Propiedade privada

Propiedade privada son os dereitos das persoas e empresas a obter, posuír, controlar, empregar, dispor e deixar en herdanzas, capital, cousas e outras formas de propiedade. A propiedade privada diferénciase da propiedade pública en que esta última se refire a bens propiedade do Estado ou Goberno, e non de individuos, comunidades ou entidades empresarias.[1] O concepto de propiedade foi sufrindo modificacións ó longo da historia. A finais do século XVIII, durante a Revolución Industrial, a propiedade privada xurdiu como a forma predominante de propiedade no eido da produción e as terras, desprazando á propiedade feudal, gremios, sistema de obradoiros de traballo e produción artesá, que se baseaban na propiedade das ferramentas de produción por parte de traballadores individuais ou gremios de artesáns.[2]

A fábrica Volkswagen é un exemplo de propiedade privada. A fábrica é propiedade privada dos seus accionistas quen obteñen fondos das ganancias que xera o seu funcionamento.

Os marxistas fan unha distinción entre propiedade privada e propiedade persoal, definindo á primeira como os medios de produción, facendo referencia á empresa privada baseada nunha produción socializada e man de obra asalariada; mentres que a segunda son os bens de consumo ou cousas producidas por un individuo.[3][4] Historicamente, até o desenvolvemento do capitalismo, o termo propiedade designaba á tenencia de terras; a partir de entón o termo propiedade comezou a utilizarse para referirse á propiedade sobre os medios de produción. Dende entón, na súa acepción común, expandiuse para abarcar ás posesións persoais e á propiedade non produtiva que posúen os individuos.

Notas editar

  1. "What is public property? definition and meaning". Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2009. Consultado o 08 de xuño de 2018. 
  2. "The Accumulation Of Capital". 
  3. Gewirth, Alan. (1996). The Community of Rights. University of Chicago Press. p 168
  4. Capital, Volume 1, by Marx, Karl. From "Chapter 32: Historical Tendency of Capitalist Accumulation"