Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos
O posto de director da Casa da Moeda dos Estados Unidos é un nomeamento competencia do presidente do país, que, consonte a Constitución dos EEUU, require a posterior aprobación do Senado.[1]
O cargo de director existe desde a propia creación da Casa da Moeda dos Estados Unidos, mediante a Lei da Moeda do 2 de abril de 1792.[2] A Lei da Moeda do 12 de febreiro de 1873 limitou a cinco anos a duración do período de dirección da casa da moeda. O director exerce baixo as instrucións xerais do Departamento do Tesouro dos Estados Unidos.[3]
David J. Ryder tomou posesión no posto en abril de 2018, logo de exercelo previamente no bienio 1992-1993.[4][5]
Cando o posto de director da US Mint fica vacante, o funcionario de carreira de nivel superior actúa como director interino. Ata o nomeamento de Ryder, a ceca non dispuxera dun director oficial desde a renuncia de Edmund C. Moy en 2011.[6][7]
Listaxe de directores da US Mint
editarEsta é unha listaxe das persoas que ocuparon o cargo de director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, desde a súa creación en 1792 ata a actualidade (indícanse entre parénteses as datas de exercicio):[8]
Século XVIII
editar- David Rittenhouse (xullo de 1792 a xuño de 1795), astrónomo, inventor, reloxeiro, matemático, topógrafo, fabricante de instrumentos científicos e funcionario público. En xullo de 1792 converteuse no primeiro director da ceca estadounidense, nomeado polo presidente George Washington.[9] As primeiras moedas cuñáronse a partir de cubertos cedidos polo propio Washington na mañá do 30 de xullo de 1792, cuñadas á man polo propio Rittenhouse, e fóronlle entregadas a Washingtron como agradecemento pola súa doazón.[10] A produción de moeda a grande escala non comezou ata o ano seguinte.[11] Rittenhouse presentou a súa dimisión o 30 de xuño de 1795, polos seus problemas de saúde.[12] En 1871, o Congreso aprobou a emisión dunha medalla conmemorativa na súa honra.[13]
- Henry William de Saussure (xullo de 1795 a outubro de 1795), avogado, lexislador estatal e xurista de Carolina do Sur, convertido en líder político como membro do Partido Federalista, logo da guerra de independencia.[14] Foi un dos creadores do South Carolina College, antecedente da Universidade de Carolina do Sur.[15] Ocupou tamén o cargo de alcalde de Charleston[16] e o seu fillo, William Ford de Saussure, foi alcalde de Columbia.[14] Foi nomeado por George Washington como segundo director da US Mint.[17]
- Elias Boudinot (outubro de 1795 a xullo de 1805), avogado, procurador e funcionario implicado na Revolución Americana de 1776. Logo do establecemento do Goberno dos Estados Unidos, Boudinot foi membro da Cámara de Representantes durante seis anos (1789-1795). George Washington nomeouno como director da Casa da Moeda dos Estados Unidos en Filadelfia en outubro de 1795 e ocupou o posto durante case dez anos.[18][19]
-
H. W. de Saussure
-
Elias Boudinot
Século XIX
editar- Robert Patterson (xaneiro de 1806 a xullo de 1824), nado nunha granxa irlandesa en 1743, emigrou aos Estados Unidos en 1768 e instalouse en Filadelfia. En 1806, foi nomeado director da casa da moeda polo presidente Thomas Jefferson e ocupou o posto ata 1824, pouco antes da súa morte. Paralelamente a este posto como alto funcionario, a súa vida estivo vinculada ao ensino, e destaca o seu labor como profesor da Universidade de Pensilvania a partir de 1779.[20]
- Samuel Moore (xullo de 1824 a xullo de 1835), orixinario de Pensilvania, foi membro da Cámara de Representantes dos Estados Unidos, como republicano, elixido no décimo quinto congreso,[21] e reelixido no décimo sexto, ata a súa dimisión en 1822.[22] Presidiu a comisión de asuntos indios desa cámara.[23] O 15 de xullo de 1824, o presidente James Monroe nomeouno director da US Mint, posto que ocupou ata 1835.[24][25]
- Robert M. Patterson (xaneiro de 1835 a xullo de 1851), fillo do que xa fora director da Casa da Moeda dos Estados Unidos unha década antes e cuñado do director anterior, Samuel Moore, Patterson foi nomeado director da ceca polo presidente Andrew Jackson, e o Senado confirmou o nomeamento o 5 de xaneiro de 1835. Ocupou o posto durante máis de 15 anos. Este tipo de relacións familiares entre os altos funcionarios da ceca pública estadounidense foi bastante habitual ata eses momentos.[26]
- George Nicholas Eckert (xuño de 1851 a xuño de 1853) foi elixido membro da Cámara de Representantes polo partido Whig, da dereita liberal, no trixésimo congreso. O presidente Millard Fillmore nomeouno director da casa da moeda en Filadelfia en xuño de 1851 e ocupouno ata o 6 de xuño 1853. Eckert finou nesa mesma cidade en 1865.[27]
- Thomas M. Pettit (abril de 1853 a maio de 1853), nado en Filadelfia o 26 de decembro de 1797, estudou leis na Universidade de Pensilvania, cidade onde desenvolveu a súa carreira como xurista e político. Foi nomeado director da casa da moeda polo presidente Franklin Pierce,[28] soamente unhas semanas antes do seu falecemento, o 30 de maio de 1853.[29]
- James Ross Snowden (xuño de 1853 a maio de 1861). En 1848, Snowden foi nomeado tesoureiro da Casa da Moeda dos Estados Unidos e ocupou tamén o cargo de axudante do secretario do Tesouro, en Filadelfia. En 1853, o presidente Franklin Pierce nomeouno director da institución, posto que ocupou ata maio de 1861.[30]
- James Pollock (maio de 1861 a setembro de 1866, e maio de 1869 a marzo de 1873). Logo de ocupar diversos postos xudiciais, foi elixido membro da Cámara de Representantes en 1844, durante tres mandatos consecutivos. Foi gobernador de Pensilvania entre 1855 e 1858. Foi nomeado director da US Mint polo presidente Abraham Lincoln en maio de 1861 e permaneceu no posto ata 1866. Posteriormente, volveu ocupar este posto entre 1869 e 1873 por designación do presidente Ulysses Grant. Pollock e o xefe de gravadores da ceca naquel momento, James B. Longacre, foron os responsables da inclusión do lema In God We Trust ("En Deus confiamos") nunha moeda estadounidense, que se mantén na actualidade.[31]
- William Millward (outubro de 1866 a abril de 1867), nado en Filadelfia en xuño de 1922, foi membro da Cámara de Representantes. Millward recibiu o seu nomeamento como director da casa da moeda da man do presidente Andrew Johnson en setembro de 1866, mais o seu nomeamento non chegou a ser confirmado polo Senado, polo que se viu obrigado a abandonar o posto logo de seis meses de servizo. Millward finou o 28 de novembro de 1871.[32]
- Henry Linderman (abril de 1867 a maio de 1869, e abril de 1873 a decembro de 1878), nado o 26 de decembro de 1825, compaxinou o exercicio da medicina coa política. O presidente Andrew Johnson nomeou a Henry Linderman no posto de director da Casa da Moeda dos Estados Unidos en abril de 1867. Dous anos despois renunciou a ese posto por mor de diverxencias de índole política. Porén, polo seu coñecemento dos asuntos relativos a ese cargo, o secretario do Tesouro logrou convencelo de que aceptase ser nomeado novamente, o que ocorreu en 1873, baixo o mandato de Ulysses Grant, por un mandato de cinco anos.[33]
- Horatio C. Burchard (febreiro de 1879 a xuño de 1885). Burchard naceu o 22 de setembro de 1825 e estudou leis no Hamilton College, de Nova York. O presidente Rutherford B. Hayes nomeouno director da ceca pública estadounidense en febreiro de 1879 e novamente Chester A. Arthur confirmouno no cargo en febreiro de 1884. O ano seguinte presentou a súa dimisión para retomar o exercicio da avogacía.[34]
- James P. Kimball (xullo de 1885 a outubro de 1889). O nomeamento do doutor James Kimball no posto de director da US Mint correou a cargo do presidente Grover Cleveland en xullo de 1885 e ocupou o posto ata a súa dimisión en outubro de 1889. Kimball tiña unha grande reputación nos ámbitos científico e técnico, e foi autor de numerosos artigos científicos, tanto nos Estados Unidos como no estranxeiro.[35]
- Edward O. Leech (outubro de 1889 a maio de 1893). Antes do seu nomeamento como director, Edward Leech estaba encargado da preparación e da redacción das estatísticas monetarias, que anualmente se publicaban no informe da dirección da casa da moeda. O presidente Benjamin Harrisson designouno como sucesor de Kimbal en outubro de 1889. Leech renunciou formalmente ao seu posto o 1 de xuño de 1893 para asumir a dirección do National Union Bank, en Nova York.[36]
- Robert E. Preston (novembro de 1893 a febreiro de 1898). Preston ingresou na US Mint aínda cando esta estaba baixo a dirección de Linderman, en 1873, e desenvolveu nela a súa carreira profesional ascendendo de posto baixo os sucesivos directores, ata que el mesmo acadou a dirección en 1893, por nomeamento do presidente Grover Cleveland. Aínda que deixou o posto en 1898, continuou a traballar na casa da moeda en condición de examinador.[37]
- George E. Roberts (febreiro de 1898 a xullo de 1907, e xullo de 1910 a novembro de 1914). Os traballos publicados por Roberts sobre asuntos financeiros chamaron a atención do presidente William McKinley, quen o nomeou director da Casa da Moeda dos Estados Unidos en febreiro de 1898. Pouco despois foi confirmado polo novo presidente, Theodore Roosevelt, en 1903, ata completar un período de nove anos. En 1907, presentou a dimisión para asumir a dirección do Commercial National Bank, de Chicago, mais abandonou este cargo en 1910 como consecuencia da fusión deste banco co Continental National Bank. Roberts exerceu entón o seu terceiro mandato como director da ceca pública entre 1910 e 1914, nomeado nesta ocasión polo presidente William Howard Taft.[38]
Século XX
editar- Frank A. Leach (setembro de 1907 a agosto de 1909). Leach era redactor xefe do xornal Vallejo Evening-Chronicle desde 1867, e o ano seguinte participou na fundación do Oakland Enquirer. En 1897 converteuse en superintendente da Casa da Moeda de San Francisco e permaneceu neste posto ata setembro de 1907, cando Theodore Roosevelt o nomeou director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, cargo que ocupou ata agosto de 1909.[39]
- A. Piatt Andrew (novembro de 1909 a xuño de 1910), desenvolveu un papel fundamental na creación do sistema da Reserva Federal dos EEUU. Piatt Andrew era coñecido como un erudito, un militar e un home de Estado, que levou a cabo unha carreira moi variada, desde a Universidade Harvard aos campos de batalla en Francia. En 1909, Andrew, recoñecido como experto en cuestións financeiras e bancarias, foi nomeado director da casa da moeda en Filadelfia polo presidente William Howard Taft. Desde ese posto seguiu ascendendo dentro da Administración de Taft ata que acadou o posto de secretario adxunto do Departamento do Tesouro en 1910.[40]
- Robert W. Woolley (marzo de 1915 a xullo de 1916), nado en 1871 no seo dunha familia de tradición política e cunha ampla carreira tanto nese terreo como no xornalismo, foi nomeado director da US Mint polo presidente Woodrow Wilson en 1915. O ano seguinte, Wooley renunciou ao seu posto para se converter en director de campaña e membro do comité da Convención Nacional Demócrata.[41]
- F. H. von Engelken (setembro de 1916 a marzo de 1917), nado en Alemaña en 1881, foi nomeado director en 1916 polo presidente Woodrow Wilson, en recoñecemento polo seu labor profesional desenvolvido na Rural Credits Commission, e abandonou a Casa da Moeda dos Estados Unidos aos seis meses de exercicio para asumir a presidencia do Federal Land Bank para o terceiro distrito en Columbia, en Carolina do Sur.[42]
- Raymond T. Baker (marzo de 1917 a marzo de 1922). Raymond Baker foi nomeado sucesor de von Engelken en 1917, aínda polo presidente Wilson, e permaneceu no cargo ata a fin do seu mandato, en 1922. Anteriormente formara parte dunha sociedade con intereses na minaría en Nevada. Logo de abandonar a US Mint, dedicou a súa carreira profesional á banca.[43]
- Frank Edgar Scobey (marzo de 1922 a setembro de 1923). Scobey mantiña unha estreita relación de amizade co presidente Warren G. Harding desde a época en que ambos foran funcionarios públicos en Ohio. No momento de procurar un sucesor para Baker, o presidente nomeou a Scobey en marzo de 1922. Pouco máis dun ano máis tarde renunciou ao seu posto, como consecuencia do falecemento de Harding, e retornou á vida civil.[44]
- Robert J. Grant (novembro de 1923 a maio de 1933). Logo do pasamento do presidente Harding, o vicepresidente Calvin Coolidge nomeou a Robert Grant en 1923 como sucesor de Scobey na dirección da Casa da Moeda dos Estados Unidos. Cinco anos máis tarde renovou o seu mandato, polo que permaneceu no posto ata 1933. Logo de abandonar a casa da moeda, foi nomeado conselleiro financeiro da Casa da Moeda da China en Shanghai.[45]
- Nellie Tayloe Ross (maio de 1933 a abril de 1953). O presidente Franklin Delano Roosevelt confioulle o cargo de directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1933, o que a converteu na primeira muller en ocupar este posto. O mesmo Roosevelt confirmouna para novos mandatos en 1938 e en 1943, e o presidente Harry Truman fixo o mesmo en 1948. Ross retirouse da ceca estadounidense en 1953, logo de vinte anos na dirección da institución.[46][47]
- William H. Brett (xullo de 1954 a xaneiro de 1961). Dwight Eisenhower nomeouno director en xullo de 1954 e confirmouno para un segundo mandato cinco anos máis tarde, en 1959. En 1961, Brett dimitiu do seu cargo e retornou ao sector privado, do que procedía.[48]
- Eva Adams (outubro de 1961 a agosto de 1969), nada en 1908 e en letras pola Universidade Columbia, en Nova York, converteuse na segunda muller en ocupar a dirección da Casa da Moeda dos Estados Unidos, logo de ser nomeada polo presidente John F. Kennedy en 1961. Cinco anos máis tarde foi confirmada no posto por Lyndon B. Johnson e permaneceu nel ata o final do seu mandato o 31 de agosto de 1969.[47][49]
- Mary Brooks (setembro de 1969 a febreiro de 1977), graduada en Artes pola Universidade de Idaho, exerceu como administrativa axudante do seu pai como senador ata a morte deste en 1945. Posteriormente fixo carreira política no partido republicano e o 1 de setembro de 1969 foi nomeada por Richard Nixon como a 28ª persoa en ocupar a dirección da US Mint. Permaneceu no posto ata a súa renuncia en 1977.[47][50][51]
- Stella Hackel Sims (novembro de 1977 a abril de 1981) exerceu varios postos na administración local e estatal, entre eles tesoureira do Estado de Vermont antes de ser nomeada directora da casa da moeda polo presidente Jimmy Carter en novembro de 1977. Un dos retos da súa dirección foi a produción e a distribución da popular moeda dun dólar co busto de Susan B. Anthony. Ocupou o posto ata abril de 1981.[47][52]
- Donna Pope (xullo de 1981 a agosto de 1991) foi a cuarta muller consecutiva (e a quinta ata o momento) en ocupar a dirección da casa da moeda, logo de que Ronald Reagan a nomeara inicialmente en xullo de 1981, e logo a confirmara para un segundo mandato en 1986. Antes deste cargo, Pope formou parte do lexislativo do Estado de Ohio, onde foi elixida como a primeira membro electa dun partido minoritario.[47]
- David J. Ryder (setembro de 1992 a novembro de 1993). Desde 1990, Ryder exercía o cargo de tesoureiro adxunto dos Estados Unidos no Departamento do Tesouro, en Washington, e antes desenvolvera diversos altos postos na Administración, entre eles axudante do vicepresidente e subxefe do seu gabinete. Entre setembro de 1992 novembro de 1993 ocupou o cargo de director da US Mint, na transición entre as presidencias de George H. W. Bush e Bill Clinton.[53]
- Philip N. Diehl (xuño de 1994 a marzo de 2000) foi nomeado director da ceca pública estadounidense polo presidente Bill Clinton en xuño de 1994 e permaneceu no seu posto ata marzo de 2000. Baixo o seu mandato creouse e produciuse a popular serie de moedas dun cuarto de dólar conmemorativas dos 50 estados dos EEUU e tamén foi o responsable do lanzamento da primeira moeda de platino emitida no seu país. Está considerado como un dos directores da ceca máis influentes.[54]
Século XXI
editar- Jay W. Johnson (maio de 2000 a agosto de 2001) foi representante do estado de Wisconsin e tivo unha carreira de tres décadas como xornalista de televisión. O presidente Bill Clinton nomeouno director en 1999 e ocupou o posto desde o ano seguinte a agosto de 2001. En 2002 fundou Jay Johnson Coins and Consulting, onde levou a cabo un importante programa de venda por xunto de moedas por un banco nacional.[55]
- Henrietta H. Fore (agosto de 2001 a agosto de 2005), nada en setembro de 1948, graduouse en Historia, Arte e Economía. O presidente George W. Bush nomeouna directora da US Mint en agosto de 2001, a décimo segunda proveniente do Estado de Nevada e a sexta muller en ocupar o posto. Permaneceu no cargo ata agosto de 2005, cando tomou posesión dun posto de alta funcionaria no Departamento de Estado. A partir de 2018 pasou a exercer como directora executiva de UNICEF.[56][57][47]
- Edmund C. Moy (xullo de 2006 a xaneiro de 2011). Nomeado por George W. Bush e confirmado polo Senado o 26 de xullo de 2006, Edmund Moy ocupou a función de director da casa da moeda ata xaneiro de 2011. Previamente traballara na Casa Branca como asesor especial do presidente. Moy supervisou o lanzamento dun bo número de moedas modernas estadounidenses, entre elas a serie de cuarto dólar coñecida como "América fermosa".[58][59]
- David J. Ryder (abril de 2018 a outubro de 2021). En abril de 2018, Donald Trump confiou en David J. Ryder un segundo mandato á cabeza da Casa da Moeda dos Estados Unidos, logo de que o posto ficase vacante durante máis de sete anos. Ryder xa ocupara o mesmo posto entre 1992 e 1993.[60][61] O 24 de setembro de 2021 anunciou a súa dimisión do posto de director para o 1 de outubro dese mesmo ano.[62][63]
- Ventris C. Gibson (decembro de 2021 - ). Ventris C. Gibgson, unha veterana da US Navy que xa viña desenvolvendo o posto de directora en funcións, foi nomeada como nova directora da US Mint polo presidente Joe Biden o 13 de decembro de 2021.[64][65]
Notas
editar- ↑ "Presidential Appointee Positions Requiring Senate Confirmation and Committees Handling Nominations". Congressional Research Service.
- ↑ Texto da Lei da moeda de 1792. United States Mint.
- ↑ Texto da Lei da cuñaxe de 1873. Library of Congress.
- ↑ "David J. Ryder sworn in as 39th United States Mint Director". En Coins Weekly. 30 de maio de 2018.
- ↑ "David J. Ryder Confirmed as 39th U.S. Mint Director". En Coin Week. 23 de marzo de 2018.
- ↑ "US Mint Director Edmund Moy Resigns". En Coin Week. 22 de decembro de 2010.
- ↑ "US Mint Director Edmund Moy Resigns Arquivado 18 de maio de 2021 en Wayback Machine.". En Coin Update. 21 de decembro de 2010.
- ↑ "Former Directors of the United States Mint". United States Mint.
- ↑ McMorrow-Hernandez, J. (2018). Páxina 18.
- ↑ "The Rittenhouse 1792 Half Disme Arquivado 18 de maio de 2021 en Wayback Machine.". American Numismatic Association.
- ↑ "Coin Production". United States Mint.
- ↑ Snodgrass, M. E. (2019). Páxina 326.
- ↑ "The U. S. Mint & U. S. Bullion Coins". www.free-bullion-investment-guide.com
- ↑ 14,0 14,1 "DeSaussure, Henry William". South Carolina Encyclopedia.
- ↑ Grant, M. (2013). The Conquest of a Continent. The Palingenesis Project, Wermod and Wermod Pub. Páxina 149. ISBN 978-1-909606-01-2
- ↑ "Intendants and Mayors of Charleston". www.charleston-sc.gov
- ↑ "Mint Director De Saussure's Charleston Home Renovated". En The E-Sylum. Vol. 12. Nº 21. 24 de maio de 2009.
- ↑ "Elias Boudinot. American politician". Encyclopaedia Britannica.
- ↑ "Boudinot, Elias. 1740-1821". Biographical Dierctory of the United States Congress.
- ↑ McMorrow-Hernandez, J. (2018). Páxina 31.
- ↑ Dodge, A. R.; Koed, B. K. (2005). Biographical Directory of the United States Congress, 1774-2005, Government Printing Office. Páxina 1.611. ISBN 978-0-16-073176-1
- ↑ United States Congress. (1903). A Biographical Congressional Directory, 1774-1903. U.S. Government Printing Office, Washington. Páxina 702
- ↑ United States Congress. (1996). Biographical Directory of the United States Congress, 1774-1996:. CQ Staff Directories. Páxina 1.546. ISBN 0-87289-124-0
- ↑ Domestic and Foreign Coins Manufactured by Mints of the United States. Department of the Treasury, Bureau of the Mint. 1965. Páxina 91.
- ↑ United States Congress. (1961). Biographical Directory of the American Congress, 1774-1961. U.S. Government Printing Office. Páxina 1.352.
- ↑ "U. S. Mint Medals Presented to Mint Director Robert M. Patterson". NGC Collectors Society. 27 de novembro de 2012.
- ↑ United States Congress. (1961). Biographical Directory of the American Congress, 1774-1961. U.S. Government Printing Office. Páxina 845.
- ↑ "Franklin Pierce (1804-1869)". New Hampshire. www.netstate.com [Nota: nesta referencia cítase como "Petit"]
- ↑ "Thomas McKean Pettit. 1797-1853". University of Pennsylvania. University Archives and Records Center.
- ↑ "James Ross Snowden". En Medals of the United States Mint issued for public sale. Department of the Treasury. 1972. Páxina 140.
- ↑ "Pollock, James. 1810-1890". American Numismatic Society.
- ↑ "Millward, William. 1822-1871". Biographical Directory of the United States Congress.
- ↑ Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxinas 144-145.
- ↑ Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxinas 146.
- ↑ Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxinas 147-148.
- ↑ Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxinas 148-149.
- ↑ Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxinas 149-150.
- ↑ Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxinas 151-153.
- ↑ "Mint Director Appointed. Frank. A. Leach, at Present Superintendent at San Francisco". En The New York Times. 9 de xullo de 1907.
- ↑ "Andrew, Abram Piatt, Jr. 1873-1936". Biographical Directory of the United States Congress.
- ↑ Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxinas 156-157.
- ↑ Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxina 154.
- ↑ Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxina 158.
- ↑ Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxina 159.
- ↑ Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxinas 160-161.
- ↑ Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxinas 162.
- ↑ 47,0 47,1 47,2 47,3 47,4 47,5 McPike, S. (2015). "Six Women Who Have Led the United States Mint". United States Mint News. 18 de marzo.
- ↑ Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxinas 164-165.
- ↑ Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxinas 165-166.
- ↑ Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxinas 167-179.
- ↑ "Mary Brooks Resigns as Director of the Mint". United States Mint.
- ↑ "Why did Stella Hackel Sims Destroy Valuable Mint Records?". En Montgomery, P. et al. (2005). Million Dollar Nickels: Mysteries of the Illicit 1913 Liberty Head Nickels Revealed. Zyrus Press. Páxina 47. ISBN 978-0-9742371-8-3
- ↑ "Nomination of David J. Ryder To Be Director of the Mint". The American Presidency Project.
- ↑ "Meet former U.S. Mint director Philip N. Diehl... Arquivado 18 de maio de 2021 en Wayback Machine.". National Coin & Bullion Assoc.
- ↑ "U.S. Mint Director Jay Johnson, 1943-2009". En E-Sylum. Vol. 12. Nº 43. 25 de outubro de 2009.
- ↑ "Henrietta Fore becomes new UNICEF Executive Director". Unicef. 1 de xaneiro de 1918.
- ↑ "Biography: Henrietta H. Fore". Unicef.
- ↑ "Edmund C. Moy Sworn in as 38th Director of the United States Mint". United States Mint.
- ↑ "Edmund C. Moy to Autograph NGC Labels Under Exclusive Agreement". Numismatic Guaranty Corporation. 7 de decembro de 2015.
- ↑ "David J. Ryder sworn in as 39th United States Mint Director". En Coins Weekly. 30 de maio de 2018.
- ↑ "David J. Ryder Confirmed as 39th U.S. Mint Director". En Coin Week. 23 de marzo de 2018.
- ↑ Gibbs, W. T. (2021). "Ryder resigning as U.S. Mint director Oct. 1". En Coin World. 24 de setembro .
- ↑ Unser, M. (2021). "Ryder Resigns as U.S. Mint Director". En Coin News. 27 de setembro.
- ↑ Gilkes, P. (2022). "President Biden appoints his U.S. Mint director". En Coin World. 14 de xaneiro.
- ↑ Martínez Gallego, J. M. "El presidente Joe Biden nombra a Ventris C. Gibson directora de la US Mint". En Crónica Numismática.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Medals of the United States Mint. US Government Printing Office.
- McMorrow-Hernandez, J. (2018). The United States Mint in Philadelphia. Arcadia Pub. ISBN 978-1-4671-2919-0
- Snodgrass, M. E. (2019). Coins and Currency. An Historical Encyclopedia. 2ª ed. McFarland, Jefferson (NC). ISBN 978-1-4766-7796-5
- Taxay, D. (1966). The U.S. Mint and Coinage. Nova York.