Lingua cantonesa

lingua asiática, emparentada co mandarín, e falada en Hong Kong, Cantón e Macau

A lingua ou dialecto cantonés[2] ou yuè (chinés simplificado: 粵语, chinés tradicional: 粤語, Pinyin: yuèyǔ, Jyutping:Jyut6jyu5) é un dos principais dialectos do chinés.

Cantonés
粵語 / 粤语
Pronuncia:yuèyǔ, Jyut6jyu5
Falado en: Sur da China, Hong Kong, Macau, e en países con emigrantes chineses de Hong Kong e Cantón
Rexións: centro de Cantón, leste e sur de Guangxi e partes de Hainan
Total de falantes: 71 millóns
Posición: 16
Familia: Sino-tibetana
 Chinés
  Cantonés
Status oficial
Lingua oficial de: Hong Kong e Macau
Regulado por: División Oficial da Lingua
Goberno de Hong Kong
Códigos de lingua
ISO 639-1: zh
ISO 639-2: chi (B)zho (T)
ISO 639-3: yue
Mapa
Status

O cantonés está clasificado como "en estado seguro" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[1]

O nome yuè corresponde ao nome dun reino antigo situado na actual provincia de Guangdong. Por iso, o carácter 粵 utilízase hoxe en día como abreviatura do nome desta provincia.

Aínda que os chineses prefiren falar de dialectos (方言, fāngyán) ao referirse ás variedades do chinés falado, a intelixibilidade mutua entre estes é practicamente nula polo que moitos lingüistas consideran o chinés unha familia de linguas, e non unha lingua única.

O cantonés é o terceiro dialecto (dialecto neste sentido amplo) máis falado do chinés despois do mandarín e da wu. Ten ao redor de 70 millóns de falantes, principalmente na provincia de Guangdong e nas rexións administrativas especiais de Hong Kong e Macau. As primeiras comunidades chinesas que se estabeleceron en países como Perú, Estados Unidos, Australia ou o Reino Unido procedían desta zona do sur da China. Isto fixo que o cantonés fóra durante moito tempo o idioma principal nos chinatowns das grandes cidades destes países.

O cantonés é un dialecto chinés bastante conservador, máis próximo ás formas antigas da lingua do que outros dialectos. Isto reflíctese, por exemplo, no feito curioso de que a poesía antiga chinesa, cuxa pronunciación orixinal descoñecemos, rima mellor lida en cantonés do que en mandarín.

Dos diferentes dialectos chineses, o cantonés é o único, á parte do mandarín, que ten unha forma escrita. Esta utiliza algúns caracteres chineses que non existen en mandarín, e reutiliza outros con significados diferentes. O cantonés escrito utilízase, no entanto, só en situacións informais, como cartas entre amigos, foros de Internet ou nalgunhas formas de literatura popular. En situacións formais o chinés escrito segue as normas do mandarín estándar.

En Hong Kong e Macau o cantonés falado utilízase tamén en situacións formais como discursos políticos, e en emisoras de radio e televisión. Nestes casos, a lingua utilizada non é auténtico cantonés, senón mandarín cunha lectura cantonesa dos caracteres.

  1. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cantonés.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar