Pirámide de poboación

A pirámide de poboación consiste graficamente nun dobre histograma de frecuencias. As barras do dobre histograma dispóñense en forma horizontal, é dicir, sobre a liña das abscisas, e convencionalmente indícanse os grupos de idade da poboación masculina á esquerda e os que representan a poboación feminina á dereita. Á súa vez, no eixo das ordenadas disponse e identifícanse os grupos de idade, polo xeral, de cinco en cinco anos (0 a 4, 5 a 9, 10 a 14 etc.), colocando as barras de menor idade na parte inferior do gráfico e aumentando progresivamente cara á cúspide as idades de cada intervalo. Cando existe unha información detallada (nacementos e defuncións anuais) podemos elaborar unha pirámide de poboación tamén con esa información detallada (barras de ano en ano). A escala das abscisas pode representar valores absolutos (é dicir, número de habitantes de cada grupo de idade e sexo) ou relativos, é dicir, porcentaxes de cada grupo de idade e sexo con relación á poboación total.

Pirámide de poboación da Arxentina 2005

Este tipo de gráfico toma o seu nome da forma que adopta nas sociedades que teñen unha poboación cunha ampla base debido ao gran número de nacementos e que se estreita paulatinamente pola mortalidade crecente e acumulativa a medida que aumenta a idade da poboación.

Tipos de pirámides de poboación editar

 
A pirámide de poboación de Afganistán é un exemplo de pirámide de tipo expansiva
 
A pirámide de poboación de España é un exemplo de pirámide de transición demográfica
 
A pirámide de poboación de Francia é un exemplo de modelo de pirámide estacionaria.
  • Pirámide de poboación de tipo expansiva. Presentan unha base ancha e un angostamiento progresivo e regular ata a cúspide da pirámide. En xeral e normalmente caracteriza aos países con forte natalidade e mortalidade media ou forte. Implica poboacións novas.
  • Pirámide de transición demográfica. Presentan un angostamento pronunciado na base, cun menor número de persoas nas idades menores, evidenciando un descenso progresivo da taxa de fecundidade xeral e, polo tanto, da súa taxa de natalidade, o cal ocasiona que as barras inferiores sexan máis angostas cada ano que pasa e que comece a variar a estrutura de idades, xa que a poboación en xeral tende ó envellecemento crecente ó diminuír a taxa de natalidade e por conseguinte, a proporción de xente nova. Ademais, tamén se modifica, aínda que máis lentamente, a composición segundo o sexo da poboación total, pola natalidade e mortalidade diferenciais en canto ó sexo: nacen máis homes que mulleres (aproximadamente, uns 102 homes por cada 100 mulleres, tanto a nivel mundial como nacional e ata local cando se trata de cidades de certo tamaño), de maneira que se comeza a diminuír a natalidade, a proporción de poboación masculina tenderá tamén a baixar. E por outra banda, a mortalidade afecta en maior proporción e máis cedo, á poboación masculina, dando orixe a unha crecente desproporción entre o número de mulleres e de homes a favor das primeiras, especialmente a partir dos 65 anos aproximadamente (existen diferenzas entre os países, segundo sexan as súas características demográficas), algo que se debe á esperanza de vida máis longa da poboación feminina. En xeral e normalmente, caracteriza ós países con natalidade decreciente e mortalidade relativamente estabilizada. Implica poboacións en transición cara ó envellecemento.
  • Pirámide de poboación de tipo estacionaria. Existe unha notable igualdade entre as xeracións novas e adultas, e unha redución importante nas anciás. O crecemento natural é baixo. Este tipo de pirámide é propia das poboacións que non presentan cohortes da transición demográfica. Poden responder a países con taxas de natalidade e mortalidade altas, que aínda non comezaron a transición demográfica (sobre todo se se trata de poboacións históricas) ou a países que xa terminaron a transición demográfica e desapareceron todas as xeracións que se produciron nesa etapa de transición. Isto, a comezos do século XXI, non sucedeu en ningures, aínda que os países escandinavos as últimas xeracións da transición demográfica están xa na cima da pirámide.

Hai diversas combinacións posibles nas relacións entre mortalidade e natalidade :

  1. Mortalidade alta e natalidade alta: Poboación nova.
  2. Mortalidade e natalidade con tendencia a diminuír: Poboación de transición demográfica.
  3. Mortalidade baixa e natalidade baixa: Poboación envellecida.

Diversidade xeográfica editar

Os distintos tipos de pirámides de poboación teñen a escala local ou rexional, variacións bastante notables, o que se debe ás distintas composicións demográficas da poboación segundo sexan as características xeográficas da área:

  • En primeiro lugar, as poboacións rurais teñen unha natalidade superior ás áreas urbanas, sobre todo se, nestas últimas, se trata de cidades bastante grandes. Os motivos desta característica débense ás diferenzas sociolóxicas, laborais e de posibilidades económicas e educativas, que existen entre as áreas rurais e urbanas. Por exemplo, no medio rural, o traballo de nenas e nenos de pouca idade é unha constante desde case o principio da humanidade, algo que se debe a que moi cedo comezan a axudar ós seus pais (os nenos) e ás nais (as nenas) no que se refire a pequenas tarefas ou quefaceres agrícolas ou domésticos. Á súa vez, esta característica tan arraigada entre as poboacións rurais de todo o mundo, tanto se se trata de países subdesenvolvidos como de países desenvolvidos, fai que a ausencia escolar e, sobre todo, a deserción escolar estacional ou permanente, sexan moito máis intensas no medio rural. Como consecuencia diso, a poboación rural é máis nova e ten un predominio do sexo masculino, especialmente nas áreas máis subdesenvolvidas, xa que nelas, o éxodo rural é moito máis importante entre o sexo feminino que no masculino, pola maior diversidade de actividades económicas e educativas que existe para as mulleres nas cidades. Pola contra, a natalidade nas cidades é moito menor que no campo polas menores necesidades de traballo infantil, a dificultade en satisfacer as necesidades sociais, educativas, culturais, médicas e recreativas (entre outras) dunha poboación infantil sempre crecente (non pola natalidade, senón pola inmigración), o conxestionamento e espazo reducido das vivendas e moitos outros factores.
  • En segundo lugar, na poboación urbana, como consecuencia do dito anteriormente, predomina o sexo feminino e o grupo de poboación adulta, sendo acotío o de poboación vella case tan numeroso, ou máis, que o da poboación nova.
  • En terceiro lugar, nas áreas rurais, o efecto da emigración déixase sentir no grupo dos adultos novos (15 a 30 anos, aproximadamente), pola forte emigración cara ás cidades ou éxodo rural. A escaseza de poboación activa no campo adóitase corrixir mediante un crecente emprego de técnicas modernas de cultivo (por exemplo, rega por goteo ou emprego de motocultores eficientes e cada vez maiores), ou coa contratación de inmigrantes con salarios máis baixos, o cal vén afectar a calidade do emprego e, polo tanto, o aumento do éxodo rural.
  • Para rematar, a diversidade xeográfica que se expresou arriba, e que afecta a todo o mundo (aínda que con diferenzas notables entre o mundo desenvolvido e o subdesarrollado) tende a crear, co tempo, certos mecanismos de compensación, por exemplo, a tendencia á concentración da poboación nas áreas rurais, que van facendo os países máis homogéneos cada vez, no que respecta á súa diversidade rexional.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar