Auvernia

rexión de Francia

Auvernia[1] ou Auverña[2][3] (en francés Auvergne; en auvernés Auvernho, en occitano: Auvèrnha en feminino ou Auvèrnhe en masculino) é unha rexión do centro de Francia. Comprende catro departamentos: Puy-de-Dôme, Cantal, Alto Loira e Allier.

Modelo:Xeografía políticaAuvernia
Auvergne (fr) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

Epónimoarvernos e Auvergne (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 45°42′N 3°18′L / 45.7, 3.3
EstadoFrancia Editar o valor en Wikidata
Poboación
Lingua usadalingua francesa
lingua occitana Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Disolución31 de decembro de 2015 Editar o valor en Wikidata
Sucedido porAuvernia-Ródano-Alpes Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Fuso horario
ISO 3166-2FR-C Editar o valor en Wikidata
Código NUTSFRK1 Editar o valor en Wikidata
INSEE region code (en) Traducir83 Editar o valor en Wikidata

Sitio webauvergne.fr Editar o valor en Wikidata

A raíz da reforma territorial de 2014 fusionouse coa rexión Ródano-Alpes para formar Auvernia-Ródano-Alpes.

Auvergne foi historicamente unha provincia de Francia. O seu nome deriva de Averni, o nome dunha tribo gala que antigamente ocupou a rexión. En 1790, a provincia histórica foi dividida nos catro departamentos actuais. A súa capital é Clermont-Ferrand.

Historia

editar
 
Estatua adicada a Vercinxetórix

Auvernia debe o seu nome ao pobo galo Arverno do cal Vercinxetórix era o seu rei cando se produciu a invasión romana. Un dos fitos históricos de Auvernia corresponde ao sitio de Gergovia no que o xefe arverno derrotou a Xulio César no ano 52 a.C.. No século V Sidonio Apolinar, nobre da zona, xa menciona a Auvernia de finais da Antigüidade.

No século VII, Auvernia foi motivo de disputa entre os francos e os aquitanos. Conquistada polos carolinxios pertenceu, durante un tempo, ao reino de Aquitania. Os condes de Auvernia, os Guilhemides, foron conseguindo aos poucos a súa autonomía.

No século X, Auvernia protagonizou a rivalidade dos condes de Tolosa e de Poitiers, e na Idade Media, foi o Condado de Auvernia, título creado cara ao século IX, e moito máis tarde, en 1155, apareceu o condado espiscopal de Clermont-Ferrand. Outro condado sería lexitimado en 1302 converténdose no Delfinado de Auvernia.[Cómpre referencia]

Co tempo Auvernia foi integrándose aos patrimonios de Afonso de Poitiers, (1241-1271) e Xoán de Berry (1360-1416). Durante a Guerra dos Cen Anos, a rexión soportou numerosas incursións e devastacións, entre elas por exemplo a revolución dos Tuchins. En 1424, pasou á rama dos Borbón, da Casa dos Capetos e en 1531, por mor da traizón do condestable Carlos III de Borbón, foi herdada por Catarina de Médici, antes de pertencer aos dominios reais.

En 1790, a provincia histórica desapareceu como entidade administrativa. Máis tarde, a partir da Cuarta República Francesa, Francia crea novas estruturas intermediarias diferenciando as rexións departamentais das nacionais, estas entidades serán oficiais, nas rexións, a partir de 1972.

A rexión administrativa de Auvernia, moi diferente da antiga provincia, quedou constituída nos actuais catro departamentos:

Allier corresponde máis ou menos á provincia histórica do Borbonés, o Alto Loira inclúe Velay que pertencía á antiga provincia de Languedoc. A rexión recupera, tamén, unha parte das terras do Lyonnais. Por último destacar que durante a segunda guerra mundial, Vichy foi sede do goberno do Estado francés.

Xeografía

editar
 
O meandro de Queuille

A rexión administrativa de Auvernia comprende catro departamentos, mentres que a Auvernia histórica corresponde, pouco máis ou menos, a unha zona que comprende os departamentos de Cantal, Puy-de-Dôme e unha pequena parte do departamento do Alto Loira e do sur de Allier.

A cidade máis importante de Auvernia é Clermont-Ferrand, con máis de 400.000 habitantes, case un terzo da poboación rexional. Clermont Ferrand está considerada como a capital de todo o Macizo Central. A proposta dunha fusión das rexións de Auvernia e Lemosín foi exposta por Valéry Giscard d'Estaing antes das eleccións rexionais do 2004 (idea que non foi ben acollida polos habitantes de Lemosín). Con todo, a influencia de Clermont-Ferrand é pouco perceptible no Alto Loira, cuxa economía depende máis de Saint-Étienne e a rexión do Ródano-Alpes, mentres que o sur do Macizo Central inclínase cara a outras rexións.

Case toda a rexión de Auvernia forma parte do Macizo Central, macizo herciniano, de finais da era primaria que ocupa, aproximadamente, unha sexta parte da superficie total de Francia. É unha peniplanicie cruzada por profundos vales. Na era terciaria ou cuaternaria, sucedéronse varios episodios volcánicos. Os volcáns máis recentes teñen uns 8.000 anos, e forman un conxunto chamado Chaîne des Puys. O norte da rexión de Allier está conformado por outeiros. O punto máis elevado de Auvernia, situado no Pico de Sancy, no macizo dos Montes Doure, alcanza os 1.886 m.

Rexión esencialmente montañosa, atópase na diverxencia dos eixos de comunicación históricos de Francia, como os do corredor do Ródano ou do litoral atlántico, que deixan illada á rexión auvernesa. Este illamento aínda persiste a pesar da vontade demostrada polas institucións de impulsar a realización dunhas infraestruturas de comunicación que atravesarían a rexión permitindo o seu acceso cara ao exterior. Esta situación de illamento non resulta favorable para o desenvolvemento económico e urbano e foi un dos factores que contribuíu ao estancamento e regresión demográfica da rexión. Por este motivo, identifícase a Auvernia, dende que terminou a guerra, como a parte central do que se deu en chamar a diagonale du vide.

Transportes

editar

A construción, aínda sen terminar, das principais vías de comunicación norte-sur e este-oeste (autovías A71, A75, A77, A85, e A89), deron o primeiro paso para a saída do tradicional illamento da rexión. Así mesmo a electrificación e mellora da liña SNCF París-Clermont, e a posta en marcha do servizo Téoz en setembro de 2003, facilitou que, en tres horas, poida facerse o percorrido de Clermont á capital gala.

Economía

editar

Dada a súa situación de illamento, a rexión tivo un desenvolvemento industrial e económico relativamente limitado, aínda que conta con algunhas industrias importantes.

Industria

editar
 
Montluçon, cidade sede da compañía Dunlop
 
Vichy
 
Clermont-Ferrand

Auvernia é unha rexión pouco industrial, este sector representa entre a poboación activa representa un 20% o que supón uns 110.000 empregos, máis ou menos na media estatal. A súa principal industria atópase no sector do pneumático, representado por Michelin, líder mundial neste sector, cuxa sede social e histórica está situada en Clermont-Ferrand, e pola sociedade Dunlop implantada en Montluçon. A parte disto existe unha gran variedade de pequenas industrias diseminadas pola rexión, especialmente establecidas no Alto Loira e no Puy-de-Dôme. A industria da agro-alimentación conta cuns 12.000 asalariados.

No norte de Allier atópase o bosque de Tronçais (10.400 ha) que é, realmente, unha curiosidade turística. É un gran monte de carballos, creado na época de Colbert para as necesidades da mariña e que, actualmente, proporciona a madeira necesaria para a fabricación dos toneis utilizados para a contención do cru.

Turismo

editar

Auvernia conta con abundantes mananciais ricos en sales minerais, estando moitas destas augas comercializadas. A máis coñecida é a Auga de Volvic, que basea a súa estratexia publicitaria no patrimonio xeolóxico da rexión.

A estación termal de La Bourboule, situada no Puy-de-Dôme, fundada en 1875 despois do descubrimento das augas termais, foi un centro turístico moi importante, especialmente ao redor de 1900 cando, máis de 10.000 persoas acudían cada ano a tomar as augas porén, aínda que hoxe segue en funcionamento non ten tanta afluencia. A cidade de Vichy tamén se desenvolveu ao redor das súas augas termais.

Cómpre destacar demais o turismo verde, que está a adquirir un grande auxe en toda a rexión, especialmente na zona do Parque Natural dos Nolcáns de Auvernia. A raíz disto no ano 2002 foi inaugurado Vulcania, un parque de atraccións centrado no vulcanismo. Así mesmo conta con moitas estacións de esquí, adicadas sobre todo ao esquí de fondo.

Agricultura

editar

Con 14.000 empregos, a agricultura representa o 8,5% dos empregos rexionais, o dobre que a media do estado francés. Na súa parte montañosa, Auvernia caracterízase por ser especialmente unha rexión de cría de gando orientada cara á produción láctea, sendo berce das razas bovinas salers e aubrac.

Distínguese pola súa produción de queixos con denominación de orixe (AOC) con seis especialidades: o Bleu d'Auvergne, o Cantal Entre-deux, o Cantal Jeune, o Fourme d'Ambert, o Salers e o Saint-Nectaire. Con 50.000 toneladas, produce a cuarta parte da totalidade francesa dos queixos con esta denominación. Fabrica, así mesmo, o queixo Roquefort e o Bleu des Causses.

Outro actividades destacables spn o cultivo de lentellas verdes do Puy sobre as planicies de Velay e o Alto Loira, a cria de gando de Allier orientada especialmente á produción de carne. Tamén os cereais (trigo, millo ou cebada), oleaxinosos (colza, girasol) e remolacha azucreira nas partes baixas de Allier e Limagne ou as fábricas de azucre de Clermont-Ferrand.

Na cidade de Chappes, próxima a Clermont-Ferrand, atópase a sede do cuarto sementeiro máis grande do mundo: Limagrain. Esta sociedade dispón dunha rede de investigación composta por cincuenta laboratorios de selección, sete deles dedicados á biotecnoloxía e tres laboratorios de análises dos ingredientes, isto converte a Chappes nun dos principais centros de investigación da rexión, subvencionado pola fundación Investigación e Desenvolvemento con 60 millóns de euros ao ano.

 
Catro queixos AOC de Auvernia : Cantal, Bleu d'Auvergne, fourme d'Ambert e Saint-nectaire

Demografía

editar

Auvernia, con 1 335 938 habitantes e unha densidade de poboación de 51 hab/km2 ocupa o posto número 22 de 26 na clasificación estatal, o que o fai unha rexión moi pouco poboada. Isto é debido á xeografía da rexión, que é de relevo montañoso o que limitou o desenvolvemento das cidades, ademais de sufrir o grande éxodo rural que, dende o século XIX, foise producindo no campo. A cuarta parte da poboación da rexión atópase concentrada na súa capital, Clermont-Ferrand.

Cultura

editar
 
Briude, Auvernia
 
Lo Puèi de Velai, Velai
 
Allier, Borbonés
 
Sinal do Camiño de Santiago con símbolos occitanios

Na Auvernia administrativa reagrupanse diferentes territorios cunha cultura heteroxénea. Dos catro departamentos que a compoñen, tres e a metade doutro están na Occitania. Así pois a rexión administrativa, componse de tres rexións históricas e culturais:

  •   A Auvernia propiamente dita, que abrangue os departamentos de Cantal e de Puy de Dôme, así como o de Brioude e o de Brivadois do Alto Loira son, actualmente, os mellores expoñentes da cultura do país. Lugares onde mellor se conservan a lingua, a tradición culinaria e a música auvernesa.
  •   O Velai, que comprende a parte máis grande do departamento do Alto Loira (salvo os nomeados Brioude e Brivadois), ten unha historia diferente e unha identidade ben afirmada que nada teñen que ver coa tradición auvernesa aínda que comparta o mesmo bagaxe cultural occitano que a Auvernia histórica.
  •   O Borbonés, que coincide co departamento de Allier, e áchase dividido entre o occitano na súa parte sur e o francés na parte norte.

Linguas

editar
Artigo principal: Lingua occitana.

A Auvernia ten dúas linguas autóctonas o occitano, falado en case toda a rexión e o francés na metade norte do Borbonés (departamento de Allier) cara a Moulins. O termo algunhas veces acuñado de linguaxe borbonés é ambiguo xa que designa de igual modo tanto aos que falan occitano como aos que falan o francés do Borbonés.

No ano 2006 foi levada a cabo unha enquisa que demostrou que, tanto para unha lingua como para a outra o termo máis utilizado para definilas era o de patois (78% da poboación), xunto coas definicións máis rexionais (auvernés, borbonés, vellave). No entanto, consérvase un certo grao de identidade cultural xa que o termo borbonés era preferido por un 5% e lingua de oc ou occitano por un 12% da poboación. A lingua rexional segue sendo a lingua maiormente utilizada na rexión:

  • O 61% declaran comprender, máis ou menos ben, a súa linguaxe rexional, fronte a un 22% que declaran comprendela perfectamente.
  • O 42% declaran saber falalo regularmente, fronte a un 12% que o falan perfectamente.
  • O 29% declaran lelo con algunha dificultade, fronte a un 10% que o len sen dificultade algunha
  • O 17% declaran escribilo máis ou menos ben, fronte a un 4% que o escriben con toda facilidade.

Desgraciadamente a gran maioría da poboación que comprende ou fala normalmente estas linguas, non sabe lelas e moito menos escribilas.

A transmisión da linguaxe practícase, xeralmente, no ámbito familiar e pouco ou case nada no ámbito escolar. A este respecto o Estado xoga un papel preponderante xa que, o 40% da poboación laméntase por non ensinar aos seus fillos o idioma materno. A porcentaxe é maior entre as xeracións seguintes (58% con menos de 35 anos). Advírtese, entre a poboación, o desexo de aprendelo, especialmente entre aqueles que teñen menos de 35 anos (23%).

A petición de que estas linguas sexan impartidas nas escolas é máis pronunciada nos departamentos do Alto Loira (53%), Puy-de-Dôme (51%) e Cantal (74%). O interese de que os seus fillos aprendan esta linguaxe é maioritario 41% e 58% entre os menores de 35 anos. O 71% da poboación decláranse favorables ao mantemento e desenvolvemento da lingua e a cultura rexional que segue sendo preponderante entre os menores de 35 anos (76%).

Música

editar

Auvernia conta cunha gran cultura musical, especialmente no que concirne á música adicada á danza popular. Posta de moda novamente nos anos 1970, co novo rexurdir da música folk, a música tradicional oral foi recuperada e gravada para a súa conservación e divulgación.

  1. Ver entrada de «Occitania». Diciopedia do século 21 3. Isaac Díaz Pardo, Víctor F. Freixanes, Antón Mascato (edición). Editorial Galaxia. 2007. p. 1498. ISBN 9788482893600. 
  2. Anaír Rodríguez Rodríguez, Montserrat Davila Ventura. Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, ed. Lingua galega: dúbidas lingüísticas (PDF). p. 111. ISBN 84-8158-266-2. 
  3. González Rei, Begoña (2004). Ortografía da lingua galega. Galinova Editorial. ISBN 978-8497370417. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar