Moedas conmemorativas da Exposición Panamá-Pacífico

serie de moedas conmemorativas estadounidenses (1915)

As moedas conmemorativas da Exposición Panamá-Pacífico son unha serie de cinco pezas emitidas en prata e en ouro pola Casa da Moeda dos Estados Unidos con ocasión da Exposición Internacional Panamá-Pacífico de San Francisco, en 1915.

Cadro expositor das moedas conmemorativas da Exposición Panamá-Pacífico.[1]

As cinco moedas están cuñadas na Ceca de San Francisco e a emisión incluíu pezas redondas e octogonais de 50 dólares. Agás as actuais moedas de investimento, estas dúas pezas, cuñadas en ouro, son as de maior valor facial emitidas nos Estados Unidos, e a moeda de forma octogonal é a única moeda deste país que non é redonda.

En xaneiro de 1915, o Congreso aprobou unha lei pola que se autorizaba a emisión de moedas de medio dólar de prata, un dólar de ouro, 2½ dólares de ouro e as devanditas dúas moedas de 50 dólares de ouro. Logo de que a Casa da Moeda lle propuxese a algúns artistas que achegasen os seus modelos, o secretario do Tesouro William G. McAdoo rexeitou inicialmente todas as propostas, aínda que finalmente se aceptaron os deseños de Robert I. Aitken para as dúas pezas de 50 dólares e de Charles Keck para o dólar de ouro. Do deseño das moedas de medio dólar de prata e de 2½ dólares de ouro encargouse directamente o daquela gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Charles E. Barber, coa participación do seu asistente, George T. Morgan.

A comercialización destas moedas conmemorativas encomendóuselle ao numismático Farran Zerbe. A serie non gozou de moita aceptación e a súa venda non foi a esperada, polo que moitas das moedas cuñadas foron devoltas á Casa da Moeda para a súa refundición. Só se distribuíron comercialmente unhas poucas centenas de cada unha das pezas de 50 dólares, o que as converteu nas moedas conmemorativas de menor tiraxe dois Estados Unidos. Os seus prezos no mercado numismático roldan os 200.000 dólares, en función do seu estado de conservación.

Contexto histórico-numismático editar

 
O numismático Farran Zerbe, comisionado para a comercialización das moedas.

En 1904, o comerciante de San Francisco Rueben Hale propuxo unha exposición na súa cidade natal para celebrar en 1915, en conmemoración tanto da apertura da Canle de Panamá como do 400 aniversario de Vasco Núñez de Balboa, o primeiro europeo coñecido en ver o océano Pacífico desde as Américas. Aínda que o terremoto e o incendio de San Francisco de 1906 supuxeron inicialmente unha eiva momentánea para estes plans, ao final acabaron por provocar unha recadación extraordinaria de fondos, xa que moitas das persoas máis ricas de California prestaron apoio financeiro e o Estado decidiu igualar as doazóns privadas na mesma cantidade; ademais, en 1911 o presidente William Howard Taft seleccionou a San Francisco sobre a cidade coa que competía, Nova Orleáns, para albergar unha gran feira.[2]

A Exposición Internacional Panamá-Pacífico, construída en San Francisco xunto ao estreito Golden Gate, tivo un custo de 50 millóns de dólares e estivo aberta desde o 20 de febreiro ata o 4 de decembro de 1915.[3] A exposición acadou un éxito notable e a ela asistiron arredor de 19 millóns de persoas,[4] o que xerou uns beneficios suficientes como para construír o Auditorio Cívico de San Francisco, cun custo próximo ao millón de dólares.[5] O Palacio de Belas Artes foi o único edificio construído para a exposición que se mantivo en pé ata os nosos días.[6]

As moedas conmemorativas que se decidiu facer para promocionar e financiar economicamente este evento non se comercializaron a través da propia Casa da Moeda, como ocorrería en ocasións posteriores, senón que a lei que autorizou a súa emisión prevía o nomeamento dunha entidade que llas adquirise á Casa da Moeda ao seu valor nominal e llas vendese posteriormente ao público cunha prima, para así recadar fondos.[7] Entre os que impulsaran no pasado outros eventos conmemorativas e xa participaran na venda das súas respectivas emisións de moedas conmemorativas atopábase Farran Zerbe, un promotor e coleccionista numismático que en 1914 accedera ao cargo de presidente da Asociación Numismática Estadounidense. Zerbe era un persoeiro controvertido —algúns pensaban que as moedas en cuxa venda participara anteriormente se venderan a prezos inflados—, aínda que era un gran promotor da afección á numismática coa súa exposición itinerante Money of the World ("Diñeiro do mundo"), que finalmente acabou formando parte do Museo Numismático Chase Manhattan.[8][9]

Lexislación editar

 
O senador James Edgar Martine (ca. 1915), impulsor da lexislación que autorizou a emisión conmemorativa.

A mediados de 1914 presentáranse varias propostas de moedas conmemorativas, aínda que a US Mint non levara a cabo ningunha emisión deste tipo desde 1905. Unha destas propostas, patrocinada polo senador de Nova York Elihu Root, apostaba por unha moeda dun cuarto de dólar conmemorativo simultaneamente dun século de paz e da apertura da Canle de Panamá en agosto de 1914.[10] Presentáronse senllos proxectos de lei que solicitaban moedas para conmemorar e colaborar no financiamento da Exposición Panamá-Pacífico: unha por parte do congresista californiano Julius Kahn, o 3 de xuño de 1914,[11] e outra polo senador por Nova Jersey James E. Martine, o 6 de xullo do mesmo ano. Neste último proxecto de lei propúñase a cuñaxe de dúas moedas con valor facial de 50 dólares —unha redonda e outra octogonal—, ademais dunha de 2½ dólares e outra dun dólar de ouro, e finalmente outra de medio dólar de prata.[12] As pezas octogonais estaban concibidas para lembrar as emisións privadas de moedas de 50 dólares con esta forma realizadas durante a febre do oro de California.[13]

O proxecto de lei presentado por Martine foi aprobado polo Senado dos Estados Unidos o 3 de agosto, logo de pasar o respectivo trámite na Comisión de Exposicións Industriais. A única obxección que recibiu foi de procedemento, xa que o senador por Utah Reed Smoot consideraba que o proxecto debería ter recibido previamente a aprobación da Comisión de Banca e Moeda do Senado, ou ben pola Comisión de Finanzas desta cámara. No entanto, nin Smoot nin ningún outro senador se opuxeron ao proxecto de lei, que segundo Martine contaba tamén co apoio do secretario do Tesouro, William G. McAdoo.[14]

O día seguinte, o proxecto de lei foi enviado para o seu trámite na Cámara de Representantes, en concreto na súa Comisión de Moedas, Pesos e Medidas. Desta comisión saíu o 1 de setembro de 1914, con varias emendas, unha das cales aumentaba a tiraxe autorizada combinada das dúas moedas de 50 dólares, das 2.000 inicialmente propostas a 3.000.[15] A Cámara de Representantes tomou en consideración o proxecto de lei e aprobouno o 4 de xaneiro de 1915, despois de que o senador Julius Kahn propuxese con éxito unha nova emenda, de rango menor.[15][16] O Senado asumiu as emendas da Cámara de Representantes e aprobou o proxecto de lei sen máis obxeccións,[17] e o presidente Woodrow Wilson asinouno o 16 de xaneiro de 1915, para o converter así na Lei 66-233.[18][19]

Preparación editar

 
George E. Roberts, director da Casa da Moeda dos EEUU en 1914

Ao pouco de se presentar no Congreso o primeiro dos proxectos de lei — o de Julius Kahn— en xuño de 1914, o director da Casa da Moeda dos EEUU, George E. Roberts, comezou a facer as primeiras xestións informais para ir preparando a emisión conmemorativa. Este proxecto prevía catro deseños de moedas e unha medalla conmemorativa destinada á súa venda aos asistentes á feira, ademais doutra medalla como premio para recoñecer os mellores expositores. Todas estas pezas deberían ser cuñadas pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e Roberts solicitoulle á Comisión de Belas Artes que lle recomendase algúns artistas. Entre as propostas desta comisión estaban Adolph A. Weinman —quen deseñaría a moeda de dez centavos Mercury e o medio dólar Walking Liberty en 1916— e Bela L.Pratt —autor da serie de moedas de ouro de 1908 Indian Head—, ademais doutros artistas como Evelyn Longman, Robert I. Aitken, Charles Keck e Paul Manship.[20]

O director Roberts tomou contacto con varios destes artistas e achou a Robert I. Aitken interesado na creación das pezas de 50 dólares. Mais estes primeiros contactos con Aitken para as grandes moedas de ouro, e tamén con James Earl Fraser —o autor dos 5 centavos Buffalo— para a medalla do premio remataron axiña, cando Roberts renunciou en novembro do seu posto como director para aceptar un traballo no sector bancario. Así as cousas, o secretario do Tesouro McAdoo nomeou interinamente a Frederic Dewey como director da US Mint, e os preparativos informais que se estaban a levar a cabo case se detiveron ata que o Congreso lle deu o visto e prace ao proxecto de lei presentado por James E. Martine a principio de xaneiro de 1915. Logo do seu paso por ambas as cámaras e cando estaba á espera da súa sinatura polo presidente, Dewey organizou unha reunión en Nova York cos artistas Aitken, Keck, Longman e Manship. A lei que autorizaba a emisión das moedas requiría que a Casa da Moeda comezase a entregar moedas cuñadas antes da data de apertura da exposición, prevista para o 20 de febreiro de 1915, polo que a ceca debería actuar con moita rapidez. McAdoo aprobou as opcións de Aitken para as moedas de 50 dólares, de Longman para os 2½ dólares, de Keck para o dólar de ouro e de Manship para o medio dólar de prata o 21 de xaneiro. Os catro artistas xa estaban a traballar, e Aitken respondeu á comunicación da súa contratación presentando uns deseños que eran similares aos das moedas circulantes existentes.[21]

 
Charles E. Barber, gravador xefe da US Mint.

O 29 de xaneiro de 1915, os catro artistas presentaran xa algúns moldes de bronce das súas propostas. Dewey remitiullos a McAdoo e este pediu consello á Comisión de Belas Artes —que foi favorable—, ao seu secretario adxunto, William Malburn —desfavorable— e ao gravador xefe da Casa da Moeda, Charles E. Barber e a outros empregados da ceca, que achegaron as súas suxestións. McAdoo ordenara á Casa da Moeda que tivese preparados deseños alternativos para todas as moedas da serie, e Charles E. Barber púxose ao labor, comezando co medio dólar de prata. O día 5 de febreiro, McAdoo emitiu un curto comunicado no que rexeitaba as propostas feitas polos catro artistas externos á Casa da Moeda, sen xustificar esta inesperada decisión.[22] A este respecto, os investigadores Anthony Swiatek e Walter H. Breen, no seu traballo sobre moedas conmemorativas estadounidenses, afirman que a oposición do secretario adxunto de McAdoo, Malburn, foi decisiva nesa decisión.[10]

Os catro artistas externos amosaron entón a súa desconformidade, aínda que estas protestas non tiveron repercusión inicialmente. McAdoo acabou por seleccionar o deseño alternativo proposto por Barber para o medio dólar de prata. O artista Longman presentou novos deseños e acudiu a Washington para tratar o asunto do rexeitamento do seu deseño, aínda que non puido continuar intentándoo por mor dunha doenza. Barber foi seleccionado para deseñar a moeda de dous dólares e medio de ouro. Pola súa parte, tanto Atiken como Keck opuxéronse á Comisión de Belas Artes e a McAdoo, e Keck tamén presentou outros deseños adicionais. Ambos deseñadores reuníronse con McAdoo, Malburn e Dewey en Washington, e acordaron cambios nos deseños propostos, e despois de facelos, os seus deseños para as pezas de 50 dólares e dun dólar de ouro foron finalmente aprobadas o 6 de marzo de 1915. O medio dólar aprobouse dous días despois. Barber presentou os seus deseños para os 2½ dólares o 16 de marzo e foron aprobados con entusiasmo polo Departamento do Tesouro.[23]

Deseños editar

50 dólares (ouro) editar

Véxase tamén: Moeda de 50 dólares estadounidenses
50 dólares de ouro (octogonal[24] e redonda[25])
 
 
A/.: Busto de Minerva con casco cara á esquerda. Data en números romanos no escudo.

UNITED · STATES·OF·AMERICA / FIFTY · DOLLARS / · IN GOD WE TRUST·

R/.: Moucho pousado nunha póla de piñeiro californiano. Marca de ceca (S).

PANAMA-PACIFIC · EXPOSITION / SAN FRANCISCO / · E PLURIBUS UNUM ·

O anverso deseñado por Robert I. Aitken para a moeda de 50 dólares presenta como motivo central un busto de Minerva, a deusa romana da sabedoría, a habelencia e a contemplación, cun casco con crista, un atributo habitualmente utilizado pola súa equivalente grega Atenea, nas moedas da Antiga Grecia. Minerva leva tamén unha cota de malla —o que os investigadores Swiatek e Breen consideraron un estraño anacronismo— e o escudo amosa os números romanos MCMXV, correspondentes ao ano 1915 en caracteres arábigos.[26][27] Aínda que Aitken expresara a data como "1915" nos seus esbozos orixinais, cambiou axiña de opinión: "Como estes deseños non se utilizarán en ningún outro ano, non cumprirá cambiar a data, como debemos facer noutras moedas".[28][29]

No reverso represéntase o moucho de Atenea, símbolo da sabedoría, pousado sobre unha póla de piñeiro. Kevin Flynn, no seu libro sobre as moedas conmemorativas estadounidense, describiu a póla na que se pousa o moucho como a dun pinus ponderosa, e nela amósanse tamén varias piñas.[27][28][30]

O deseño da peza octogonal é algo máis grande que o da redonda, para deixar espazo ao bordo adobiado con golfiños en ambas as faces, que simbolizan a ruta marítima posibilitada coa apertura da Canle de Panamá.[28][30]

A marca de ceca (S) está tamén no reverso, ao pé da piña de máis á dereita e xusto encima do "O" de SAN FRANCISCO.[28][31]

Aitken explicou nestes termos o seu propio deseño para as moedas de 50 dólares:[32]

Para expresar no meu deseño o feito de que esta moeda se cuñou en conmemoración da Exposición Panamá-Pacífico, e como a exposición representa todo o que a sabedoría e a industria produciron, utilicei como motivo central do anverso a cabeza da deusa virxe Minerva. É a deusa da sabedoría, da habelencia, da contemplación [...] Ademais, ocupa un lugar senlleiro no selo do Estado de California [...]. O uso dos golfiños na moeda octogonal contribúe ao seu encanto, ademais de expresar a ruta acuática que permite a Canle. No reverso boto man do moucho, a ave sagrada de Minerva, tamén símbolo da sabedoría. [...] Con estes símbolos sinxelos, todos eles cheos de beleza en si mesmos, coido que expresei o sentido máis amplo da exposición: a súa apelación ao intelecto.

O deseño da moeda de 50 dólares recibiu algunhas críticas naquel momento. Houbo quen suxeriu que a presenza dos golfiños na moeda octogonal implicaba que a canle fora construída para a comodidade dos desprazamentos cetáceos. Por outra banda, nun artigo de 1916 no American Journal of Numismatics, da American Numismatic Society, concluíase que "as críticas que se escoitan adoito de que non hai nada relativo aos EEUU nesta moeda excepto a inscrición están plenamente xustificadas".[33]

Swiatek e Breen tacharon estas críticas como:[34]

... numerosas e na súa maior parte irrelevantes, baseadas nunha interpretación da iconografía totalmente equivocada. McAdoo comezou con afirmacións estúpidas de que Atenea non significaba nada nunha moeda estadounidense a menos que puidese identificarse coa Liberdade, e que o moucho de Atenea nunca significaría nada para todos nós.

O historiador da arte Cornelius Vermeule considerou estas moedas un tour de force, datado sen dúbida, mais o suficientemente pouco habitual en todos os aspectos como para ser digno do que a arte numismática estadounidense podería lograr".[35] Posteriormente, a gravadora xefa da Casa da Moeda dos Estados Unidos Elizabeth Jones dixo que as moedas de 50 dólares estaban "estilisticamente en sintonía co período e que tiñan considerables méritos artísticos".[36] Pola súa banda, os autores Jeff Garrett e Ron Guth, no seu traballo sobre a moeda de ouro estadounidense, consideraron as pezas de 50 dólares da Exposición Panamá-Pacífico como "unha das emisións máis impresionantes xamais producidas polo Goberno dos Estados Unidos".[37]

2½ dólares (ouro) editar

2½ dólares de ouro[38]
 
A/.: Columbia nun hipocampo cun caduceo. Data e marca de ceca (S).

PANAMA-PACIFIC EXPOSITION

R/.: Aguia cara á esquerda pousada en estandarte.

UNITED STATES OF AMERICA / ½ DOL ·/ E PLURIBUS UNUM

Aínda que a propia Casa da Moeda dos Estados Unidos lle atribúe ao daquela gravador auxiliar George T Morgan a autoría do reverso da moeda de 2½ dólares de ouro —e tamén do medio dólar de prata—,[39][40] historicamente houbo bastantes incertezas sobre a súa participación nestes deseños. Por unha parte, parece que o resto do persoal da Casa da Moeda non foi consciente desa participación. Por outra parte, a subdirectora da ceca, Mary M. O'Reilly, dixo en 1936 que nos rexistros da entidade só se indicaba que Barber era o responsable do deseño; máis tarde, ese mesmo ano, cursou unha declaración dun empregado anónimo da Ceca de Filadelfia na que se afirmaba que, por mor da longa asociación de Barber e Morgan —Morgan foi axudante de Barber durante 37 anos—, ambos terían mantido conversas sobre os deseños, e que a técnica de Morgan se podía apreciar en ambas as faces dos 2½ dólares e do medio dólar. O empregado concluíu o seguinte: " na miña opinión, non se pode cometer ningún erro ao atribuír a ambos a execución destas dúas moedas; estou seguro de que isto é correcto".[41] Pola súa banda, Q. David Bowers, no seu libro acerca da moeda conmemorativa estadounidense, entrou nesta cuestión acreditando a autoría de Barber nos anversos de ambas as moeda, en tanto que lles atribúe a ambos a participación no reverso do medio dólar, e Morgan en solitario se tería encargado da moeda de ouro de 2½ dólares.[42]

O deseño do anverso da moeda de 2½ dólares —a primeira dese valor facial emitida como conmemorativa— presenta,[43] consonte o informe do director da Casa da Moeda, a "Columbia, en representación dos Estados Unidos, sentada sobre o mítico cabaliño de mar, cabalgando por augas da Canle, co caduceo na man, o emblema do comercio e a industria, invitando as nacións do mundo a utilizar a nova vía de océano a océano". No mesmo informe descríbese o reverso da moeda como "aguia americana descansando sobre un estandarte co lema E PLURIBUS UNUM".[40][44][45]

A marca de ceca está no anverso, á dereita da data.[46] Swiatek e Breen suxeriron que se o caduceo "representa os avances médicos da exitosa campaña do coronel William C. Gorgas" para controlar a malaria e a febre amarela na contorna da Canle. Estes investigadores escribiron que no reverso "é probable que a aguia desafiante aluda á necesidade de manter aberta a Canle durante a primeira guerra mundial; toda a composición está destinada a suxerir un estandarte lexionario romano, que era un poste coroado por algún dispositivo deste tipo".[47]

Segundo a opinión de Vermeule, o anverso dos 2½ dólares de ouro derívase das de moedas da Antiga Grecia que representan "unha Nereida, talvez Tetis, que leva o escudo de Aquiles ás carranchas sobre un hipocampo".[35] Este estudoso suxeriu que o anverso da moeda de 2,5 dólares "puido ser a resposta de Barber ao clamor de Theodore Roosevelt e de Augustus Saint-Gaudens por moedas modernas á maneira grega".[48] O reverso de medio dólar, xunto con este dos 2½ dólares, "son sinfonías clásicas de deseños antigos, motivos que se remontan ás aguias e aos escudos de Longacre e William Barber —os predecesores de Charles Barber como gravador xefe— revisados en forma moderna".[49]

1 dólar (ouro) editar

1 dólar de ouro [50]
 
 
A/.: Traballador da Canle cara á esquerda. Data.

UNITED STATES OF / AMERICA

R/.: Valor facial entre dous golfiños. Marca de ceca (S).

PANAMA · PACIFIC ·EXPOSITION / SAN FRANCISCO / ONE DOLLAR

O anverso de Keck para o dólar de ouro era un dos deseños alternativos presentados a McAdoo, que representaba a cabeza sen máis adorno que un gorro dun traballador da construción da Canle de Panamá[51][52][53] —o deseño orixinal de Keck presentaba a Poseidón, deus do mar na mitoloxía grega—.[54]

Pola súa banda, o reverso contén a inscrición PANAMA-PACIFIC EXPOSITION / SAN FRANCISCO, así como o valor facial da moeda e dous golfiños, que simbolizan a unión dos océanos Atlántico e Pacífico pola Canle.[51][53][54] A marca de ceca está baixo asas letras D e O en DOLLAR.[46]

Vermeule cualificou este deseño do dólar de Keck como "un uso anovador e ousado da superficie limitada que ofrece unha moeda tan pequena e delgada; unha obra de arte en comparación con outros dólares anteriores".[49]

O numismático Arlie Slabaugh, no seu traballo acerca das emisións conmemorativas, indicou que o dólar Panamá-Pacífico "presenta un deseño americano audaz, completamente diferente dos estilos clásicos utilizados nas outras moedas desta serie".[55]

Ademais de comercializarse en conxunto coas outras catro moedas da serie, o dólar de ouro da Exposición Panamá-Pacífico vendeuse individualmente ao prezo de dous dólares.[53]

Medio dólar (prata) editar

Medio dólar de prata [56]
 
A/.: Alegoría de corpo enteiro de Columbia, esparexendo flores e froitas. Raios de sol e o Golden Gate ao fondo. Á dereita, querubín con cornucopia. Data e marca de ceca (S).

PANAMA-PACIFIC EXPOSITION

R/.: Aguia americana coas ás estendidas, pousada sobre un escudo; aos lados, pólas de carballo e de oliveira.

UNITED STATES OF AMERICA / HALF DOLLAR / IN GOD WE TRUST

En relación coa atribución da autoría dos deseños para a moeda de medio dólar de prata, sirva o exposto máis arriba, en relación coa moeda de 2½ dólares de ouro, que tamén é aplicable para este caso.

O anverso da moeda de prata de medio dólar reproduce unha figura de corpo enteiro de Columbia, que esparexe flores e froitas dunha cornucopia sostida por un cativo espido. Detrás desta escena o Sol ponse tras o estreito Golden Gate, aínda sen a característica ponte. A marca de ceca da Casa da Moeda de San Francisco (S), amósase á esquerda da data.[39][57][58]

Acerca destes motivos do anverso, Tom La Marre, no seu artigo de 1987 sobre a serie monetaria Panamá-Pacífico, sinalou que os mineiros consideraban o Golden Gate como un signo de boa sorte e suxeriu que podería ter sido máis oportuno representalo nunha das moedas de ouro.[59] Por outra parte, a cornucopia, segundo Roger W. Burdette, representa o avance no comercio proporcionado pola Canle,[60] aínda que o informe do director da Casa da Moeda dos EEUU de 1915 afirma que "significa os recursos ilimitados do Oeste".[61]

O historiador da arte Cornelius Vermeule considerou o anverso do medio dólar de prata como "un punto intermedio entre os deseños das moedas de prata francesas de principios do novo século e a Walking Liberty ("Liberdade camiñando") deseñada por Adolph A. Weinman para o medio dólar circulante".[62]

O reverso amosa unha aguia sobre un escudo da Unión, flanqueada por pólas de carballo e de oliveira, esta última símbolo da paz,[39][57] algo que a Swiatek e Breen consideran irónico, tendo en conta que a emisión da moeda tivo lugar durante a primeira guerra mundial.[58] No informe do director da US Mint de 1915 considerouse a póla de carballo como un "emblema de forza".[63] Burdette sinala que no deseño orixinal de Barber o escudo flanqueábase por dous golfiños, representativos dos dous océanos unidos pola Canle, en lugar das pólas, e especula con que "McAdoo non entendeu a alegoría, non lle gustou ou simplemente non lle gustan os mamíferos acuáticos nas moedas". Tamén é probable que McAdoo considerase excesiva a presenza de golfiños nesta serie, xa que tanto o dólar como as moedas octogonais de 50 dólares tamén os levaban.[60]

O medio dólar de prata Panamá-Pacífico presenta tamén no reverso o lema IN GOD WE TRUST, o que, xunto coas de 50 dólares desta serie, as converte nas primeiras moedas conmemorativas estadiounidenses en exhibilo.[64] Ese lema utilizouse por primeira vez nas moedas ordinarias do país en 1864. No século XIX, a súa presenza nas moedas non era aínda obrigatorio, mais a principios do século XX xa aparecía na maioría moedas de curso legal dos Estados Unidos.[65] En 1907 e 1908, houbo moitas obxeccións á omisión do lema nas moedas de ouro de dez dólares e de vinte dólares deseñadas por Augustus Saint-Gaudens e, como reacción á controversia popular xerada, o Congreso aprobou en 1908 unha lei que esixía a súa presenza en calquera moeda en circulación que xa o levara con anterioridade, como era o caso de ambas as moedas de ouro ata 1907. O texto das inscricións que deberían levar as moedas da serie Panamá-Pacífico deixouse á discreción do secretario do Tesouro, mais é posible que o persoal da Casa da Moeda lembrase a controversia, e que isto tivese influído na elección final dos motivos dos deseños e tamén nos textos das inscricións.[64]

Produción e distribución editar

 
Estoxo de presentación das moedas que lle foi entregado ao presidente da exposición, Charles Moore.

Logo de seren aprobados os deseños, os artistas prepararon os seus moldes de bronce para llos enviar á Medallic Art Company, de Nova York, onde se fabricaban as matrices que posteriormente utilizaría a Casa da Moeda para elaborar os cuños das moedas, xa que se considerou que esa compañía as podería producir máis axiña que a propia Casa da Moeda. Esta serie de moedas Panamá-Pacífico foi a primeira coñecida dos Estados Unidos cuñada con matrices elaboradas por unha compañía privada, allea á ceca pública. Esas matrices foron enviadas á Casa da Moeda de Filadelfia, onde o Departamento de Gravado, dirixido por Barber, produciría os cuños a partir delas. Aínda que a normativa que autorizaba a emisión determinaba que as moedas debían ser cuñadas en San Francisco, naquela época os cuños utilizados por todas as cecas sucursais da US Mint se elaboraban no Departamento de Gravado da Casa da Moeda de Filadelfia e logo distribuíanse.[66]

En abril, Robert W. Woolley foi comisionado como director da Casa da Moeda e aprobou mostras do dólar de ouro —o primeiro deseño que se terminou—, o 22 de abril. Despois viaxou a San Francisco e alí estaba cando chegaron os cuños para o dólar, o 27 de abril. Cando o cuñador xefe da Casa da Moeda de San Francisco os examinou comprobou que os cuños carecían da marca de ceca "S" característica das moedas cuñadas en San Francisco, e o día 29 envioulle un telegrama ao superintendente da Casa da Moeda de Filadelfia, Adam M. Joyce, quen lle contestou que non pensara que fose necesaria a inclusión da marca de ceca, ao non haber precedentes, dado que se trataba da primeira emisión conmemorativa cuñada fóra da Ceca de Filadelfia. Así as cousas, Woolley, contrariado, ordenou que tanto os cuños que xa chegaran a San Francisco como os que estaban en camiño fosen devoltos á ceca de Filadelfia e se elaborasen outros novos que amosasen a marca de ceca, aducindo que se se usasen os recibidos a xente pensaría que as moedas foran cuñadas na ceca de Filadelfia, que daquela era a única que non utilizaba marca propia. A este respecto, Burdette sinala que a Casa da Moeda de San Francisco supuña unha fonte de orgullo para a poboación local e a omisión da marca de ceca provocaría, probablemente, unha protesta xeneralizada. Consecuentemente, o 3 de maio enviáronse novos cuños para o dólar de ouro, e ao día seguinte os do medio dólar de prata. Os cuños para as moedas de 50 dólares enviáronse o 14 de maio e os dos 2½ dólares de ouro o 27 de maio.[67]

As moedas de 50 dólares foron as máis pesadas e máis grandes de todas as cuñadas nos Estados Unidos, cun peso de 2,4286 onzas troy de ouro e un diámetro próximo aos 45 mm,[68][69] ata que en 2010 foron superadas polas moedas de prata de investimento emitidas en paralelo á serie circulante America the Beautiful.[70][71] Ademais, a súa versión octogonal é a única moeda oficial estadounidense de forma non redonda.[72]

As instalacións da Casa da Moeda de San Francisco non estaban inicialmente preparadas para a cuñaxe de moedas de tan gran tamaño, polo que cumpriu enviar unha nova prensa hidráulica desde a de Filadelfia,[30] que comezou a operar en San Francisco nunha cerimonia que tivo lugar o 15 de xuño de 1915, coa cuñaxe dos primeiros exemplares de moedas octogonais de 50 dólares. O primeiro exemplar foi cuñado polo superintendente da Ceca de San Francisco, T. W. H. Shanahan, para a súa presentación ao presidente da exposición, Charles C. Moore, e os seguintes nove foron cuñadas por outras personalidades, entre os que se atopaba o congresista Kahn. A todas as persoas presentes naquela cerimonia permitíuselles cuñar a súa propia moeda, polo prezo de 100 dólares, e sábese que polo menos tres persoas, entre elas a esposa de Dewey e o administrador local do Servizo Postal o fixeron.[73]

 
O pavillón da mostra itinerante de Farran Zerbe Money of the World na Exposición Panama-Pacific, no que tamén se podían adquirir as moedas conmemorativas da exposición.

A empresa encargada de organizar a exposición —Panama-Pacific Exposition Company— contratou o numismático Farran Zerbe para a comercialización das moedas na feira. Malia as esixencias legal de que se entregasen moedas antes da inauguración da exposición, os únicos produtos avalados polo Goberno dos que Zerbe dispuxo inicialmente para a súa venda no pavillón da súa exposición Money of the World foron unha medalla de recordo, deseñada por Aitken e cuñada nunha prensa que operaba no pavillón da Casa da Moeda na exposición, así como algúns gravados producidos pola Oficina de Gravado e Impresión, tamén in situ. As vendas da medalla foron lentas e Zerbe non tivo moedas para vender ata pouco despois do 8 de maio de 1915, cando se recibiron as de medio dólar de prata e as dun dólar de ouro. A Zerbe resultoulle pouco doada a venda das moedas, entre outras cousas porque moitos compradores potenciais, ante unha ampla oferta de medallas e de reproducións de moedas de ouro da época da febre do ouro e outros artigos de recordo de varios expositores, non crían que as súas moedas fosen produtos oficiais do Goberno. Así as cousas, o Departamento do Tesouro concedeulle un espazo para a venda no propio pavillón da Casa da Moeda, onde se podían comprar as dúas moedas de valores faciais máis baixos, en tanto que se encargaban pedidos para a de 50 dólares. No entanto, Zerbe deixou axiña de vender alí o dólar de ouro, e o resto da feira estivo caracterizado polo conflito entre el e os representantes do Tesouro. O certo é que se cuñara a cantidade máxima de moedas autorizada pola lei e, aínda que Zerbe continuou coa venda das moedas por correo logo do pechamento da exposición o 4 de decembro de 1915, as vendas foron descendendo ata 1916.[74] Zorbe continuou coa venda das moedas en nome da Exposición polo menos ata novembro de 1916 e, nalgún momento, adquiriu el mesmo unha cantidade descoñecida para cubrir as necesidades futuras do seu negocio de moedas. O resto dos espécimes que quedaban sen vender foron refundidos polo Tesouro.[75]

 
Reunión da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos o 9 e 10 de febreiro de 1916 para analizar as moedas emitidas en 1915.[76]

A Casa da Moeda cuñou 1.500 exemplares de cada unha das dúas pezas de 50 dólares, mais outros nove da octogonal e dez da redonda para seren enviados a Filadelfia para o seu exame na reunión de 1916 da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos. Tradicionalmente, os membros da Comisión de Ensaios podían comprar ao seu valor facial as moedas enviadas para as análises da Comisión, e neste caso tamén intentaron facelo, aínda que Woolley se negou a consentilo e finalmente estas pezas acabaron refundíndose tamén na Casa da Moeda.[77]

Zerbe dispuxera caixas e estoxos especiais para a comercialización das moedas. Un xogo cos catro valores faciais —coa elección da versión redonda ou octogonal da moeda de 50 dólares por parte do comprador— vendíase por 100 dólares, en tanto que o xogo completo dos cinco modelos custaba 200 dólares. Segundo Slabaugh, había tamén marcos de cobre con dous exemplares de cada moeda a un prezo total de 400 dólares,[31] mais Swiatek, no seu traballo de 2011 sobre emisións conmemorativas, considera que estes marcos puideron máis ben estar destinados ao regalo a personalidades, xa que non se coñece ningún recibo nin correspondencia relacionados con eles.

Un xogo coas tres moedas de valores faciais máis pequenos vendíase por 7 dólares,[72] en tanto que por separado o seu prezo era dun dólar para o medio dólar de prata, dous dólares para o dólar de ouro e 4 dólares a moeda de ouro de 2½ dólares.[78][79]

Coleccionismo e tiraxes editar

Vendéronse máis pezas octogonais de 50 dólares que redondas, xa que as primeiras resultaron máis populares pola súa similitude coas cuñadas privadamente na época da febre do ouro,[80] e quizais tamén pola presenza dos golfiños.[72] Como a metade das 3.000 moedas autorizadas para o valor facial de 50 dólares correspondían a cada variante, necesariamente tivo que haber máis moedas redondas devoltas á Casa da Moeda para a súa refundición, o que deixaría as moedas redondas de 50 dólares coa distribución máis baixa de todas as moedas conmemorativas dos Estados Unidos (483 exemplares).[77][81]

 
Exemplar da moeda de medio dólar cuñado irregularmente en ouro.[82]

Canto ao medio dólar de prata e ao dólar de ouro, coñécense tamén algúns exemplares cuñados noutros metais; suponse que estas pezas foron cuñadas irregularmente na Casa da Moeda co afán de crear rarezas numismáticas.[83]En xaneiro de 2009, a compañía de poxas numismáticas Heritage Auctions vendeu un exemplar da moeda de medio dólar cuñado en ouro por 345.000 dólares.[82]

Segundo as cotizacións publicadas por Richard S. Yeoman no seu libro A Guide Book of United States Coins, publicado en 2018, os prezos das moedas da serie Panamá-Pacífico no mercado numismático actual flutúan dentro das seguintes marxes, en función do seu estado de conservación: a moeda de medio dólar de prata entre 375 e 2.500 dólares; a moeda dun dólar de ouro entre 525 e 1.775 dólares; a moeda de 2½ dólares de ouro entre 1.550 e 6.000 dólares; e, no caso das dúas variantes da moeda de 50 dólares, a redonda entre 55.000 e 240.000 dólares, e a octogonal entre 55.000 e 245.000 dólares.[84]

Valor facial Tiraxe inicial Para ensaio Refundidas Tiraxe final[81]
Medio dólar 60.000 0-30[85] 32.866 27.134
Dólar de ouro 25.000 34 10.000 15.000
2½ dólares 10.000 17 3251 6.749
50 $ octogonal 1.500 9 855 645
50 $ redonda 1.500 10 1017 483

Notas editar

  1. Todd, Frank Morton (1921). The Story of the Exposition. Vol. IV. Putman's sons, Nova York. 1921. Páxina 118 bis.
  2. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 261-262.
  3. Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 32-33.
  4. Flynn, K. (2008). Páxina 220.
  5. Burdette, R. W. (2007). Páxina 266.
  6. "San Francisco Proudly Re-Opens Doors to the Palace Of Fine Arts". California Historical Society. 3 de decembro de 2014.
  7. Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 3-5.
  8. Flynn, K. (2008). Páxina 217.
  9. Bowers, Q. D. (1992). Páxinas 603-504.
  10. 10,0 10,1 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 190.
  11. Burdette, R. W. (2007). Páxina 269.
  12. "63 S. 6039 Introduced in Senate". United States Senate. 6 de xullo de 1914.
  13. Swiatek, A. (2012). Páxinas 86, 89.
  14. 1914 Congressional Record. Vol. 60. Páxinas 13113-13114.
  15. 15,0 15,1 "Union Calendar No. 324 S. 6039". United States House of Representatives. 1 de setembro de 1914.
  16. 1915 Congressional Record. Vol. 61. Páxina 934.
  17. 1915 Congressional Record. Vol. 61. Páxinas 1012-1013.
  18. "38 Stat. 793 (Pub. Law 63-233)". U.S. Statutes at Large.
  19. "Panama-Pacific International Exposition Commemorative Coin Legislation". United States Mint.
  20. Taxay, D. (1967). Páxinas 24-26.
  21. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 270-274.
  22. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 275-281.
  23. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 281-288.
  24. "50 Dollars Panama–Pacific Exposition (octogonal)". Numista.com
  25. "50 Dollars Panama–Pacific Exposition (round)". Numista.com
  26. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 201-202.
  27. 27,0 27,1 "1915 Panama Pacific Exposition $50 Gold Coin". EarlyConmemorativeCoins.com
  28. 28,0 28,1 28,2 28,3 "Panama-Pacific Exposition Gold $50". United States Mint.
  29. Burdette, R. W. (2007). Páxina 276.
  30. 30,0 30,1 30,2 Flynn, K. (2008). Páxina 226.
  31. 31,0 31,1 Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 30.
  32. Burdette, R. W. (2007). Páxina 275.
  33. Bowers, Q. D. (1992). Páxina 626.
  34. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 202.
  35. 35,0 35,1 Vermeule, C. (1971). Páxina 136.
  36. Jones, E. (1989). Páxinas 127-128.
  37. Garrett, J.; Guth, R. (2008). Páxina 220.
  38. "2½ Dollars Panama–Pacific Exposition". Numista.com
  39. 39,0 39,1 39,2 "Panama-Pacific Exposition Half Dollar". United States Mint.
  40. 40,0 40,1 "Panama-Pacific Exposition Quarter-Eagle". United States Mint.
  41. Burdette, R. W. (2007). Páxina 312.
  42. Bowers, Q. D. (1992). Páxinas 127, 621-622.
  43. La Marre, T. (1987). Páxina 63.
  44. Flynn, K. (2008). Páxinas 219-220.
  45. "1915 Panama Pacific Exposition Quarter Eagle". EarlyConmemorativeCoins.com
  46. 46,0 46,1 Swiatek, A. (2012). Páxina 85.
  47. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 197.
  48. Vermeule, p. 137.
  49. 49,0 49,1 Vermeule, C. (1971). Páxina 135.
  50. "1 Dollar Panama–Pacific Exposition". Numista.com
  51. 51,0 51,1 "Panama-Pacific Exposition Gold Dollar". United States Mint.
  52. Taxay, D. (1967). Páxina 31.
  53. 53,0 53,1 53,2 "1915 Panama Pacific Exposition Gold Dollar". EarlyConmemorativeCoins.com
  54. 54,0 54,1 Flynn, K. (2008). Páxinas 216-218.
  55. Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 29.
  56. "½ Dollar Panama-Pacific Exposition". Numista.com
  57. 57,0 57,1 "1915 Panama Pacific Exposition Half Dollar". EarlyConmemorativeCoins.com
  58. 58,0 58,1 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 189.
  59. La Marre, T. (1987). Páxina 64.
  60. 60,0 60,1 Burdette, R. W. (2007). Páxina 311.
  61. Flynn, K. (2008). Páxina 147.
  62. Vermeule, C. (1971). Páxina 137.
  63. Flynn, K. (2008). Páxina 148.
  64. 64,0 64,1 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 189-190.
  65. Birley, W. (2019).
  66. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 289-290.
  67. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 290-292.
  68. Yeoman, R. S. (2018). Páxina 1054.
  69. Garrett, J.; Guth, R. (2008). Páxina 520.
  70. "America the Beautiful Quarters® Program". United States Mint.
  71. "Press Purchased for New Silver Coins". Numismaster.com, 26 de febreiro de 2010.
  72. 72,0 72,1 72,2 Swiatek, A. (2012). Páxina 89.
  73. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 306-308.
  74. Burdette, R. W. (2007). Páxinas 300-310.
  75. Bowers, Q. D. (1992). Páxina 629.
  76. The Numismatist. Vol. 29. Nº 5. Maio de 1916. Páxina 226.
  77. 77,0 77,1 Burdette, R. W. (2007). Páxina 293.
  78. Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 191-195.
  79. Bowers, Q. D. (1992). Páxina 622.
  80. Bowers, Q. D. (1992). Páxina 628.
  81. 81,0 81,1 Swiatek, A. (2012). Páxina 83.
  82. 82,0 82,1 "Lot #1962: Clandestine Half Dollar Pattern Struck in Gold, Judd-1960, PR64". Heritage Auctions. 7 de xaneiro de 2009.
  83. "J1967/P2034". Usoatterns.com
  84. Yeoman, R. S. (2018). Páxinas 1052, 1055.
  85. Segundo Burdete, non se reservou ningún exemplar para o ensaio [Burdette, R. W. (2007). Páxina 392]. Segundo Swiatek houbo 30 espécimes para o ensaio [Swiatek, A. (2012). Páxina 82]. O dato de Swiatek coincide co achegado polo informe da Comisión de Ensaios de 1916 [Report of the Secretary of the Treasury on the State of the Finances, 1916. Páxina 399].

Véxase tamén editar

Bibliografía editar