Dublín
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2017.) |
Este artigo ou apartado contén afirmacións non neutrais e/ou texto que promociona o tema tratado de forma subxectiva sen achegar información neutral e verificable. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Dublín (en irlandés: Baile Átha Cliath; en inglés: Dublin) é a capital da República de Irlanda, así como do condado homónimo. É a cidade mais poboada da illa, con máis dun millón de habitantes na súa área urbana e unha área de influencia que abrangue 2,1 millóns de persoas, na chamada Greater Dublin Area.[1][2]
Baile Átha Cliath (ga) Dublin (en) | |||||
Lema | «Obedientia Civium Urbis Felicitas» | ||||
---|---|---|---|---|---|
Alcume | The Fair City | ||||
Localización | |||||
| |||||
Estado | Irlanda | ||||
Provincias | Leinster | ||||
Entidade administrativa desaparecida | Condado de Dublín | ||||
Capital de | Irlanda (1937–) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 592.713 (2022) (5.154,47 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 114.990.000 m² | ||||
Bañado por | Río Liffey, Mar de Irlanda, Royal Canal (en) e Río Dodder | ||||
Altitude | 20 m | ||||
Datos históricos | |||||
Creación | 841 | ||||
Evento clave
| |||||
Organización política | |||||
Órgano executivo | office of the Lord Mayor of Dublin (en) | ||||
• Lord Maior | Paul McAuliffe (en) (2019–) | ||||
Órgano lexislativo | legislative body of Dublin City Council (en) Circunscrición: 9, (Escano: 63) | ||||
Membro de | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | D1-18, 20, 22, 24, D6W, D1-18, 20, 22 e D6W | ||||
Fuso horario | |||||
Prefixo telefónico | 01 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | Yambol (pt) Cirebon (pt) Châteaudun Podgorica Budapest Milán Pequín San Jose Barcelona Liverpool Guadalaxara Bratislava (2005–) Vilnius (2005–) Tbilisi (2014–) Kíiv (2022–) | ||||
Sitio web | dublincity.ie | ||||
Está situada na provincia de Leinster, cerca do centro da costa leste da Illa, na desembocadura do río Liffey que atravesa a cidade, e aproximadamente no centro do Condado.
Topónimo
editarDublín toma o seu nome do gaélico Dubh linn, que significa "estanque escuro"[3], en referencia ao punto onde o río Liffey se xunta co río Poddle no estancamento deste último no actual Wellington Quay. O estanque mantívose ata principios de 1700, mais a expansión da cidade tivo como consecuencia a súa drenaxe, e a canalización e soterramento do río Liffey, na actualidade o lugar do antigo estanque está ocupado polos Dubh Linn Gardens, tralo Castelo de Dublín, mentres que o curso baixo do Poddle discorre ata o río Liffey por unha canalización subterránea. Historicamente, na caligrafía irlandesa, bh escribíase cun punto sobre o b, como Duḃ Linn ou Duḃlinn, mais os normandos de fala francesa omitiron o punto e deletrearon o nome como Develyn ou Dublín.
O seu nome en irlandés é Baile Átha Cliath, que significa "poboación do vao de canizo" e que ten a súa orixe nun antigo vao composto con paneis de cana e vimbio entrelazados (Átha Cliath) que cruzaba o río Liffey nun lugar próximo á actual estación de ferrocarrís de Heuston. A voz irlandesa cliath tradúcese con frecuencia como "valo". Porén, a tradución como "canizo" é máis axeitada: cliath (en irlandés; "hurdle", en inglés) é, en efecto, unha estrutura lixeira e movible de material vexetal entrelazado que se emprega con frecuencia para separar o gando, mais tamén para asegurar o terreo inestable ou esvaradío.[4][5][6][7] O nome da cidade foi escrito deste xeito dende 1368, data na que foi documentado nos Anais do Ulster[8]. Átha Cliath é o nome dun lugar que se refire a un punto de vao do río Liffey nas inmediacións da estación de Heuston, posteriormente aplicouse o nome a un mosteiro cristián que se cre que estivo situado na zona da rúa Aungier, actualmente ocupado pola igrexa carmelita da rúa Whitefriar. Debido á súa lonxitude, o nome irlandés de Dublín adoita abreviarse como BÁC.
Historia
editarOrixes
editarO primeiro asentamento preto deste lugar remóntase a máis de cinco mil anos. A Cristiandade chegou con San Patricio no ano 432 d. C. e comezou así unha idade dourada do catolicismo irlandés que produciu obras de arte relixiosa tan magníficas coma o Book of Kells ("Libro de Kells"), que hoxe en día pode verse no Trinity College.
Con todo a orixe da cidade moderna está nun enclave viquingos establecido no ano 841, os viquingos consolidaron a súa presenza coa vitoria na batalla de Dublín no ano 919. Os viquingos foron finalmente superados polos clans gaélicos na Batalla de Clontarf en 1014, pero a súa influencia aínda permanece en topónimos coma "Howth", que procede do nórdico hovud (que significa "promontorio"), ou "Leixlip", do nórdico laxlep (que significa "salto de salmóns").
O dominio inglés
editarOs seguintes invasores foron os anglonormandos, enviados polo rei Henry II ("Henrique II"). Liderados polo conde de Pembroke, máis coñecido como Strongbow ("forte nó"), chegaron ao Condado de Wexford en 1169. Dublín pronto foi derrotada pola potencia das súas tropas e os normandos axiña se dispuxeron a modificar a faciana da vila. O rei garantiulle á cidade un foro en 1171 e estableceu a súa corte aquí. Os edificios sobreviventes máis antigos da cidade datan desta época, incluíndo Christ Church (a igrexa de Cristo), Saint Patrick's Cathedral (a catedral de San Patricio) e partes do Dublin Castle (Castelo de Dublín). Porén, debido ó feito de que a madeira era a materia prima principal para as súas construcións, restan moi poucos edificios orixinais conservados que se poidan ver hoxe en día.
Os costumes e a lingua dos ingleses prevaleceron na cidade e na súa contorna, nunha zona que se deu en chamar Pale, pero os potentados irlandeses influían en todas partes (dando lugar á expresión beyond the Pale, "alén do Pale"). Contra 1542, o rei Henry VIII (Henrique VIII) autoproclamouse rei de Irlanda e Inglaterra, e a Reforma chegou a Irlanda. Por volta do ano 1592, fundouse o College of the Holy and Undivided Trinity of Queen Elizabeth ("Colexio da Indivisa e Sagrada Trindade da raíña Sabela") en terreos expropiados polo priorado de All Hallows ("Tódolos Santos"). Comunmente coñecido coma Trinity College, este centro protestante de ensino desenvolveu unha ilustre tarefa na historia de Dublín durante os últimos catro séculos.
Co rei Charles I (Carlos I) destronado e a monarquía inglesa abolida, Oliver Cromwell chegou a Dublín cun enorme exército en 1649, iniciando unha época especialmente salvaxe e sanguenta na historia de Irlanda. Trala restauración da monarquía en 1660, Dublín comezou a adoptar a forma coa que a coñecemos agora. Dispuxéronse Saint Stephen's Green e Phoenix Park (a Praza de santo Estevo e o Parque Fénix) e erixíronse moitos edificios públicos significativos coma o Royal Hospital (Hospital real) en Kilmainham, agora Museum of Modern Art (Museo de arte moderna).
Contra 1685, o rei católico James II (Xaime II) asentábase no trono e Irlanda axiña se converteu no campo de batalla para unha guerra relixiosa que involucrou á maioría das forzas máis poderosas de Europa. En 1690, o rei James perdeu na batalla do Boyne contra o protestante William de Orange (Guillerme de Orange) quen se converteu en rei. Os católicos sufriron os efectos das Penal Laws (Dereito penal protestante), a cultura gaélica converteuse en clandestina e sentáronse os alicerces para a loita contra os ingleses pola autonomía irlandesa.
Durante o século XVIII iniciouse unha época dourada para Dublín, onde a cidade floreceu tanto física coma culturalmente. Parliament House (o Parlamento) que agora é o Bank of Ireland (Banco de Irlanda), Custom House (a Alfándega), Mansion House, Four Courts e Marsh's Library (Biblioteca Marsh) construíronse todos durante este período. Jonathan Swift, o autor de Gulliver's Travels ("As viaxes de Gulliver") volveu á cidade en 1713 para converterse no Deán da Saint Patrick's Cathedral, e o músico Händel estivo en Dublín en 1742 para dirixir a primeira representación do seu "Mesías".
O xurdimento do nacionalismo
editarLogo veu un século de revoltas políticas. Daniel O'Connell axudou a conseguir a emancipación do catolicismo en 1829 e, xa que se desenvolveu unha clase media católica, Dublín comezou a converterse nunha cidade irlandesa distinta. A cidade logrou escapar ós peores efectos da "epidemia da pataca" que decimou a unha boa parte de Irlanda na década de 1840 e axiña se espallou grazas ós inmigrantes que afluían do rural circundante. No entanto, o efecto da epidemia no campo en conxunto foi devastador: dunha poboación total de oito millóns e medio, aproximadamente un millón morreron de inanición e emigraron arredor dun millón e medio, principalmente a Gran Bretaña e Norteamérica. A epidemia serviu para aumentar os sentimentos antibritánicos e unha abortada rebelión por parte da Irish Republican Brotherhood (Irmandade republicana irlandesa) en 1868 levou a esixir o Irish home rule (Dereito civil irlandés). O caso da autonomía irlandesa foi levado ó parlamento inglés de Westminster polo líder protestante Charles Stewart Parnell. Porén, Parnell morreu en 1891, pero o seu lugar político foi ocupado por dous movementos culturais: a Gaelic League (Unión gaélica), que se estableceu para revitalizar a lingua irlandesa, e o rexurdimento literario irlandés. William Butler Yeats desenvolveu un papel central na reconstitución do orgullo nacional coa fundación do Abbey Theatre (Teatro Abbey) en 1904, dando prominencia a dramaturgos coma Sean O'Casey e J. M. Singe. Este nacionalismo cultural desembarcou nun nacionalismo político coa creación do Sinn Féin ("Nós mesmos"), un movemento político que avogaba polo boicot do parlamento inglés. Co Reino Unido ocupado na primeira guerra mundial, o Sinn Féin organizou a ocupación de varios edificios estratéxicos por todo Dublín, e declarou a República de Irlanda dende a súa sede central na General Post Office (Oficina central de correos) o luns de Pascua de 1916.
Tras seis días de loita vinte mil efectivos das forzas británicas conseguiron abortar o Alzamento de Pascua, e executaron 15 dos capitáns rebeldes. Xurdiu unha onda de simpatía pública e o Sinn Féin asegurouse unha vitoria aplastante nas eleccións de 1918. Axiña se seguiu unha guerra de independencia entre os exércitos británico e republicano irlandés e, tras dous anos de loita, Michael Collins asinou un tratado en 1921 do que resultou a creación do Estado Libre de Irlanda, que abranguía a 26 dos 32 condados insulares. Os outros seis condados déronse en chamar Irlanda do norte e permaneceron dentro do Reino Unido. Collins dixo daquela que estaba asinando a súa sentenza de morte e o ano seguinte demostrouse que tiña razón. O tratado provocou a división entre diferentes faccións dentro do Sinn Féin e estoupou unha amarga Guerra civil que durou un ano e implicou a destrución de boa parte da cidade. Éamon de Valera gañou a loita polo control político do novo estado e comezou un período de conservadorismo político que durou ata o final da década de 1950.
Irlanda independente
editarIrlanda declarouse república en 1949, pero non foi ata finais da década de 1960 cando Dublín comezou a expandirse cara a fóra. De Valera retirouse para asumir o posto honorífico de Presidente de Irlanda mentres que o novo Taoiseach (Primeiro ministro) Sean Lemass tomou posesión e comezou o proceso de modernización e industrialización do país. Quizais o momento máis definitorio da historia recente de Dublín foi a entrada de Irlanda na CEE en 1973.
Irlanda transformouse nos últimos trinta anos dun país predominantemente agrícola a unha economía industrial vibrante. Dublín é hoxe en día unha moderna capital europea que presume dunha poboación nova e ben preparada, atractiva para moitos investimentos estranxeiros. A igrexa e o goberno veñen distanciándose cada vez máis como evidencia o resultado do referendo de 1995 a favor do divorcio, e a flexibilización das leis relativas á homosexualidade ou ó aborto.
As iniciativas gobernamentais para estableceren o International Financial Services Centre ("Centro de servizos financeiros internacionais") no corazón da cidade tivo éxito dabondo para atraeren moitos dos maiores bancos de investimento mundiais e Dublín agora se sitúa como un importante centro financeiro. Irlanda tamén é punteira en tecnoloxía da información e electrónica, e Dublín converteuse nun importante centro europeo para a produción de programas informáticos. O progreso económico dos últimos dez anos foi sorprendente, e o "tigre celta" agora ten unha renda per cápita superior á de Gran Bretaña por primeira vez na historia de Irlanda. Porén, este proceso de modernización trouxo problemas ademais de beneficios. Prosperou unha cultura da droga e do crime organizado paralelamente ó resto da economía, malia a loita levada a cabo polo goberno.
Conducir pola cidade habitualmente ten lugar a unha velocidade que está entre lenta e nula. Inda así, Dublín por fortuna conserva boa parte da calidez e grandiosidade da época xeorxiana. Para unha cidade cunha poboación de case un millón de habitantes, permanece compacta e encantadora, e os lugares de interese están a unha distancia dabondo como para dar un paseo. Este factor, xunto coa súa rica tradición literaria e a reputación de exuberancia moza e de amistosa benvida, converteuna nun dos destinos turísticos favoritos en todo o mundo.
Topónimos de Dublín
editar1 centro norte | Abbey St., Amiens St., Capel St., Dorset St., Henry St., Mountjoy St., Nort Wall, O'Connell St., Parnell Sq., Summerhill, Talbot St. |
2 centro sur | Baggot St. Lr., College Gr., Dawson St., Fitzwilliam Sq., Harcourt St., Kildare St., Lord Edward St., Merrion Sq., Mount St. Upr. & Lr., Nassau St., Pease St., St. Stephen's Gr., Sth. Gt. Georges St. |
3 norte | Ballybough, Cloniffe, Clontarf, Dollymount, East Wall, Fairview, Marino |
4 sur | Ballsbridge, Baggot St. Upr., Donnybrook, Irishtown, Merrion, Pembroke, Ringsend, Sandymount |
5 norte | Artane, Coolock, Hammonstown, Raheny |
6 sur | Dartry, Ranelagh, Rathmines, Rathgar, Sandford, Terenure Rd. E |
6W sur | Domvilles, Willington, Rossmores, Glendowns, Kimmage Rd. Lr., Wainsfort, Harold's Cross Rd., Terenure Rd. N & W |
7 norte | Arbour Hill, Cabra, Philsboro, Four Courts |
8 sur | Dolphins's Barn, Inchicore, Island Bridge, Kilmainham, Merchant's Quay, Portobello, S. C. R., The Coombe |
9 norte | Beaumont, Drumcondra, Elm Mount, Griffith Avenue, Santry, Whitehall |
10 sur | Ballyfermot |
11 norte | Ballygall, Cappagh, Cremore, Dubber, Finglas, Jamestown, Kilshane, Wadelai; |
12 sur | Bluebell, Crumlin, Drimnagh, Walkinstown; |
13 norte | Baily, Baldoyle, Bayside, Donaghmede, Sutton, Howth; |
14 sur | Churchtown, Dundrum; Goatstown, Roebuck, Windy Arbour; |
15 norte | Blanchardstown, Castleknock, Clonee, Clonsilla, Corduff, Mulhuddart, Porterstown; |
16 sur | Ballinteer, Cruagh, Edmundstown, Kilmashoge, Knocklyon, Rockbrook, Whitechurch; |
17 norte | Belcamp, Balgriffin, Clonshaugh, Priorswood, Darndale, Riverside; |
18 sur | Ballyongan, Cabinteely, Carrickmines, Cornelscourt, Foxrock, Kilternan, Sandyford, |
20 sur | Chapelizod, Palmerstown; |
22 sur | Bownogue, Clondalkin, Neilstown; |
24 sur | Bohernabreena, Firhouse, Jobstown, Kilnamanagh, Oldbawn, Tallaght; |
Dublín exterior sur 1 | Booterstown, Williamstown, Seapoint, Salthill, Monkstown, Mount Merrion, Blackrock, Stillorgan, Kimacud, Deans Grange, Newtown Park; |
Dublín exterior sur 2 | Sandycove, Mounttown, Sallynoggin, Galsthule, Dun Laoghaire, Gleangeary, Kill-O-The-Grange, Dalkey, Killliney, Ballybrack; |
St.=Street, Sq.=Square, Gr.=Green, Lr.=Lower, Upr.=Upper, Sth.=South, Rd.=Road
Etimoloxía dos topónimos de Dublín
editarNos topónimos mencionados da capital irlandesa, hai certas reitaracións que cómpre mencionar:
- A forma Sand-, que significa "area" ou "areal": Sandymount (4), Sandford (6), Sandyford (18), Sandycove (D.E.S.2) e quen sabe se Santry (9).
- O inicio coa forma Ball(y)-, coma en Ballybough (4), Ballyfermot (10), Ballygall (11), Ballinteer (16), Ballyongan (18), Ballybrack (D.E.S.2) e posiblemente tamén Ballsbridge (4), Baldoyle (13) e Balgriffin (17): en inglés ball significa "bóla".
- O final coa terminación -try, coma en Santry (9) e Dartry (6).
- A terminación xenérica (moitas veces fosilizada na ortografía) -gh, que non é máis cá a transcrición inglesa dun son gaélico: Ranelagh (6), Philsboro[ugh] (7), Cappagh (11), Drimnagh (12), Donaghmede (13), Cruagh (16), Clonshaugh (17), Kilnamanagh (24) e Tallaght (24).
- O final en -ore de Rossmores (6W), Inchicore (8), Cremore (11), ¿Philsboro (7)? etc.
- O inicio con Kil- coma en Kilmainham (8), Kilshane (11), Kilmashoge (16), Kilternan (18), Kilnamanagh (24), Kimacud (D.E.S.1), Killliney (D.E.S.2) e Kill-O-The-Grange (D.E.S.2), existente en toda Irlanda e utilizado tamén para Kildare St. (2).
- O remate en -f coma en Cloniffe (3), Clontarf (3) ou Corduff (15).
- O comezo mediante Clo- coma en Cloniffe (3), Clontarf (3), Clonee (15), Clonsilla (15) ou Clonshaugh (17), Clondalkin (22).
- O comezo con Rath-, coma en Rathmines ou Rathgar (e posiblemente Ranelagh), coincidindo todos xuntos no distrito 6.
Inda que non é totalmente fiable a ortografía e habería que facer unha análise contemplando as variedades dialectais na pronuncia destes topónimos, estas xeneralizacións poden tomarse inicialmente como válidas partindo da base de que tanto o inglés coma o gaélico escriben con ortografías moi conservadoras e conservan na escrita trazos fonéticos que pode que xa estean perdidos. Os resultados máis visuais deste primeiro estudo xorden dos formantes prefixais Sand[y] ou Bal[ly] probablemente xermánicos e Clo- ou Kil- posiblemente célticos. Entre os nomes que poderían soar familiares para un oído estranxeiro poden distinguirse Marino (3), Cabra (7), ¿Clonsilla (15)?, Portobello (8), e do francés Beaumont (9) ou Belcamp (17).
Política
editarGoberno nacional
editarO Parlamento Nacional da República de Irlanda, chamado en irlandés os Oireachtas, consiste no Presidente de Irlanda e dúas cámaras, Dáil Éireann (a Cámara de Deputados ou Representantes) e o Seanad Éireann (Senado). Os tres teñen a súa sede na cidade. O Presidente de Irlanda vive en Áras an Uachtaráin, antiga residencia do Gobernador-Xeral do Estado Libre Irlandés, situada dentro dun dos parques máis grandes de Europa, o Phoenix Park, só 10 km² máis pequeno que o Richmond de Londres, pero maior que o Central Park de Nova York. As dúas cámaras dos Oireachtas teñen a súa sede en Leinster House, antigo palacio ducal ao sur da cidade, dende a creación do Estado Libre Irlandés o 6 de decembro de 1922.
Goberno local
editarA cidade está gobernada polo Dublin City Council ou Comhairle Cathrach Bhaile Átha Cliath en irlandés (anteriormente denominado Dublin Corporation ou Bardas Bhaile Átha Cliath), que é presidido polo Lord Mayor de Dublín, que é elixido anualmente e que reside na Mansion House (en irlandés Teach an Ardmhéara). O Dublin City Council ten dúas sedes: a principal é o Dublin City Hall (Halla na Cathrach en irlandés e antigamente Royal Exchange), construído entre 1769 e 1779; ademais, o Dublin City Council foi adquirindo moitos dos terreos que compuñan o Wood Quay en distintas fases entre 1950 e 1975 para finalmente anunciar que sería o lugar elixido para as súas novas oficinas, levantando unha gran polémica, xa que a construción das mesma suporía a destrución dun dos lugares máis emblemáticos da cidade.
O Concello é unicameral e consta de 52 membros electos cada cinco anos a partir das elecciónss municipais. O partido ou coalición de partidos coa maioría dos asentos, é o que decide quen senta na comisión, as políticas a seguir, e quen é o "Lord Mayor". O Concello está presidido polo Presidente da Cámara e ten un orzamento anual destinado á xestión do tráfico, o lixo, planificación etc. O Dublin City Manager é responsable da execución das decisións da Cámara Municipal. As Reunións do Consello teñen lugar na sede do Dublin City Council, a antiga Royal Exchange, retomado para o uso do goberno da cidade en 1850.
O actual Lord Mayor é Gerry Breen, pertencente ao Fine Gael.[9] No 2008, o Goberno anunciou plans para unha reforma no goberno local que incluían plans para a elección dun alcalde con poderes executivos. O Ministro de Medio Ambiente John Gormley dixo que o novo alcalde debería conseguir un goberno local máis eficiente para os cidadáns da capital.[10] O plan incluía tamén plebiscitos locais, presuposto participativo, entre outras medidas.[11] Aínda que se publicou un proxecto de lei para lograr os trocos en outubro do 2010,[12] a nova lei non completara o seu paso polo Oireachtas cando o Partido Verde deixou o goberno, propiciando as eleccións xerais a principios do 2011.[13]
Composición actual da cámara municipal
editarLogo das eleccións municipais irlandesas do 2019, a composición da cámara municipal de Dublín quedou conformada do seguinte xeito:
Imaxe | Partido | Escanos | ||
---|---|---|---|---|
Goberno | Fianna Fáil | 11 | ||
Partido Verde (Green Party) | 10 | |||
Partido Laborista (Labour Party) | 8 | |||
Social Democrats | 5 | |||
Oposición | Fine Gael | 9 | ||
Sinn Féin | 8 | |||
Solidarity–People Before Profit | 2 | |||
Independents 4 Change | 1 | |||
Independent Left | 1 | |||
Independentes | 8 |
Clima
editarDublin posúe un clima temperado marítimo, caracterizado por invernos suaves e veráns frescos, sen temperaturas extremas. Con todo, contrariamente á crenza popular, Dublin non ten unha pluviosidade moderada, recibindo a metade das precipitacións que se recollen no Oeste de Irlanda. A capital irlandesa ten menos días de choiva de media que Londres. As temperaturas máximas oscilan entre os 7.6 °C de media en xaneiro e os 18.9 °C de media en xullo e as mínimas entre os 2.5 °C de media nos meses de xaneiro e febreiro e os 11.4 °C de media no mes de xullo. Nos últimos anos superáronse as temperaturas medias históricas, por exemplo os 31 °C en xullo do 2006, 12 °C máis elevada que a máxima temperatura de media rexistrada historicamente. Os meses máis fríos adoitan ser xaneiro, febreiro e marzo, se ben o inverno do 2009-2010 foi o máis frío dende 1963, rexistrando unha temperatura mínima histórica de -12.4 °C no Aeródromo de Casement. Os meses con máis días soleados de media son maio e xuño.
O mes máis húmido de media é decembro, co, 76 mm de choiva, mentres que o mes máis seco é febreiro, con 50 mm. A precipitación total media anual (e outras formas de precipitación) é 732,7 mm, inferior a Sydney, Nova York e mesmo Dallas. Debido a estar situada nunha latitude norte, Dublín ten preto de 19 horas de luz no verán, e nove horas no inverno.Os ventos fortes achegados polas borrascas atlánticas poden afectar á capital irlandesa, mais xeralmente con menor intensidade que noutras partes de Irlanda. Os ventos mais fortes son máis frecuentes durante os meses de inverno, podéndose rexistrar en calquera momento, especialmente entre outubro e febreiro. Durante un dos últimos temporais rexistráronse ventos de ata 151 km/h no Aeródromo de Casement o 24 de decembro de 1997.
Aeroporto de Dublín (74 msnm) (1961-1990) | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Ano |
Temperatura máxima absoluta (°C) | 16,6 | 15,3 | 21.3 | 20.5 | 23.4 | 25.1 | 27.6 | 28.7 | 23.9 | 21.2 | 18.0 | 16.2 | |
Temperatura media máxima (°C) | 7.6 | 7.5 | 9.5 | 11.4 | 14.2 | 17.2 | 18.9 | 18.6 | 16.6 | 13.7 | 9.8 | 8.4 | |
Temperatura media diaria (°C) | 5.0 | 5.0 | 6.3 | 7.9 | 10.5 | 13.4 | 15.1 | 14.9 | 13.1 | 10.6 | 7.0 | 5.9 | |
Temperatura mínima absoluta (°C) | -9.4 | -6.2 | -6.7 | -3.7 | -1.0 | 1.5 | 4.8 | 4.1 | 1.7 | -0.6 | -3.4 | -10.1 | |
Precipitacións (mm) | 69.4 | 50.4 | 53.8 | 50.7 | 55.1 | 56.0 | 49.9 | 70.5 | 66.7 | 69.7 | 64.7 | 75.6 | |
Fonte: Met Éireann |
Transporte
editarDublín conta cunha ampla rede de transporte público operado por diversos operadores de transporte, a maior parte parte dos cales son entidades estatais ou "case estatais".
Transporte ferroviario
editarO tren metropolitano DART (Dublin Area Rapid Transit), que percorre a cidade dende Malahide ao norte ata Greystones, e un dos ferrocarrís máis empregados. Tamén os trens lixeiros Luas (denominados así pola palabra irlandesa de velocidade), que funcionan dende o 2004 e que consta de dúas liñas (vermella e verde), van gañando popularidade entre a poboación das zonas polas que circula. Dende o 2006 está programada a creación dun metro dentro do plan do goberno irlandés de 2005 Transport 21, do cal se planearon dúas liñas para servir ao norte e ao oeste da cidade, xa que o sur e o leste se encontran atendidas actualmente polo Luas e o DART respectivamente, e está previsto que a cuarta e última fase se finalice no 2014
Ademais de todos estes sistemas ferroviarios metropolitanos, a capital irlandesa conta cunha rede ferroviaria que a conecta con outras cidades importantes do resto do país e Irlanda do Norte. As principais estacións ferroviarias son as de Heuston Station, Dublin Connolly e Docklands.
Transporte aéreo
editar- Artigo principal: Aeroporto de Dublín.
Dublín conta co maior aeroporto da República de Irlanda e de toda a Illa, e o 23º aeroporto de maior tránsito de Europa. Está situado a 10 km ao norte do centro da cidade na localidade de Collinstown (Fingal) e conta con accesos en autobús e coche. Este aeroporto conecta a capital irlandesa con outras cidades da Illa e cun bo número de destinos internacionais en Europa, América do Norte, Áfica e Oriente Medio principalmente. A ruta a Londres dende este aeroporto é o corredor aéreo máis transitado da Unión Europea.[14]
Demografía
editarA Cidade de Dublín é a área administrada polo Dublin City Council, mais o termo "Dublin" refírese xeralmente á área urbana contigua que inclúe partes dos concellos limítrofes de Dun Laoghaire-Rathdown, Fingal e South Dublin. Ademais, as catro áreas do tradicional Condado de Dublín. Esta área é coñecida tamén como Dublin Region. A poboación da área administrativa do City Council era de 505.739 no censo do 2006[15], cando a poboación da área urbana era de 1.045.769. A poboación do Condado de Dublín era de 1.186.159, e a do Gran Dublín de 1.661.185[15]. A poboación da cidade aumenta rápido, e estímase que contra o 2020 podería superar os 2,1 millóns de habitantes.[16]
Dende finais da década dos noventa do século XX, Dublín experimentou un significativo aumento da inmigración, xeralmente de cidadáns doutros países da Unión Europea, especialmente Reino Unido, Polonia e Lituania.[17] Tamén hai un número importante de cidadáns non europeos, especialmente da China e Nixeria (chegando a coñecerse unha zona do Dublín central como Little Africa).[18] Ademais hai un importante índice de inmigración interna de cidadáns doutros puntos do país que se instalan na capital.
Deporte
editarNa cidade de Dublín atópanse as sedes de tódalas federacións deportivas nacionais da República de Irlanda. No ano 2010 foi designada Capital Europea do Deporte.
Na capital irlandesa atópase o terceiro estadio con maior capacidade de Europa, Croke Park, propiedade da GAA e cunha capacidade para 82.300, sendo superado unicamente polo Camp Nou de Barcelona (99.354 espectadores) e polo Wembley Stadium de Londres (90.000 espectadores). Croke Park é un estadio adicado á práctica dos deportes gaélicos, se ben excepcionalmente foi empregado para a práctica do rugby e do fútbol durante o tempo que tardou en construírse o novo Landsdown Road ou Aviva Stadium (cunha capacidade para 51.700 espectadores e que foi sede da final da UEFA Europa League no 2011) en substitución do vello Lansdowne Road, construído en 1872 e cunha capacidade para 48.000 espectadores (36.000 espectadores todos sentados). Tanto Croke Park como o Aviva Stadium teñen acollido concertos multitudinarios como os de U2 (en 2005 e 2009) no primeiro ou os de Michael Bublé no segundo os días 24 e 25 de setembro do 2010.
Cidades irmás
editarDublín está irmandada coas seguintes cidades[19]:
- Barcelona, Cataluña (España)
- Liverpool, Inglaterra (Reino Unido)
- San José, California (Estados Unidos)
Predecesor: Glasgow |
Capital Europea da cultura 1991 |
Sucesor: Madrid |
Notas
editar- ↑ "Major Agglomerations of the World - Population Statistics and Maps". City Population. Consultado o 12 de decembro de 2020.
- ↑ "Regional Population Projections 2016 - 2031". Central Statistics Office. Consultado o 12 de decembro de 2020.
- ↑ Charnock (1859) p. 90
- ↑ MacBains, An Etymological Dictionary of the Gaelic Language
- ↑ MA New Scottish Gaelic / English Bidirectional Dictionary Incorporating Dwelly [1]
- ↑ "Dublin (Baile Átha Cliath): A Brief Guide". Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2011. Consultado o 12 de outubro de 2011.
- ↑ "Enciclopaedia Britannica 1911: Hurdle". Arquivado dende o orixinal o 10 de abril de 2010. Consultado o 12 de outubro de 2011.
- ↑ Clarke (1990) citando a John Ryan e o seu libro Pre-Norman Dublin de 1949, p. 64.
- ↑ "Meet the Lord Mayor". Arquivado dende o orixinal o 13 de marzo de 2011. Consultado o 10 de marzo de 2011.
- ↑ RTÉ - New Dublin mayor to control planning
- ↑ Elected mayors in plans for local
- ↑ "The Local Government (Dublin Mayor and Regional Authority) Bill 2010". Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2011. Consultado o 10 de marzo de 2011.
- ↑ Green Party withdraws from Government
- ↑ Dublin-London busiest air traffic route within EU Irish Examiner, 31 March 2003
- ↑ 15,0 15,1 "Facts about Dublin City.". Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2012. Consultado o 07 de maio de 2011.
- ↑ Call for improved infrastructure for Dublin
- ↑ "Dublin heralds a new era in publishing for immigrants". Guardian.co.uk. March 12, 2006.
- ↑ "Irish Economy Attracts Eastern European Immigrants Arquivado 22 de xullo de 2010 en Wayback Machine.". NPR: National Public Radio. August 8, 2006.
- ↑ "Dublin City Council". Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2012. Consultado o 07 de maio de 2011.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dublín |
A Galipedia ten un portal sobre: Irlanda |