Asiática de fútbol en 1956; o Trofeo Premier League Asia nas edicións de 2007, 2011 e 2013; as probas de equitación dos Xogos Olímpicos de Pequín de 2008; ou os V Xogos de Asia Oriental en 2009. Os eventos deportivos de periodicidade anual máis destacados son o Hong Kong Sevens de rugby a sete; o maratón de Hong Kong; o Hong Kong Tennis Classic de tenis feminino, previo ao Open de Australia; ou a Copa do Ano Novo Lunar de fútbol. En 2010 había 32 deportistas de Hong Kong clasificados en sete deportes entre os 20 mellores e 29 deportistas en seis deportes entre os dez mellores de Asia. Aínda máis, en 2009 o equipo paralímpico de Hong Kong gañou catro campionatos mundiais e dous asiáticos[20].

  1. "Consular Posts and Officially Recognised Bodies" (en inglés). Secretariado del Gobierno para División de Protocolo. Arquivado dende o orixinal o 16 de abril de 2020. Consultado o 24 de novembro do 2023. 
  2. Leung, Chi-Keung. "Hong Kong". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 24 de novembro do 2023. 
  3. "Main Functions" (en inglés). Oficina del Comisionado del Ministerio de Asuntos Exteriores de la República Popular China en la Región Administrativa Especial de Hong Kong. Consultado o 24 de novembro do 2023. 
  4. "History" (en inglés). Sports Federation & Olympic Committee of Hong Kong, China. Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2019. Consultado o 24 de novembro do 2023. 
  5. "Countries" (en inglés). Fondo Monetario Internacional. Consultado o 24 de novembro do 2023. 
  6. "Member Economies" (en inglés). Foro de Cooperación Económica Asia-Pacífico. Consultado o 24 de novembro do 2023. 
  7. "Members" (en inglés). Organización Mundial del Comercio. Consultado o 24 de novembro do 2023. 
  8. "THE BASIC LAW OF THE HONG KONG SPECIAL ADMINISTRATIVE REGION OF THE PEOPLE’S REPUBLIC OF CHINA" (PDF) (en inglés). Gobierno de Hong Kong. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 6 de julio de 2020. Consultado o 24 de novembro do 2023. 
  9. "5 Reasons Why You Should Be Doing Business in Hong Kong" (en inglés). Jumpstart Business Centre. Arquivado dende o orixinal o 15 de febreiro de 2022. Consultado o 24 de novembro do 2023. 
  10. "Hong Kong External Merchandise Trade" (PDF) (en chino e inglés). Departamento de Estadísticas y Censo. decembro de 2020. Consultado o 24 de novembro do 2023. 
  11. "Visas" (en inglés). Departamento de Inmigración. Consultado o 24 de novembro do 2023. 
  12. "Global Destination Cities Index 2019" (PDF). MasterCard (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 6 de setembro de 2019. Consultado o 24 de novembro do 2023. 
  13. Hong Kong Observatory, ed. (4/5/2003). "Climate of Hong Kong" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2015. Consultado o 17 de outubro de 2015. 
  14. Census and Statistics Department, Hong Kong Government, ed. (27/2/2008). "Hong Kong in Figures 2008 Edition" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2008. Consultado o 17 de outubro de 2015. 
  15. Emporis (ed.). "International Commerce Centre" (en inglés). Consultado o 17 de outubro de 2015. 
  16. Emporis (ed.). "Two International Finance Centre" (en inglés). Consultado o 17 de outubro de 2015. 
  17. "The world's top 20 city skylines, CNNGo.com" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 08 de xullo de 2011. Consultado o 17 de outubro de 2015. 
  18. Leisure and Cultural Services Department, Hong Kong Government, ed. (13/1/2010). "Declared Monuments in Hong Kong – Hong Kong Island" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29/11/2015. Consultado o 17 de outubro de 2015. 
  19. Leisure and Cultural Services Department, Hong Kong Government, ed. (13//1/2010). "Declared Monuments in Hong Kong – Kowloon Island" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2011. Consultado o 17 de outubro de 2015. 
  20. Home Affairs Bureau, ed. (20/10/2010). "Legislative Council Panel on Home Affairs Sports Development Policy and Objectives" (PDF) (en inglés). Consultado o 17 de outubro de 2015.