Anónimo de Rávena
Suxeriuse que "Cosmografía de Ravenna" sexa fusionado con este artigo ou apartado (conversa). Para realizar a fusión dos artigos sigue estes pasos. |
O Anónimo de Rávena ou a Cosmografía de Rávena (latín: Ravennatis Anonymi Cosmographia), coñecido tamén popularmente como Ravennate, é un texto-compilación toponímico mundial dun cosmógrafo cristián que viviu en Rávena (Italia), feito no século VII (aproximadamente contra o ano 670), manexando documentación de séculos anteriores (século III ou século IV), con moitas corrupcións e variantes introducidas despois polos sucesivos copistas medievais, no cal se describen itinerarios romanos.
Libros
editarTrátase máis que dunha cosmographia, como o mesmo autor a chama, dun catálogo nominal de tipo cosmográfico que abrangue todo o mundo coñecido até aquela altura, da India a Irlanda. Posteriormente a obra foi dividida polos primeiros editores en cinco libros.
- I Libro: Conceptos xeográficos e descrición da terra onde explica que toda a súa extensión está rodeada por océano e é iluminada completa e simultaneamente polo sol, xa que a concibe coma unha superficie totalmente chá.
- II Libro: Descrición de Asia
- III Libro: Descrición de África
- IV Libro: Descrición de Europa
- V Libro: Descrición do Mediterráneo, cunha relación de illas nos distintos mares e no océano.
O Anónimo de Rávena constitúe unha valiosa fonte escrita a ter en conta para o estudo das vías romanas. Porén, non fornece as distancias entre unha mansión (lugar con pousada) e outra, limitándose soamente a consignar o nome destas e as liñas de ruta, listando arredor de 5300 referencias, entre elas uns 300 ríos; sendo o resto cidades. Só no libro quinto ofrece algúns datos de distancias e só algunhas das cidades se enumeran por provincias, aínda que dun xeito bastante desordenado e irregular. Engade ó Itinerario de Antonino novos nomes de cidades ou mansións nacidas posteriormente e seguramente tivo a mesma fonte de inspiración que a Tabula Peutingeriana, aínda que ás veces o Anónimo de Rávena inclúe datos máis completos cá Táboa.
Manuscritos
editarOs textos que sobreviviron, tres copias manuscritas, feitas varias xeracións despois do manuscrito orixinal, ofrecen diversos desafíos. As copias están ateigadas de erros de ortografía, divisións de palabras e omisións; as variacións entre os textos non se limitan só ós topónimos, mais tamén son significativas nos comentarios.
- Codex Vaticanus Urbinas 961. Século XIII
- Codex Parisinus, bibliothecae imp. 4794. Século XIV
- Codex Basiliensis F.V. 6. Séculos XIV-XV
A edición crítica máis recente dos tres manuscritos foi a de Joseph Schnetz en 1942 (republicada en 1990).[1]
Notas
editar- ↑ Schnetz, Joseph (1942) [1990]. Itineraria Romana. Volumen Alterum, Ravennatis Anonymi cosmographia et Guidonis geographica. Stuttgart: Teubner.
Véxase tamén
editarOutras fontes antigas para o estudo das vías romanas
editarPenínsula ibérica
editar- Itinerario de Antonino
- A Geographia de Ptolomeo
- Vasos de Vicarello
- Tabula Peutingeriana
- Itinerario de barro de Astorga
- Tegula de Valencia
- Guidonis Geographica
- Itinerarium maritimum
Outros artigos
editarBibliografía
editar- Guido Pisanus, Liber Guidonis compositus de variis historiis : studio ed edizione critica dei testi inediti, ed. e com. por Michele Campopiano, Florencia, 2008 (Edizione Nazionale dei Testi Mediolatini, 22) ISBN 978-88-8450-310-7.
- Louis Dillemann, La cosmographie du Ravennate, ed. e notas por Yves Janvier, Bruxelas, 1997 (Collection Latomus, 235) ISBN 2-87031-175-3 (relatorio ; resumo).
- Anonyme de Ravenne (Anonymus Ravennas) et Guido da Pisa (Guido Pisanus), Ravenmatis anonymi Cosmographia et Guidonis Geographica, ed. por Joseph Schnetz, Leipzig, 1940 (Itineraria Romana, 2) ; repr. Stuttgart, 1990 ISBN 3-519-04274-6 (relatorio).
- Id., Ravennatis anonymi Cosmographia et Guidonis Geographica, ed. por Gustav Parthey e Moritz Pinder, Berlín, 1860 ; repr. Aalen, 1962 (en liña transcrición, archive, Google).
Ligazóns externas
editar- Ravennatis Anonymi Cosmographia: Spania (PDF v.6 - 4.4 MB) Arquivado 05 de maio de 2016 en Wayback Machine. Texto orixinal do Anónimo de Rávena para a banda da Península Ibérica
- The Roman Map of Britain Web que amosa a pescuda realizada por Thomas G. Ikins sobre a xeografía de Britannia a partir do Anónimo de Rávena