Reino franco

territorio xeográfico dos francos
(Redirección desde «Reino dos francos»)

O Reino franco designa o territorio xeográfico dos francos, que, estabelecidos no limes do Imperio Romano, aproveitaron a decadencia da autoridade romana durante o século V, para se expandiren na Galia romana. De entre todos os pobos francos, os merovinxios encabezados por Clodoveo I lograron eliminar toda competencia e aseguraron o dominio da súa dinastía sobre os territorios dos francos non romanizados, sobre as romanas Dioecesis Viennensis e Dioecesis Galliarum (ocupando os territorios dos visigodos e burgundios, e sobre parte de territorios xermanos non romanizados como Alemaña, Turinxia ou Baviera. De modo que se estabelecerían sobre os territorios de actuais países como Francia, Bélxica, Países Baixos, Luxemburgo, Alemaña ou Suíza.

Modelo:Xeografía políticaReino franco
Francia (la) Editar o valor en Wikidata

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 47°14′N 6°01′L / 47.24, 6.02
CapitalTournai (431–508)
París (508–768)
Aquisgrán (768–843) Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua oficiallingua fráncica
lingua latina Editar o valor en Wikidata
Relixióncristianismo e Frankish mythology (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Superficie1.200.000 km² Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creación481 Editar o valor en Wikidata
Disolución843 Editar o valor en Wikidata
Sucedido porImperio Carolinxio Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernoearly feudal monarchy (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
MoedaDenier (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata

Crecemento do reino dos francos.

Clodoveo I

editar
 
As divisións políticas á chegada ao poder de Clodoveo I. É de apreciar que só o Reino dos burgundios e a provincia visigoda de Septimania quedaron sen conquistar á súa morte.

Foi Clodoveo I, un rei dos francos salios ao redor da rexión de Tournai, quen comezou unha política de expansión da súa autoridade sobre as outras tribos francas e de ampliación de seu territorium ao sur e oeste da Galia[1] . Clodoveo I practicou unha política matrimonial acertada, casando con Santa Clotilde, unha filla do rei dos burgundios que logrou persuadilo para que se convertese ao Catolicismo, e así Clodoveo púxose en bos termos coa poderosa Igrexa de Roma e cos seus súbditos galorromanos.

Durante o seu longo reinado de trinta anos (481511), Clodoveo I derrotou ao xeneral romano Siagrio no ano 486 e conquistou o seu reino (que ocupaba o territorio do río Somme ao río Loira, agás Bretaña) con capital en Soissons. Tamén derrotou os alamáns (Tolbiac, 504) e estabeleceu a hexemonía franca sobre este pobo xermánico, derrotando pouco despois os visigodos (Vouillé, 507) e expulsándoos do seu Reino de Tolosa (o territorio ao sur do Loira e ao leste do sistema Saona-Ródano) ata máis alá dos Pireneos quedando só no seu poder a franxa mediterránea, isto é a Septimania) e a Provenza, que foi atacada por burgundios e ostrogodos. Intentou someter os bretóns e polo leste, conquistou á maioría ou a todos as tribos francas veciñas ao longo do río Rin e do río Meno (francos ripuarios) e incorporounas no seu reino. Tamén emprendeu a incorporación dos laeti (asentamentos de bárbaros no interior do Imperio Romano) dispersos pola Galia: os saxóns de Bayeux, os alanos de Armórica e os taifais de Poitou, por nomear algúns dos máis prominentes. Sobre o final da súa vida, Clodoveo I gobernou toda a Galia agás a provincia visigoda de Septimania e ostrogoda da Provenza e o reino dos burgundios no sueste.


Os soberanos merovinxios, seguindo a tradición xermánica, tiñan o costume de dividiren as súas terras entre os fillos superviventes, xa que carecían dun amplo sentido da res pública, concibían o reino como unha propiedade privada de grandes dimensións. Isto deu lugar a divisións territoriais, segregacións e redistribucións, reunificacións e novos particións, nun proceso que orixinaba asasinatos e guerras entre as distintas faccións. Inicialmente eran escollidos por aclamación, que se realizaba elevando o rei sobre un escudo, de acordo coa antiga práctica xermánica de elixir o seu líder na guerra durante unha asemblea de guerreiros libres, aínda que a consagración como reis en Reims coa Sagrada Ampola —que se supoñía traída polo Espírito Santo para bautizar a Clodoveo—, lle outorgaba un carácter superior á dinastía merovinxia, simbolizado pola práctica de deixar o seu pelo longo, sen cortar.

As divisións do regnum francorum

editar

Á morte de Clodoveo I, o seu reino foi dividido territorialmente entre os seus catro fillos adultos dunha maneira tal, que se concedeu a cada fillo unha porción comparábel de terra con igual aproveitamento fiscal (isto é, de recollida de impostos), o que probabelmente sinalaba que a terra que unha vez foi parte do erario romano, agora pasara ao goberno franco.

 
A división do reino dos francos á morte de Clodoveo I (511), entre os seus fillos herdeiros. Os reinos non eran unidades xeográficas porque se formaron seguindo un criterio fiscal de recollida de impostos equilibrada en beneficio dos seus fillos. A discrepancia de tamaños entre reinos revela a distinta concentración de territorios sometidos ao fisco romano.
 
Expansión dos francos ata Carlomagno, ano 814.
 
A división do reino dos francos á morte de Clotario I (561). Aínda que a segunda división en catro partes do regnum francorum produciu reinos máis unificados xeograficamente, o complexo repartimento da Provenza orixinou moitos conflitos aos gobernantes da Borgoña e a Austrasia.

Os fillos de Clodoveo I instalaron as capitais das súas cortes próximas entre si, no corazón do territorio dos francos salios, no noroeste da Galia: Teodorico I en Reims, Clodomiro en Orleáns, Khildeberto I en París e Clotario I en Soissons. Durante os seus reinados, os turinxios (532), os burgundios (534) e os saxóns e frisóns (sobre 560), foron incorporados ao territorio franco. As tribos periféricas máis alá do Rin estiveron lixeiramente suxeitas á soberanía dos francos, e aínda que puideron ser forzadas a contribuíren con tropas aos esforzos militares francos, en tempos de reis febles eran incontrolábeis e intentaban forzar a súa independencia dos soberanos merovinxios. O romanizado reino burgundio, porén, foi preservado na súa territorialidade e convertido nunha das súas divisións primarias (reinos), incorporado ao centro do corazón da Galia do reino de Clodomiro coa súa capital en Orleáns.

Os irmáns soberanos, herdeiros de Clodoveo, mostraron só signos intermitentes de amizade fraterna e, máis a miúdo competían en rivalidade política. Á temperá morte de Clodomiro, o seu irmán Clotario I asasinou os seus fillos noviños (os seus sobriños) e repartiuse o reino do seu irmán (consonte co costume sucesorio) co resto dos irmáns superviventes de Clodomiro. Teodorico I morreu en 534, pero o seu fillo adulto Teodeberto I foi quen de defender a súa herdanza, a cal formou o máis grande dos reinos francos e foi a poboación do reino posteriormente chamado da Austrasia. Teodeberto foi o primeiro rei franco en aseverar a súa independencia política respecto do Imperio bizantino (o seu avó Clodoveo foi nomeado patricius polo emperador Anastasio I, con dereito a vestir púrpura), xa que cuñou moedas de ouro coa súa propia imaxe nelas e o lema magnus rex (gran rei), debido ao seu suposto protectorado sobre pobos tan afastados como os que nesa época vivían na Panonia. Teodeberto interferiu nas Guerra Gótica de Italia (535-554) que acabaron co reino ostrogodo, ao lado de xépidos e longobardos contra os ostrogodos, recibindo as antigas provincias do imperio romano de Retia, Nórico e parte de Venetia. O seu fillo e sucesor, Teodebaldo, non puido conservalas e, á súa morte, todo o seu extenso reino pasou ao seu tío-avó Clotario. En 558, coa morte de Khildeberto I, a totalidade dos reinos francos foron reunidos baixo un só rei, Clotario I.

Tres anos despois, no ano 561, Clotario I morreu e o regnum francorum foi dividido unha segunda vez, nunha repetición dos acontecementos de cincuenta anos antes, entre os catro fillos de Clotario I, formando reinos con capitais nas mesmas cidades. O fillo máis vello, Cariberto I, herdou o reino con capital en París e gobernou toda a Galia occidental. O segundo, Gontrán I, herdou o vello reino de Borgoña, aumentado coas terras da Francia central ao redor da vella capital de Orleáns (que se converteu no seu principal cidade e capital) e coa maior parte da Provenza. O resto da Provenza, a Auvernia e a Aquitania oriental foron asignadas ao terceiro fillo, Sixeberto I, que tamén herdou aAustrasia coas súas principais cidades de Reims e Metz (que exerceu de capital da súa corte). O reino máis pequeno era o de Soissons, que foi ao fillo máis mozo, Khilperico I. O reino que Khilperico gobernou ata a súa morte en 584, converteuse no núcleo do reino que máis adiante sería chamado a Neustria.

Esta segunda división cuádrupla do reino franco foi arruinada rapidamente por guerras fratricidas, emprendidas en gran parte despois do asasinato de Galswinta, a segunda esposa visigoda de Khilperico, alentado pola súa amante (e terceira esposa) Fredegunda. A irmá de Galswinta, a esposa de Sixeberto de Austrasia, Brunexilda, incitou ao seu marido á guerra e o conflito entre as dúas raíñas continuou envelenando as relacións da Austrasia e a Neustria ata o seguinte século. Gontrán I de Borgoña tentou manter a paz entre os seus parentes, aínda que tamén tentou por dúas veces (campañas dos anos 585 e 589) conquistar Septimania do poder dos visigodos, pero foi derrotado ambas as dúas veces. Todos os irmáns superviventes beneficiáronse da morte de Cariberto, e incluso Khilperico I puido tamén estender a súa autoridade ata os rebeldes bretóns. Despois da morte de Khilperico, Gontrán tivo que someter outra vez os rebeldes bretóns.

No ano 587, o Tratado de Andelot —en cuxo texto se refire explicitamente ao regmum francorum por enteiro como Francia— estabelecido entre a raíña viúva e rexente da Austrasia, Brunexilda, e o rei da Borgoña, Gontrán I, asegurou a súa protección e a do seu fillo aínda novo Khildeberto II, que sucedera ao seu pai asasinado en 575, Sixeberto I, na Austrasia. Os territorios de Gontrán e de Khildeberto II xuntos eran máis de tres veces máis grandes cá Neustria, o pequeno reino do sucesor de Khilperico I, Clotario II. Durante este período, o territorio dos francos adquiriu o carácter tripartito que ía manter durante o resto da súa historia, con loitas pola primacía entre a Austrasia, a Neustria, e maila Borgoña actuando como mediador, como terceiro.

 
Os reinos merovinxios como resultado do Tratado de Andelot (587). Co Tratado produciuse a división do reino de Cariberto entre os seus tres irmáns superviventes: Khildeberto recibiu a parte de Gontrán co Poitou e a Turena a cambio das súas extensas terras no centro e sur da Aquitania.

Cando Gontrán morreu sen herdeiros en 592, a Borgoña foi parar na súa totalidade ao seu sucesor, o rei da Austrasia Khildeberto II, que tamén morreu tres anos despois, en 595. Os seus dous fillos repartíronse o reino, co maior Teodeberto II tomando a Austrasia maila porción que Khildeberto II tomara da Aquitania para o seu reino da Austrasia, mentres que o seu irmán máis novo Teodorico II herdou a Borgoña e a parte da Aquitania que conseguiu Gontrán I. Unidos, os irmáns intentaron eliminar o seu curmán Clotario II da Neustria e tiveron éxito ao conquistaren a maior parte do seu reino, reducíndoo soamente a algunhas cidades, mais non puideron capturalo. En 599 encamiñaron as súas forzas cara a Dormelles e tomaron o ducado de Dentelin (a cunca do río Escalda, as terras ancestrais dos francos salios), pero entón os irmáns desconfiaron un doutro e o resto do tempo que pasaron nos seus tronos estiveron pelexando entre si, incitados a miúdo pola súa avoa Brunexilda que, encolerizada pola súa expulsión da corte de Teodeberto, convenceu a Teodorico para que usurpase o seu posto como rei da Austrasia e que o matase. En 612 Teodorico II venceu en Toul a Teodeberto II e mandouno matar xunto ao seu fillo, e o reino enteiro do seu pai Khildeberto II foi gobernado de novo por un só home. Pero por pouco tempo, pois como o seu pai, morreu na véspera de preparar unha expedición contra Clotario II en 613, deixando como herdeiro a un fillo moi mozo chamado Sixeberto II. Durante os seus reinados, Teodeberto II e Teodorico II fixeron campañas contra os vascóns (con éxito segundo os seus cronistas) na Gascuña, onde estabeleceran un ducado de Vasconia que sometera aos vascóns (602). As crónicas dos seus reinados sinalan que estenderon a conquista gascona ata máis alá dos Pireneos, a saber, no que agora son os territorios vascos da Guipúscoa e a Biscaia, pero non consolidaron a súa posesión xa que pasaron a mans visigodas en 612. Na outra punta do seu reino, os alamáns rebeláronse contra o poder franco e derrotaron a Teodorico II mentres os francos afrouxaban o seu dominio sobre os tribos de alén do Rin (saxoas, turinxias, entre outras). En 610 Teodeberto II arrincou o ducado de Alsacia do reino de Teodorico II, comezando un longo período de conflitos sobre que reino debía posuír a rexión da Alsacia, se a Borgoña ou a Austrasia, período que terminou soamente a finais do século VII.

Durante o breve reinado na Austrasia, a Borgoña e maila Aquitania de Sixeberto II en minoría de idade, o cargo cortesán de mordomo de palacio, que fora durante algún tempo visíbel nos reinos merovinxios, manifestouse en toda a súa importancia na política interna do reino, cando unha facción dos nobres de Borgoña e a Austrasia uníronse ao redor dos mordomos Warnacario, Rado e Pipino de Landen, para se uniren á Neustria dando todo o poder ao seu rei Clotario II e quitándollo a Brunexilda, que exercía de bisavoa rexente de Sixeberto II, disque, de forma odiosa para os nobres rebeldes. Os tres, Warnacario, Rado e Pipino foron recompensados cos cargos de mordomo de palacio dos distintos reinos que conformaban un reino unido de novo polo mesmo rei, despois de que o golpe de Clotario II tivese éxito e matasen a Brunexilda e ao pequeno rei de dez anos Sixeberto II no ano 613.

Inmediatamente despois da súa vitoria, Clotario II promulgou o Edicto de París (614), que se viu xeralmente como concesión á nobreza, aínda que esta visión foi revisada baixo críticas recentes. O Edicto de Clotario tentou, sobre todo, garantir o final da corrupción na xustiza e o goberno, pero tamén reforzou as diferenzas locais entre os tres reinos merovinxios (a Austrasia, a Borgoña e a Neustria) e probabelmente concedeu aos nobres máis control sobre os xuíces (que eran nomeados pola propia nobreza local). Sobre o ano 623 os austrasios comezaran a solicitar un rei propio para o seu reino, posto que Clotario II estaba decote ausente da Austrasia e, debido á súa educación e goberno anterior na Neustria, era considerado máis ou menos un forasteiro na corte de Metz. Así, Clotario II asociou ao seu fillo Dagoberto I como rei da Austrasia e foi debidamente aclamado polos guerreiros austrasios á maneira tradicional (elevado sobre os seus escudos). Porén, aínda que Dagoberto exerceu unha verdadeira autoridade no seu reino, Clotario mantivo o último control sobre o todo o reino franco no seu conxunto.

 
O Reino Franco de Aquitania (628). A capital da Aquitania foi Tolosa. Incluía a Gascuña e foi abase do posterior Ducado de Aquitania.

Durante o co-reinado de Clotario II e o seu fillo Dagoberto I, que foron chamados os últimos merovinxios gobernantes, os saxóns, que estiveran ligados lixeiramente aos francos desde finais da década de 550, rebeláronse ao mando do seu xefe militar (ou duque) Bertoaldo de Saxonia. Foron derrotados e reincorporados ao reino pola acción conxunta de pai e fillo. Cando Clotario II morreu en 628, Dagoberto, consonte cos desexos do seu pai, concedeu un subreino ao seu medio irmán Cariberto II. Este subreino, comunmente chamado a Aquitania, foi unha nova creación que se engadiu aos outros reinos merovinxios: a Austrasia, a Borgoña e a Neustria, e correspondía á metade meridional da antiga provincia romana de Aquitania, coa súa capital en Tolosa. Outras cidades importantes neste subreino eran Cahors, Agen, Périgueux, Bordeos e Saintes; o ducado de Vasconia era tamén parte do seu territorio. Cariberto II fixo campaña con éxito contra os vascos, pero após a súa morte (en 632) rebeláronse outra vez. Ao mesmo tempo, os bretóns alzáronse contra o protectorado franco. O líder bretón Yezekael foi aplacado e fixo as paces cos francos e pagou imposto despois de que Dagoberto ameazase con levar un exército contra el (635). Nese mesmo ano Dagoberto I enviou un exército para someter os vascos, con éxito.

Entre tanto, Dagoberto I asasinara ao sucesor de Cariberto II, o neno Khilderico de Aquitania e volvera a reunir os territorios francos outra vez (632) na súa persoa, aínda que foi forzado pola poderosa aristocracia da Austrasia a concederlles ao seu propio fillo Sixeberto III como rei en 633. Este acto foi precipitado en gran parte polo desexo dos austrasios de seren autónomos nunha época en que os da Neustria dominaban a corte real. Clotario II fora rei en París (capital da Neustria) durante décadas antes de se converter en rei tamén en Metz (capital da Austrasia) e a monarquía merovinxia sempre foi despois del unha monarquía primeiro e sobre todo da Neustria. De feito, é na década dos 640 onde o vocábulo "Neustria" aparece por primeira vez nas crónicas coetáneas, e a súa posterior aparición fronte ao temperán vocábulo de "Austrasia" (case un século anterior, contemporaneamente con Gregorio de Tours), probabelmente fose debido ao feito de que os neustrios (que formaban o principal grupo de cronistas en Francia do seu tempo) chamaban á súa rexión simplemente a Francia. A "Borgoña" (Burgundia) definiuse tamén en oposición a "Neustria" aproximadamente nesta época. Con todo, foron os austrasios, que se viran a si mesmos como un pobo distinto dentro do reino desde a época de Gregorio de Tours, os que fixeron os movementos máis estridentes para a independencia. Dagoberto, nos seus conflitos cos saxóns, alamáns e turinxios, así como cos eslavos de alén das fronteiras do reino (sobre os que tentou forzar o seu sometemento aínda que foi derrotado polo seu rei Samo na batalla de Wogastisburg), fixo que todos os pobos máis orientais aos francos, aínda que lindaban coa Austrasia, estivesen sometidos á corte da Neustria e non á da Austrasia. Isto, sobre todo, incitou aos nobres austrasios a pediren de Dagoberto I un rei propio da casa real merovinxia.

Os "reis folgazáns" merovinxios

editar

O mozo Sixeberto III foi dominado durante a súa minoría de idade polo mordomo de palacio da Austrasia Grimaldo o Vello, que convenceu ao rei, sen fillos, para que adoptase o seu propio co nome merovinxio de Khildeberto, como herdeiro do reino. Despois da morte de Dagoberto I en 639, o duque de Turinxia Radulfo, rebelouse e intentou converterse en rei. Derrotou a Sixeberto no que foi un serio revés para a dinastía gobernante (640). O rei perdeu o apoio de moitos magnates austrasios durante a campaña e a debilidade das institucións monárquicas desa época foi evidente pola súa incapacidade para facer con eficacia a guerra sen a axuda dos magnates; de feito, o propio rei non puido sequera dispoñer da súa propia escolta real sen a asistencia leal dos mordomos da corte Grimaldo e Adalxiselo. Foi xa que logo lembrado a miúdo como o primeiro roi fainéant "rei folgazán": non tanto porque fosen reis que "non facían nada", senón polo pouco que lograron facer, por incapacidade ou por falta de apoio dos seus súbditos.

Clodoveo II, o sucesor de Dagoberto I na Neustria e aBorgoña, que foron reunidos baixo o mesmo rei aínda que gobernados por separado con distintas cortes, estivo en minoría de idade durante todo o seu reinado. Estivo dominado pola súa nai rexente Nantilde e o mordomo de palacio do reino da Neustria Erquinoaldo. O sucesor de Erquinoaldo, Ebroíno, dominou o reino durante os seguintes quince anos de case constante guerra civil.

Á morte de Sixeberto III (656), o mordomo de palacio da Austrasia Grimaldo enviou á Irlanda exiliado ao fillo de sangue do rei, o futuro Dagoberto II, mentres entronizaba na Austrasia o seu propio fillo, adoptado por Sixeberto, Khildeberto. Ebroíno, o mordomo de palacio da Neustria, finalmente reuniu os reinos merovinxios para o sucesor de Clodoveo II, Clotario III, matando a Grimaldo e ao seu fillo Khildeberto III en 661. Porén, os austrasios esixiron de novo ao rei Clotario III un rei propio para o seu reino, e Clotario III instalou o seu irmán máis novo Khilderico II. Durante o reinado de Clotario III, os francos atacaron o noroeste da Italia, pero foron rexeitados polo rei dos longobardos Grimoaldo en Rivoli, preto de Turín.

 
O reino franco á morte de Pipino de Heristal no 714.

Nesa época, o vasto ducado de Aquitania (en amarelo) estaba vinculado teoricamente ao reino franco.]] En 673, Clotario III morreu e algúns magnates da Neustria e a Borgoña convidaron a Khilderico II a que se convertese en rei, co que reuniron de novo os territorios so o mesmo rei, pero pouco despois outros magnates neustrios molestos co seu goberno asasinárono (675). Co reinado de Teodorico III comprobouse o final dunha época: o poder dos Merovinxios desapareceu substituído polas ambicións dos seus mordomos de palacio. Así na Austrasia os magnates que conseguiran o regreso de Dagoberto II, fillo de Sixeberto III, para evitar que Ebroíno, mordomo da Neustria, se inmiscise nos asuntos da Australia, terminaron asasinándoo; e Teodorico III, rei de todos os reinos merovinxios, cunha perspectiva exclusivamente neustria, aliouse co seu mordomo Berthar e fixo a guerra aos austrasios encabezados polo seu mordomo Pipino de Heristal,. En 687 os neustrios foron derrotados na batalla de Tertry , e así Teodorico III foi forzado a aceptar o Arnúlfida Pipino de Heristal como único mordomo de palacio de todo o reino franco e dux et prínceps Francorum ("duque e príncipe dos francos", un título que significa, para o descoñecido autor do Liber Historiae Francorum, o principio do "reino" de Pipino de Heristal). Após iso, os monarcas merovinxios quedaron subxugados polo mordomo de palacio, quen exercía o verdadeiro poder real.

Durante o período de confusión das décadas de 670 e 680, fixéronse intentos para reafirmar a soberanía feudal franca sobre os frisóns, pero inutilmente. En 689, porén, Pipino de Heristal puxo en marcha dous anos despois de Tertry unha campaña de conquista da Frisia Occidental (Frisia Citerior, ao oeste do río Fli) e derrotou a Radbod, rei dos Frisóns, preto de Dorestad, un importante centro comercial na desembocadura do Rin. Toda a terra entre o río Escalda e o Fli foi incorporada ao reino franco. Daquela, sobre 690, Pipino atacou a Frisia central (entre o río Fli e o Ems) e tomou Utrecht. En 695 Pipino de Heristal puido incluso patrocinar a fundación da Diocese de Utrecht e o comezo da conversión dos frisóns ao Catolicismo por San Willibrord, Apóstolo dos frisóns. Con todo, Frisia Oriental (Frisia Ulterior, ao leste do Ems) quedou fóra do protectorado franco.

Despois de ter obtido grandes éxitos contra os frisóns ao norte da Austrasia, Pipino de Heristal volveuse ao sur, a loitar contra os alamáns. En 709 lanzou unha guerra contra Willehari, duque do Ortenau, probabelmente nun esforzo para forzar a sucesión dos noviños fillos do defunto Gotfrido no trono ducal. Esta interferencia conduciu a outra guerra en 712 e os alamáns, de momento, foron reincorporados ao poder franco. Non obstante, na Galia meridional, que non estaba so a influencia dos Arnúlfidas, as rexións tensaban as súas relacións de dependencia coa corte real baixo líderes coma por exemplo o bispo borgoñón Savarico de Auxerre, Antenor da Provenza e Eudes de Aquitania.

Os reinados de Clodoveo IV e Khildeberto III entre 691 e 711 tiveron todas as características dos rois fainéants (reis folgazáns), aínda que Khildeberto en funcións de xuíz supremo do reino realizou xuízos en contra dos intereses dos seus supostos amos, os Arnúlfidas.

Cando Pipino de Heristal morreu en 714, porén, o reino afundiuse nunha guerra civil e os duques das provincias periféricas desvinculáronse da influencia dos pipínidas. O sucesor designado de Pipino na Mordomía de Palacio so a súa viúva Plectrudis foi Teudoaldo, que se opuxo inicialmente á tentativa do rei Dagoberto III de designar a Raxenfrido coma o seu mordomo de palacio en todos os reinos merovinxios.

Axiña apareceu un terceiro candidato á mordomía da Austrasia: o fillo adulto e ilexítimo de Pipino de Heristal, Carlos Martel (Carlos, o Martelo). Despois da derrota de Plectrudis e Teudoaldo a mans do rei merovinxio (agora Khilperico II) e do seu mordomo Raxenfrido, Carlos Martel elevou brevemente ao seu propio rei merovinxio, Clotario IV, para se opoñer a Khilperico. Finalmente, na [[batalla de Soissons (718)]], Carlos derrotou os seus rivais e forzounos definitivamente a resignar todos os seus cargos, aceptando o eventual regreso do rei Khilperico a condición de que o propio Carlos recibise as dignidades do seu pai Pipino coma mordomo de todos os reinos. Non houbo máis reis merovinxios que exercesen como tales logo deste punto, e Carlos e os seus herdeiros, os Carolinxios, gobernaron os francos, pero non coma reis.

Após o 718, Carlos Martel emprendeu unha serie de guerras para consolidar a hexemonía dos francos na Europa occidental. No 718 derrotou os saxóns rebeldes, en 719 percorreu a Frisia occidental, en 723 reprimiu unha nova rebelión saxoa outra vez, e en 724 derrotou o anterior mordomo da Neustria Raxenfrido e os seus neustrios rebeldes, terminando a fase de guerra civil do seu goberno. En 720, cando Khilperico II morreu, Carlos designou a Teodorico IV coma rei, pero este último monarca merovinxio foi un mero monicreque seu. En 724 Carlos Martel condicionou a elección de Hugberto de Baviera para a sucesión ducal sobre os bávaros e forzou os alamáns a asistilo nas súas campañas na Baviera (entre 725 e 726), onde se promulgaron leis en nome de Teodorico IV. En 730 Alamania tivo que ser subxugada pola espada e o seu duque, Lantfrido, foi asasinado. En 734 Carlos combateu contra a Frisia oriental e, finalmente, someteuna.

Na década de 720 consumárase practicamente a Invasión musulmá da Península Ibérica, e iniciáronse as razzias sobre as Galias. En 725, os árabes toman Carcasona aos visigodos, de xeito que unha vez sometidos os visigodos na Septimania, na década de 730, os árabes iniciaron avances para o norte, que fixeron que o duque Eudes de Aquitania pedise axuda ao mordomo dos francos Carlos Martel, de maneira que os francos puideron derrotar os árabes en Poitiers (732). Desta maneira puido estabelecer o seu poder e influencia para o sur do reino. Contra estas aspiracións, as locais dirixidos polo dux Mauronto, favorecen a expansión árabe cara ao leste: no 735 toman Arlés e no 737 apodéranse de Aviñón e estenden as súas razzias ata Lión e Aquitania; pero a pesar do contraataque do mordomo franco, na Provenza, desde 739, os sarracenos ameazan os longobardos. Carlos Martel co apoio longobardo puido asegurarse o control da rexión, aínda que de modo vacilante, xa que non foi ata o 759, cando o seu sucesor, xa rei, Pipino o Breve se apoderou de Narbona.

Pouco despois da súa morte, en outubro de 741, Carlos dividiu o reino como se fose rei entre os seus dous fillos da súa primeira muller, marxinando o seu fillo máis novo Bila, quen recibiu unha pequena parte (non se sabe exactamente cal). Malia non haber xa reis desde a morte de Teodorico en 737, os fillos de Carlos Pipino o Breve e Carlomán só eran mordomos de palacio. Os carolinxios asumiron o status real e as prácticas dos merovinxios, pero non o título real. A división do reino deu a Austrasia, a Alamannia e a Turinxia a Carlomán e a Neustria, a Provenza e a Borgoña a Pipino. É indicativo da autonomía de facto dos ducados da Aquitania (so Hunoaldo) e a Bavaria (so Odilo) o feito de que non fosen incluídos na división do regnum.

A vida cotiá en época merovinxia

editar

Na Francia, seguindo a decadencia urbana dos últimos tempos romanos, a base da pirámide de poboación era rural, habitantes de granxas que producían o necesario para a supervivencia. En moitas áreas non había cidades, só granxas que ocupaban os restos diminuídos de antigas vilas romanas, separadas unhas doutras e sitas en lugares estratéxicos con terreo cultivábel e acceso á auga, como por exemplo nos vales dos ríos das zonas máis romanizadas a (Provenza e a Borgoña no val do sistema Ródano-Saona, Austrasia e Helvecia no sistema Rin-Aar, o Loira e o Sena na Neustria ou o Garona na Aquitania). As antigas cidades romanas ou romanizadas primeiro despoboáronse, cos seus cidadáns fuxindo ao campo, escapando dos cercos e saqueos dos pobos bárbaros, converténdose logo (sobre todo se durante a época imperial eran focos de cristianización), en centros administrativos (civitates) de bispos ou condes (isto é, recadadores de impostos, máis que "compañeiros" -comites- dos soberanos). Sobre a base ampla, en termos numéricos, de xente de baixa condición social, situábase unha capa delgada de nobres e eclesiásticos, poucos numericamente pero os únicos mencionados nas crónicas coetáneas.

O modo de vida habitual da poboación rural consistía en pasar toda a vida na mesma aldea, traballando diariamente da saída á posta do sol, agás os preceptivos de domingo e festividades da Cristiandade. Se chegaban á madurez, casaban e producían fillos case anualmente (pois a taxa de mortalidade infantil era moi alta). Para os nenos que conseguían sobrevivir aos seus primeiros meses, a esperanza de vida era substancialmente máis baixa que na actualidade (50 anos era un valor típico para a esposa dun granxeiro, por exemplo).

O coñecemento que a maioría dos seres humanos tiña do mundo alén da súa igrexa era escaso: coñecían o camiño ata a súa igrexa máis próximo e aos lugares circundantes da súa aldea ou granxa soamente. Dos sucesos que ocorrían a distancias máis grandes, a maioría non tiña ningunha noción, pois un obstáculo adicional era a ausencia de camiños transitábeis, agás os que foran postos antes polos romanos, que aos poucos se foron esquecendo por falta de mantemento e tránsito. Ademais, a poboación simple non sabía ler nin escribir, polo que non puideron producir ningún documento nin aprehendelo (co coñecemento de tales documentos a poboación común podería experimentar o que ocorría no seu mundo). O traballo que os granxeiros realizaban sobre o terreo facíase do mesmo xeito que como os seus pais, antes ca eles, o fixeran. Non había outra escola para os granxeiros que o traballo realizado antes polos seus pais.

As cifras exactas sobre o número de habitantes nesta época da Alta Idade Media, non son ben sabidas, pois non houbo censos ata moito máis tarde, de modo que os historiadores dependen de valoracións. Estas dan lugar (para o ano 800, no momento de máximo esplendor e antes das divisións carolinxias) a un número aproximado de entre 12-13 millóns de habitantes en todo o territorio franco (os terreos da actual Francia, o Benelux, Suíza, a antiga Alemaña Occidental e a metade norte de Italia), cunha densidade media de aproximadamente 8 habitantes por quilómetro cadrado, se ben había zonas escasamente poboadas: a diferenza da Italia ou a Provenza, que estaban intensamente romanizadas, a zona de lingua alemá (parte de Suíza e a antiga Alemaña Occidental, Países Baixos e Luxemburgo) estaban escasamente poboadas, cuns 2 millóns de habitantes e unha densidade aproximada de 4 a 5 habitantes por quilómetro cadrado.

  1. "Clovis I; Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2022-04-14. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar