Parga, Guitiriz
Santo Estevo de Parga é unha parroquia do municipio lucense de Guitiriz, situada a 6 quilómetros da capital do concello. Segundo o IGE en 2012 tiña 465 habitantes (225 homes e 240 mulleres) distribuídos en 13 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 609 habitantes.
Santo Estevo de Parga | |
---|---|
Vista da Pobra de Parga | |
Concello | Guitiriz[1] |
Provincia | Lugo |
Coordenadas | 43°09′04″N 7°51′00″O / 43.151, -7.8501 |
Poboación | 420 hab. (2020) |
Entidades de poboación | 13[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Patrimonio
editarNesta parroquia está situada a Fonte de Valdovin, que é unha das tres fontes mineromedicinais que hai no concello. Outra das paraxes naturais que posúen un encanto especial é a Area Recreativa da Carballeira situada a beira do río Parga.
Xunto ó centro de saúde atópase a capela de San Xosé, da que destaca no seu interior un retablo de estilo barroco e talla da Virxe sedente co Neno.
Sitio arqueolóxico de Pena Xiboi
editarO sitio de Pena Xiboi, declarado Ben de Interese Cultural, está datado entre os anos 8000 e 5000 a. C. Está situado na aldea da Tolda, preto do muíño da Ruxida. A carón del colocouse un cruceiro cunha placa conmemorativa.
Igrexa parroquial
editarEstá situada nun outeiro, posiblemente ocupado con anterioridade por un poboado castrexo. Foi construída no século XII, se ben tras numerosas transformacións posúe características arquitectónicas de diferentes estilos.
Ten unha nave rectangular e a capela maior cadrada, coa sancristía engadida no lado esquerdo.
A fachada é de perpiaño, do século XVIII. Consta de porta, ventá, espadana con dúas campás, e sobre ela unha cruz metálica. Entre a fachada e o muro lateral dereito hai un reloxo de sol.
No interior da igrexa hai tres retablos do barroco popular e unha serie de pinturas murais datadas cara ao século XV, representando escenas da Paixón, a Anunciación e o Cristo en Maxestade.
Os retablos laterais, restaurados recentemente, presentan figuras como San Ramón Nonato e San Roque.
Hai tres sarcófagos antropoides, desenterrados do adro, así como varias lápidas sepulcrais e unha pía bautismal gótica sen adornos.
Castelo de Parga
editarO castelo de Parga está situado nas proximidades da igrexa parroquial. Actualmente consérvase parte dun dos muros do peche e unha das torres.
As paredes están fabricadas na súa parte alta con perpiaños de granito asentado sobre pedras de cachotaría pertencentes a unha época anterior, posiblemente reaproveitadas do castro de Parga.
Segundo Ángel del Castillo a fortaleza foi construída entre finais do século XIV e inicios do XV, levantado por Juan Pérez Parragués. A fortaleza tiña forma de polígono regular con torres cilíndricas e con seteiras enfiando os flancos, que constituían unha das súas defensas avanzadas. Existía un pasadizo subterráneo que unía o castelo co río Parga, usado para procurar aprovisionamentos en tempos de asedio.
En 1603 o castelo serviu como cárcere xurisdicional.
Preto del levántase un cruceiro.
Feiras e festas
editarAs feiras teñen lugar o domingo entre os días 9 e 15 e o derradeiro domingo de mes[2].
Unha das festas máis coñecidas é a Feira da Cantería, artesanía e callos, que se celebra a primeira fin de semana de xullo, onde se pode ver como os canteiros traballan na pedra, así como gozar dun dos pratos típicos da zona como son os callos. Nese día abundan as merendas familiares na carballeira.
As festas parroquiais son na honra a San Roque, a terceira fin de semana de agosto.
Lugares e parroquias
editarLugares de Santo Estevo de Parga
editarLugares da parroquia de Parga no concello de Guitiriz (Lugo) | |
---|---|
O Carballal | Cercedo | O Buxío | A Chantada | O Covelo | Ferreira | Galiñeiro | Montemeá | A Ponte | A Pobra de Parga | Portopulgo | A Tolda | A Vilouchada |