As Cruces, Sobrado

lugar das parroquias de Cumbraos e Grixalba, no concello de Sobrado

As Cruces é un lugar do concello coruñés de Sobrado, que forma parte de dúas parroquias: Cumbraos e Grixalba.[1] Segundo o IGE, en 2019 a parte de Cumbraos tiña 37 habitantes (18 homes e 19 mulleres), mentres a de Grixalba tiña 32 habitantes (17 homes e 15 mulleres).

As Cruces

Capela de San Roque
ParroquiaCumbraos, Grixalba
ConcelloSobrado
Coordenadas43°04′42″N 8°00′46″O / 43.078369, -8.012833
Poboación71 hab. (2018)
editar datos en Wikidata ]

A localidade, asentada nunha antiga e importante encrucillada de camiños, é atravesada polo Camiño de Santiago, concretamente unha das variantes do Camiño do Norte. Até o comezo do século XXI celebrouse nela unha significativa feira tradicional.

Toponimia

editar
 
Peto de ánimas nas inmediacións das Cruces e da Torre.

O topónimo As Cruces faría referencia, segundo algún autor,[2] ás moitas cruces que se xuntaban nas ladaíñas dunha ermida da parroquia de Cumbraos, mencionadas por Jerónimo del Hoyo nas súas Memorias del Arzobispado de Santiago do primeiro cuarto do século XVII.[2] No entanto, outros autores consideran que proviría da importante encrucillada de antigos camiños sobre a cal asenta a localidade.[3][4]

Historia

editar

Nas Cruces estivo a casa do concello, polo menos durante a década de 1910 e até o 15 de febreiro de 1920, cando se estabeleceu o seu traslado a Sobrado.[5]

Contra 1990, o párroco de Cumbraos trasladou para as Cruces a capela de San Roque que se achaba no inmediato lugar da Torre. Antigamente esta capela estaba situada no tamén inmediato monte da Corda, xa na parroquia da Ciadella, onde aínda se conserva un cruceiro denominado Cruceiro da Corda.[6]

Demografía

editar
 
Casas da dereita e do fondo á esquerda pertencentes a Grixalba.

En 1780, a parte de Cumbraos tiña 9 veciños e 38 almas, mentres a de Grixalba 4 veciños e 18 almas, sumando deste xeito un total de 13 veciños e 56 almas.[7] Estes mesmos datos son os que aparecen en 1847 no Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz.[8]

No censo de 1887, en Cumbraos e Grixalba contaba 43 e 25 habitantes de feito respectivamente, 68 en total; e 43 e 28 habitantes de dereito, 71 en total.[9]

Xa nos últimos anos do século XX e segundo o padrón municipal, en 1999 tiña 40 habitantes en Cumbraos e 54 en Grixalba, 94 en total;[10] mentres no ano 2000 en Cumbraos tiña 41 e en Grixalba 56, en total 97.[11]

Evolución demográfica no século XXI
2001 2002 2003 2004 2005 2006 2007 2008 2009 2010
Cumbraos 41 43 40 39 41 40 41 41 41 41
Grixalba 49 49 48 50 51 53 51 50 51 51
Total 90 92 88 89 92 93 92 91 92 92
2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020
Cumbraos 41 42 42 42 40 39 37 35 37
Grixalba 50 47 50 49 47 47 37 36 32
Total 91 89 92 91 87 86 74 71 69
Fonte: IGE (padrón municipal)[12]
 
As Cruces na Carta Xeométrica de Galiza de Domingo Fontán (1845).
 
Feira das Cruces en 1943.[a]

As Cruces tiña unha importante feira que se celebraba o día 13 de cada mes. Era unha das feiras antigas de Galiza[14][b] e, igual ca outras feiras galegas, a súa data no calendario remóntaa a unha época en que a superstición do número 13 debía ser allea á cultura galega.[16] A ela viñan xentes de longas distancias, coma os ferreiros do val do Eo.[17] Dispuña de todo tipo de gado (bovino, porcino, ovino, cabrún, cabalar, mular, avícola) e comestíbeis (froitas, ovos, queixos, pan, manteiga etc.), á parte de teas, ferraxes e outras mercadorías.

Deste xeito, figura por exemplo no Catastro de Ensenada (1752)[18] ou na Descripcion economica del Reyno de Galicia de Lucas Labrada (1804).[19] Aparece tamén nos principais dicionarios xeográficos españois do século XIX, isto é, no Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal de Sebastián Miñano (1826),[20] no Diccionario geográfico universal (1831)[21] e no Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz (1845).[22][23]

 
Vista aérea das Cruces un día de feira (13 de marzo de 1985).

Así mesmo, o lugar das Cruces aparece como feira na Carta Xeométrica de Galiza de Domingo Fontán, tanto na minuta manuscrita de 1834[24] como na edición gravada de 1845.[25][c] O propio Fontán divisou a «feira das Cruces» o 14 de setembro de 1822 desde unha das «penas cónicas» dos montes do Bocelo.[27]

Fala da importancia desta ancestral feira o feito de o seu posterior esmorecemento contribuír ó declive dos camiños históricos que se dirixían cara a alí.[28] Adicionalmente, a feira tornouse tan multitudinaria que cumpriu realizar unha segunda o día 27 de cada mes.[29] Por outra banda, a feira tamén deu o paso á tradición oral, achándose nalgunha lenda como a procedente de Pedrouzos recolleita polo Seminario de Estudos Galegos,[30] e á literatura, sendo mencionada en Terra brava. Contos da solaina (1955) de Ánxel Fole.[31]

En decembro de 1951 o alcalde estabeleceu que a feira do 27 pasase a se celebrar en Sobrado. Isto non gostou ós veciños das Cruces, que o 28 de maio de 1954 solicitaron ó ministro da gobernación a revogación do traslado, aínda que sen éxito.[32]

A feira deixou de se celebrar a comezos do século XXI.[33] Para a rememorar, o 13 de agosto de 2019 celebrouse unha nova edición.[34]

Vías de comunicación

editar

As Cruces foi desde antigo un considerábel nó de comunicacións, a través do cal se distribuían os camiños na zona e onde se conformaba unha importante encrucillada de camiños de longo percorrido. Isto é corroborado pola toponimia[3] e a cartografía histórica.[35]

 
As Cruces na Carta geométrica de Galicia con el trazado de ferro-carriles y carreteras kilometradas (1917).

Actualmente é atravesada pola AC-231, a súa principal vía de comunicación.[36] Esta estrada comunica o lugar en dirección ó norte con Teixeiro (Curtis) e A Castellana (Aranga), onde parte da N-VI, mentres en dirección ó sur con Sobrado, onde conecta coa AC-934 que prosegue até As Corredoiras. O seu paso polas Cruces estaba pensado desde o final do século XIX e durante o principio do XX.[37][38][39] Foi construída seguindo o trazado do camiño real que conectaba Sobrado con Ponte Aranga[40] e desde 1909 até aproximadamente 1916 realizouse o tramo Teixeiro-Sobrado.[41][42]

A seguinte vía en importancia é a DP-8001, que inicia o seu percorrido directamente nas Cruces, na propia AC-231.[36] Coñecida coma a estrada das Cruces á Pena Branca,[43] diríxese cara ó nordeste, atravesando a parroquia de Grixalba, até empatar na serra da Cova da Serpe coa LU-P-2302 que prosegue até Guitiriz. Foi construída de xeito progresivo en varias fases, entre 1962 e os primeiros anos da década de 1970, a partir do denominado «camiño real» polos veciños e «camiño de ferradura» polo Madoz.[44] Este camiño era en realidade un tramo que formaba parte do histórico e ancestral camiño de Compostela a Viveiro e mais a Ribadeo, por Vilalba e Mondoñedo, o cal estaba posibelmente conectado coa vía cantábrica mencionada no Anónimo de Rávena e foi posteriormente empregado coma Camiño de Santiago.[45] En 2015, após anos en proxecto e trala expropiación dunha vivenda tradicional no ámbito urbano das Cruces, procedeuse ó seu derrubamento e á mellora e ampliación do trazado do comezo da estrada.[43][46][47][48] Noutras dúas fases realizadas nos anos seguintes tamén se ampliou o resto da estrada.[49][50][51][52]

Outro importante e antigo camiño de longa distancia que pasaba tamén polas Cruces era o que ía de Betanzos a Portomarín. Desde Filgueira de Barranca e tras discorrer polas igrexas de Xabriño e Santaia (nas parroquias de Fisteus e Curtis), chegaba ás Cruces pola liña de cumios do monte da Corda, para proseguir cara ós montes do Corno do Boi.[53] Era o camiño principal da comarca ―Présaras―.[54] Precisamente, José Crame, o primeiro enxeñeiro xefe a cargo do camiño real de Galiza á Coruña, a primitiva N-VI, propuxo entre 1762 e 1763 que este se executase do porto de Padornelo a Portomarín e de alí á Coruña, co obxectivo de aproveitar infraestruturas e evitar puntos de difícil acceso. Foi substituído sen explicación ningunha xa que a intención da coroa era que o camiño fose máis ó norte.[55]

Quer o camiño de Betanzos a Portomarín, quer o camiño de Compostela a Ribadeo, que se cruzaban nas Cruces, terían orixe romana.[56] Deste xeito, segundo algúns autores tamén pasaría polo lugar unha controvertida calzada romana de carácter militar: a vía XX, tamén chamada per loca maritima, do Itinerario de Antonino.[57][58][59][60] Así mesmo, outra vía transversal procedente da zona de Iria Flavia conectaría nas Cruces coa XX proseguindo cara á costa norte.[58][61][56] Foi posibelmente por estas dúas vías por onde os viquingos, na súa incursión de 968-970, chegaron ó mosteiro de Curtis para o destruír. Após se internaren en Galiza pola ría de Arousa e chegaren a Compostela, probabelmente entroncaron co camiño á costa norte e unha vez nas Cruces continuaron pola vía XX até Santaia de Curtis.[62]

Outro camiño real era o que desde As Cruces chegaba até A Penalba, na parroquia de Nodar (Friol). Pasaba por Sante e, tras discorrer entre Vilasuso e A Armada, proseguía polo sur de Vilariño.[63] En realidade non remataba na Penalba, senón que continuaba para se dirixir cara a Lugo.[54] En 1978 foi asfaltado até Sante.[64] Segundo algún autor, compartiría parte do seu trazado co de Betanzos-Portomarín.[54]

Identificador Tipo Percorrido
 AC-231  Estrada da rede secundaria de Galiza A CastellanaTeixeiroAs CrucesSobrado
 DP-8001  Estrada da rede secundaria da Coruña As CrucesGuitiriz

Camiño de Santiago

editar
 
Camiño de Santiago por Grixalba no mapa do bispado de Mondoñedo (1764).
 
Panel informativo sobre o trazado.

As Cruces é unha localidade do Camiño de Santiago situada nunha das variantes do Camiño do Norte ou Ruta da Costa.[1]

No lugar de Toar en San Breixo de Parga (Guitiriz),[65] o Camiño do Norte galla para se dirixir unha variante ás Cruces e a outra a Sobrado. Así, o antigo camiño que chega ás Cruces, oficializado en 2014, faino após pasar polas parroquias guitiricenses de San Breixo de Parga, Parga, Vilar e as Negradas e tamén pola de Grixalba. Xa nas Cruces, vólvese dividir en dous gallos, un cara a Sobrado e o outro cara a Boimil (Boimorto) pola Ciadella e Vilariño (Vilasantar). Ámbolos tramos únense de novo coa variante de Sobrado procedente de Toar.[66][67]

O Camiño chega ás Cruces tras atravesar a parroquia de Grixalba pola DP-8001, mais desviándose polos lugares de Paraños, O Coto e Suavila. O trazado histórico evitaba estes lugares, axustándose máis á lóxica dos camiños de longo percorrido, mais nalgúns puntos está perdido. Este treito é sinalado coma «trazado con vestixios históricos».[68][69] Adicionalmente, tamén existía antano outra ruta que accedía a Grixalba polo lugar de Codesoso do Monte no canto de pola futura DP-8001 e que procedía de Paradela, na contigua parroquia de Foxado (Curtis).[70] O concello de Curtis, malia ter proposto e sinalizado o Camiño de Santiago polo seu territorio municipal, non ten en conta esta variante.[71][d]

Unha vez nas Cruces, antigamente os peregrinos decidían se se dirixir cara ó mosteiro de Sobrado ou cara ó santuario de San Pedro de Mezonzo. Para a segunda escolla proseguían cara á Ciadella, onde existía un hospital de peregrinos xunto á referida capela do monte da Corda.[6]


 
Localidade anterior:
Suavila, Grixalba, Sobrado
a 2,7 km
  Camiño de Santiago (Camiño do Norte)  
As Cruces
(581 msnm)
63,844 km á Catedral de Santiago de Compostela
   
Seguinte localidade:
 
Variante 1
A Ciadella, Sobrado
→ a 0,5 km
 
Variante 2
A Torre, Cumbraos, Sobrado
→ a 0,43 km

Galería de imaxes

editar

Cartografía

editar

Lugares e parroquias

editar

Lugares de Cumbraos

editar
Lugares da parroquia de Cumbraos no concello de Sobrado (A Coruña)

A Acivreira | A Aldea do Muíño | A Armada | O Camareiro | Carral | Casa Camiño | O Cepo | Cimadevila | As Cruces | A Cruz do Castro | Eirixe | A Fraga | Guisó | O Lago | A Medoña | O Outeiro | O Pereiro de Abaixo | O Pereiro de Arriba | A Portacal | Portocavado | Prevencidos | A Torre | Vila do Monte | Vilamor | O Vilar da Maceira | O Vilar

Lugares de Grixalba

editar
Lugares da parroquia de Grixalba no concello de Sobrado (A Coruña)

Adamonde | O Amenedo | Barrio | A Brixaría | O Casal de Abaixo | O Casal de Arriba | O Castro | Codesoso do Monte | Costoia | O Coto | As Cruces | Dombrete | Farlá | Guiximil | A Lagoa | A Laxe | Lousado | Orxás | Paraños | A Pena Grande | O Porto de Abaixo | Rañón | A Sabugueira | Sante | Santó | Suavila | A Uceira | Vilarchá | Vilariño | Vilasuso

Parroquias de Sobrado

editar
Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Sobrado

Carelle (San Lourenzo) | A Ciadella (Santa María) | Codesoso (San Miguel) | Cumbraos (San Xiao) | Folgoso (Santa Cristina) | Grixalba (San Xiao) | Nogueira (San Xurxo) | A Porta (San Pedro) | Pousada (San Mamede) | Roade (Santo André)

  1. Na fotografía pódese apreciar un camión que facía de autobús e de transporte de paquetes.[13]
  2. Segundo a Noticia de las ferias anuales y mensuales del Reino de Galicia do 20 de xuño de 1790, realizada após o secretario de Facenda Pedro López de Lerena dar orde en 1787 para coñecer tódalas feiras da coroa de Castela (en especial as de Galiza), a feira era de tradición antiga, sen privilexio real ningún e encabezada pola Real Facenda en 330 reais.[15]
  3. A minuta de 1834 e o gravado de 1845 da Carta Xeométrica de Galiza teñen abondosas diferenzas nos seus contidos. Fontán realizou unha serie de mudanzas que atinxiron os nomes xeográficos, a xerarquía das entidades de poboación, os límites administrativos, as estradas etc.[26]
  4. O Camiño de Santiago proposto e sinalizado polo concello de Curtis procede de Santa Mariña de Lagostelle (Guitiriz) e atravesa o municipio pasando por Paradela, O Castelo, Gorxá, Recareo, Santaia e A Penencia en dirección á Ciadella e Sobrado.[71]
Referencias
  1. 1,0 1,1 "Concello de Sobrado. Planos" (PDF). Delimitación do trazado e o ámbito vinculado ao Camiño Norte - Ruta da Costa (Informe). Xunta de Galicia. 2014. p. 4. Consultado o 6.4.2019. 
  2. 2,0 2,1 Cabanas López 2001, pp. 231-232.
  3. 3,0 3,1 Franco Maside, Rosa María (2004). "A microtoponimia como fonte para o estudio de vías romanas". En Santamarina Fernández, Antón; Álvarez Blanco, Rosario. (Dis)cursos da escrita. Estudos de filoloxía galega ofrecidos en memoria de Fernando R. Tato Plaza. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. pp. 291–314. ISBN 84-95892-24-3. 
  4. Malde 2010, p. 27 [no PDF].
  5. Cabanas López 2001, pp. 350, 355.
  6. 6,0 6,1 Fidalgo Santamariña 2012, p. 80.
  7. Cabanas López 2001, pp. 240, 249.
  8. Madoz, Pascual (1847). Cruces. Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar (en castelán) VII (Madrid). p. 176. 
  9. "Provincia de La Coruña". Nomenclátor de las ciudades, villas, lugares, aldeas y demás entidades de población de España en 1.º de enero de 1888 (en castelán). III: Ciudad Real á Gerona. Madrid. 1892. p. 140-141. 
  10. "Nomenclátor estatístico de Galicia. Ano 1999" (XLS). Instituto Galego de Estatística (IGE). 
  11. "Nomenclátor estatístico de Galicia. Ano 2000" (XLS). Instituto Galego de Estatística (IGE). 
  12. Nomenclátor estatístico de Galicia. Anos "2001" (XLS) ; "2002" (XLS) ; "2003" (XLS) ; "2004" (XLS) ; "2005" (XLS) ; "2006" (XLS) ; "2007" (XLS) ; "2008" (XLS) ; "2009" (XLS) ; "2010" (XLS) ; "2011" (XLS) ; "2012" (XLS) ; "2013" (XLS) ; "2014" (XLS) ; "2015" (XLS) ; "2016" (XLS) ; "2017" (XLS) ; "2018" (XLS)  e "2019" (XLS) . Instituto Galego de Estatística (IGE).
  13. IESP de Curtis (1998). Viaxe pola nosa cultura: Poemas e fotografías dunha época. 
  14. Otero Pedrayo, Ramón (1979) [1962]. Historia de Galiza. Arealonga II. Akal. ISBN 84-7339-428-3.  Citado en Cabanas López 2001, p. 109.
  15. López Pérez, María del Mar (2004). Ferias y mercados en Castilla al final del antiguo régimen (PDF) (en castelán). Universidade Complutense de Madrid. pp. 312, XVII [Anexos]. ISBN 978-84-669-2571-6. 
  16. Cabeza Quiles, Fernando (2000). Os nomes da terra: topónimos galegos. Noia: Toxosoutos. p. 415. ISBN 84-89129-97-5. 
  17. Abraira Pérez, Miguel A.; Bartolomé Abraira, Roberto; Pol Fernández, José M. (2006). "Un aspecto perdido do traballo tradicional do ferro no val do Eo: o mazo hidráulico" (PDF). Murguía. Revista Galega de Historia (Santiago de Compostela) (10): 56 [19 no PDF]. ISSN 1696-9197. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2019. Consultado o 06 de abril de 2019. 
  18. Cumbraos no Catastro de Ensenada (en castelán). 1752. p. 13. “[…] la feria que se zelebra el dia trece de cada mes en el lugar das Cruzes”.
  19. Labrada, Lucas (1804). Descripcion economica del Reyno de Galicia (PDF) (en castelán). p. 31. Y en el dia 13 de cada mes la hay en las Cruces de los mismos objetos [ganado vacuno, alguno caballar, cerdos, carneros, gallinas, manteca, quesos, y pan cocido]. 
  20. Miñano, Sebastián (1826). Cumbraos (San Julian de). Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal (en castelán) III (Madrid). p. 266. Hay en esta parroquia una feria que llaman de las Cruces de Sobrado, el dia 13 de cada mes, en que se venden caballerias, ganado vacuno, de cerda, lanar y cabrio, frutos, paños y telas, quincalla, comestibles. 
  21. Cumbraos (San Julian de). Diccionario geográfico universal (en castelán) II (Barcelona). 1831. p. 1192. Celebra feria el 13 de cada mes, llamada de las Cruces de Sobrado, para la venta de ganado caballar, lanar, cabrío y de cerda; de frutos, paños, telas, quincalla y comestibles. 
  22. Madoz, Pascual (1845). Arzua [part. jud.]. Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar (en castelán) II (Madrid). p. 613. En la parr. de San Julian de Cumbraos y Campo de las Cruces se celebra otro gran mercado el dia 13 con bastante concurrencia, y en donde se presenta la misma clase de frutos y efectos de que hicimos mérito en la de Arzua [ganado vacuno, caballar, mular y de cerda; granos y comestibles de varias clases; quesos, manteca, pollos, gallinas, huevos, frutas, lino, quincalla, paños, herrajes y otros varios efectos], bien que es mas abundante respecto al ganado lanar y cabrio : esta feria se denomina Cruces de Sobrado […] 
  23. Madoz, Pascual (1847). Cumbraos (San Julian de). Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar (en castelán) VII (Madrid). p. 283. […] en el mencionado l. de Cruces, se celebra el dia 13 de cada mes una feria bastante concurrida, en la que se benefician toda clase de ganado, paños, quincalla y comestibles. 
  24. Fontán, Domingo (facsímile de 1974) [1834]. Carta geométrica de Galicia (Mapa). Folla 8.
  25. Fontán, Domingo (1845). Carta geométrica de Galicia (Mapa). Folla 5.
  26. Álvarez Monterroso, M.ª del Carmen (2015). A parroquia galega a partir da “Carta Geométrica de Galicia” (PDF) (Tese). Universidade de Santiago de Compostela. p. 86. Consultado o 6.4.2019. [Ligazón morta]
  27. Hugo Brandalise, Vitor (14.9.2012). "La “peña cónica del Bocelo”". El primer rostro de Galicia (en castelán). Consultado o 6.4.2019. 
  28. Malde 2010, p. 24 [15 no PDF].
  29. Carré Aldao, Uxío (1980) [1928]. Geografía General del Reino de Galicia (en castelán) VI. Dirixida por Carreras i Candi, Francesc (2.ª ed.). p. 97. 
  30. Seminario de Estudos Galegos (1933). Terra de Melide. Santiago de Compostela. pp. 83–84.  Citado en González Reboredo, Xosé Manuel (2006) [1983]. Lendas galegas de tradición oral. Literaria (8.ª ed.). Galaxia. p. 55. ISBN 84-8288-917-6. Ao outro día era 27 e foi a muller á feira das Cruces de Sobrado […] 
  31. Fole, Ánxel (1997) [1955]. Terra brava. Literaria (4.ª ed.). Galaxia. p. 236. ISBN 84-8288-097-7. Nin o de Curtis, nin o de San Simón, nin o que se merca na feira das Cruces. 
  32. Cabanas López 2001, pp. 392, 399-401.
  33. González-Moro Zinckle & Sánchez Puente 2019, p. 236.
  34. "O martes 13 temos Feira nas Cruces!". Concello de Sobrado no Facebook. 
  35. Malde 2013, pp. 7, 9, 11.
  36. 36,0 36,1 "Estructura xeral e orgánica do territorio" (Mapa). Concello de Sobrado. 1:10.000. Plan Xeral de Ordenación Municipal. 2008. 
  37. "La carretera de la estación de Teijeiro á Sobrado". Gaceta de Galicia: Diario de Santiago (en castelán) (129). 13.06.1891. p. 1. Hechos como estàn los estudios desde la estación de Teijeiro á Sobrado 
  38. Cruz, Pedro; Álvarez, L. (1897). Carta de la provincia de la Coruña (Mapa). 1:200.000 (en castelán). Deputación da Coruña. 
  39. Cruz, Pedro; Álvarez, L. (1910). Carta de la provincia de la Coruña (Mapa). 1:200.000 (en castelán). Deputación da Coruña. 
  40. Monteoliva Díaz, Ángel L. (2013). Información xeográfica e histórica (PDF) (Informe). Plan Xeral de Ordenación Municipal. Concello de Aranga. p. 141. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 01 de novembro de 2018. Consultado o 06 de abril de 2019. 
  41. "Ecos de Mellid". Diario de Galicia: Periódico de la mañana. Telegráfico, noticiero y de información general (en castelán) (74) (Santiago de Compostela). 25.02.1909. p. 2. En el mes de mayo darán comienzo las obras de la carretera de Sobrado á Teijeiro 
  42. "El señor Mella". Diario de Galicia (en castelán) (2468) (Santiago de Compostela). 12.09.1916. p. 1. la construcción de la carretera de Teijeiro a Boimorto […] Faltan tan sólo tres kilómetros 
  43. 43,0 43,1 "Decreto do DOG nº 8 do 2013/1/11". Diario Oficial de Galicia. Xunta de Galicia. 11.1.2013. p. 989. Consultado o 6.4.2019. 
  44. Fidalgo Santamariña 2008, pp. 207-209.
  45. Malde 2013, pp. 52, 73.
  46. "As Cruces" (Mapa). Concello de Sobrado. 1:2000. Plan Xeral de Ordenación Municipal. 2008. 
  47. "Relación de acordos adoptados pola deputación provincial da Coruña na sesión plenaria ordinaria do 24 de febreiro de 2012" (PDF). Deputación da Coruña. 24.2.2012. p. 7. Consultado o 6.4.2019. 
  48. "Anuncio de formalización de contratos efectuados por la Excma. Diputación Provincial de A Coruña durante el periodo comprendido entre el 1 de septiembre y el 31 de diciembre de 2014" (PDF). Boletín oficial da provincia da Coruña (en castelán). 19.2.2015. p. 2. Consultado o 6.4.2019. 
  49. "A Deputación licita por 323.405 euros a ampliación da estrada DP 8001 de Cruces a Penablanca, en Sobrado". Deputación da Coruña. 14.11.2016. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2019. Consultado o 6.4.2019. 
  50. "A Deputación inviste preto de 200.000 euros na ampliación da estrada DP 8001 de Cruces a Penablanca, en Sobrado". Deputación da Coruña. 12.3.2017. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2019. Consultado o 6.4.2019. 
  51. "A Deputación acometerá unha segunda fase das obras de ampliación da estrada DP 8001 de Cruces a Penablanca, en Sobrado". Deputación da Coruña. 07.5.2018. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2019. Consultado o 6.4.2019. 
  52. "A Deputación ampliará o segundo tramo da estrada DP 8001 de Cruces a Penablanca, en Sobrado". Deputación da Coruña. 18.1.2019. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2019. Consultado o 6.4.2019. 
  53. Malde 2013, pp. 32-37.
  54. 54,0 54,1 54,2 Ferreira Priegue, Elisa M. (1988). Los caminos medievales de Galicia. Boletín Auriense. Anexo 9 (en castelán). Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. p. 197. ISBN 84-505-7318-1. 
  55. García-Fuentes, Manuel (1987). El camino de acceso a Galicia en el siglo XVIII (en castelán). Deputación da Coruña. pp. 16, 25–27. ISBN 84-505-5521-3. 
  56. 56,0 56,1 Malde 2013, pp. 48-52.
  57. Franco Maside, Rosa María (2000). "Rutas naturais e vías romanas na provincia de A Coruña" (PDF). Gallaecia (Universidade de Santiago de Compostela) (19): 164. ISSN 0211-8653. 
  58. 58,0 58,1 Franco Maside, Rosa María (2001). "La vía per loca maritima: Un estudio sobre vías romanas en la mitad noroccidental de Galicia" (PDF). Gallaecia (en castelán) (Universidade de Santiago de Compostela) (20): 247. ISSN 0211-8653. 
  59. Rodríguez Colmenero, Ferrer Sierra & Álvarez Asorey 2004, p. 601.
  60. Malde 2013, pp. 44-50.
  61. Rodríguez Colmenero, Ferrer Sierra & Álvarez Asorey 2004, p. 725.
  62. Malde 2013, pp. 32, 52.
  63. "Visor de cartografía catastral". Sede Electrónica del Catastro (en castelán). Consultado o 6.4.2019. 
  64. Fidalgo Santamariña 2008, p. 213.
  65. "Concello de Guitiriz. Planos" (PDF). Delimitación do trazado e o ámbito vinculado ao Camiño Norte - Ruta da Costa (Informe). Xunta de Galicia. 2014. p. 7. Consultado o 6.4.2019. 
  66. "Concello de Sobrado" (PDF). Delimitación do trazado e o ámbito vinculado ao Camiño Norte - Ruta da Costa (Informe). Xunta de Galicia. 2014. p. 4. Consultado o 6.4.2019. 
  67. "As Cruces: Al norte de Sobrado (Galicia). Ruta de Toar a Sobrado o a Boimil (3)". Xurde Morán (en castelán). 11.8.2017. Consultado o 6.4.2019. 
  68. "Concello de Sobrado" (PDF). Delimitación do trazado e o ámbito vinculado ao Camiño Norte - Ruta da Costa (Informe). Xunta de Galicia. 2014. p. 1. Consultado o 6.4.2019. 
  69. "Concello de Sobrado. Planos" (PDF). Delimitación do trazado e o ámbito vinculado ao Camiño Norte - Ruta da Costa (Informe). Xunta de Galicia. 2014. p. 3. Consultado o 6.4.2019. 
  70. Fidalgo Santamariña 2012, p. 79.
  71. 71,0 71,1 Concello de Curtis. O Camiño de Santiago polas terras do concello de Curtis (panel informativo). Paradela. Consultado o 6.4.2019. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar