Tetis (nereida)

nereida, nai de Aquiles

Na mitoloxía grega, Tetis foi unha nereida, a máis famosa das cincuenta fillas do Vello do Mar Nereo e da oceánide Doris (ou Dóride) [1], e neta da titánide do mesmo nome, Tetis, esposa de Océano. Tamén existe unha tradición que a fai filla do centauro Quirón [2].

Tetis implora a Zeus axuda para o seu fillo Aquiles (Ingres, 1811)

A súa sona débese, principalmente, por ser a nai do heroe Aquiles.

MitoloxíaEditar

Criouna a deusa Hera, que á súa vez fora criada pola oceánide Tetis, filla de Urano, de onde xorde unha estreita amizade entre Hera e Tetis e que se manifestará en diferentes episodios mitolóxicos. Así, cando Zeus botou do Olimpo abaixo a Hefesto, fillo de Hera, foi Tetis quen o recolleu e criou xunto con Eurínome [3].

Tamén se conta que Hera lle pediu que salvagardara a nave Argo, dos Argonautas cando estes tiveron que pasar polo paso das Simplégades, entre os monstros Escila e Caribdis, e foi a propia Tetis a que gobernou o barco durante esta travesía [4].

"Tralas Sereas agardaban á nave Caribdis, Escila e as rochas Errantes, sobre as que se veía erguerse un denso lume e fume. Pero Tetis, coa axuda das Nereidas, a petición de Hera, fixo pasar a nave por medio delas".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica I, 9. 25)

Voda con PeleoEditar

A lenda conta que tanto Zeus como Poseidón intentaron seducir a Tetis pero, cando souberon que a titánide Temis profetizara que calquera fillo de Tetis sería máis poderoso que o pai [5], os deuses prefiriron renunciar e permitir que se casara cun mortal. Dise tamén que fora Prometeo quen augurou que o fillo de Zeus e Tetis chegaría a ser o señor dos ceos [6]. Finalmente, Ovidio di que esta profecía foi cousa de Proteo, outro Vello do Mar, capaz de predicir o futuro: "O vello Proteo dixera a Tetis: 'Deusa das ondas, concibe; serás nai dun mozo que coas súas xestas superará as fazañas do seu pai e será considerado máis grande que el'" [7].

Outra tradición di que Tetis se negou ós amores con Zeus para non enemistarse con Hera, que sería a esposa de Zeus, e aquí estará a razón pola que Zeus, ofendido, xurara que Tetis nunca casaría cun inmortal [8]. Homero recolle así a reacción de Tetis, desairada e humillada ó verse obrigada a casar cun home mortal:

"¿Acaso hai deusa algunha, de cantas moran no Olimpo, que soportara nas súas entrañas aciagas desgrazas como os tristezas que o Crónida Zeus me enviou a min por riba do resto? Pois entre tódalas divindades mariñas eu fun a única á que Zeus someteu a un mortal, ó Eácida Peleo, tendo que soportar o leito dun ser humano en contra da miña vontade".
Homero: Ilíada XVIII, 429-436)
 
Peleo inmobiliza a Tetis mentres dorme

Cando Quirón soubo que os deuses renunciaran a Tetis, convenceu ó seu discípulo Peleo, fillo de Éaco, para que a pedise en matrimonio; outra versión conta que os deuses enviaron a Iris a buscar un mortal que quixera casar con ela, e Iris foi pedir consello a Quirón, que se distinguía pola súa sabiduría. Finalmente, tamén se di que foi a propia Hera a que escollera casala co "máis noble dos mortais" e mandou a Iris onda Quirón para que preparara a Peleo para a voda [9].

Como fora que Tetis se negaba, ou ben porque o mesmo Quirón sospeitara que Tetis se negaría a casar cun mortal, Quirón aconsellou a Peleo que fose onda ela cando estivese dormida, nunha cova dun illote de Tesalia, e a atase fortemente, sen deixarse impresionar polas transformacións que experimentara [10]. Efectivamente, Tetis converteuse primeiro en lume, logo en auga, logo en león, logo en serpe e, finalmente, en xiba, que o cubriu de tinta, pero Peleo non a soltou ata que recuperou a forma humana e aceptou casar con el.

"Apenas se abalanzara Peleo sobre a doncela, Tetis empezou a cambiar de formas, ata que se decata de que o seu corpo está ben asido e cos brazos estendidos en cruz. Entón por fin deu un laído e di: 'Coa axuda divina, ti ganas', e mostrouse como Tetis, e como Tetis abrázaa o heroe, logra o seu desexo e préñaa do gran Aquiles".
(Ovidio: Metamorfosis XI, 260-265)

Hera organizou a voda de Tetis e Peleo por todo o alto, invitando á cerimonia no monte Pelión a tódolos deuses do Olimpo, que asistiron sentados en cadanseu trono. Hera levantou o facho nupcial, Zeus entregou á noiva e Ganimedes serviu o néctar ós asistentes. As Musas cantaron e as Nereidas danzaron. Invitados por Quirón, tamén estiveron presentes numerosos centauros augurándolles boa fortuna.

Os deuses, conxuntamente, regalaron ó noivo unha espléndida armadura dourada, e Poseidón engadiu dous cabalos veloces e inmortais, Balio e Xanto, fillos de Céfiro, o Vento do Oeste; Quirón regaloulle unha lanza de freixo. Pasado o tempo, Peleo entregoulle ó seu fillo Aquiles, cando este marchou á Guerra de Troia, a armadura, a lanza e os cabalos inmortais.

Pero a deusa Eris (ou Éride), a Discordia, non fora invitada e, como forma de vinganza deixou sobre a mesa unha mazá de ouro coa inscrición "Para a máis bela"; ou ben deixouna rodar ós pés de Hera, Atenea e Afrodita, cando estas estaban a falar tan tranquilas. Esta mazá e a decisión de Paris [11], que elixiu a Afrodita como a máis fermosa, foi a orixe da Guerra de Troia, pois a deusa prometeulle o amor de Helena, a muller mortal máis fermosa.

Nacemento de AquilesEditar

 
A Educación de Aquiles por Quirón (Herculano, s. I, Museo Arqueolóxico, Nápoles)

Peleo e Tetis tiveron sete fillos, pero Tetis procedía a queimalos para sacarlles a parte mortal herdada do pai, o que obviamente provocaba a súa morte. Así que Peleo, sospeitando algo, vixiou a Tetis tralo nacemento do sétimo fillo, Aquiles [12], ata que a viu repetir a operación, poñéndoo ó lume e esparexendo sobre el ambrosía. Nese momento, Peleo saíu do seu agocho e arrebatoulle o fillo, xusto no momento en que xa fixera inmortal todo o seu corpo excepto o talón, por onde o suxeitaba [13]. Segundo outra tradición, Tetis intentaba facer inmortal ó seu fillo mergullándoo nas augas da lagoa Estixia, que circunda o Hades, suxeitándoo polo talón.

Tetis enfureceuse e abandonou a Peleo e regresou ó fondo do mar [14] [15], aínda que non se desentendeu de Aquiles. Foi neste momento cando Tetis ou Quirón lle deron nome ó fillo, Aquiles, que significa sen labios (de a (privativa) e kheile, labios), pois aínda non puxera os labios no seu peito; segundo Pseudo-Apolodoro, o seu nome anterior era Ligirón. Sen nai, Peleo confiou a educación do fillo nas mans de Quirón, quen o ensinou a tocar a lira e a loitar, e que o alimentaba con entrañas de leóns e porcos bravos e medula de osos.

Aquiles en TroiaEditar

Cando Aquiles tiña tan só nove anos, o adiviño Calcas prognosticou que Troia nunca sería conquistada se o exército grego non contaba coa axuda do heroe. Pero Tetis coñecía un augurio que anunciaba a súa morte prematura na guerra [16], e decidiu ocultalo na corte do rei de Esciro, Licomedes, disfrazado de muller e oculto entre as fillas deste. Alí viviu Aquiles durante varios anos ata que, ó coñecer a profecía de Calcas, Ulises e Diomedes [17] foron buscalo e recrutárono para a batalla.

 
Tetis arma ó seu fillo Aquiles (Giulio Romano, s. XVI)

Aínda así, Tetis intentou disuadir ó fillo de que fose á guerra e, unha vez asumida a súa decisión, protexeuno canto puido. Mandou con el ó seu preceptor Fénix para que evitara que cometese ningún erro. Prohibiulle que fose o primeiro en desembarcar ó chegar a Troia, pois estaba anunciado que quen o fixera sería tamén o primeiro en morrer [18]. Aquiles desembarcará en segundo lugar, á cabeza dos seus mirmidóns.

Tetis deulle armas a Aquiles para loitar en Troia, e trala morte do seu amigo e amante Patroclo pediu a Hefesto que lle fixera unha nova armadura [19] (pois Patroclo vestía as armas de Aquiles e foron capturadas polos troyanos). Cando, xa ó final da Guerra, o rei Agamenón arrebatoulle a súa concubina Briseida tras verse obrigado a devolver a Criseida ós troianos, Aquiles ofendeuse e abandonou a batalla, pedindo a Tetis que intercedese ante Zeus para que este favorecese ó exército troiano.

 
Tetis implora a Zeus axuda para o seu fillo (Anton Losenko, 1737-1773)
"Entón tomou asento fronte a el, coa man esquerda aferrouse ós seus xeonllos, e mentres coa dereita tomábao polo queixo, ó soberano fillo de Crono, a Zeus, dirixiulle esta súplica: Padre Zeus... honra ó meu fillo... Víngao ti, Zeus olímpico, mentres tanto dá poder ós troianos pero só ata que os aqueos rindan tributo ó meu fillo e o colmen de honores".
(Homero I, 500-511)

Igualmente, intentou inutilmente disuadir a Aquiles de que matara a Heitor pois sabía que, tras facelo, el mesmo ía morrer ó pouco.

"Breve, meu fillo, será o teu destino segundo o que anuncias, pois inmediatamente despois do de Heitor, o teu fado está fixado".
(Homero XVIII, 95-97)

Trala morte de Aquiles, Tetis seguiu protexendo ó fillo deste, Neoptólemo, que tamén participaba heroicamente na Guerra de Troia. E unha vez conquistada e arrasada a cidade, aconselloulle que delongara uns días o regreso a Ténedos [20]. Esta precaución salvouno do desastre que acompañou á volta dos outros reis aqueos, por causa das tormentas enviadas por Atenea que, por exemplo, afundiron tódalas naves de Menelao.

"En canto a Neoptólemo, aparéceselle Tetis e ínstalle a quedarse dous días e ofrecer sacrificios; así pois, quédase. Os demais fanse á mar e son sorprendidos por unha tormenta en torno a Tenos, pois Atenea pedira a Zeus que enviara unha treboada contra os helenos, e afundiron moitas naves".
(Pseudo-Apolodoro, Epítome VI, 5)

IconografíaEditar

 
Procesión dos deuses para asistir á voda de Tetis e Peleo (Vaso François, c. 570 a.C., Museo Arqueolóxico de Florencia)

Na Ilíada, Homero describe a Tetis como a de pés de prata (XVIII, 381; XIX, 29), de fermosas trenzas (XVIII, 406) ou de longo peplo [21] (XVIII, 427).

A escena do sometemento de Tetis por Peleo foi amplamente representada, desde o século VI a.C, na cerámica, que reflicte as transformacións da deusa na súa resistencia ó acoso de Peleo. O debuxante neoclásico inglés John Flaxman pintouna transformada en serpe.

O momento seguinte, a voda, tamén se reflicte na cerámica clásica grega, como por exemplo no chamado Vaso François que recolle, entre as súas numerosas escenas, a chegada do cortexo dos deuses á casa de Peleo, pero para os artistas resultou máis interesante o episodio da mazá de ouro coa que Eris sementou a discordia entre as deusas presentes, se ben a famosa mazá non se representa ata a Época Helenística [22]. Este será o momento que mostran as obras modernas (Giulio Romano, 1531; Rubens, 1636, etc.).

A pintura (e mosaicos) en tódolos tempos, recolle a consecuencia deste episodio, o Xuízo de Paris, con escasas variacións, seguindo a descrición que fai Apuleio en O asno de ouro, coa presenza de Paris, Hermes (que porta a mazá) e as tres deusas, Hera, Atenea e Afrodita, máis ou menos núas segundo o momento histórico. Así, na Idade Media represéntanse como tres damas, vestidas, simbolizando o poder, o éxito militar e o amor, pero a partir do século XV xa se pintan sistematicamente núas (especialmente a partir de Rafael (1515).

Outro episodio de gran éxito na arte será a cólera de Aquiles e a imaxe de Tetis suplicando a Zeus que axude ó troianos ata que Agamenón recoñeza os méritos do seu fillo Aquiles, no que destaca o cadro de Dominique Ingres titulado Tetis implorando a Xúpiter (1811, Museu Granet).

E tamén o encargo de Tetis a Hefesto dunha nova armadura para Aquiles será fonte de inspiración para os artistas desde os ceramistas gregos ata pintores e escultores da arte Moderna e Contemporánea, que representarán os sucesivos momentos do episodio: cando Tetis se presenta no Olimpo ante Hefesto e lle pide unha armadura para o fillo; Hefesto fabricando a armadura; Tetis transportándoa polo aire ata Troia e Tetis entregándolla a Aquiles [23].

Galería de arteEditar

NotasEditar

  1. "Numerosas deusas naceron no estéril mar de Nereo e Dóride, de fermosa cabeleira, a filla de Océano, río perfecto: ... Tetis..." (Hesíodo: Teogonía 240-244).
  2. Grimal, s. v. Tetis.
  3. Zeus botouno fóra a causa da súa fealdade, ou ben por intervir fronte a el e en defensa de Hera. Pero Homero di que fora Hera, a súa nai, avergoñada pola súa coxeira: "Temible e digna de honores é a deusa que nos visita, pois é a que me curou da dor que me causou a caída cando fun lanzado ó lonxe por vontade da miña nai, esa cara de cadela, que desexaba terme oculto a causa da miña coxeira" (Homero: Ilíada XVIII, 393-398).
  4. Segundo Apolonio de Rodas (IV, 920-962) Tetis e as Nereidas pasáronse o barco dunhas a outras polo aire, ata superar o perigo.
  5. Pseudo-Apolodoro III, 13, 5. Outra versión di que foran as Moiras as autoras de tal agoiro (Graves, px. 298).
  6. Variante citada por Pseudo-Apolodoro, sen indicar a súa fonte: "Algúns afirman que cando Zeus se dispoñía a facerlle o amor, Prometeo díxolle que o fillo que lle nacera dela reinaría sobre o ceo" (III, 13, 5); Hixino engade ó respecto que Zeus, agradecido pola advertencia, enviou a Heracles a liberar a Prometeo (Fábulas 54).
  7. Metamorfosis XI, 221-223.
  8. Apolonio de Rodas: Argonáuticas IV, 790-798.
  9. Graves, px. 298.
  10. Como as outras divindades mariñas, Tetis tiña a capacidade de transformarse en calquera animal ou cousa que quixera.
  11. Paris estaba considerado como o máis fermoso dos mortais e por iso Zeus deixou nel a responsabilidade da elección.
  12. Outra versión asegura que tiveron sete fillos antes de nacer Aquiles, e que intentaba facelos inmortais botándoos ó lume ou a caldeiros de auga a ferver.
  13. De aí que o talón fose a única parte vulnerable de Aquiles (e de aí a expresión popular de talón de Aquiles como a "parte vulnerable de algo ou de alguén" (DRAG).
  14. Tamén se di que criou o fillo no palacio de Peleo, axudado por Fénix (fillo de Amíntor) ou por Quirón.
  15. A residencia de Tetis no fondo do mar queda confirmada cos seguintes versos de Homero en ocasión da cólera de Aquiles: "A súa soberana nai, que se atopaba sentada nas profundidades mariñas xunto ó seu vello pai, escoitoino e, como brétema de cedo, emerxeu velozmente do mar escumoso e foi sentarse fronte a el" (Iliada I, 356-360). Unha vez que Zeus acepta a petición de Tetis de apoiar ós troianos, "ela mergullouse dun saltyo nas profundidades do mar desde o resplandecente Olimpo" (I, 531-533).
  16. A alternativa era unha longa vida, pero sen gloria, ou unha vida curta pero gloriosa. Loxicamente, Aquiles escolleu esta segunda opción.
  17. Ou Ulises e Néstor, segundo outras fontes.
  18. E así foi, morrendo Protesilao baixo as frechas de Heitor en canto puxo o pé na praia. Hixino conta que este Protesilao era, realmente, Iolao, o fillo de Ificles, medio irmán de Heracles: "Segundo o oráculo, o primeiro dos aqueos que puxera o pé nas costas troianas, perecería. Cando os aqueos atracaron as naves, visto que os demais titubeaban, Iolao, fillo de Íficlo e de Diomedea, foi o primeiro en saltar desde a súa nave e ó instante Heitor matouno. Todos o chamaron Protesilao, por morrer o primeiro" (Hixino: Fábulas 103, 1). Tamén existe a tradición contraria: Protesilao sobrevive á guerra e regresa a Grecia levando como escrava a Etila, irmá de Príamo (Graves, px. 712).
  19. Homero describe con todo detalle a ornamentación do escudo (Ilíada XVIII, 477-608).
  20. Segundo outras tradicións foi o adiviño Héleno quen lle advirtiu e logo o acompañou na viaxe de regreso.
  21. "Vestidura sen mangas empregada polas mulleres gregas, formada por unha tea que se abrochaba nos ombros cunha fibela e se cinguía ao corpo cun cinto, e facía caídas en punta por diante" (DRAG en liña, consultado o 30.04.2021).
  22. Elvira Barba, px. 449.
  23. As armas de Aquiles, María Isabel Rodríguez López, 2009 (en castelán).

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar