Comisión de Moeda, Pesos e Medidas da Cámara de Representantes dos Estados Unidos

A Comisión de Moeda, Pesos e Medidas (en inglés: Committee on Coinage, Weights, and Measures) foi unha comisión permanente constituída na Cámara de Representantes dos Estados Unidos e que estivo vixente entre 1864 e 1946.

Selo da Cámara de Representantes dos EEUU.

O seu nome orixinal foi Comisión para un Sistema Uniforme de Moeda, Pesos e Medidas, e en 1867 acurtouse a Comisión de Moeda, Pesos e Medidas, forma en que se mantivo ata á súa cancelación en 1946.[1][2]

Historia editar

A Comisión creouse o 21 de xaneiro de 1864, como resultado dos esforzos do representante por Iowa Johnson A. Kasson, vicepresidente da Sociedade Metrolóxica Americana. Kasson foi nomeado como primeiro presidente da nova comisión,[3] que tiña como un dos seus obxectivos aliviar en parte a elevada carga de traballo que naquel momento tiña a Comisión de Medios e Arbitrios da Cámara de Representantes.[1][2]

 
O congresista John A. Kasson (1822-1910), promotor da Comisión e o seu primeiro presidente.

Kasson era un firme partidario do sistema métrico decimal como medio máis seguro de garantir a uniformidade internacional, e este foi un dos obxectivos asumidos pola Comisión. No seu primeiro informe anual, de 1866, líase:[4]

A Cámara de Representantes [...] mediante unha emenda das súas regras [estableceu] unha comisión permanente para asumir a xurisdición desta gran reforma. Como os esforzos para levar a cabo esa reforma foran ata daquela espasmódicos máis que consecutivos, considerouse acaído cristalizalos a través da acción dunha comisión permanente, ante a cal deberían reaparecer perpetuamente ata que o gran desiderátum concedido se convertese nun feito consumado.

Xa no primeiro ano da súa existencia, a Comisión presentou tres proxectos de lei relativos á moeda que acabaron converténdose en lei: o primeiro esixía que as moedas dun centavo se fabricasen en cobre e non en níquel, como sucedía entón, e os dous restantes centrábanse na persecución da falsificación e en facilitar o troco de metais preciosos polo seu valor en moedas.[5]

Ao longo dos seus 82 anos de historia, a Comisión tamén foi a responsable de diversas leis sobre pesos e medidas e xogou un papel salientable na controversia acerca do bimetalismo ouro-prata no sistema monetario a finais do século XIX. Tamén aprobou a creación da Oficina Nacional de Estándares e de varias oficinas de ensaio de metais preciosos.[5]

En 1921, a parte das competencias desta comisión relativa á estabilización da moeda transferíuselle á Comisión de Banca e Moeda da Cámara de Representantes. Finalmente, en 1946, a Comisión de Moeda, Pesos e Medidas acabou por disolverse, en virtude da Lei de Reorganización Lexislativa, xa que as súas competencias en materia de cuñaxe de moeda, que aínda conservaba, foron transferidas á mesma comisión de Banca e Moeda, en tanto que a xurisdición relacionada cos pesos e as medidas se transferiu á Comisión de Comercio Interestatal e Exterior da mesma cámara.[1][2]

Competencias editar

O ámbito xurisdicional da Comisión de Moeda, Pesos e Mediadas da Cámara de Representantes abranguía exactamente os temas relacionados no seu nome: a moeda, os pesos e as medidas. A parte relativa á cuñaxe de moedas atinxía a definición e a fixación do seu valor e os procesos de cuñaxe e de cambio, e abarcaba aspectos tan diferentes como as cuñaxes en prata e a adquisición do metal, o cambio das moedas de ouro polo seu equivalente en metal, a substitución de moedas gastadas, a emisión de moedas conmemorativas ou a fixación do valor da moeda nas posesións insulares dos Estados Unidos.[1][2]

As competencias da Comisión estendíanse tamén á regulación da Casa da Moeda dos Estados Unidos e as súas cecas sucursais, así como das oficinas de ensaios.[2]

Presidentes editar

Esta é unha listaxe dos representantes nos que recaeu a presidencia da Comisión de Moeda, Pesos e Medidas, desde o seu establecemento en 1864 ata a súa disolución en 1946:[2]

Membro da Cámara de Representantes Partido político Estado reprtesentado Nº de Congreso Período
John A. Kasson [4] Republicano Iowa 38º-39º 1864-1867
William D. Kelley Pensilvania 40º 1867-1869
David Heaton Carolina do Norte 41º 1869-1871
William D. Kelley Pensilvania 41º - 42º 1871-1873
Samuel Hooper Massachusetts 42º - 43º 1873-1874
Sherman Otis Houghton California 43º 1874-1875
Alexander H. Stephens Demócrata Xeorxia 44º - 46º 1875-1881
Horatio Gates Fisher Republicano Pensilvania 47º 1881-1883
Richard P. Bland Demócrata Missouri 48º - 50º 1883-1889
Charles Preston Wickham Republicano Ohio 51º 1889-1891
Richard P. Bland Demócrata Missouri 52º - 53º 1891-1895
Charles Warren Stone Republicano Pensilvania 54º - 55º 1895-1899
James H. Southard Ohio 56º - 59º 1899-1907
William B. McKinley Illinois 60º - 61º 1907-1911
Thomas W. Hardwick Demócrata Xeorxia 62º - 63º 1911-1915
William A. Ashbrook Ohio 64º - 65º 1915-1919
Albert Henry Vestal Republicano Indiana 66º - 68º 1919-1925
Randolph Perkins Nova Jersey 69º - 71º 1925-1931
Andrew Lawrence Somers Demócrata NovaYork 72º - 78º 1931-1945
Compton I. White Idaho 79º 1945-1946

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "U.S. House of Representatives. Committee on Coinage, Weights, and Measures. 1/21/1864-1946". National Archives. Catalog (Catalog.archives.org)
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "Records of the Banking and Currency Committees". National Archives (Archives.org)
  3. Treat, C. F. (1971). Páxinas 40-41.
  4. 4,0 4,1 Treat, C. F. (1971). Páxina 40.
  5. 5,0 5,1 Treat, C. F. (1971). Páxina 41.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar